Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Venres, 11 de outubro de 2019 Páx. 44934

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 1 de outubro de 2019, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral (modalidade B) nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (convocatoria complementaria da realizada pola Orde do 28 de maio de 2019, Diario Oficial de Galicia número 111, do 13 de xuño) (código de procedemento IN606C).

BDNS (Identif.): 476254.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

A finalidade do programa de axudas á etapa de formación posdoutoral é incrementar a incorporación de persoal investigador ao Sistema de I+D+i galego fomentando, na súa etapa inicial, a mobilidade internacional para mellorar a súa formación e posibilitando a reincorporación nos axentes que conforman o sistema para, con posterioridade, continuar coa súa traxectoria investigadora na institución a que retorna.

A acción proposta nesta convocatoria está dirixida a aqueles doutores e doutoras que obtiveron un contrato posdoutoral a través da Axencia Galega de Innovación no ano 2016 e que:

a) Se lles concedese o aprazamento da avaliación por circunstancias especiais, previstas no artigo 16 das bases da Orde do 18 de febreiro de 2016 (DOG núm. 44, do 4 de marzo), o que determinou que non se puidesen presentar á modalidade B da Orde do 28 de maio de 2019.

b) Que acadasen unha avaliación positiva e completasen a fase inicial de formación posdoutoral.

Co fin de harmonizar o exercicio das competencias que en materia de I+D+i teñen atribuídas a Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Axencia Galega de Innovación (en diante, Gain) da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e na procura de sinerxías, considérase de interese a realización de convocatorias conxuntas que axuden a consolidar un sistema de I+D+i suficientemente sólido como para garantir o desenvolvemento social e a competitividade económica.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Consellería de Economía, Emprego e Industria

ACORDAMOS:

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades que obtiveron unha axuda posdoutoral no ano 2016, modalidade A, a través da Gain, sempre que contraten as persoas seleccionadas que, por circunstancias especiais, lles foi concedido un aprazamento na avaliación, e que, na data de peche do prazo de presentación de solicitudes, acadasen unha avaliación positiva na modalidade A e completasen o dito programa. As citadas persoas seleccionadas quedarán vinculadas á dita entidade a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual.

Segundo. Obxecto

Outorgar axudas a aquelas entidades que obtiveron un contrato posdoutoral no ano 2016 da modalidade A a través da Gain e que, por circunstancias especiais, previstas no artigo 16 das bases da Orde do 18 de febreiro de 2016 (DOG núm. 44, do 4 de marzo), se lles concedeu un aprazamento da avaliación, o que determinou que non puidesen concorrer á convocatoria realizada pola Orde do 28 de maio de 2019 por non ter finalizado o antedito contrato.

O obxectivo é dar continuidade á súa carreira investigadora, mediante un contrato de dous anos de duración, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 309.000,00 €.

Concederanse un máximo de tres axudas (dirixidas a entidades beneficiarias alleas ao SUG). O importe total de cada axuda é de 49.000 € anuais, que inclúe tres conceptos:

a) Un total de 38.000 euros anuais, incluíndo neste importe a retribución bruta anual e o pagamento dos custos sociais.

b) Unha axuda complementaria por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación coa seguinte desagregación por anualidades: 1.000 euros en 2019, 10.000 euros en 2020 e 2021 e 4.000 euros en 2022.

c) Un complemento a cada entidade beneficiaria que se establece en 1.000 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria e presidente da Axencia Galega de Innovación