Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Xoves, 14 de novembro de 2019 Páx. 48791

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Sanidade

ORDE do 4 de novembro de 2019 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión de postos de persoal directivo na Área Sanitaria de Ferrol.

De conformidade co establecido no artigo 121 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia (DOG núm. 143, do 24 de xullo), modificada pola Lei 1/2018, do 2 de abril, de saúde de Galicia (DOG núm. 68, do 9 de abril); no artigo 4, número 1.1, do Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 204, do 25 de outubro), e nos artigos 59 e 60 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG núm. 145, do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e en uso das atribucións conferidas a esta consellería,

DISPOÑO:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir na Área Sanitaria de Ferrol, polo sistema de libre designación, os postos de traballo que se indican no anexo I.

Segundo. As retribucións fixas dos postos ofertados serán as que correspondan de acordo coa normativa vixente sobre confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica. As retribucións variables serán percibidas en función do cumprimento dos obxectivos previamente pactados para cada posto directivo cos órganos competentes do Servizo Galego de Saúde.

Terceiro. As solicitudes para participar nesta convocatoria poderanse presentar no Rexistro Xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. As persoas interesadas deberán presentar, xunto co modelo de solicitude do anexo II, un curriculum vitae. Dentro do prazo da convocatoria, ademais, deberán rexistrar no seu expediente electrónico persoal (Fides/expedient-e) os seus datos persoais, requisitos e méritos, e acreditalos ante unha unidade de validación. O acceso ao expedient-e efectuarase a través da páxina web (www.sergas.es) na forma que se indica na Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente electrónico dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 92, do 15 de maio).

Quinto. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderanse declarar desertos os postos ofertados.

Sexto. Consonte os artigos 59 e 60 do citado Decreto 206/2005, o vínculo da persoa seleccionada formalizarase nun nomeamento de carácter administrativo para o persoal estatutario ou funcionario con vínculo de fixeza ao servizo de calquera Administración pública, pertencente ao grupo de clasificación que se corresponda co nivel académico que se require para cada posto directivo e que se especifica no anexo I. Noutro caso, nos supostos previstos nas alíneas a), b) e c) do artigo 60 citado, a vinculación da persoa seleccionada poderase formalizar mediante contrato laboral de alta dirección.

Sétimo. Contra esta presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Denominación do posto: subdirector/a de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía.

Titulación requirida: licenciado/a ou diplomado/a sanitario/a ou equivalente segundo o Espazo Europeo de Educación Superior.

Localidade: Ferrol.

Denominación do posto: subdirector/a de Prestación Farmacéutica.

Titulación requirida: licenciado/a ou diplomado/a sanitario/a ou equivalente segundo o Espazo Europeo de Educación Superior.

Localidade: Ferrol.

missing image file