Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Luns, 2 de decembro de 2019 Páx. 51407

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario da categoría de técnico/a superior en prevención de riscos laborais.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 29 de novembro de 2017 (DOG núm. 228, do 30 de novembro), convocouse concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario de xestión e servizos.

Mediante a Resolución do 11 de decembro de 2017 (DOG núm. 243, do 26 de decembro) convocouse concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario licenciado sanitario de atención primaria, sanitario diplomado e de formación profesional.

Mediante a Resolución do 29 de novembro de 2018 (DOG núm. 234, do 10 de decembro) convocouse concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario das categorías de facultativo/a especialista de área, médico/a de urxencias hospitalarias, médico/a de admisión e documentación clínica, médico/a asistencial do 061 e técnico/a en farmacia.

Coa finalidade de estender o procedemento de concurso de traslados aberto e permanente a todas as categorías e así facer efectivo o dereito á mobilidade voluntaria do persoal estatutario fixo recoñecido no artigo 17 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, pola que se aproba o Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, favorecer a conciliación da vida laboral e familiar e acadar un mellor desenvolvemento profesional, esta dirección xeral, en virtude das facultades conferidas polo Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 208, do 31 de outubro), e o artigo 4 da Orde do 5 de xullo de 2012 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 139, do 20 de xullo), logo de negociación das bases no seo da Mesa Sectorial de Sanidade, coa aprobación das organizacións sindicais CIG, CESM-O´MEGA, CC.OO., CSIF e SATSE,

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a convocatoria de concurso de traslados para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario da categoría de técnico/a superior en prevención de riscos laborais.

Esta convocatoria manterá a súa vixencia no tempo, cunha oferta de prazas e adxudicación de destinos que terán unha periodicidade mínima anual e serán publicadas, ambas as resolucións, no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Segundo. A solicitude de participación no concurso deberase efectuar a través da oficina virtual do profesional (Fides/expedient-e/Sección de Procesos), dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario electrónico de inscrición e deberase presentar por rexistro electrónico.

Terceiro. As persoas interesadas poderán presentar a solicitude de participación en calquera momento, sen suxeición a prazo, desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

En cada ciclo anual de adxudicación incluiranse as solicitudes de participación e petición de destinos que consten rexistradas en Fides/expedient-e e formalmente presentadas ata o 15 de xaneiro do respectivo ano.

Cuarto. Serán de aplicación a este proceso as bases aprobadas pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 20 de novembro de 2017 (DOG núm. 227, do 29 de novembro), e o baremo das categorías de persoal de xestión e servizos, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 231, do 2 de decembro de 2014.

Quinto. Para efectuar as consultas e resolver as dúbidas que xurdan en relación a este procedemento, habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico:

concurso.traslados@sergas.es

Sexto. Contra esta Resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2019

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos