Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Mércores, 13 de novembro de 2019 Páx. 48672

IV. Oposicións e concursos

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 4 novembro de 2019 pola que se convocan probas selectivas para a provisión dunha praza da escala técnica superior (subescala microscopía) vacante na relación de postos de traballo do persoal funcionario desta universidade.

Debido á necesaria provisión dunha praza vacante da escala técnica superior (subescala microscopía) da Universidade da Coruña, da vixente relación de postos de traballo do persoal funcionario de administración e servizos, e conforme coa Resolución do 22 de maio de 2019 pola que se publica a oferta de emprego público de estabilización de prazas de persoal de administración e servizos para o ano 2019 (DOG do 5 de xuño, corrección de erros DOG do 12 de xuño), esta xerencia, no uso das atribucións conferidas no artigo 40 dos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio) modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro, e da delegación de competencias operada pola Resolución reitoral do 12 de xaneiro de 2016,

RESOLVE:

Primeiro. Convocar probas selectivas para cubrir, pola quenda libre, unha praza da escala técnica superior (subescala microscopía) da Universidade da Coruña, grupo A, subgrupo A1.

Ao abeiro do disposto na Resolución da Xerencia do 2 de xuño de 2016, modificada por outra do 20 de febreiro de 2017, pola que se regula o procedemento para a cobertura temporal de postos de traballo do persoal de administración e servizos da Universidade da Coruña, ao remataren as probas selectivas constituiranse listaxes de agarda para cubrir con carácter temporal os postos de traballo que poidan xurdir ata o próximo proceso selectivo. Para estes efectos, as persoas aspirantes deberán presentar a solicitude debidamente cuberta, indicando todos os datos que se requiren no impreso que figura como anexo III, e especificando as súas opcións de preferencia en canto á localidade e tipo de nomeamento.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

1. Solicitudes.

1.1. As persoas que desexaren tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo no impreso segundo modelo que figura como anexo III desta convocatoria e deberán presentarse acompañadas de:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade; os/as aspirantes que non posúan nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de ser o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de viviren a expensas ou estaren a cargo do/da nacional doutro Estado con que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estar separado/a de dereito do/da seu/súa cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o/a aspirante vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

b) Os/as aspirantes estranxeiros/as que estean exentos/as da realización da proba previa de acreditación do coñecemento do castelán establecida na base 8 desta convocatoria xuntarán, para tal efecto, a fotocopia compulsada dos diplomas básico ou superior de español como lingua estranxeira ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros/as expedido polas escolas oficiais de idiomas. De non achegaren esta certificación non poderán ser declarados/as exentos/as, polo que deberán realizar a proba a que se refiren estas bases.

c) Fotocopia da titulación académica requirida.

d) Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, co obxecto de quedar exentas da realización do primeiro exercicio.

e) As persoas aspirantes pola quenda libre deberán xustificar o pagamento co documento bancario acreditativo de que se aboaron os dereitos de exame que ascenden a 41,56 euros para o subgrupo A1, que se ingresarán no Banco Santander Central Hispano, na conta IBAN ES76 0049 5030 15 2516011262.

Segundo o artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame aquelas persoas que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33 %. Tamén estarán exentas do pagamento, as persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % da taxa, os membros de familias numerosas de categoría xeral. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia da cualificación da discapacidade ou do carné de familia numerosa segundo corresponda.

Tamén estarán exentas as persoas que figuren como demandantes de emprego durante o prazo, polo menos, dun mes anterior á data de publicación desta convocatoria. Para o goce da exención será requisito que non rexeitasen, no prazo de que se trate, oferta de emprego adecuado nin se negasen a participar, agás causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesional e que, así mesmo, carezan de rendas superiores, en cómputo mensual, ao salario mínimo interprofesional. O certificado relativo á condición de demandante de emprego, cos requisitos sinalados, solicitarase na oficina dos servizos públicos de emprego. A acreditación das rendas realizarase mediante unha declaración xurada ou promesa escrita da persoa solicitante. Ambos os dous documentos deberán xuntarse á solicitude.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non presenten o documento referido no punto 1.1.a), ou non aboen os dereitos de exame e non presenten o xustificante de bonificación ou exención dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes. Non se concederá ningún prazo adicional para o aboamento dos dereitos de exame.

Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas.

1.2. As solicitudes dirixiranse ao xerente da Universidade da Coruña no prazo de 20 días hábiles que contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación das solicitudes farase no Rexistro Xeral da Universidade da Coruña (Edificio da Reitoría, rúa da Maestranza, 9, 15001 A Coruña), nos rexistros auxiliares (Campus da Zapateira, A Coruña e Edificio de Usos Administrativos no Campus de Esteiro, Ferrol), ou nas restantes formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1.3. As persoas aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberanos acreditar mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou das copias compulsadas no prazo de 5 días hábiles desde a publicación da puntuación do último exercicio da fase de oposición. Os servizos prestados noutras administracións públicas españolas, referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes, acreditaranse mediante unha certificación expedida por quen teña atribuídas as competencias en materia de persoal na Administración correspondente. Os servizos prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante unha certificación expedida de oficio pola Xerencia da Universidade, referida á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.4. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fagan constar nas súas solicitudes e poden unicamente demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.2 para a presentación de solicitudes. Unha vez transcorrido este prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e apreciada polo tribunal.

1.5. As persoas aspirantes que padezan algunha discapacidade poderán indicalo no recadro correspondente da solicitude e solicitar, se for o caso, as posibles adaptacións de tempos e de medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para seren admitidas á realización destas probas selectivas, as persoas aspirantes deberán reunir e manter os seguintes requisitos:

a) Ser español/a ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles Estados aos cales, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participar o/a cónxuxe, descendentes e descendentes do/da cónxuxe, dos/das españois/españolas e dos/das nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, se non estiveren separados/as de dereito, menores de vinte e un anos ou maiores desta idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación nos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos 16 anos de idade e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión da titulación exixida para o subgrupo A1 na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, ou en condicións de a obter na data en que remate o prazo de presentación das solicitudes. No caso de que a persoa aspirante posúa unha titulación académica estranxeira para poder participar no proceso selectivo, deberá ter homologado previamente o título, de acordo co previsto na lexislación española.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado/a para o desempeño de funcións públicas por sentenza firme. No caso de nacionais doutros Estados non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

2.2. Todos os requisitos deberán posuírse no momento de rematar o prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador que foi asignado para as xulgar establecerá, para as persoas con discapacidade que o demandasen na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se lle presentaren dúbidas ao tribunal con respecto á capacidade das persoas aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades que habitualmente desenvolven os/as traballadores/as da categoría convocada, poderá solicitar o correspondente ditame do órgano competente da Comunidade Autónoma.

3.3. As persoas con discapacidade definidas no punto 2 do artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, que se presenten polo cota de reserva para persoas con discapacidade deberán presentar xunto coa solicitude copia da cualificación da discapacidade.

4. Relacións de persoas admitidas e excluídas.

4.1. Unha vez que remate o prazo de presentación de solicitudes, o xerente da universidade ditará resolución e declarará aprobadas as relacións provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que se publicarán na sede electrónica da Universidade da Coruña, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se for o caso, as causas de exclusión.

As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, que contará a partir da publicación da referida resolución, para corrixiren o defecto que motivase a exclusión. Unha vez transcorrido o devandito prazo, o xerente ditará a resolución en que se declarará aprobada a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas, que será publicada na sede electrónica da Universidade da Coruña.

4.2. O feito de figuraren na relación de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 12 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección das persoas aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O temario das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. A composición do tribunal cualificador destas probas será publicado na sede electrónica da Universidade da Coruña cunha antelación de, polo menos, un mes con respecto da data de inicio dos exercicios.

6.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir e notificaranllo ao xerente da Universidade, cando concorran neles circunstancias das previstas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou participasen en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O/a presidente/a poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontraren incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorreren as circunstancias citadas.

6.3. Logo da convocatoria do/da presidente/a, constituirase o tribunal coa asistencia do/da presidente/a e do/da secretario/a ou, de ser o caso, daqueles/as que os/as substitúan, e, como mínimo, da metade dos seus membros. Nesta sesión, o tribunal acordará todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

6.4. Para os efectos de realización de sesións, deliberacións e adopción de acordos, requirirase a asistencia dos membros do tribunal especificados no punto anterior.

6.5. O tribunal resolverá todas as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos. O procedemento de actuación do tribunal axustarase ao disposto na Lei 39/2015.

6.6. O tribunal poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que considere pertinentes, e estes limitaranse a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores/as faraa o xerente da Universidade da Coruña, por proposta do tribunal, e seralles de aplicación o previsto na base 6.2.

6.7. Os membros do tribunal cualificador deberán pertencer a un corpo, escala ou categoría profesional para o ingreso no cal se requira unha titulación de nivel igual ou superior ao exixido para participar no proceso selectivo.

6.8. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con algunha discapacidade gocen de similares condicións para realizar os exercicios que o resto das persoas aspirantes. Para as persoas con discapacidade que o soliciten na forma prevista na base 1.5, estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

6.9. O/a presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos perante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aqueles/as opositores/as que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

6.10. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da Universidade da Coruña.

6.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou as probas selectivas un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6.12. O tribunal terá a categoría que lle corresponda segundo o Decreto 144/2008, do 26 de xuño, polo que se modifica o Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razóns de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e data de comezo dos exercicios farase público na resolución da Xerencia que aprobe as relacións definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas. O primeiro dos exercicios non terá lugar antes de seis meses desde a publicación desta convocatoria.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación da presente convocatoria no DOG.

7.3. A orde de actuación dos/das opositores/as iniciarase alfabeticamente por aqueles/as cuxo primeiro apelido empece pola letra Q, de conformidade coa Resolución da Consellería de Facenda, do 24 de xaneiro de 2019, pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

7.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.

7.5. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento e serán excluídas da oposición aquelas que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal.

7.6. A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos exercicios será efectuada polo tribunal na sede electrónica e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilitar a súa máxima divulgación, con 48 horas de antelación, polo menos, á data sinalada para a súa iniciación.

7.7. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tiver coñecemento de que algunha das persoas aspirantes carece dos requisitos exixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia do/a interesado/a, deberá proporlle a súa exclusión ao xerente da Universidade da Coruña e comunicarlle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude para os efectos procedentes.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase da oposición, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, en que se comprobará que posúen un nivel axeitado de comprensión e de expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, polo que se regulan os diplomas de español como lingua estranxeira (DELE), para acreditar o nivel de competencia lingüística do idioma español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto/a ou non apto/a; é necesario obter a valoración de apto/a para pasar a realizar os exercicios da fase de oposición. Quedan exentos de realizar esta proba os/as aspirantes que acrediten, mediante unha fotocopia compulsada, estaren en posesión do diploma español como lingua estranxeira (nivel B2) e as persoas estranxeiras nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español. De non achegaren esta documentación, non poderán ser declaradas exentas e deberán, en consecuencia, realizar a proba descrita.

9. Embarazo de risco ou parto.

Se algunha das aspirantes non puider completar o proceso selectivo por causa de embarazo de risco ou parto, debidamente acreditados, a súa situación quedará condicionada á finalización deste e á superación das fases que quedasen aprazadas, sen que se poidan aprazar estas de xeito que se menoscabe o dereito do resto dos aspirantes a unha resolución do proceso axustada a tempos razoables, o cal deberá ser valorado polo tribunal cualificador e, en todo caso, a súa realización terá lugar antes da publicación da listaxe de aspirantes que superasen o proceso selectivo.

10. Relación de persoas aprobadas.

10.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador publicará na sede electrónica da Universidade da Coruña, así como naqueloutros lugares que considere oportuno, a puntuación que obtiveron as persoas aspirantes, así como, se for o caso, a de cada unha das probas que compoñen o proceso.

As persoas aspirantes disporán de 5 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación das puntuacións provisionais de cada exercicio, para presentaren reclamacións. Disporán de idéntico prazo para reclamaren contra as puntuacións da fase de concurso, contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

Posteriormente, o tribunal publicará, neses mesmos lugares, a relación definitiva de persoas aprobadas para cada un dos sistemas de acceso, que, en ningún caso, poderá conter un número de persoas candidatas superior ao das prazas convocadas, en que constará o nome e a puntuación das persoas aspirantes que, ao acadaren a puntuación mínima exixida para superar os exercicios da fase de oposición, obtiveron a maior puntuación final calculada de acordo co sistema previsto no anexo I. As persoas opositoras que non estiveren incluídas nas respectivas relacións terán a consideración de non apto/a para todos os efectos, único aspecto acerca do cal o tribunal poderá certificar.

10.2. O tribunal publicará a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

10.3. A cualificación final do proceso selectivo será a suma das puntuacións que se obteñan na fase de oposición e na fase de concurso. Os puntos que se obteñan nesta última, en ningún caso, poderán sumarse para os efectos de superar a fase de oposición. En caso de empate, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida nos exercicios e pola seguinte orde: último exercicio do proceso selectivo e se persistise atenderase á maior puntuación no penúltimo exercicio, e se persistise atenderase á maior puntuación na fase de concurso. No caso de que continuase persistindo o empate, dirimirase por sorteo público en presenza dos/das opositores/as empatados/as.

10.4. O tribunal remitiralle ao xerente a relación definitiva das persoas aspirantes aprobadas pola orde desta puntuación final, con proposta de que se lles formalice o correspondente nomeamento. No caso de que algunha das persoas desa relación, renunciase ou non cumprise con algún dos requisitos, requirirase do tribunal unha nova relación na cal figure a persoa que substitúe a quen non é posible nomear.

11. Listaxes de espera.

Constituirase unha listaxe de espera, ao abeiro do disposto na Resolución da Xerencia do 2 de xuño de 2016, modificada por outra do 20 de febreiro de 2017, pola que se regula o procedemento para a cobertura temporal de postos de traballo do persoal de administración e servizos da Universidade da Coruña, coas persoas aspirantes que non acadasen a puntuación final suficiente para a súa inclusión na relación definitiva de aprobados. Na listaxe incluiranse as persoas que superasen todos os exercicios da oposición. No caso de existir fase de concurso, sumarase a puntuación obtida nesa fase.

12. Presentación de documentos e nomeamento.

12.1. No prazo de 20 días hábiles a partir do día seguinte a aquel en que se publique a relación definitiva de persoas aprobadas nas probas selectivas, estas deberán presentar no Servizo de Persoal de Administración e Servizos da Universidade da Coruña (rúa da Maestranza, 9) a documentación acreditativa dos requisitos exixidos na convocatoria e os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título exixido para acceder ás probas.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas. As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración ou promesa de non estaren sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que inhabilite no seu Estado o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que o/a imposibiliten para o servizo.

d) As persoas aspirantes con discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán acreditar tal condición mediante unha certificación dos órganos competentes.

12.2. Unha vez que a persoa aspirante supere as probas selectivas e realice debidamente os trámites de presentación de documentos, será nomeada funcionario/a da escala técnica superior (subescala microscopía) da Universidade da Coruña (subgrupo A1).

Segundo. De acordo co disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos indicados na solicitude pasarán a formar parte do ficheiro de persoal, que ten por finalidade a xestión do persoal da Universidade da Coruña. O ficheiro está baixo a responsabilidade da Secretaría Xeral. Coa súa participación neste proceso selectivo, as persoas interesadas autorizan á Universidade da Coruña para que publique os seus datos, de acordo cos principios de publicidade e transparencia, cando así derive da natureza deste procedemento de concorrencia competitiva. Así mesmo, poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, en cumprimento do que establece a LOPD, ante a Secretaría Xeral da Universidade da Coruña.

De acordo co disposto nos artigos 13 e 14 do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e a libre circulación destes datos, e polo que se derroga a directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), as persoas participantes no proceso selectivo son informadas de que o responsable do tratamento dos seus datos persoais é a Secretaría Xeral da Universidade da Coruña, de que estes datos se tratarán para as finalidades deste proceso selectivo, se conservarán durante a tramitación do proceso selectivo e dos prazos para interpor recurso en vía administrativa ou xudicial. As persoas participantes poden solicitar o acceso, rectificación ou supresión, poden presentar unha reclamación perante unha autoridade de control e, no caso de que se proxectase un tratamento para outra finalidade, avisarase a persoa participante e facilitaráselle a información adicional necesaria.

Terceiro. As presentes probas selectivas axustaranse ao disposto na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección do persoal de administración da Comunidade Autónoma de Galicia, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, nos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto da Xunta de Galicia 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio), modificado polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro (DOG do 17 de outubro), no artigo 57 de acceso ao emprego público de nacionais doutros Estados, do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e nas bases desta convocatoria.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Previamente, e con carácter potestativo, poderase interpor un recurso de reposición ante esta reitoría, no prazo dun mes, de acordo co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE de 2 de outubro).

A Coruña, 4 de novembro de 2019

O reitor da Universidade da Coruña
P.D. (Resolución do 12.1.2016)
Ramón del Valle López
Xerente da Universidade da Coruña

ANEXO I

Procedemento de selección

Fase de oposición: 70 puntos.

Primeiro exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio, para aqueles/as candidatos/as que non acrediten posuír, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes o Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais, acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, e, consistirá na realización dunha proba en que se comprobará que posúen o nivel de Celga 4 de comprensión e expresión oral e escrita da lingua galega, en especial da linguaxe administrativa, dado que é a súa área profesional. Cualificarase de apto ou non apto. O tempo máximo de realización deste exercicio será de 60 minutos.

Segundo exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio: 25 puntos.

Consistirá en contestar un cuestionario tipo test de carácter teórico-práctico constituído por 125 preguntas (máis cinco de reserva, que só se corrixirán no caso de anulación dalgunha pregunta), con catro respostas alternativas, das cales só unha delas é a correcta, e das cales o 30 % corresponderán ao temario xeral e o 70 % ao temario específico que figuran como anexo a esta convocatoria. Todas as preguntas terán a mesma puntuación, cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. O tempo máximo de realización deste exercicio será de 120 minutos. A puntuación será de 0 a 25 puntos e para aprobar será necesario obter un mínimo de 12,5.

Terceiro exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio: 35 puntos.

Consistirá na realización de 2 supostos prácticos á escolla entre 4 propostos polo tribunal, do bloque específico. O tempo máximo de realización deste exercicio será de 240 minutos. A puntuación será de 0 a 35 puntos e para aprobar será necesario obter un mínimo de 8,75 puntos en cada un dos supostos.

Cuarto exercicio, de carácter obrigatorio e non eliminatorio: 10 puntos.

Consistirá na presentación e na defensa pública dun proxecto, previamente elaborado, elixido polo aspirante relacionado co bloque específico. O dito proxecto terá que ser presentado dentro do prazo de 10 días hábiles seguintes á data da publicación das notas do terceiro exercicio. Cualificarase de 0 a 10 puntos. Terá carácter selectivo e non eliminatorio. O tempo máximo de exposición será de 45 minutos.

Fase de concurso: 30 puntos.

• Experiencia:

Ata un máximo de 20 puntos.

Por servizos prestados na Universidade da Coruña como funcionario interino da escala técnica superior (subescala microscopía) ou como persoal laboral fixo ou temporal do grupo I en postos de funcións idénticas ou análogas á categoría convocada, ata o fin do prazo de presentación de solicitudes, 0,24 puntos por mes.

Por servizos prestados noutras administracións públicas como funcionario de carreira ou interino do subgrupo A1 ou como persoal laboral fixo ou temporal do grupo I en postos de funcións idénticas ou análogas á categoría convocada, ata o fin do prazo de presentación de solicitudes, 0,08 puntos por mes.

• Formación.

A formación valorarase ata un máximo de 10 puntos.

Os cursos alegados terán como data límite para a súa finalización o día de remate do prazo de presentación de solicitudes.

– Cursos de formación xeral e específica ata un máximo 8 puntos:

A valoración da formación farase atendendo aos seguintes criterios:

Nesta subepígrafe valoraranse os cursos, convocados, impartidos e/ou recibidos, ou homologados por:

Institutos ou escolas de Administración pública.

Universidades.

Servizos públicos de emprego.

Organizacións sindicais.

Mutuas de traballo e servizos de prevención.

Impartidos no marco do Acordo de formación dos empregados públicos.

Que versen sobre formación administrativa xeral, así como os cursos de formación e de perfeccionamento que versen sobre materias directamente relacionadas coas funcións propias dos postos de traballo e os cursos de formación de idiomas da Unión Europea.

Os cursos impartidos sempre se valorarán como se fosen de aproveitamento ou aptitude. A valoración dos cursos farase de acordo cos seguintes criterios:

Cursos recibidos de aptitude e cursos impartidos: 0,04 puntos/hora.

Cursos de asistencia: 0,02 puntos/hora.

Cando no certificado non conste o número de horas, considerarase que a duración do curso é de 10 horas.

– Cursos de lingua galega ata un máximo de 2 puntos:

Curso de linguaxe administrativa nivel medio: 1 punto.

Curso de linguaxe administrativa nivel superior: 1,5 puntos.

Celga 5: 2 puntos.

En todos os casos valoraranse unha soa vez os cursos relativos a unha mesma materia, aínda que se repetise a súa participación, e unicamente o de nivel superior ou avanzado.

Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de funcionarios.

ANEXO II

Temario

Bloque I.

Temario xeral.

1. A Constitución española de 1978. Título preliminar. Título I: dos dereitos e deberes fundamentais. Título III, capítulo II: da elaboración das leis. Título IV: do Goberno e da Administración.

2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia. Título preliminar. Título I: do poder galego. Título II: das competencias de Galicia. Título III: da Administración pública galega.

3. A Lei orgánica 6/2001, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007 (do 12 de abril): título preliminar. Títulos I ao XIV.

4. Estatutos da Universidade da Coruña.

5. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Título I e títulos do III ao IX.

6. Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais. Artigos 2, 4, 14, 15 e 29.

7. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. Título I: disposicións xerais; título II: principios de protección de datos; título III: dereitos das persoas, título IX: Réxime sancionador.

8. Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades, do persoal ao servizo das administracións públicas.

9. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: título preliminar; título I: dos interesados no procedemento, título II: da actividade das administracións públicas, título III: dos actos administrativos, título IV: das disposicións sobre o procedemento administrativo común, título V: da revisión dos actos en vía administrativa.

10. Lei 40/2015, do 1 outubro, de réxime xurídico do sector público: título preliminar: capítulo I: disposicións xerais; capítulo II: dos órganos das administracións públicas (excepto a subsección 2ª da sección 3ª); capítulo III: principios da potestade sancionadora; capítulo IV (só a sección 2ª); e capítulo V: funcionamento electrónico do sector público. Título III: relacións interadministrativas; capítulo I: principios xerais das relacións interadministrativas e capítulo II: deber de colaboración.

11. Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. Título preliminar; título II: capítulos I, II, IV e V; e título IV: capítulos I e II.

12. Lei 1/2016 do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

13. O Plan de normalización lingüística da UDC. Regulamento de usos da lingua galega na Universidade da Coruña.

14. Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia. Títulos I e II.

15. Tratado da Unión Europea, título III: disposicións sobre as institucións.

16. Tratado de funcionamento da Unión Europea: sexta parte. Título I: disposicións institucionais: capítulo II sección 1ª: actos xurídicos da Unión.

17. Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da seguridade social. Artigo 156: concepto de accidente de traballo e artigo 157: concepto de enfermidade profesional.

18. Tríptico da UDC en materia de pantallas de visualización de datos.

Bloque II.

Temario específico.

19. Fundamentos xerais da microscopía óptica. Compoñentes dun microscopio óptico e características dos obxectivos. Apertura numérica, resolución, profundidade de campo e profundidade de foco.

20. Tipos de microscopios ópticos. Microscopios verticais e investidos. Microscopios de contraste de fases e de interferencia diferencial.

21. Microscopía de fluorescencia (I). Natureza da fluorescencia. Absorción da luz. Estados excitados. Parámetros da fluorescencia.

22. Microscopía de fluorescencia (II). Compoñentes e esquema xeral dun microscopio de epifluorescencia. Fluoróforos. Factores que inflúen sobre fluoróforos. Aplicacións da microscopía de fluorescencia.

23. Fundamentos xerais da microscopía confocal. O microscopio láser de varrido confocal. Microscopios multifotones.

24. Compoñentes dun microscopio de varrido confocal. Láseres. Sistema de varrido. Sistema óptico. Detectores.

25. Fluoróforos para a microscopía láser confocal. Características. Fotodestrución. Axentes protectores da fluorescencia. Tipos de marcaxes.

26. Aplicacións do microscopio láser confocal en bioloxía (I). Adquisicións de imaxes de fluorescencia confocales. Marcaxes múltiples e estudos de colocalización.

27. Aplicacións do microscopio láser confocal en bioloxía (II). Experimentos secuenciais. Técnicas de transferencia de enerxía entre fluoróforos (FRET). Experimentos de recuperación da fluorescencia posterior ao fotoblanqueo (FRAP).

28. Preparación de mostras biolóxicas para a súa observación no microscopio láser confocal. Aplicacións e limitacións da técnica.

29. Fundamentos xerais da microscopía confocal para mostras de materiais. Aplicacións: medidas en Z, medidas de rugosidades, determinación de volumes e topografías estendidas.

30. Microscopio confocal interferométrico. Fundamentos e aplicacións. Requisitos das mostras. Operacións básicas. Grosores de capas. Optimización de medidas.

31. Fundamentos xerais da microscopía electrónica. Tipos de microscopios electrónicos.

32. O microscopio electrónico de transmisión (I). Compoñentes da columna dun TEM. Canón de electróns. Sistema de lentes condensadoras. Aperturas. Sistemas correctores do astigmatismo.

33. O microscopio electrónico de transmisión (II). Cámara portamostras. Tipos de inxectores portamostras. Sistema de lentes para formación da imaxe: lentes obxectivas, lentes intermedias e lentes proxectoras. Aperturas. Cámara de observación.

34. O microscopio electrónico de transmisión (III). Sistemas sen carga. Tipos de bombas sen carga. Tipos de válvulas. Medidores sen carga. Sistema eléctrico.

35. O microscopio electrónico de transmisión (IV). Interacción do feixe de electróns coa mostra e sinais no TEM. Electróns transmitidos, electróns absorbidos e outros sinais. Intervalo e volume da excitación primaria.

36. Formación da imaxe nun microscopio electrónico de transmisión. Contraste. Campo claro e campo escuro. Factores que afectan a resolución da imaxe. Tipos de imaxes. Micrografías. Imaxes dixitalizadas. Cámaras.

37. Microscopía electrónica de transmisión de alta resolución (I). Características. Tipos de portamostras: brazo analítico e brazo frío. Modos de operación. Utilización e acondicionamento da trampa de anticontaminación.

38. Microscopía electrónica de transmisión de alta resolución (II). Experimentos de difracción de electróns. Obtención de imaxes de resolución atómica. Microanálise de raios X. Unidade de semiSTEM.

39. Operacións básicas nun microscopio electrónico de transmisión. Aliñamento do canón. Substitución do filamento. Operacións rutineiras de mantemento.

40. Preparación de mostras biolóxicas para a súa observación en TEM (I). Obtención do material. Técnicas de fixación. Postfixación.

41. Preparación de mostras biolóxicas para a súa observación en TEM (II). Deshidratación. Inclusión en resinas. Tipos de resinas.

42. Preparación de mostras biolóxicas para a súa observación en TEM (III). Ultramicrotomía. Tipos de ultramicrotomos. Coitelas para ultramicrotomía. Preparación de reixas para TEM de mostras biolóxicas. Contrastado de material biolóxico en reixas. Tinción positiva. Tinción negativa.

43. Preparación de mostras biolóxicas para a súa observación en TEM (IV). Criotécnicas. Criofixación. Criosubstitución. Crioultramicrotomía. Criofractura. Aplicacións en técnicas de inmunocitoquímica.

44. Preparación de mostras de materiais para a súa observación en TEM (I) Cortadora de precisión. Cortadora de ultrasonidos para discos. Disc Punch. Pulidora cóncava. Adelgazador iónico.

45. Preparación de mostras de materiais para a súa observación en TEM (II) Ultramicrotomia. Crioultramicrotomo.

46. Técnicas analíticas no microscopio electrónico de transmisión (I). Fundamentos xerais do microanálise de raios X de enerxía dispersiva. Tipos de espectrómetros de raios X. Detectores. Procesamento dos sinais.

47. Técnicas analíticas no microscopio electrónico de transmisión (II). Preparación das mostras para o microanálise en TEM (especímenes biolóxicos e outros materiais). Aplicacións e limitacións do microanálise en TEM.

48. O microscopio electrónico de varrido (I). Compoñentes da columna dun SEM. Canón de electróns. Lentes electromagnéticas nun SEM. Aperturas. Sistemas correctores do astigmatismo.

49. O microscopio electrónico de varrido (II). Plataformas portamostras. Sistemas sen carga. Bombas sen carga. Válvulas. Sistema eléctrico.

50. Interacción do feixe de electróns coa mostra e sinais no microscopio electrónico de varrido. Electróns secundarios, electróns retrodispersados, electróns Auger, catodoluminiscencia e outros tipos de sinais. Intervalo e volume da excitación primaria.

51. Formación da imaxe no microscopio electrónico de varrido (I). Composición e topografía na imaxe. Magnificación. Factores que afectan a resolución da imaxe no SEM.

52. Formación da imaxe no microscopio electrónico de varrido (II). Detectores de sinais. Profundidade de campo. Resolución e diámetro do feixe de electróns. Procesado dos sinais.

53. Tipos de imaxes nun microscopio electrónico de varrido. Rexistro das imaxes. Monitores. Cámaras.

54. Operacións básicas nun microscopio electrónico de varrido. Aliñamento do canón. Substitución do filamento. Operacións rutineiras de mantemento.

55. Preparación de mostras biolóxicas para a observación no SEM (I). Obtención do material. Fixación. Deshidratación. Proceso de secado en punto crítico.

56. Preparación de mostras biolóxicas para a observación no SEM (II). Tipos de portamostras. Adhesivos. Recubrimentos: tipos e dispositivos.

57. Técnicas analíticas no microscopio electrónico de varrido (I). Fundamentos xerais do microanálise de raios X de enerxía dispersiva. Tipos de espectrómetros de raios X. Detectores. Procesamento dos sinais. Vantaxes e limitacións do microanálise en SEM.

58. Técnicas analíticas no microscopio electrónico de varrido (II). Preparación das mostras para o microanálise en SEM (especímenes biolóxicos e outros materiais). Aplicacións e limitacións do microanálise en SEM.

59. Microscopio electrónico de varrido de emisión de campo. Características. Aplicacións e limitacións da técnica.

60. Microscopios electrónicos de varrido ambientais e de presión variable. Aplicacións e limitacións de cada un deles.

61. Condicións xerais de instalación e mantemento dos diferentes tipos de microscopios electrónicos, ópticos e confocais.

62. Xestión da calidade. Integración dun Servizo de Microscopía dentro do Sistema de Calidade da UDC. Adaptación á norma UNE-EN-ISO 9001 da xestión de calidade.

63. Xestión documental: exixencias segundo a norma UNE-EN-ISO 9001. Documentación no laboratorio: instrucións e procedementos normalizados. Xestión da documentación e o seu ciclo de vida.

64. Retroalimentación do sistema de calidade: queixas, accións correctivas, auditorías. Procesos de mellora.

65. Prevención de riscos e seguridade nun servizo de microscopía (I). Produtos químicos empregados na preparación de mostras: formaldehído, glutaraldehído, tetróxido de osmio, citrato de chumbo, acetato de uranilo. Resinas. Nitróxeno líquido.

66. Prevención de riscos e seguridade nun servizo de microscopía (II). Equipos de protección colectiva: campás de extracción. Equipos de protección individual: protectores de ollos e cara, protectores cutáneos, protección respiratoria.

67. Prevención de riscos e seguridade nun servizo de microscopía (III). Eliminación e recuperación de residuos.

Nota: debe entenderse que este temario pode verse afectado polas modificacións normativas e lexislativas que puideren producirse ata a data de fin de presentación de solicitudes.

missing image file