Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Martes, 22 de outubro de 2019 Páx. 46327

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 15 de outubro de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, polo que se somete a información pública o proxecto de decreto polo que se regula o informe de avaliación de edificios e se crea o seu rexistro na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.3, atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de ordenación do territorio, urbanismo e vivenda. Polo tanto, é competencia autonómica establecer o marco xeral da regulación do informe de avaliación dos edificios, dentro do seu ámbito territorial.

Este decreto pretende desenvolver o informe de avaliación de edificios como instrumento que acredita a situación en que se atopa un edificio, regulado no capítulo II do título preliminar da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.

Tendo en conta o establecido no parágrafo anterior e co fin de asegurar que se observen as garantías en materia de participación na elaboración de disposicións de carácter xeral, de acordo co establecido no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, unha vez iniciada a tramitación do proxecto de decreto polo que se regula o informe de avaliación de edificios e se crea o seu rexistro na Comunidade Autónoma de Galicia.

ACORDO:

Primeiro. Someter a información pública, por un prazo de quince días contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, o proxecto de decreto polo que se regula o informe de avaliación de edificios e se crea o seu rexistro na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Durante o citado prazo, poderase consultar o texto do proxecto de decreto no seguinte enlace do portal de transparencia da Xunta de Galicia:

http://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

• Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: reximexuridico.cmatv@xunta.gal.

• Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tamén se poden remitir suxestións a través do formulario disposto para este fin no enlace do portal de transparencia da Xunta de Galicia indicado no punto segundo deste anuncio.

Cuarto. Ás alegacións recibidas por calquera medio dos anteriormente mencionados daráselles contestación a través dun enlace na web de transparencia, que será obxecto de publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2019

Mª Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda