Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Xoves, 7 de novembro de 2019 Páx. 47831

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 140/2019, do 24 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Vila de Cruces do treito antigo Cedelle-Larazo da estrada EP-6405 Larazo-Duxame.

Segundo o teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A estrada EP-6405, que discorre dende a parroquia de Larazo á parroquia de Duxame, forma parte da extensa rede de estradas provinciais titularidade da Deputación de Pontevedra. Esta estrada ten un treito antigo no lugar de Cedelle cunha lonxitude de 821 metros que formou parte da estrada anteriormente.

O Concello de Vila de Cruces solicita á Deputación Provincial de Pontevedra o cambio de titularidade do treito antigo da EP-6405 Larazo-Duxame, duns 821 metros de lonxitude. Xustifica a súa solicitade no cambio da funcionalidade de estrada provincial cara a un viario de acceso e servizo ás vivendas e terreos existentes nas súas marxes.

A Deputación Provincial de Pontevedra no Pleno da Corporación Provincial que tivo lugar o día 4.03.2019 aceptou o cambio de titularidade proposto a prol do Concello de Vila de Cruces.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e catro de outubro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Vila de Cruces do treito antigo Cedelle-Larazo da EP-6405 Larazo-Duxame duns 821 metros de lonxitude.

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Vila de Cruces deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Vila de Cruces, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de outubro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade