Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 22 de novembro de 2019 Páx. 49718

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 8 novembro de 2019, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se publica o crédito, para o exercicio 2019, das axudas recollidas na Orde do 22 de maio de 2018 pola que se ditan, con carácter permanente, normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas.

Mediante a Orde do 22 de maio de 2018 (DOG nº 108, do 7 de xuño), dítanse, con carácter permanente, as normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro (BOE do 29 de xaneiro), polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas.

As subvencións reguladas pola dita orde, segundo o establecido no seu artigo 1, están destinadas a facilitar unha cobertura económica a persoas traballadoras próximas á idade de xubilación para atender situacións de urxencia e necesidade sociolaboral, que permitan paliar as consecuencias sociais derivadas dos procesos de reestruturación de empresas que poidan comportar o cesamento total ou parcial da actividade destas ou contribúan ao mantemento do emprego.

En todo o non establecido na referida Orde do 22 de maio de 2018 observarase o disposto no Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, que no seu artigo 3 establece os requisitos e condicións que deben cumprir as persoas beneficiarias das axudas previas á xubilación ordinaria, que deberán ser persoas traballadoras despedidas de acordo cos artigos 51 e 52.c) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

Para a Comunidade Autónoma de Galicia, os órganos de instrución e resolución son os establecidos nos artigos 16 e 23, respectivamente, da Orde do 22 de maio de 2018. Por outra banda, o procedemento será o establecido nos títulos I, II e III da referida orde e as solicitudes presentaranse segundo o disposto no seu artigo 17.

Contra as resolucións que se diten, que poñen fin á vía administrativa, ou contra as desestimacións por silencio administrativo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpoñer recurso potestativo de reposición de acordo co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para levar a cabo a concesión destas axudas non é necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007.

O financiamento destas axudas recóllese no artigo 24 da Orde do 22 de maio de 2018 e, na parte correspondente á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido no artigo 18 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, para as comunidades autónomas que xestionan estas axudas o dito financiamento realizarase con cargo ao orzamento xeral do Estado para cada ano e será a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos laborais a que establecerá os criterios obxectivos para a súa distribución territorial, polo que este financiamento terá a consideración de fondos finalistas. O crédito que se estableza inicialmente cada ano poderá ser obxecto de modificacións, segundo o establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de subvencións do ámbito laboral, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

Por todo isto, segundo o establecido na disposición derradeira primeira da referida Orde do 22 de maio de 2018 pola que se faculta a persoa titular do órgano competente en materia de emprego para que dite, no ámbito da súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde, así como para a convocatoria anual das ditas axudas,

RESOLVO:

Publicar, para o exercicio de 2019, o crédito das axudas establecidas na Orde do 22 de maio de 2018 (DOG nº 108, do 7 de xuño) pola que se ditan, con carácter permanente, as normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro (BOE do 29 de xaneiro), polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas, por importe de 347.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.324A.470.0, código de proxecto 2015/00508.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2019

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego