Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 30 de outubro de 2019 Páx. 47052

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, relativa á finalización da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de celador/a, convocado mediante a Resolución do 1 de marzo de 2018.

A base oitava da Resolución do 1 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de celador/a do Servizo Galego de Saúde, dispón que, tras a publicación das puntuacións provisionais dos exercicios, os/as aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de cinco días hábiles seguintes ao da dita publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.

A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola cal se aproben as puntuacións definitivas dos distintos exercicios, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Na mesma base disponse que, finalizada na súa totalidade a fase de oposición, se publicará no Diario Oficial de Galicia o acordo de finalización desta fase do proceso.

Á vista das reclamacións presentadas polos/as aspirantes presentados/as pola quenda de discapacidade intelectual, e do acordo adoptado sobre estas polo tribunal de selección, e elevado ao órgano convocante, este centro directivo, de conformidade coa antedita base,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar e dar publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), ás puntuacións definitivas obtidas polos/as aspirantes presentados/as ao segundo e terceiro exercicios que integran a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de celador/a, pola quenda de discapacidade intelectual, convocado mediante a Resolución do 1 de marzo de 2018.

Segundo. Modificar a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 19 de agosto de 2019 (DOG núm. 168, do 5 de setembro), pola que se fan públicas as puntuacións definitivas da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de celador/a, nas quendas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral, logo da estimación do recurso administrativo interposto contra a citada resolución pola aspirante Mª del Carmen Parajes Candal, que pasa a obter a puntuación de 0,500 no exercicio da parte común.

Terceiro. Declarar finalizada a fase de oposición do proceso selectivo para o acceso a esta categoría.

Cuarto. Esta resolución poderá ser impugnada polos/as interesados/as nos termos previstos na base 7 e 11 da resolución de convocatoria do proceso.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2019

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos