O Pleno do Concello de Vigo, na sesión extraordinaria do día 8 de outubro de 2019, adoptou o seguinte acordo:
«Primeiro: prestar aprobación inicial á modificación puntual do Plan xeral de ordenación urbana do Concello de Vigo para a reordenación do ámbito do Barrio do Cura, instrumento urbanístico de iniciativa pública promovido por esta Administración, e formulado pola entidade Barrio do Cura Desarrollo, S.L.U., que inclúe a documentación presentada no Rexistro electrónico do Concello de Vigo con data do 29 de marzo de 2019, co código de solicitude COD.SOL.: W333931-4086, e asinada dixitalmente con sinatura válida, polo director do equipo redactor, Alfonso Carlos Penela Fernández, con data do 27.3.2019, coas modificacións presentadas con data 11.9.2019.
Segundo: someter a información pública o expediente incluíndo o resumo executivo, polo prazo de dous meses, mediante a publicación de anuncios no DOG, nun dos xornais de maior circulación da provincia, no taboleiro de edictos desta XMU e na sede electrónica do Concello de Vigo, para efectos de que durante o dito período poidan formularse as alegacións e as suxestións pertinentes. O remate do referido prazo de alegacións computarase desde a data da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, dilixenciándose a documentación exposta pola secretaria xeral, con notificación individual ás persoas titulares catastrais dos terreos afectados segundo relación catastral incorporada ao expediente.
Durante o referido prazo recadaranse os informes sectoriais que resulten preceptivos, de conformidade coa normativa urbanística e sectorial de aplicación. Así mesmo e durante o mesmo prazo, darase audiencia aos concellos limítrofes.
Terceiro: acordar, consonte o disposto no 47.2 da LSG, a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas no ámbito afectado no que resulte incompatible coa nova ordenación».
Durante o período de información pública, de conformidade co disposto no artigo 60.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o expediente atoparase á disposición do público en xeral, na páxina web do Concello de Vigo (http://hoxe.vigo.org/movemonos/urbanismo_pxom2.php?lang=gal#/#modificaciones), no portal de transparencia, así como no departamento municipal de Información da Xerencia de Urbanismo (sito na planta baixa do Edificio da Xerencia de Urbanismo, praza do Rei, s/n), de luns a venres, das 9.00 ás 13.30 horas, para a súa consulta e a presentación de cantos documentos ou escritos de alegacións consideren convenientes.
Vigo, 29 de outubro de 2019
O presidente da Xerencia Municipal de Urbanismo
P.D. (Resolución do 11.7.2019)
María José Caride Estévez
Vicepresidenta da Xerencia Municipal de Urbanismo