Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Luns, 28 de outubro de 2019 Páx. 46764

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2019, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Cospeito, para a delimitación do núcleo rural da Fraga, parroquia de San Martiño de Pino.

O 20.3.2019 e o 7.6.2019 recibiuse documentación integrada por proxecto técnico datado en febreiro de 2019, redactado polo arquitecto Antón Gandoy Fernández, e tramitación administrativa correspondente ao expediente de referencia, remitida polo Concello de Cospeito como promotor, para os efectos da súa aprobación definitiva. Consonte o establecido no artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), as modificacións do planeamento suxeitaranse ás mesmas disposicións para a súa tramitación e aprobación dispostas no artigo 60 da LSG.

Analizada a documentación achegada polo concello, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Cospeito réxese polas normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente o 13.3.1984, que non delimitan o núcleo rural da Fraga.

1.2. De acordo coa documentación remitida polo Concello, a tramitación incluíu:

– Proxecto datado en decembro de 2014 e DAE de marzo de 2015, sobre os que se formula o IAE que resolve non someter ao procedemento de AAE a MP, pero debe integrar as determinacións recollidas no IAE.

– Informe xurídico (8.5.2017) e técnico municipal (5.5.2017).

– Exposición pública, publicacións no DOG (23.6.2017), La Voz de Galicia (6.6.2017) e en El Progreso (6.6.2017), e notificacións individuais.

– Aprobación inicial da delimitación (acordo plenario con data do 23.5.2017).

– Emisión de informes sectoriais:

Dirección General de Telecomunicaciones (18.2.2016, favorable).

a) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (29.6.2016, desfavorable), (2.6.2016, favorable condicionado) e (29.1.2019 aclaracións solicitadas pola SXOTU).

b) Dirección Xeral de Estradas de Galicia (28.7.2016, favorable condicionado).

c) Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (16.3.2016, desfavorable), (22.9.2016 e 22.1.2019, favorables condicionados á obtención da modificación da concesión con número de expediente A/27/01661).

d) Consellería de Medio Rural (27.7.2017, favorable condicionado) e (10.8.2018, favorable).

e) Subdelegación do Goberno (21.9.2018, sen alegacións).

f) Instituto de estudos do territorio (12.11.2018, favorable).

– Certificado (28.12.2017) da información pública e da non existencia de alegacións.

– Primeira aprobación provisional (acordo plenario con data do 28.12.2017).

– Proxecto datado en decembro de 2016, aprobado provisionalmente o 28.12.2017.

– Informe xurídico e técnico municipal da segunda aprobación provisional.

– Proxecto dilixenciado datado en febreiro de 2019.

– Segunda aprobación provisional (acordo plenario con data do 7.3.2019).

II. Aspectos xerais. Contido.

Delimítase o núcleo rural da Fraga nun ámbito de 6 ha, diferenciando unha parte histórico-tradicional de 1,3 ha e outra común de 4,7 ha.

O proxecto define o trazado da rede viaria existente e as zonas edificables do núcleo, regulando as condicións de uso, volume, estéticas, etc. aplicables. Achega un catálogo de protección de elementos patrimoniais. O núcleo non conta con dotacións públicas.

O asentamento cumpre o artigo 23 da LSG para núcleos rurais; conta cun topónimo oficial -A Fraga- recoñecido no nomenclátor oficial de entidades da provincia de Lugo (Decreto autonómico 6/2000); e acada o requisito de consolidación mínima exixida do 50 % para NRT e dun terzo para NRC establecidos no artigo 23.3 da LSG.

III. Análise e consideracións.

Analizado o documento en relación coas observacións formuladas pola DXOTU no seu requirimento do 6.3.2018, púidose comprobar a súa emenda. Nomeadamente: o promotor pasa a ser o concello; o nome do núcleo pasa a ser A Fraga; realizáronse as notificacións individuais; achegouse proxecto aprobado provisionalmente debidamente dilixenciado en formato dixital; achéganse os informes da Delegación do Goberno, da DXPC, do IET e da Consellería de Medio Rural; modifícanse as fichas do catálogo; inclúese o condicionado do informe favorable da CHMS; sinálase o trazado da rede viaria co largo e aliñacións de todas as vías; xustifícase correctamente o grao de consolidación do núcleo; elimináronse as parcelas vacantes máis aló do perímetro edificado; incorpórase a regulación das condicións hixiénico sanitarias; e adaptouse a documentación ao Regulamento da Lei do solo de Galicia.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral que teña por obxecto a delimitación do solo de núcleo rural, corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de conformidade co disposto no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Cospeito, para a delimitación do solo núcleo rural da Fraga, parroquia de San Martiño de Pino; con suxeición ao condicionado do informe favorable da Confederación Hidrográfica Miño Sil.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta Resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2019

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file