Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 31 de outubro de 2019 Páx. 47215

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 22 de outubro de 2019 pola que se convoca o procedemento para a concesión de axudas económicas ás familias numerosas de Galicia para estadías de fin de semana nas estacións de montaña situadas no territorio da Comunidade Autónoma para o ano 2019 (código de procedemento BS423D).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, e inclúe, entre estes, o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece, no seu artigo 6, como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade.

O Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúe á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

A Xunta de Galicia considera conveniente incentivar o turismo de montaña para as familias numerosas como unha medida de apoio social e de fomento das actividades de lecer.

Con este fin, a Consellería de Política Social contribuirá ao financiamento das axudas que se establecen no articulado desta orde cunha contía global de 20.000 €, que están consignados para tal fin na aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.1 dos orzamentos do ano 2019 da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social.

En consecuencia, en uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto convocar para o ano 2019 o procedemento para a concesión de axudas económicas ás familias numerosas de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, para estadías de fin de semana nas estacións de montaña situadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento BS423D).

2. O outorgamento das axudas a que se refire esta convocatoria realizarase a través da modalidade de pagamento único e de forma continuada ata esgotar o crédito orzamentario consignado para estes efectos na aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.1 dos orzamentos do ano 2019 da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, cunha contía global de 20.000 €.

Artigo 2. Tipo de axuda

As axudas convocadas teñen como finalidade sufragar parte dos gastos das estadías e consisten nunha subvención de 35 € por persoa e estadía de fin de semana para os adultos e para os nenos e nenas de 12 ou máis anos, e de 37,50 € para os nenos e as nenas menores de 12 anos.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as familias numerosas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos desta orde enténdese por unidade familiar a composta por todos os membros que figuran no título de familia numerosa.

Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias

Ademais dos requisitos determinados no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán requisitos necesarios para a concesión desta axuda:

a) Que a persoa solicitante forme parte dunha unidade familiar considerada como numerosa, segundo o establecido no artigo 2 da Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas, e no artigo 10 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

b) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que o título de familia numerosa estea en vigor na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) Que a renda per cápita da unidade familiar non supere os 10.500 € anuais.

Artigo 5. Presentación de solicitudes. Lugar e prazo

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. O prazo para a presentación das solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II debidamente cuberto e asinado polo/a cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Certificado de convivencia ou de empadroamento conxunto de todos os membros da unidade familiar. Estes xustificantes deberán ter unha antigüidade máxima de 6 meses.

c) Copia do título de familia numerosa, só no caso de non ser expedido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma establecida no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou número de identificación de estranxeiros da persoa solicitante e da persoa que o represente, de ser o caso.

b) Documento nacional de identidade ou número de identificación de estranxeiros da persoa titular ou cotitular do título de familia numerosa que non apareza como solicitante das axudas.

c) Título de familia numerosa expedido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Declaración do imposto da renda das persoas físicas do ano 2017, da persoa solicitante.

e) Declaración do Imposto da renda das persoas físicas do ano 2017, da persoa titular ou cotitular do título de familia numerosa que non apareza como solicitante das axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I, ou no anexo II, se for o caso, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Requirimento de emenda

Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación sinalada, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 21 da dita lei.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Notificación

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos de requirimento de emenda de documentación así como as correspondentes resolucións, sen prexuízo do disposto no artigo 46 da dita lei. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Así mesmo, de forma complementaria poderase efectuar a notificación de todos os actos administrativos de acordo co reflectido nos números seguintes.

2. As notificacións complementarias dos actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación complementaria (electrónica ou en papel).

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Procedemento e criterios para a concesión das axudas

1. A tramitación dos expedientes correspóndelle á subdirección xeral con competencia en materia de familia, infancia e adolescencia, como órgano instrutor.

2. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, crearase unha Comisión de Valoración cuxa composición será a seguinte:

a) Presidenta/e: a persoa titular da subdirección con competencias en materia de familia, infancia e adolescencia.

b) Vogais: tres empregados/as públicos/as designados/as pola persoa titular da dirección xeral con competencia en materia de familia, por proposta da persoa que exerza a presidencia, unha delas actuará como secretaria ou secretario.

Se por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a Comisión de Valoración non pode asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para estes efectos pola persoa titular da dirección xeral por proposta da persoa que exerza a presidencia.

No caso de ausencia da persoa que exerza a presidencia, será substituída pola persoa titular do servizo con competencias en materia de familia.

Unha vez avaliadas as solicitudes, a Comisión de Valoración emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

3. Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución definitiva, a subdirección xeral con competencia en materia de familia, infancia e adolescencia, cando se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas polas persoas interesadas, notificará a proposta de resolución provisional para que, no prazo de dez días, aleguen ou presenten os documentos e xustificacións que xulguen pertinentes. Examinadas estas alegacións, se é o caso, formularase a proposta de resolución definitiva, de acordo co disposto no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

A persoa titular da subdirección xeral con competencia en materia de familia, infancia e adolescencia, elevará o informe xunto coa proposta de resolución definitiva ao órgano competente para a súa resolución, e proporá a concesión ou a denegación das axudas.

4. Na proposta de resolución definitiva figurarán as solicitudes que reúnen todos os requisitos. A adxudicación efectuarase segundo a maior puntuación acadada de acordo coa seguinte valoración:

a) Ás solicitudes en que a renda per cápita da unidade familiar sexa inferior a 6.000 € anuais, outorgaránselle 2 puntos.

b) Ás solicitudes en que a renda per cápita da unidade familiar sexa igual ou superior a 6.000 € anuais, outorgaráselles 1 punto.

c) Ás familias numerosas de categoría especial, outorgaráselles 2 puntos.

d) Ás familias numerosas de categoría xeral, outorgaráselles 1 punto.

No suposto de empate, prevalecerá a unidade familiar coa renda per cápita máis baixa e, de seguir en situación de empate, predominará a unidade familiar que teña maior número de fillas e/ou fillos.

5. As propostas de resolución provisional e definitiva non crean dereito ningún a favor do beneficiario proposto fronte á Administración mentres non se lle notifique a resolución de concesión.

Artigo 12. Resolución das axudas

1. A aprobación da proposta de resolución definitiva e a resolución destas axudas correspóndelle á directora xeral con competencia en materia de familia, infancia e dinamización demográfica por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, en uso das facultades conferidas no artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, despois da súa fiscalización pola intervención.

A resolución das axudas deberá notificarse no prazo máximo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen ditar resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

2. Unha vez notificada a resolución definitiva ás persoas interesadas que fosen propostas como beneficiarias, dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

3. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia se o acto é expreso e, se non o é, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante poderá interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo iso, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

Artigo 13. Compatibilidade

Sen prexuízo do establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as axudas reguladas na presente orde serán compatibles con calquera outra establecida por calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe destas axudas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 14. Pagamento

O pagamento das axudas reguladas nesta orde farase unicamente, logo de xustificación da estadía, na conta bancaria que as persoas solicitantes fagan constar no anexo I. Esta conta ten que permanecer activa mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración convocante non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.

A xustificación, tanto do gasto como do pagamento, poderá realizarse ata o 15 de decembro de 2019.

Sempre que o gasto sexa de contía inferior a mil euros, poderase admitir a xustificación do pagamento mediante a factura correspondente emitida pola Estación de Montaña onde se gozou da estadía coa carta de recepción do provedor, pagada con data anterior á finalización do período de xustificación.

Nos demais casos, cando o pagamento se realice a través de entidade bancaria, este xustificarase mediante un extracto ou unha certificación bancaria debidamente identificados, selados e asinados pola persoa beneficiaria, xunto coa factura correspondente.

O pagamento axustarase ao establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, especificamente, o seguinte:

a) Cumprir o obxectivo e executar as accións que fundamentan a concesión das subvencións.

b) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios. Para este fin achegarase canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

No caso de que o requirimento de información non sexa atendido en prazo poderanse aplicar multas coercitivas. A multa de 100 a 1.000 euros será reiterada por períodos mensuais ata o cumprimento. O total da multa non poderá exceder o 5 % do importe do contrato, subvención ou instrumento administrativo que habilite para o exercicio das funcións públicas ou a prestación dos servizos. No suposto de que no devandito instrumento non figure unha contía concreta, a multa non excederá os 3.000 euros. Para a determinación do importe atenderase á gravidade do incumprimento e ao principio de proporcionalidade.

Artigo 16. Revogación da prestación

Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devindicados, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos seguintes casos:

a) A obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou a non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 17. Información

A información relativa ao procedemento, que regula a concesión de axudas económicas ás familias numerosas de Galicia para estadías de fin de semana nas estacións de montaña situadas no territorio da Comunidade Autónoma para o ano 2019, poderase obter nos seguintes enderezos da internet: http://www.xunta.gal/politica-social, www.familiasgalegas.org e https://sede.xunta.gal, así como no teléfono: 981 95 77 80.

Disposición adicional primeira. Dispoñibilidade orzamentaria

A concesión destas axudas terá como límite global as dispoñibilidades orzamentarias consignadas para esta finalidade.

Disposición adicional segunda. Réxime de infraccións e sancións

As persoas beneficiarias encóntranse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional terceira. Publicidade

As axudas concedidas ao abeiro desta orde non se publicarán no Diario Oficial de Galicia, por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

Non obstante o anterior, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional cuarta. Delegación de competencias

Apróbase a delegación da competencia para resolver estas axudas na directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional quinta. Información básica sobre protección de datos

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais ou páxinas web ou taboleiros de anuncios, coas limitacións establecidas na normativa aplicable en materia de protección de datos de carácter persoal.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar os actos e instrucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file