Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Luns, 2 de decembro de 2019 Páx. 51301

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 5 de novembro de 2019 de aprobación definitiva da modificación puntual número 19 das Normas subsidiarias de planeamento municipal de Vilanova de Arousa relativa á modificación da ordenanza 2 de solo urbano de edificación pechada.

O Concello de Vilanova de Arousa remite a documentación relativa á modificación puntual nº 19 das Normas subsidiarias de planeamento municipal para a súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e os artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Analizada a documentación achegada, con dilixencia de ter sido aprobada provisionalmente por acordo do Pleno en sesión do día 13.12.2018, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Vilanova de Arousa conta cunhas Normas subsidiarias de planeamento (NNSSP) aprobadas definitivamente o 14.3.1997 e publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 28.5.1997 e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOP) do 5.5.1997.

I.2. Mediante a Resolución do 25 de agosto de 2016, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico desta modificación puntual (MP) (DOG do 27 de setembro de 2016, expediente 2016AAE1896 e código 1804/2016) resolvendo non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

I.3. Constan informe técnico municipal do 20.3.2017, informe xurídico do 20.3.2017 e informe do secretario municipal do 20.3.2017.

I.4. A modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Pleno municipal do 27.3.2017, e expúxose ao público polo prazo de dous meses, mediante publicación no DOG do 26.4.2017 e no Faro de Vigo do 4.4.2017. Consta certificado, asinado polo secretario o día 19.7.2017, das alegacións achegadas nese prazo.

I.5. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG, foron solicitados informes sectoriais á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en materia de residuos (consta informe do 3.5.2017), Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (informes do 11.5.2017 e do 14.6.2019, solicitado polo concello), Axencia Galega de Infraestruturas (informe do 6.6.2017), Instituto de Estudos do Territorio (informe do 13.7.2017) e Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (consta informe do 2.5.2017). Na data do 14.1.2019 foi emitido informe pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Non foi recibida contestación á solicitude de informe de Augas de Galicia.

Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Caldas de Reis, Cambados, Meis, Portas, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa, sen que se recibise a resposta.

I.6. O Concello solicitou informes sectoriais á Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar (constan informes de 19.6.2017, 6.6.2018 e 6.6.2019), subdelegación do Goberno (informe da Unidade de Estradas do Estado en Pontevedra e do Servizo Provincial de Costas); Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital (informe da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do 28.4.2017 e da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 12.6.2017); Portos de Galicia (informe do 3.5.2019); Deputación de Pontevedra (acordo da Xunta de Goberno do 29.3.2019) e Dirección Xeral de Defensa do Monte (consta informe do 8.3.2019).

I.7. Consta o informe técnico municipal favorable do día 5.12.2018, o informe xurídico do día 22.11.2018 e o informe do secretario do día 5.12.2018.

I.8. O Pleno do Concello aproba provisionalmente esta modificación puntual en sesión celebrada o día 13.12.2019.

I.9. O Concello de Vilanova de Arousa achega o documento aprobado provisionalmente, segundo o establecido no artigo 60 da LSG, e dá resposta aos requirimentos de documentación complementaria realizados.

II. Obxecto da modificación puntual.

O obxecto da modificación puntual consiste en alterar as condicións urbanísticas de aplicación da ordenanza 2 nas zonas de transición entre o solo urbano e o solo rústico, reflectidas nos planos de ordenación co código 2b, para favorecer o mantemento, rehabilitación ou renovación das edificacións existentes de carácter tradicional e compatibilizar este mantemento coa edificación de novas construcións que se realicen con base na aplicación xeral da ordenanza zonal.

III. Análise e consideracións.

III.1. As razóns de interese público exixidas no artigo 83.1 da LSG para a modificación do planeamento urbanístico xustifícanse con base no interese xeral da protección e posta en valor do patrimonio construído.

III.2. Nos informes sectoriais solicitados non se manifestaron obxeccións ao documento da MP, salvo os condicionados que se inclúen nos seguintes informes:

– Informe de 14.4.2019 emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, favorable, que require incluír no catálogo das NSPM o hórreo existente na avenida González Besada e os cruceiros da avenida González Besada e da rúa Rosalía de Castro, sinalando o seu carácter de BIC, de ser o caso.

– Informe do 6.6.2019 emitido pola Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, favorable á MP, sempre e cando se representen as servidumes de tránsito, accesos ao mar e a zona de influencia; se emende a errata contida no número 8.2 da memoria, se axuste a aliñación interior da edificación que invade a servidume de protección no extremo leste da avenida González Besada, e se faga constar expresamente que as construcións afectadas pola zona de influencia deberán adaptar ao establecido na lexislación urbanística evitando a formación de pantallas arquitectónicas ou a acumulación de volumes. En todo caso, o instrumento de planeamento aprobado definitivamente, unha vez incorporadas as consideracións sinaladas, debe remitirse de novo a esa dirección xeral para a súa comprobación e constancia.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica desa consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 19 das Normas subsidiarias de planeamento municipal de Vilanova de Arousa, condicionada ao cumprimento das condicións sinaladas nos informes sectoriais que se recollen no punto III.2 anteriores e á súa remisión á Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar para a súa comprobación e constancia.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP do PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4º. Notifíquese esta orde ao Concello.

5º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda