Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procédese a publicar no Diario Oficial de Galicia o encargo á empresa pública Tragsatec, Tecnoloxía e Servizos Agrarios, S.A., como medio propio personificado e servizo técnico, a realización das actuacións necesarias para a obtención da autorización para a utilización das helisuperficies de determinados hospitais dependentes do Servizo Galego de Saúde.
Para xeral coñecemento, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.
ANEXO
Resolución pola que se encarga á empresa pública Tragsatec, Tecnoloxía e Servizos Agrarios, S.A., como medio propio personificado e servizo técnico, a realización das actuacións necesarias para a obtención da autorización para a utilización das helisuperficies de determinados hospitais dependentes do Servizo Galego de Saúde
Primeiro
Mediante a Resolución do presidente do Servizo Galego de Saúde do 18 de novembro de 2019 acordouse encargar á empresa pública Tragsatec, Tecnoloxía e Servizos Agrarios, S.A., como medio propio personificado e servizo técnico, a realización das actuacións necesarias para a obtención da autorización para a utilización das helisuperficies de determinados hospitais dependentes do Servizo Galego de Saúde, e establecéronse as condicións para a realización das actividades encomendadas.
A disposición adicional vixésimo cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, establece que Tragsa e a súa filial Tragsatec terán a consideración de medios propios personificados e servizos técnicos da Administración sempre que se cumpran os requisitos establecidos no punto 2º da letra d) do punto 2 do artigo 32, e nas letras a) e b) do punto 4 do mesmo artigo, e virán obrigadas a realizar, con carácter exclusivo, os traballos que estes lles encomenden nas materias sinaladas nos puntos 4 e 5, dando unha especial prioridade a aqueles que sexan urxentes ou que se ordenen como consecuencia das situacións de emerxencia que se declaren.
As relacións de Tragsatec cos poderes adxudicadores, dos que son medios propios instrumentais e servizos técnicos, teñen natureza instrumental e non contractual, articulándose a través de encargos dos previstos no artigo 32 desta lei, polo que, a todos os efectos, son de carácter interno, dependente e subordinado.
De conformidade co anterior, resulta de aplicación o artigo 32 da citada Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, por canto regula os encargos dos poderes adxudicadores a medios propios personificados, establecendo que os poderes adxudicadores poderán organizarse executando de maneira directa prestacións propias dos contratos de obras, subministracións, servizos, concesión de obras e concesión de servizos, a cambio dunha compensación tarifaria, valéndose doutra persoa xurídica distinta a eles, ben sexa de dereito público ou de dereito privado, logo de encargo a esta, con suxeición ao disposto neste artigo, sempre e cando a persoa xurídica que utilicen mereza a cualificación xurídica de medio propio personificado respecto deles de conformidade co disposto nos tres apartados seguintes, e sen prexuízo dos requisitos establecidos para os medios propios do ámbito estatal na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.
O encargo que cumpra os ditos requisitos non terá a consideración de contrato.
Segundo. Actividades a que se refire
O obxecto do encargo é levar a cabo as actividades necesarias para a obtención da autorización para a utilización das helisuperficies dos hospitais dependentes do Servizo Galego de Saúde que se relacionan a continuación:
– H. Clínico Universitario de Santiago de Compostela.
– H. Provincial de Conxo (Santiago de Compostela).
– H. do Barbanza (Ribeira).
– H. Virxe da Xunqueira (Cee).
– H. Naval de Ferrol.
– H. Lucus Augusti (Lugo).
– H. Piñor (Ourense).
– H. Nosa Señora do Cristal (Ourense).
Terceiro. Natureza e alcance da xestión
A actuación da empresa pública Tragsatec realizarase en catro fases, que comprenderán as seguintes actuacións:
– Fase 1: tramitación da certificación de compatibilidade do espazo aéreo ante a Dirección General de Aviación Civil. Tramitación da solicitude de autorización de heliporto eventual.
– Fase 2: solicitude de exención do trámite ambiental.
– Fase 3: realización do estudo técnico e obtención da autorización de funcionamento.
– Fase 4: autorización de apertura ao tráfico unha vez realizadas polos respectivos hospitais as obras que a autoridade competente considere convenientes.
Cuarto. Prazo de vixencia
O presente encargo terá una vixencia de dous anos a partir da súa sinatura. Poderán ser acordadas as prórrogas do prazo de execución que sexan necesarias sempre e cando estean xustificadas as causas do atraso e sen que supoñan en ningún caso incremento do importe total do encargo.
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2019
Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente do Servizo Galego de Saúde