Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 14 de outubro de 2019 Páx. 45128

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2019 de modificación da composición do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense.

O presidente do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense enviou o día 30.9.2019 un escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade no cal comunica a renuncia dun membro do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense e, asemade, propón o nomeamento doutra persoa como novo membro do citado órgano.

Antecedentes:

Mediante a Resolución do 1 de febreiro de 2018, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 9.2.2018, concedeuse a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense, estableceuse a súa sede e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo.

Entre as persoas que se relacionaban no citado anexo figuraba Juan Carlos Rodríguez García, que renuncia agora á súa condición de membro do comité.

Consideracións legais e técnicas:

O Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética da investigación en Galicia, recolle no capítulo III a regulamentación correspondente aos comités territoriais.

No que atinxe á súa composición, os comités territoriais de ética da investigación terán, segundo dispón o número 1 do artigo 9, «unha composición multidisciplinar e estarán formados por un mínimo de nove e un máximo de quince membros de xeito que se asegure a súa independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións».

Na actualidade, o Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense conta con doce membros, e coa modificación que aquí se propón, a composición axústase igualmente ao tope numérico indicado no parágrafo anterior, dado que, xunto coa renuncia dunha persoa, se propón a incorporación doutra como novo membro, que é Eloy Sánchez Hernández, xefe do Servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Pola súa banda, o número 5 do artigo 9 sinala que «os membros destes comités serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada de homes e mulleres».

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta que efectuou a Secretaría Xeral Técnica desta consellería,

RESOLVO:

O cesamento, por causa de renuncia, de Juan Carlos Rodríguez García como membro do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense.

Así mesmo, o nomeamento de Eloy Sánchez Hernández como novo membro do citado comité territorial.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade