Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Luns, 18 de novembro de 2019 Páx. 49027

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2019 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que modifica as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia (código de procedemento IG408B).

O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 7 de novembro de 2019, acordou modificar as bases reguladoras dos préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificación das bases reguladoras

Modificar as bases reguladoras de préstamos directos do Igape para o financiamento empresarial en Galicia, aprobadas por Resolución do 2 de xullo de 2019 (DOG nº 134, do 16 de xullo), nos seguintes aspectos:

a) Modificar no punto 1 do artigo 3, Conceptos de gasto financiables, a letra e) e engadir a letra f) para dar cobertura suficiente ao financiamento de pagamentos operativos, nos termos detallados no anexo á presente resolución.

b) Incluír no anexo I das bases reguladoras, Modalidades de préstamos, o punto 1.4 Préstamos para financiar a operativa da industria auxiliar naval, detallado no anexo á presente resolución, e convocar os ditos préstamos en réxime de concorrencia non competitiva (procedemento IG408B).

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes dos Préstamos para financiar a operativa da industria auxiliar naval

O prazo de presentación de solicitudes da liña de préstamos directos do Igape Préstamos para financiar a operativa da industria auxiliar naval comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 32 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro).

b) O 31 de decembro de 2019.

Terceiro. Dotación orzamentaria

Establécese a liña de préstamos directos do Igape Préstamos para financiar a operativa da industria auxiliar naval, polo importe máximo indicado a seguir, que se establece conxuntamente coas restantes liñas de préstamos convocadas por Resolución do 2 de xullo de 2019 (DOG nº 134, do 16 de xullo).

Partida orzamentaria

Ano 2019

Ano 2020

09.A1-741A-8310

10.000.000 euros

8.000.000 euros

Cuarto. Prazos de duración do procedemento

O prazo máximo para resolver e notificar o acordo de concesión/denegación dos préstamos directos do Igape Préstamos para financiar a operativa da industria auxiliar naval, será de cinco meses desde a recepción no Rexistro do Igape da solicitude de préstamo.

Quinto. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicada á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sexto. Contido da convocatoria

Os requisitos das letras c), e), f), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases reguladoras dos préstamos directos do Igape para o financiamento empresarial en Galicia, publicadas por Resolución do 2 de xullo de 2019 (DOG nº 134, do 16 de xullo), e que se modifican parcialmente nesta resolución.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2019

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Modificación das bases reguladoras de préstamos directos do Igape
para o financiamento empresarial en Galicia

A. Modificación do punto 1 do artigo 3 das bases reguladoras.

Modifícase a letra e), que pasa a ter a seguinte redacción:

«e) Salvo nos conceptos recollidos na letra f) seguinte, exclúense impostos, taxas e arbitrios, a excepción do IVE cando non sexa recuperable».

Engádese a letra f):

«f) Pagamentos operativos, entendendo como tales o pagamento de gastos correntes, pagamentos a provedores, acredores por subministracións e prestación de servizos, gastos de persoal e seguridade social, reparacións e conservación, e pagamento de impostos, aínda cando este pagamento non teñan a consideración de gasto do exercicio (tales como os pagos de liquidacións de IVE e retencións). Admitirase tamén o pagamento ou refinanciamento de débedas bancarias vencidas, sempre e cando estas proveñan do desconto comercial ou anticipo de facturas, efectos e/ou contratos de clientes por vendas ou prestación de servizos».

B. Inclusión dunha nova liña de préstamo nas modalidades recollidas no anexo I das bases reguladoras.

Modifícase o anexo I Modalidades de préstamos das bases reguladoras dos préstamos directos do Igape para o financiamento empresarial en Galicia, publicadas mediante a Resolución do 2 de xullo de 2019 (DOG nº 134, do 16 de xullo), incluíndo o punto 1.4 seguinte:

1.4. Préstamos para financiar a operativa da industria auxiliar naval.

A) Obxecto.

