Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 31 de outubro de 2019 Páx. 47264

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de outubro de 2019 polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de Aluminios Cortizo para ampliación e mellora das súas instalacións sitas en Extramundi (Padrón) e se declara a utilidade pública das obras e instalacións proxectadas para os efectos expropiatorios, así como das disposicións normativas contidas no dito proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o Acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 3 de outubro de 2019, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de Aluminios Cortizo para ampliación e mellora das súas instalacións sitas en Extramundi (Padrón) e declarar de utilidade pública as obras e instalacións proxectadas para os efectos expropiatorios.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 9 de novembro de 2017, polo que se declara de incidencia supramunicipal o devandito proxecto sectorial, os planeamentos dos concellos de Rois e Padrón (A Coruña) quedan vinculados ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, modificada pola disposición adicional segunda da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de Aluminios Cortizo para ampliación e mellora das súas instalacións sitas en Extramundi (Padrón).

Contra o dito acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación ou publicación no DOG desta resolución, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación ou publicación no DOG desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal
de Aluminios Cortizo para ampliación e mellora das súas instalacións
sitas en Extramundi (Padrón)

1. Introdución.

De acordo co establecido no artigo 10.e) do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, os proxectos sectoriais deberán incorporar unha análise da relación do contido do proxecto sectorial co planeamento urbanístico vixente, determinando as posibles discrepancias e xustificando as medidas que impliquen a necesaria modificación deste planeamento.

O presente documento constitúe a análise do contido do proxecto sectorial co planeamento urbanístico vixente.

2. Planeamento urbanístico vixente dos municipios afectados polo proxecto sectorial.

2.1. Discrepancias no trazado do límite municipal entre Padrón e Rois.

O polígono industrial Cortizo e o ámbito do proxecto sectorial localízanse nunha zona situada sobre o límite dos concellos de Rois e Padrón.

Nesta zona, a liña que define o límite do termo municipal entre ambos os concellos discrepa considerablemente no seu trazado segundo o PXOM que se consulte e esta falta de concordancia é un factor que complica o desenvolvemento de calquera figura de planeamento que afecte o dito ámbito. Co proxecto sectorial resólvese este punto tomando como límite entre os dous concellos o deslindamento municipal do Instituto Geográfico Nacional (IGN).

2.2. Plan xeral de ordenación urbana do concello de Padrón.

O municipio de Padrón posúe un planeamento aprobado no ano 1994 que non foi revisado, polo que, as súas previsións de solo non puideron dar resposta ás continuas necesidades de terreo para o desenvolvemento das instalacións de Aluminios Cortizo. Por este motivo, ao PXOM de Padrón incorporáronse dúas modificacións puntuais (MP) de planeamento:

• Ano 2000-Ámbito zona norte do polígono industrial Cortizo.

• Ano 2012-Ámbito zona sur do polígono industrial Cortizo.

Ambas MP tiñan como un dos seus obxectivos ampliar a delimitación ou obtención de solo urbano industrial para que Aluminios Cortizo puidera desenvolver as súas instalacións.

Hoxe a tituación repítese, o solo previsto polo PXOU de Padrón e as súas modificacións, como solo urbano industrial neste ámbito, atópase esgotado polo desenvolvemento da factoría e non se dispón de solo urbanísticamente axeitado sobre o que expandirse, posto que os terreos colindantes co actual polígono atópanse clasificados como solo urbanizable non programado de área 4-Extramundi, con uso global residencial e exclusión do uso industrial (SUNPR) e solo no urbanizable (NU).

En resumo, a actual cualificación dos terreos limítrofes impide que o polígono Cortizo poida realizar a súa ampliación sen ter antes que abordar unha transformación urbanística do solo, motivo polo que se planea o presente proxecto sectorial.

No relativo ao interior do ámbito do proxecto sectorial, segundo o PXOU de Padrón, os terreos delimitados polo presente planeamento atópanse cualificados como: solo urbanizable non programado de área 4-Extramundi, con uso global residencial e exclusión do uso industrial (SUNPR-4), solo non urbanizable (NU), equipamento outro (EO) e solo non urbanizable de núcleo rural (NN). O solo clasificado como (NN) corresponde exclusivamente ao ámbito dunha pequena industria que se inclúe dentro do proxecto sectorial, con obxecto de regularizala.

Por outra parte, debido á discrepancia no trazado do linde entre os termos municipais de Padrón e Rois, o mesmo ámbito de solo atópase sometido a unha dobre cualificación simultánea e, polo tanto, suxeito a dúas ordenanzas diferentes, en concreto:

• Os terreos pertencentes á Comunidade Veciñal de Montes de Extramundi e cualificados como equipamento outro (EO) polo PXOU de Padrón, están cualificados no PXOM de Rois como solo rústico de protección forestal e solo rústico apto para urbanizar.

• Así mesmo, parte do solo incluído no ámbito do proxecto sectorial e cualificado polo PXOU de Padrón como solo urbanizable non programado residencial, atópase cualificado no PXOM de Rois como solo rústico apto para urbanizar e solo rústico de protección forestal.

Por outra parte, posteriormente á redacción do PXOU de Padrón, executouse a estrada AC-301 que se sitúa no norte do sector de actuación. Segundo a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo e urbanismo de Galicia (LSG 2/2016, artigo 34.1), o planeamento cualificará como solo rústico de especial protección os terreos destinados a infraestruturas e a súa zona de afección. Segundo a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG 8/2013, artigo 40.b), a zona de afección constitúea unha franxa ao longo da vía cun largo de 30 metros medidos desde a aresta exterior da explanación. Esta cualificación non foi incorporada ao planeamento.

Ademais, no ámbito de actuación do proxecto sectorial, existe un curso de auga denominado regato Meixos. Este regato non se identifica no Plan xeral de Padrón e, en consecuencia, no PXOU non se define a súa zona de protección de augas.

Analogamente, o Plan non recolle a zona de protección da liña eléctrica de alta tensión que cruza o ámbito.

Por último, posto que o PXOU de Padrón non se atopa adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG 9/2002), nin á LSG 2/2016, será de aplicación a disposición transitoria primeira, número 2, da vixente LSG 2/2016, relativa ao «réxime de aplicación aos municipios con planeamento non adaptado e aos municipios sen planeamento». Polo que a cualificación de solo que se debe considerar é a regulada pola vixente LSG 2/2016, sen que se manteñan as categorías de solo rústico contidas no planeamento vixente.

2.3. Plan xeral de ordenación urbana do concello de Rois.

Este municipio conta cun planeamento aprobado definitivamente o 21 de xaneiro de 2002 e non adaptado á LOUG 9/2002, nin á LSG 2/2016. No PXOM de Rois a situación dos terreos do polígono Cortizo e do ámbito do proxecto sectorial radicados neste concello é similar á do PXOU de Padrón.

O solo industrial do polígono Cortizo ubicado en Rois, situado entre a AC-299 e a AC-301, atópase esgotado e os terreos colindantes pertencentes a Rois clasifícanse como solo rústico apto para urbanizar.

Segundo o disposto no artigo 20.16 e artigo 59 da normativa urbanística do PXOM de Rois, mediante convenio, o solo rústico apto para urbanizar poderase incorporar ao proceso urbanizador e implantar actuacións de uso residencial ou uso industrial, desenvolvéndose estes terreos como un solo urbanizable.

No relativo ao ámbito do planeamento do proxecto sectorial, neste sector incluiranse terreos cualificados como solo rústico apto para urbanizar e solo de protección forestal.

Así mesmo, tal como se expuxo con máis detalle no punto anterior, debido á discrepancia no trazado do linde entre os termos municipais de Padrón e Rois, o mesmo ámbito de solo atópase sometido a unha dobre cualificación simultánea, de forma que en resumo:

• No ámbito do presente proxecto sectorial, os terreos cualificados polo PXOM de Rois como solo apto para urbanizar ou como solo de protección forestal, son cualificados polo PXOU de Padrón como solo urbanizable non programado residencial-tipo 4 (SUNPR-4) e equipamento outro (EO).

Analogamente ao exposto para o planeamento de Padrón, o PXOM de Rois tampouco inclúe a delimitación dos terreos de protección de infraestruturas correspondentes ás estradas AC-301 e AC-299 e á liña eléctrica de alta tensión, nin identifica o regato Meixos ou a súa zona de protección.

Por último, posto que o PXOM de Rois non se atopa adaptado á LOUG 9/2002, nin á LSG 2/2016, será de aplicación a disposición transitoria primeira, número 2, da vixente LSG 2/2016, relativa ao «réxime de aplicación aos municipios con planeamento non adaptado e aos municipios sen planeamento». Polo que a cualificación de solo que se debe considerar é a regulada pola vixente LSG 2/2016, sen que se manteñan as categorías de solo rústico contidas no planeamento vixente.

2.4. Réxime de aplicación aos municipios con planeamento non adaptado.

Tal como se indicou nos puntos anteriores, tanto o PXOM de Rois como o PXOU de Padrón están aprobados definitivamente con anterioridade á entrada en vigor da LSG 2/2016 e non adaptados á LOUG 9/2002, polo que en aplicación do réxime transitorio da LSG 2/2016 e dos artigos 34 desta lei e 49 de seu regulamento, o réxime actualmente aplicable aos terreos afectados polo proxecto sectorial é o previsto na LSG 2/2016, sen que se manteñan as categorías de solo rústico contidas no planeamento vixente.

– Concello de Padrón.

Tendo en conta a exposición anterior, os terreos afectados consideraríanse como:

• Ao solo urbanizable non programado, en aplicación da DT1ª, punto 2.b), aplicaráselle o disposto nesta lei para o solo rústico. Polo tanto, a este solo aplicaráselle o réxime de solo rústico de protección ordinaria establecido no artigo 33 da LSG.

• Ao solo non urbanizable de núcleo rural, en aplicación da DT1ª, punto 2.c), aplicaráselle integramente o disposto no planeamento respectivo, salvo no que se refire ás edificacións tradicionais existentes, ás cales lles será de aplicación o previsto no artigo 40 da presente lei.

• Ao solo non urbanizable, en aplicación da DT1ª, punto 2.d), aplicaráselle o disposto nesta lei para o solo rústico. Polo tanto, a este solo aplicaráselle o réxime de solo rústico de protección ordinaria segundo o establecido no artigo 33 da LSG.

• Á zona de policía do regato Meixos aplicaráselle o réxime de solo rústico de protección de augas.

• Nos terreos de concentración parcelaria de Extramundi aplicarase o réxime de solo rústico de protección agropecuaria.

• Aplicarase o réxime de solo rústico de protección de infraestruturas á zona de afección da estrada AC-301, estrada AC-299 e estrada Agronovo-Seira, e da liña eléctrica de alta tensión que atravesa o ámbito.

– Concello de Rois.

• Ao solo rústico forestal, correspondente ao monte veciñal de Extramundi, en aplicación da DT1ª, punto 2.b), aplicaráselle o réxime de solo rústico de protección forestal establecido no artigo 34 da LSG.

• Ao solo rústico apto para urbanizar, en aplicación da DT1ª, punto 2.b), ao Solo urbanizable non delimitado apto para urbanizar ou rústico apto para o desenvolvemento urbanístico, aplicaráselle o disposto na presente lei para o solo rústico. Polo tanto, a este solo aplicaráselle o réxime de solo rústico de protección ordinaria segundo o establecido en artigo 33 da LSG.

• Nos terreos de concentración parcelaria de Extramundi aplicarase o réxime de solo rústico de protección agropecuaria.

• Á zona de policía do regato Meixos aplicaráselle o réxime de solo rústico de protección de augas.

• Aplicarase o réxime de solo rústico de protección de infraestruturas á zona de afección da estrada AC-301, estrada Rois-Padrón-Noia e estrada Agronovo-Seira, e da liña eléctrica de alta tensión que atravesa o ámbito.

3. Análise de discrepancias entre o proxecto sectorial e o planeamento vixente.

Para a análise das discrepancias entre o ámbito do proxecto sectorial e o planeamento dos municipios de Padrón e Rois, adoptaranse as clasificacións de solo establecidas tras a aplicación da disposición transitoria primeira da LSG 2/2016.

– Concello de Padrón.

Tras a aplicación da DT1ª da LSG, o ámbito de planeamento do proxecto sectorial radicado no municipio de Padrón, estaría composto por solo clasificado como:

• Solo rústico de protección ordinaria.

• Solo rústico de especial protección (agropecuria, forestal, augas, infraestruturas).

• Solo equipamento outro.

• Solo non urbanizable de núcleo rural.

As discrepancias do planeamento de Padrón con respecto ao presente proxecto sectorial serían:

• No ámbito do proxecto sectorial, o solo non urbanizable de núcleo, solo equipamento, solo rústico de protección ordinaria, solo rústico de protección agropecuaria e de protección forestal, pasarían a ser considerados como solo urbanizable industrial con ordenación detallada.

• No ámbito do proxecto sectorial, o solo de dominio público de estradas do vial Agronovo-Seira cualifícase como solo rústico de especial protección de infraestruturas, estando suxeito ás proteccións sectoriais que lle sexan de aplicación.

• Atendendo ás recomendacións emitidas pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, o regato Meixos, por tratarse dun curso de auga inmerso nun espazo completamente transformado, óptase por integralo dentro do solo urbanizable sen asignarlle ordenanza de solo rústico de protección de augas, quedando suxeito á protección da lexislación sectorial de augas e calquera outra competente.

– Concello de Rois.

Tras a aplicación da DT1ª da LSG, o ámbito de planeamento do proxecto sectorial radicado no municipio de Rois, estaría composto por solo clasificado como:

• Solo rústico de protección ordinaria.

• Solo rústico de especial protección (agropecuaria, forestal, infraestruturas, augas).

As discrepancias do planeamento de Rois con respecto ao presente proxecto sectorial serían:

• No ámbito do proxecto sectorial, o solo rústico de protección ordinaria, o solo rústico de protección agropecuaria e o de protección forestal pasarían a ser considerados como solo urbanizable industrial con ordenación detallada.

• No ámbito do proxecto sectorial, o solo de protección de infraestruturas de estradas pasaría a ser considerado como solo rústico de especial protección de infraestruturas de estradas, estando suxeito ás proteccións sectoriais que lle sexan de aplicación.

• Os enlaces de conexión do ámbito co vial AC-301 regúlanse como sistema xeral viario, estando implantados sobre solo rústico.

• Atendendo ás recomendacións emitidas pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, o regato Meixos, por tratarse dun curso de auga inmerso nun espazo completamente transformado, óptase por integralo dentro do solo urbanizable, sen asignarlle ordenanza de solo rústico de protección de augas, quedando suxeito á protección da lexislación sectorial de augas e calquera outra competente.

Por último, tanto para o concello de Padrón como o de Rois, no referente á clasificación como solo urbanizable industrial, do solo de especial protección forestal, augas, agropecuario, ou infraestruturas, cinguirémonos ao artigo 34.5 da LSG 2/2016. «O plan xeral poderá excluír xustificadamente do solo rústico de especial protección os terreos necesarios para o desenvolvemento urbanístico racional, logo do informe favorable do órgano que teña a competencia sectorial correspondente».

Nas consultas previas mantidas coa Dirección Xeral de Defensa do Monte, a Axencia Galega de Infraestruturas e Augas de Galicia, non se manifestaron obxeccións á proposta formulada polo presente proxecto sectorial.

4. Nova clasificación proposta.

En aplicación do artigo 11.2 do Decreto 80/2000, os municipios en que se asenten as instalacións obxecto do proxecto sectorial deberán adaptar o seu planeamento ao contido do proxecto sectorial.

Neste sentido, os terreos delimitados polo proxecto sectorial deberán ser clasificados polos planeamentos de Padrón e Rois como:

• Solo urbanizable industrial con ordenación detallada e solo rústico de especial protección de infraestruturas de estradas (Padrón/Rois).

• Os equipamentos de cesión previstos son os exixidos en solo urbanizable industrial (Padrón/Rois).

• As conexións do sector co vial AC-301 regúlanse como sistema xeral viario (Rois).