Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 14 de outubro de 2019 Páx. 45228

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2019 pola que se convocan probas selectivas para cubrir dúas prazas da categoría profesional técnico/a de investigación, área bioloxía-saúde (ciencias morfolóxicas), grupo III, pola quenda de acceso libre, vacantes no cadro de persoal laboral.

O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como nos estatutos desta universidade e, en execución do previsto na Resolución do 30 de setembro de 2016 (DOG do 18 de outubro) pola que se aproba a oferta pública de emprego para o ano 2016, e na resolución do 21 de decembro de 2018 (DOG do 31 de decembro) pola que se aproba a oferta pública de emprego para o ano 2018, no anexo II oferta de estabilización, resolve convocar probas selectivas para cubrir dúas prazas da categoría profesional técnico/a de investigación, área bioloxía-saúde (ciencias morfolóxicas), grupo III, vacantes no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a USC derivados desta convocatoria realizaranse exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo (dúas) 2 prazas vacantes na categoría profesional técnico/a de investigación, área bioloxía-saúde (ciencias morfolóxicas), grupo III, do Convenio colectivo para o persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), pola quenda de acceso libre. As dúas prazas correspóndense con prazas ofertadas á estabilización de emprego público.

1.2. O sistema de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións axustaranse ao que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.3. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo, efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.

1.4. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

1.5. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; o Convenio colectivo do persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008) e as bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para ser admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato, os seguintes requisitos:

a) Ter a nacionalidade española ou a dalgún estado membro da Unión Europea ou nacional dalgún Estado, ao cal, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos nacionais dalgún dos demais estados membros da Unión Europea, e cando así o prevexa o correspondente tratado, o dos nacionais de algún Estado ao cal en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, menores de 21 anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas.

Quen, non sendo español nin nacional dun Estado membro da Unión Europea, se encontre en España en situación de legalidade, sendo titular dun documento que lle habilite para residir e poder acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión do título bacharel ou técnico, bacharelato unificado polivalente, FP II, FP grao superior, ciclo formativo de grao medio, ou equivalentes. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.

d) Posuír a capacitación ou formación para o exercicio das funcións a, b, c, segundo a Orde ECC/566/2015.

e) Será requisito indispensable para o ingreso, ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría a que se pretende incorporar.

f) Non estar separado/a de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública.

g) Non estar sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas, segundo o artigo 70 do Convenio colectivo para persoal laboral da USC.

h) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no número 3.10.1 desta convocatoria para as persoas con discapacidade, para os membros de familias numerosas e para demandantes de emprego.

3. Solicitudes.

3.1. As persoas que desexen participar nesta probas selectivas deberán presentar a súa solicitude e a documentación que a acompañe, así como aboar a taxa correspondente, unicamente por medios electrónicos, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes números.

Para isto, as/os aspirantes deberán completar o formulario que figura no catálogo de procedementos da sede electrónica da USC https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalLaboral.htm, empregando os medios de identificación e sinatura que se indica no número 3.9.

3.2. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.3. A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

– Fotocopia do certificado de coñecemento de lingua galega Celga 4 ou certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega, modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014. As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.

Quen teña a condición de persoal laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela estará exento/a de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obter a súa anterior contratación, debendo presentar unicamente a documentación para este procedemento, que non se atope debidamente acreditada no expediente.

As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar:

– Fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de viviren a expensas ou estaren a cargo do nacional doutro Estado co cal teñan o dito vínculo.

– Declaración ou promesa da persoa aspirante de que non está separada de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

– De conformidade co disposto na base 6.5 da convocatoria, as persoas aspirantes que estean exentas da realización da proba previa de acreditación do coñecemento do castelán, xuntarán para tal efecto fotocopia compulsada dos diplomas de español como lingua estranxeira (nivel B2 ou nivel C2) ou equivalente. De non achegaren esta certificación, non poderán ser declaradas exentas, e deberán realizar a proba a que se refire a base 6.5.

3.4. A documentación xustificativa dos méritos que se valoran na fase de concurso será achegada no momento de presentar a solicitude, e non serán valorados méritos que non se atopen suficientemente acreditados documentalmente, nin os presentados fóra do prazo establecido para a presentación de solicitudes. A acreditación farase da seguinte maneira:

a) Certificado acreditativo dos servizos prestados, en que conste a categoría e os períodos en que se prestaron, expedido pola unidade de persoal da Administración pública correspondente. Así mesmo, deberase indicar na epígrafe correspondente da solicitude, se os servizos foron prestados na USC ou noutras administracións públicas.

b) Fotocopia dos diplomas dos cursos de formación e cualificación profesional.

O certificado acreditativo dos requisitos indicados nas alíneas a) e b) anteriores (certificaranse os cursos que constan no expediente persoal), expedirase de oficio para as persoas aspirantes que presten ou prestasen servizos na USC e engadirase á solicitude da persoa aspirante.

3.5. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.

3.6. En calquera momento, a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes, os orixinais ou copias debidamente compulsadas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

3.7. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, aquelas persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % indicarán na súa solicitude as necesidades de adaptacións específicas e o seu motivo.

3.8. No formulario de solicitude as/os aspirantes deben asinar a declaración responsable que figura no documento, pola cal manifestan estar en posesión dos requisitos exixidos nas bases da convocatoria e comprométense a achegar a documentación que nela se indica.

3.9. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica polo que, se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña á súa disposición, é imprescindible que indique no parágrafo de «Medios de aviso de notificación» do formulario, o teléfono e enderezo electrónico válidos. As notificacións electrónicas realizaranse por comparecencia en sede electrónica. Para poderen acceder a elas, as/os aspirantes deben posuír un destes medios de identificación electrónica válidos:

– No caso de persoal da USC: credenciais corporativas.

– No caso de persoal alleo á USC: certificados persoais clase 2CA, certificados incluídos no DNI electrónico ou claves concertadas do sistema Cl@ve.

3.10. Os dereitos de exame serán de 31,18 €. Para realizar o seu ingreso, empregarase un dos seguintes medios accesibles desde o formulario de inscrición.

• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.

• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación que se deberá imprimir, unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo, non sendo preciso comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.

3.10.1. Estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e tamén as que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % da taxa, os membros de familias numerosas de categoría xeral, e as persoas que figurasen como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data de publicación desta convocatoria, e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Todas as circunstancias que supoñen unha bonificación total ou parcial das taxas por dereitos de exame deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, achegando copia da cualificación do grao de discapacidade ou do carné de familia numerosa segundo corresponda. As relativas á condición de demandante de emprego, así como a de non percibir prestación ou subsidio por desemprego, deberanse acreditar con sendos certificados expedidos polo Servizo Público de Emprego.

3.10.2. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes, e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.10.3. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar a entidade bancaria e o seu número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución declarando aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o lugar no cal se atopa exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivasen a exclusión e o prazo para reparalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen emendar os defectos que motivasen a exclusión.

4.3. Para emendar a exclusión ou omisión cubrirase o formulario de emendas do catálogo de procedementos na seguinte ligazón: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalLaboral.htm para o que o/a aspirante deberá empregar os medios de identificación e sinatura que se indican no número 3.9 desta convocatoria.

4.4. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de persoas admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.5. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa, e poderase interpor contra ela recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición diante do reitor no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.6. O feito de figuraren na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión de todos os requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas terá a categoría segunda das recollidas no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón de servizo, e será nomeado por resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5.2. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.

5.3. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir notificándollo ao reitor da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O/a presidente/a solicitará dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.

5.4. Antes do inicio das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituír os que teñan perdida a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.3.

5.5. Logo da convocatoria do/da presidente/a, constituirase o tribunal de acordo co previsto no artigo 17.1 da Lei 40/2015, coa asistencia tanto presencial como a distancia, da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.6. A partir da súa constitución, o tribunal para actuar validamente, requirirá a asistencia presencial ou a distancia do/a presidente/a e secretario/a, e da metade, polo menos, dos seus membros.

5.7. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que puideran xurdir na aplicación destas normas así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.8. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, limitándose a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Os ditos asesores deberán posuír titulación de igual ou superior nivel que a exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público, e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutros/as funcionarios/as para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.9. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes a que se refire o número 3.7 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.

5.10. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame, o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de persoas aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, cando se produzan renuncias das persoas seleccionadas antes da toma de posesión, ou non acrediten os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación ás persoas propostas, para a súa posible contratación como persoal laboral fixo.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra Q de conformidade co establecido na Resolución do 24 de xaneiro de 2019 da Consellería de Facenda.

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento, e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal achegando á comunicación o correspondente informe médico oficial.

A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal baseándose na información recibida acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. Os sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuaranse nos locais onde se realizara a proba anterior, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html, ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas, polo menos, de antelación ao comezo deste, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas se se trata dun novo.

6.4. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.

6.5. Persoas aspirantes con nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, en que se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no artigo 3 do Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro (BOE do 8 de novembro), para acreditar o nivel de competencia lingüística do diploma de español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto ou non apto e será necesario obter a valoración de apto para pasar a realizar os exercicios da fase de oposición.

Quedan eximidas de realizar esta proba as persoas aspirantes que acrediten conforme se indica na base 3, que están en posesión do diploma de español como lingua estranxeira, nivel B2 ou nivel C2, ou equivalente e as/os nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español.

6.6. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se tivese coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre calquera dos requisitos exixidos por esta convocatoria, deberá propoñer a súa exclusión ao reitor da USC logo de audiencia da persoa interesada.

Contra esta exclusión, poderase interpor recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes, contado a partir da notificación da exclusión.

6.7. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación da presente convocatoria no DOG.

7. Listaxe de persoas aspirantes aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública, no lugar ou lugares da súa celebración, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, e na páxina web: http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html, e naqueloutros que coide oportunos, a relación de persoas aspirantes que acadasen o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.

7.2. As persoas aspirantes disporán de tres días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da realización de cada exercicio, para presentar reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

7.3. Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de sete días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentar reclamacións ás cualificacións.

7.4. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez celebrado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

A publicación indicada no punto anterior irá acompañada da cualificación final do proceso selectivo realizada de acordo co previsto no anexo I desta convocatoria, e mais da proposta provisional das persoas que superaron o proceso selectivo. No caso de producirse empates na puntuación total das persoas aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios: maior puntuación na fase de oposición, maior puntuación na fase de coñecementos específicos, maior puntuación no terceiro exercicio, maior idade, e a orde alfabética establecida na base 6.1.

7.5. Contra esta publicación, as/os aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do rexistro de entrada electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm, para o que o/a aspirante debe empregar os medios de identificación e sinatura que se indicaron no número 3.9.

7.6. Rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará a proposta de contratación a favor das persoas aspirantes seleccionadas, tendo en conta o previsto no número 5.11 desta convocatoria. Esta proposta será elevada ao reitor e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web: http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte a aquel en que se fixese pública a proposta de contratación, as persoas aspirantes que figuren nela deberán presentar no Servizo de Planificación e Programación de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova, 6, Santiago de Compostela) a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI ou do documento que acredite a súa nacionalidade.

b) Fotocopia compulsada do documento que acredite, de ser o caso, a residencia legal en España.

c) Fotocopia compulsada da titulación exixida.

d) Fotocopia compulsada do Celga.

e) Fotocopia compulsada da acreditación da capacitación ou formación para o exercicio das funcións a, b, c, segundo a Orde ECC/566/2015.

f) Declaración xurada de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública e de non acharse inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas, nin realizar actividade ou actividades suxeitas a incompatibilidades. As persoas aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar que non están sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

g) A acreditación do requisito exixido na base 2.1.e) farase mediante a presentación de certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen dentro do prazo fixado e, salvo caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado/a como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Adxudicación de destino.

9.1. As persoas seleccionadas deberán solicitar por orde de preferencia as prazas vacantes que previamente se lle oferten.

9.2. A adxudicación de destinos efectuarase de acordo coa puntuación final obtida.

9.3. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33 % poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. Coa solicitude deberá xuntarse un informe expedido polo órgano competente na materia que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.

10. Contratación como persoal laboral fixo.

10.1. Concluído o proceso selectivo, as persoas aspirantes que o superasen serán contratadas como persoal laboral fixo. A súa contratación efectuarase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

10.2. O período de proba será de dous meses, durante os cales o/a traballador/a terá os dereitos e obrigas correspondentes ao posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable a quen estivese xa con anterioridade desenvolvendo as mesmas funcións na USC.

11. Listaxes de espera.

11.1. Elaborarase unha listaxe de espera coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición distinto do de galego. Para estes efectos, e co fin de determinar a opción, as persoas aspirantes indicarán o/os campus de preferencia na epígrafe correspondente da solicitude.

12. Norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2019

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación das prazas: técnico/a de investigación, área bioloxía-saúde

(ciencias morfolóxicas)

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a continuación se indican:

I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican, agás a exención prevista na descrición do primeiro exercicio.

Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás o cuarto que será obrigatorio e non eliminatorio.

As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada proba co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistas do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio, as persoas aspirantes que acreditasen documentalmente xunto coa solicitude, estar en posesión do certificado Celga 4 ou do certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega.

Este exercicio terá a seguinte estrutura:

Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.

As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lle facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-video.

A duración máxima desta proba será de noventa minutos.

Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.

As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-video, e a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.

A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.

Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.

Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 90 preguntas tipo test, máis 5 de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao bloque de coñecementos específicos que figura no programa que se relaciona no anexo II.

O tempo para a realización deste exercicio será de 95 minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 25 puntos, e será necesario para superalo obter un mínimo do 60 % do total das respostas correctas, que supón unha valoración de 15 puntos.

Terceiro exercicio: consistirá na realización dun exercicio de carácter práctico ou teórico-práctico, proposto polo tribunal e relacionado co contido do programa específico, en que os/as aspirantes deberán demostrar as capacidades para o desempeño das funcións correspondentes.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 90 minutos.

A puntuación deste exercicio será de 0 a 30 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 12,5 puntos.

Cuarto exercicio: obrigatorio e non eliminatorio. Consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 30 preguntas tipo test, máis 3 de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao bloque de coñecementos non específicos do programa.

O tempo para a súa realización será de 40 minutos e valorarase de 0 a 5 puntos.

Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobados e publicados os criterios de avaliación e corrección.

Se con base nas reclamacións presentadas se tivese que anular algunha pregunta, teranse en conta as preguntas de reserva.

II. Fase de concurso: máximo 40 puntos.

Experiencia: máximo 35 puntos.

• Na mesma categoría e especialidade incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,40 puntos/mes.

• Na mesma categoría e distinta especialidade incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,30 puntos/mes. Para estes efectos consideraranse equivalentes os servizos prestados na categoría de oficial de laboratorio.

• Na mesma categoría noutras administracións públicas: valorarase 0,10 puntos/mes.

• Noutras categorías de persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase a 0,10 puntos/mes.

Formación: valoraranse cursos de formación dispensados por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coas funcións das prazas convocadas, ata un máximo de 5 puntos, do seguinte xeito:

Cursos de formación relacionados coas prazas:

• Cursos impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Cursos de aptitude recibidos: 0,02 puntos/hora.

• Cursos de asistencia recibidos: 0,01 puntos/hora.

Cursos de formación de lingua galega:

• Celga 5: 0,75 puntos.

• Outros cursos de galego impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Outros cursos de galego con aptitude: 0,02 puntos/hora.

• Outros cursos de galego con asistencia: 0,01 puntos/hora.

Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel. O Celga valoraranse a partir do nivel superior ao exixido nesta convocatoria para o acceso.

Nos cursos en que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo.

Para a valoración da experiencia acreditada en categorías equivalentes noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listaxes de espera, as dúbidas que xurdan resolveranse por unha comisión composta por dúas persoas en representación da Xerencia e dúas en representación do Comité Intercentros. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listaxes e poderá solicitar información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas das categorías en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.

ANEXO II

Denominación das prazas: técnico/a de investigación, área bioloxía-saúde

(ciencias morfolóxicas)

Programa.

Coñecementos específicos:

1. Anatomía humana: historia, obxectivos da súa aprendizaxe, rexións do corpo humano. Conceptos anatómicos.

2. Osteoloxía: identificación dos ósos do corpo humano.

3. Artroloxía: identificación de articulacións en cadáver e en maquetas.

4. Mioloxía: identificación de músculos por rexións corporais en cadáver e maquetas.

5. Aparato cardiocirculatorio: coñecer e identificar órganos en cadáver, pezas cadavéricas e maquetas.

6. Aparato respiratorio: coñecer e identificar órganos en cadáver, pezas cadavéricas e maquetas.

7. Aparato dixestivo: coñecer e identificar órganos en cadáver, pezas cadavéricas e maquetas.

8. Aparato xenital masculino y femenino: coñecer e identificar órganos en cadáver, pezas cadavéricas e maquetas.

9. Aparato urinario: coñecer e identificar órganos en cadáver, pezas cadavéricas e maquetas.

10. Sistema nervioso: coñecer e identificar órganos en cadáver, pezas cadavéricas e maquetas.

11. A sala de disección. Condicións xerais. Mesas de disección. Mesas de embalsamamento. Espazos de traballo.

12. Depósito de cadáveres: condicións de traballo e instalacións frigoríficas. Sistemas de emerxencia. Almacenamento de produtos químicos e instrumental cirúrxico.

13. A doazón do corpo. Aspectos legais. Documentación. Arquivo de datos. Perfil do doante. Aceptación e recepción do cadáver.

14. Alteracións postmorten. Fenómenos cadavéricos temperáns. Fenómenos cadavéricos tardíos.

15. Preparación do corpo para a súa conservación. Técnicas de perfusión. Instrumental cirúrxico. Vía femoral. Vía carotídea. Bomba de perfusión. Procedementos de fixación de fetos.

16. Líquidos fixadores. Produtos. Fórmulas máis frecuentes (vantaxes e inconvenientes). Coidados no seu manexo.

17. Almacenamento e conservación do cadáver. Cadáver completo. Pezas disecadas. Cortes anatómicos seriados. Instalacións de refrixeración. Técnica de plastinación de pezas anatómicas. Preparación de ósos.

18. Principios da técnica de disección. Instrumental. Disección por planos. Extracción de órganos torácicos: procedemento de apertura da cavidade torácica. Extracción de órganos da cavidade abdominal: procedemento de apertura da cavidade abdominal. Extracción do encéfalo: procedemento de apertura da cavidade cranial.

19. Eliminación de residuos. Clasificación e requirimentos: asimilables a urbanos, biolóxicos asimilables a urbanos, biolóxicos especiais, cadáveres e restos anatómicos, químicos, citotóxicos. Enterramento vs Cremación.

20. Prevención de riscos laborais na manipulación do cadáver. Riscos habituais. Exposición a axentes biolóxicos e químicos. Medidas e equipos de protección persoal. Coidados no manexo de cargas. Coidados no manexo de serras eléctricas.

Coñecementos non específicos:

1. A Constitución española: dereitos fundamentais e liberdades públicas.

2. O Convenio colectivo para o persoal laboral da USC.

3. Estatutos da USC: do persoal de administración e servizos.

4. Estatutos da USC: órganos xerais da Universidade.

5. Lei de prevención de riscos laborais: dereitos e obrigas.

6. Dereitos e deberes lingüísticos na USC.

7. Políticas públicas para a igualdade efectiva de homes e mulleres.

Nota: as referencias normativas deste programa poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame e, nese caso, deben entenderse referidas á lexislación en vigor.