Apoiar financeiramente a empresas que desenvolven actividades no sector da industria auxiliar da construción naval, para permitirlles financiar a longo prazo pagamentos operativos, e así dispoñer dun fondo de manobra suficiente para afrontar posibles atrasos nos cobramentos dos seus clientes.

B) Requisitos específicos dos beneficiarios.

Os establecidos no artigo 1 das bases reguladoras, incluíndo persoas físicas, agrupacións, sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do citado artigo, e que subministren bens ou servizos a empresas do sector da construción naval (CNAE 301).

C) Requisitos específicos dos conceptos que se van financiar.

Os conceptos que se van financiar co préstamo serán os previstos no punto f) do número 1 do artigo 3 das bases reguladoras, incluíndo pagamento de gastos correntes, pagamentos a provedores, acredores por subministracións e prestación de servizos, gastos de persoal e seguridade social, reparacións e conservación, e pagamento de impostos, aínda cando este pagamento non teña a consideración de gasto do exercicio (tales como liquidacións de IVA e retencións). Admitirase o pagamento de débedas bancarias vencidas sempre e cando estas proveñan do desconto comercial ou anticipo de facturas, efectos e/ou contratos de clientes do sector da construción naval.

A contía financiable será calculada pola solicitante de forma razoada na memoria que deberá presentar xunto coa solicitude, con base nas necesidades financeiras estimadas para a operativa empresarial. O Igape poderá reducir o importe solicitado no caso de non considerar a dita contía suficientemente motivada, con base na análise dos estados financeiros da solicitante.

D) Condicións do produto financeiro.

D.1) Importes mínimo e máximo.

O importe mínimo do préstamo será de 50.000 euros e o máximo de 1.000.000 de euros, e deberá ser aplicado exclusivamente ao pagamento dos conceptos indicados no punto C) anterior.

O importe do préstamo non poderá superar, no momento da solicitude, un importe equivalente á suma dos saldos facturados pendentes de cobramento de clientes do sector de construción naval (CNAE 301), mais os traballos realizados ou en curso pendentes de facturar a empresas do dito sector. O Igape poderá contrastar a realidade destes dereitos de cobramento declarados pola solicitante, mediante circularización aos clientes, e reducir o importe financiable no caso de non obter conformidade expresa dos terceiros.

Os clientes do sector naval computados para estes efectos, non poderán ser empresas vinculadas á sociedade solicitante nin aos seus socios e administradores.

D.2) Prazos de amortización e de carencia.

O prazo de devolución dos préstamos será de 5 anos, incluíndo 2 de carencia na amortización de principal.

D.3) Tipo de xuro e axuda implícita.

D.3.a) Tipo de xuro ordinario.

O capital disposto e non amortizado do préstamo devindicará diariamente, contando desde a disposición dos fondos e ata que transcorra o prazo de vixencia do préstamo, un xuro nominal fixo que se liquidará e pagará con periodicidade trimestral e con carácter vencido, o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada a amortización de principal salvo no período de carencia.

Para cada unha das disposicións, no período comprendido desde a data da disposición do préstamo ata o último día do primeiro trimestre natural seguinte á disposición, o importe absoluto dos xuros deivindicados calcularase segundo a seguinte fórmula:

(C × R × T)/36000

Onde C = Capital, R = tipo de xuro nominal anual a pagar trimestralmente expresado en puntos porcentuais, e T = número de días naturais comprendidos entre a data de disposición e o último día do trimestre natural.

Nos restantes períodos trimestrais completos de xuros, o importe absoluto dos xuros deivindicados calcularase aplicando a seguinte fórmula:

(C × R)/400

Onde C = Capital, R = tipo de xuro nominal anual expresado en puntos porcentuais.

O tipo de xuro nominal anual determinarase para toda a vida do préstamo no momento da concesión, resultado de sumar:

– Tipo de referencia: será a media do Euribor a 1 ano do mes anterior á data da proposta de resolución da concesión do préstamo.

– Marxe adicional: será de 2 puntos porcentuais. Se o resultado da subvención implícita no préstamo, obtida aplicando os criterios recollido no anexo III, supera o límite de axuda de minimis, incrementarase a marxe adicional para diminuír a vantaxe financeira respecto ao mercado ata cumprir este límite.

O tipo de xuro será do 0 % cando resulte negativo.

D.3.b) Tipo de xuro de mora.

Sen prexuízo do dereito de resolución do préstamo, en caso de atraso no pagamento dalgunha das sumas debidas en virtude deste contrato, o prestameiro incorrerá de pleno dereito en mora sen necesidade de requirimento previo e virá obrigado a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis 6 puntos porcentuais anuais. Os ditos xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento trimestral de xuros.

D.3.c) Axuda implícita.

Con carácter xeral, os préstamos desta modalidade incluirán unha axuda implícita determinada conforme o anexo III das bases reguladoras.

D.4) Plan de amortización.

Unha vez finalizado o período de carencia, o reintegro do préstamo realizarase en cotas trimestrais vencidas, o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada ao pagamento de xuros. O plan de amortización será calculado polo Igape e incorporarase á resolución de concesión. Para o cálculo do plan de amortización utilizarase o sistema de amortización francés, de forma que a carga para afrontar polo beneficiario, resultante de sumar os xuros e as amortizacións para pagar ao trimestre polo beneficiario, se manteña constante durante toda a vida do préstamo tras a carencia.

D.5) Garantías.

Con carácter xeral, para esta modalidade de préstamos non se exixirán garantías adicionais á responsabilidade universal da prestameira.

E) Documentación específica que hai que presentar coa solicitude.

Ademais da documentación sinalada no artigo 7.2, deberá presentarse xunto á solicitude:

1º. Declaración responsable con relación nominal de clientes empresas do sector da construción naval non vinculadas, nas cales se indique, para cada cliente e referido á data de solicitude do préstamo:

– Cadro resumo das facturas emitidas pendentes de cobramento, achegando a súa copia.

– Cadro resumo de facturas pendentes de emitir, por traballos realizados ou en curso, xuntando copia de contratos no seu caso.

2º. Memoria do proxecto, que desenvolverá o seguinte contido:

i) Antecedentes da empresa e dos seus promotores: historial, principais fitos na evolución da empresa, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade tecnolóxica da entidade (recursos humanos, técnicos e económicos, patentes I+D+i), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).

ii) Descrición dos aprovisionamentos, do proceso produtivo e do comercial. Orixe dos aprovisionamentos, principais provedores, mercado actual (tamaño, características, competencia etc.) e potencial. Análise comercial do produto. Describir expresamente os bens e servizos subministrados a empresas do sector da construción naval, traxectoria neste sector, historial de quebrantos causados procesos concursais de clientes deste sector.

iii) Cuantificación das necesidades financeiras para a operativa empresarial. Causas xustificadas da necesidade de financiar a operativa da empresa.

iv) Cadro de persoal, traballadores nos centros de traballo en Galicia, describindo funcións. Expectativas de mantemento de emprego. Relación de expedientes de regulación de emprego en vigor e presentados nos últimos 12 meses, describindo o seu contido e o número de traballadores afectados.

F) Criterios específicos de avaliación.

Considérase que todos os proxectos co obxecto descrito na letra A) deste anexo son de interese para Galicia polo seu impacto no sector industrial e a súa importancia social, polo que non se establecen criterios específicos de avaliación que poidan supoñer a denegación dos préstamos que superen os limiares de cualificación de risco de crédito establecidos no anexo IV.

G) Non serán aplicables as referencias das bases reguladoras aprobadas mediante Resolución do 2 de xullo de 2019 que entren en contradición con esta liña de préstamos.

C. Modifícase o anexo VI.1 das bases reguladoras publicadas mediante Resolución do 2 de xullo de 2019 (DOG nº 134, do 16 de xullo).

missing image file
missing image file
missing image file