Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Xoves, 24 de outubro de 2019 Páx. 46505

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 15 de outubro de 2019 pola que se modifica a Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2019, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia.

Mediante a Orde do 17 de decembro de 2018 reguláronse os criterios de repartición e establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2019, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG núm. 248, do 31 de decembro), que foi modificada pola Orde do 28 de marzo de 2019 para ampliar a dotación económica da liña competitiva (DOG núm. 68, do 8 de abril).

Esta orde tramitouse como expediente anticipado de gasto segundo o previsto na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e de acordo co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2019, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 18 de outubro de 2018, na cal se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

No artigo 31 da orde establécese o 31 de outubro de 2019 como data límite do prazo para a realización e xustificación das actuacións subvencionadas. Tendo en conta o número de proxectos subvencionados e a complexidade do proceso de tramitación e de contratación nas entidades locais beneficiarias, considerando que as bases reguladoras non conteñen precepto en contra e que non se causa prexuízo a terceiros, é procedente ampliar o devandito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 15 de novembro de 2019 para facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, segundo o cal o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Con base en todo o anterior, de acordo coa Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, co Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e co disposto na Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2019, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o artigo 31.1 da Orde do 17 de decembro de 2018, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a conta xustificativa ata o 15 de novembro de 2019».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza