Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Martes, 3 de decembro de 2019 Páx. 51546

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2019 pola que se convoca a xornada Ciberseguridade e delitos informáticos.

A Academia Galega de Seguridade Pública anuncia a convocatoria da xornada Ciberseguridade e delitos informáticos en colaboración co Sindicato Unificado de Policía (SUP), de acordo coas seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: Ciberseguridade e delitos informáticos.

Tipo: xornada.

Edicións: 1.

Horas lectivas: 4.

Modalidade: presencial.

Contido:

Ciberguerra: aspectos xeopolíticos do ciberespazo.

Ciberbulling: acoso ciberespacial.

Ciberseguridade en teléfonos móbiles.

Ciberseguridade en mensaxarías e redes sociais.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatario/as.

Policia local, Garda civil, policía nacional, UPA, protección civil, e público interesado en xeral.

Prazas ofertadas.

Limitado ao aforo máximo.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar na xornada convocada nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal. A non presentación da solicitude motivada implicará a exclusión do proceso.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación terminará o día 12 de decembro de 2019.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden atopar no enderezo da internet http://agasp.xunta.gal.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet dispoñerase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax 886 20 61 22 ou dirección de correo electrónico formacion.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección.

Exclusivamente por orde de inscrición.

Listaxe de solicitudes seleccionadas.

O día 13 de decembro de 2019 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.egal, as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: salón de actos da Agasp.

Data: 17 de decembro de 2019.

Horario: 9.00 a 13.30 horas.

Certificado de asistencia.

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de asistencia a todas aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a esta.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir a actividade formativa, ampliar novas edicións dela ou suspendela temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización, realización ou docencia.

A Estrada, 25 de novembro de 2019

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública