Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Martes, 12 de novembro de 2019 Páx. 48456

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se adxudica o Premio Comunicar en Igualdade para o ano 2019.

Con data do 28 de febreiro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 12 de febreiro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o Premio Comunicar en Igualdade para o ano 2019, co obxecto de recoñecer e recompensar traballos de tipo xornalístico que contribúan á defensa e difusión dos valores da igualdade entre mulleres e homes, así como á loita contra a violencia de xénero.

A base décimo terceira da resolución de convocatoria prevé que a adxudicación dos premios se realizará mediante resolución da secretaria xeral da Igualdade, de acordo coa proposta do xurado do premio.

Tendo en conta a proposta efectuada polo xurado o día 14 de outubro de 2019 e o previsto nas bases antes indicadas, mediante esta resolución procédese á adxudicación do Premio Comunicar en Igualdade para o ano 2019.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

1. Adxudicar o Premio Comunicar en Igualdade para o ano 2019 ás persoas que se indican a seguir:

a) Modalidade profesionais do xornalismo:

– Primeiro premio, cunha dotación económica de seis mil euros (6.000 €), a Susana Rois Parga polo traballo «As mulleres na opinión: un elefante rosa no medio das redaccións».

– Segundo premio, cunha dotación económica de tres mil euros (3.000 €), a Sara Vila Alonso polo traballo «O noso toque de queda».

– Terceiro premio, cunha dotación económica de dous mil euros (2.000 €), a Montserrat Dopico González polo traballo «Sesé Mateo: a palabra que resiste a morte».

b) Modalidade alumnado universitario:

– Primeiro premio, cunha dotación económica de catro mil euros (4.000 €), a Uxía Castro Martínez polo traballo «Eles gobernan, elas aman. Os mitos do amor romántico».

– Segundo premio, cunha dotación económica de dous mil euros (2.000 €), a Lucía Parrilla del Río polo traballo «Un relato de mulleres nas minas do Bierzo».

– Terceiro premio, cunha dotación económica de mil euros (1.000 €), a Silvia López López polo traballo «Nun sistema tan opresivo para a muller, ser monxa era unha opción cómoda».

2. De acordo coa base décimo cuarta da resolución de convocatoria, unha vez publicada esta resolución no Diario Oficial de Galicia as persoas interesadas disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación, transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación ou ben de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46 respectivamente da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2019

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade