Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Martes, 3 de decembro de 2019 Páx. 51542

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 28 de novembro de 2019 pola que se fai público o incremento do crédito das axudas previstas na Orde do 29 de maio de 2019 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2019/20.

A Orde do 29 de maio de 2019 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2019/20, establece, no seu artigo 2, que as axudas que se establecen no seu articulado se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.1. Trátase dun gasto plurianual distribuído en dúas anualidades; correspondendo 1.268.800 euros á parte do curso 2019/20 que se desenvolve en 2019 e 2.220.400 euros á que se desenvolve en 2020.

A devandita orde establece ademais, de acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que, excepcionalmente, se poderá ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Dado que o crédito previsto na Orde do 29 de maio de 2019 non resultou suficiente para atender todas as solicitudes recibidas e que existe crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.1 que cumpre os requisitos establecidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, parece oportuno incrementar o importe destinado á dotación orzamentaria consignada na orde de convocatoria mencionada, en liña cun dos obxectivos do Programa de apoio á natalidade posto en marcha pola Xunta de Galicia que é facilitar á cidadanía o acceso a recursos de educación infantil de calidade dado que constitúen un piar esencial para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas

RESOLVO:

Artigo único. Incremento dos créditos

Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 29 de maio de 2019 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos, a través do programa Bono concilia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2019/20. O importe total do dito incremento, que se realizará na aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.1, é de 1.138.500 euros, distribuído en dúas anualidades; corresponden 414.000 euros á parte do curso 2019/20 que se desenvolve en 2019 e 724.500 euros á que se desenvolve en 2020.

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social