Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Xoves, 5 de decembro de 2019 Páx. 51923

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT402D).

A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no artigo 3 determina que a Agadic ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables. O artigo 5.1 da Lei 4/2008 establece que unha das funcións da Agadic é a de promover a distribución dos produtos culturais do noso país, fomentando a creación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados, e o artigo 5.2 establece que a Agadic poderá, para o logro dos seus obxectivos, conceder subvencións.

A través da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega, a Agadic ten como obxectivo consolidar o tecido industrial cultural galego e convertelo nun tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentando a creación, a demanda e a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, aumentando o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere cumprir co establecido no artigo 5 da Lei 4/2008, en consonancia cos seus obxectivos e fins, a Agadic exercerá as seguintes funcións:

«c) Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais.

f) Fomentar a creación, o mantemento e a utilización de infraestruturas e equipamentos por parte dos axentes culturais, en especial o impulso de centros que faciliten o acceso á cultura dos cidadáns e cidadás».

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, apróbase a convocatoria pública de subvencións a salas de artes escénicas de carácter privado para o exercicio 2019, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto establecer e aprobar as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións establecidas pola Agadic para o fomento da estabilidade e consolidación das salas de artes escénicas de titularidade privada e para o desenvolvemento das súas programacións artísticas de carácter profesional e aprobar a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT402D).

Segunda. Procedemento de concesión e principios de xestión

1. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para o mesmo proxecto, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, pero incompatibles con outras para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura e Turismo ou calquera organismo dependente. No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente á execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o 100 % do custo do evento.

4. Nos anexos da presente resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polos solicitantes.

5. A xestión destas subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

6. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na presente resolución aprobatoria das bases de subvencións a salas de artes escénicas para o ano 2020; á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais e demais normativa de xeral aplicación.

7. Sobre estas bases poderase obter información na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic): http://www.agadic.gal, especialmente no que atinxe ás obrigas e ás exixencias establecidas pola Agadic en materia de programación.

Terceira. Persoas beneficiarias da subvención

1. Poderán acceder ás axudas as persoas físicas (autónomas) e xurídicas xestoras de salas de artes escénicas de titularidade privada con capacidade igual ou inferior a 150 localidades, que presenten un proxecto de programación artística para o ano 2020, debendo probar a dispoñibilidade da sala mediante copia de escritura, contrato de aluguer ou calquera documento válido en dereito, así como estar en posesión da licenza de apertura para a cal solicita a axuda e que realizasen un mínimo de 60 representacións no ano 2019.

2. Poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades enumeradas no parágrafo anterior, que se atopen na situación que fundamenta a concesión da subvención e concorran as circunstancias previstas na presente convocatoria.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

4. Exclúense salas cuxa titularidade pertenza a asociacións ou outras entidades sen ánimo de lucro.

Cuarta. Procedemento, créditos, contías e límites

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase polo procedemento ordinario e en réxime de concorrencia competitiva.

2. O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2019 poderase chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se producirán aqueles.

3. O financiamento destas axudas nesta convocatoria realizarase en todo caso en función das dispoñibilidades orzamentarias, destinándose un crédito global de 150.000 euros, das aplicacións orzamentarias 11.A1.432B.470, de 75.000 euros, que financiarán os gastos de funcionamento da sala (alugamentos, subministracións, gastos correntes e de servizos, seguros, gastos de xestoría, gastos do persoal contratado, gastos financeiros do artigo 29.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia cun límite global do 40 % do gasto total do proxecto) e 11.A1.432B.770.0, de 75.000 euros do código de proxecto 2015-00003, que financiarán os gastos de investimentos vinculados á programación.

4. Concederase unha dotación unitaria máxima de 60.000 euros por entidade beneficiaria co límite do 75 % do orzamento do proxecto presentado (anexo III: plan económico financeiro).

Quinta. Inicio do procedemento: solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Estas bases, así como a guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

3. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento, deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada disponible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sexta. Prazo de presentación das solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reúnen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o fixer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Sétima. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Ademais da solicitude (anexo I) publicado xunto coa presente convocatoria, as persoas interesadas nesta subvención presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

– Se a persoa solicitante é persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

– Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.

– Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

2. As persoas solicitantes deberán presentar a seguinte documentación complementaria:

– Copia da escritura de propiedade, contrato de alugamento ou outros documentos válidos en dereito que amose a dispoñibilidade da sala por parte do solicitante.

– Licenza de apertura do espazo.

– Contratos laborais do persoal vinculado ao proxecto.

– Plan de comunicación e xestión de públicos coa explicación detallada dos obxectivos, das accións previstas para a fidelización de público e as accións previstas para a formación e captación de novos públicos.

– Ficha do proxecto de programación (anexo II).

– Plan económico financeiro (anexo III).

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación deberá presentarse por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se alguna das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de forma presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Oitava. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento destas axudas consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Tributaria Galega.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Novena. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) o texto da convocatoria anual e a información requirida no ordinal oitavo do artigo 20. A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Décima. Instrución do procedemento e avaliación das solicitudes

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

a) Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

b) Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

c) Formular a proposta de resolución, debidamente motivada, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico correspondente a cada unha delas unha vez entregado o informe por parte da Comisión de Avaliación.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir datos, información complementaria ou aclaratoria necesaria ás persoas interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura e Turismo ou aos profesionais ou expertos consultados para as xestións das solicitudes.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que derivasen destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

Décimo primeira. Comisión de Avaliación e criterios de valoración

1. A Comisión de Avaliación será nomeada pola persoa titular da Dirección da Agadic e estará constituída por:

a) Dúas persoas do cadro de persoal da Agadic, unha das cales asumirá a presidencia.

b) Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, sen dereito a voto, que fará as funcións de secretario/a.

A condición de vogal da Comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso.

2. Na concesión das subvencións seguirase un procedemento de concorrencia competitiva no cal a Comisión de Avaliación emitirá un informe motivado relacionando os proxectos examinados por orde de prelación e indicará a puntuación asignada a cada un deles, segundo os criterios de avaliación establecidos na presente convocatoria, facendo unha proposta dos que se consideran subvencionables. A asignación das contías farase en proporción á puntuación recibida e ao orzamento solicitado, sen exceder os límites establecidos.

3. Os criterios xerais de valoración serán os seguintes:

1) Antigüidade da empresa como xestora da sala para a cal solicita axuda: 4 puntos.

– De 2 a 5 anos: 1 punto.

– De 6 a 10 anos: 2 puntos.

– Máis de 10 anos: 4 puntos.

2) Capacidade da sala: 2 puntos.

– De 60 a 100 espectadores: 1 punto.

– Máis de 100 espectadores: 2 puntos.

3) Pertenza da sala á Rede Galega de Salas no ano anterior: 2 puntos.

4) Proxecto de programación: 20 puntos.

4.1) Número de funcións que se van realizar: 5 puntos.

– Entre 61 e 70 funcións: 1 punto.

– Entre 71 e 90 funcións: 3 puntos.

– Máis de 90 funcións: 5 puntos.

4.2) Programación de compañías galegas: 7 puntos.

– Entre o 20 % e 40 % do total das compañías programadas: 1 punto.

– Do 41 % ao 60 % do total das compañías programadas: 5 puntos.

– Máis do 60 % do total das compañías programadas: 7 puntos.

4.3) Número de días con actividade aberta ao público (recóllese todo tipo de actividades complementarias, presentacións, etc.): 5 puntos.

– De 51 e 70 días: 1 punto.

– Entre 71 e 100 días: 3 puntos.

– Máis de 100 días: 5 puntos.

4.4) Actividades complementarias: 3 puntos.

Recóllense os proxectos que conteñan actividades dos seguintes programas: fomento de novos creadores, programas formativos, programas de colaboración con centros de ensino.

– Entre 3 e 5 actividades: 1 punto.

– Máis de 5 actividades: 3 puntos.

5) Plan de comunicación e xestión de públicos: 6 puntos.

5.1) Obxectivos do plan de comunicación: ata 2 puntos.

5.2) Accións previstas para a fidelización de público: 2 puntos.

5.3) Accións previstas para a formación e captación de novos públicos: 2 puntos.

6) Recursos humanos implicados no proxecto: 5 puntos.

A Comisión valorará o cadro de persoal implicado no proxecto con contrato laboral no momento de presentarse a solicitude.

– Ata 2 persoas traballadoras: 1 punto.

– De 3 a 4 persoas traballadoras: 3 puntos.

– Máis de 4 persoas traballadoras: 5 puntos.

7) Porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento do proxecto: 5 puntos.

– Ata o 30 %: 5 puntos.

– Máis do 30 % ata o 50 %: 3 puntos.

– Máis do 50 % ata o 75 %: 1 punto.

8) Viabilidade económica do proxecto: 6 puntos.

8.1) Adecuación do proxecto á previsión orzamentaria: ata 3 puntos.

8.2) Plan de financiamento proposto: ata 3 puntos.

A concesión de axudas requirirá unha puntuación mínima que en ningún caso pode ser inferior a 25 puntos.

Décimo segunda. Resolución da convocatoria

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente da documentación requirida e unha vez entregado o informe preceptivo por parte da Comisión de Valoración, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á Presidencia do Consello Reitor da Agadic.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012, DOG núm. 164, do mércores 29 de agosto), deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes, así como os recursos que procedan interpor contra ela.

3. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa.

Décimo terceira. Notificacións de resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónico de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

Deberá comunicarse por escrito ao beneficiario o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de «axuda de minimis» exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Ademais, a entidade beneficiaria poderá enviar, no prazo de dez (10) días desde a notificación da subvención concedida, un plan económico adaptado á subvención concedida, para o suposto de que esta sexa inferior á contía solicitada, e pola diferenza entre ambas as cantidades.

Décimo cuarta. Gastos subvencionables

1. Só se admitirán como gastos subvencionables os efectivamente pagados con anterioridade ao remate da xustificación, que indubidablemente sexan custos vinculados ao funcionamento da sala e ao desenvolvemento do proxecto de programación presentado con data comprendida entre 1 de novembro do ano anterior 2019 ata o 31 de outubro do ano 2020 correspondente, e que se inclúan entre os seguintes:

– Gastos do persoal contratado (salarios e cotizacións sociais) vinculado ao proxecto e das persoas socias ou traballadoras, cun límite global do 40 % do gasto total do proxecto, e con límite por persoa traballadora de 2.000 euros brutos mensuais.

– Gastos xerais do funcionamento da sala: alugamentos, subministracións, gastos correntes e de servizos, seguros, gastos de xestoría, os gastos financeiros recollidos no artigo 29.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, cun límite global do 40 % do gasto total do proxecto.

– Gastos de investimentos vinculados á programación (remuneración por espectáculos, gastos por servizos asociados á programación, dereitos de autor, gastos de difusión e publicidade).

Non serán subvencionables os gastos relativos:

– Os xuros debedores das contas bancarias.

– O imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade.

– A calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto da subvención.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

4. En canto á subcontratación observarase o disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo quinta. Pagamento

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co programa e/ou proxecto presentados e se xustifique correctamente o seu emprego rematando o prazo de xustificación o día 20 de novembro de 2020, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados.

2. A Agadic, consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá aboar, a aqueles que obtiveron a condición de beneficiarios en concepto de pagamento anticipado, as seguintes contías e límites:

– Na parte correspondente ao funcionamento da sala.

Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata un 80 % da subvención concedida, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. O importe restante aboarase tras a acreditación polo beneficiario do cumprimento total das obrigas establecidas nestas bases.

– Na parte correspondente á programación.

Poderase aboar como pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes a esta parte da subvención, e logo da presentación de certificación do inicio da actividade e da declaración de axudas sempre que non supere o 50 % do importe concedido.

O importe restante aboarase tras a acreditación polo beneficiario do cumprimento total das obrigas establecidas nestas bases e logo de resolución motivada, debendo estar xustificado en todo caso o día 20 de novembro de 2020.

3. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados deberán constituír garantías de conformidade co artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación, salvo nos supostos do artigo 65.4. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo sexta. Xustificación e liquidación da subvención outorgada

1. Os beneficiarios terán que xustificar a totalidade do custo do proxecto e presentarán separadamente dúas contas xustificativas unha para os gastos de funcionamento e outra para os gastos de programación.

Destinando a metade da subvención a gastos vinculados á programación e a outra mitade a gastos de xestión e funcionamento da sala, rematando o prazo de xustificación o día 20 de novembro de 2020, este incluído.

2. Os beneficiarios deberán entregar a seguinte documentación xustificativa:

– Memoria xeral da actividade realizada, segundo o orzamento presentado coa solicitude indicando que cumpran coas exixencias establecidas pola Agadic para o ano 2020 en materia de programación.

– Balance de ingresos e gastos (anexo IV).

– Relación completa dos gastos realizados, polo importe total do orzamento presentado dos gastos de explotación (anexo V).

– Copias dos xustificantes dos gastos realizados e imputados á subvención.

– Xustificantes do ingreso na Facenda Pública das cantidades retidas á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo coas porcentaxes de retención legalmente establecidas, así como, se é o caso, os xustificantes de pagamento das cotas da Seguridade Social correspondentes aos ditos contratos.

– Certificación bancaria acreditativa da realización dos pagamentos correspondentes a todos os gastos imputados á subvención concedida sen que se admitan os pagamentos en efectivo.

– Unha copia en formato CD, DVD ou outro sistema analóxico ou dixital, dos soportes visuais, gráficos ou sonoros (catálogos, programas, carteis, vídeos, etc.) empregados para a difusión e promoción da actividade subvencionada; esta documentación poderase achegar igualmente por vía electrónica ou telemática e para os únicos efectos da comprobación da realización da actividade.

– Declaración de axudas: relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo VI).

– Copia dos materiais de difusión realizados onde figure en lugar destacado os logos da Agadic, Xunta de Galicia e da Rede Galega de Salas.

3. No suposto de que o importe correctamente xustificado sexa inferior ao orzamento presentado coa solicitude, a contía da subvención reducirase proporcionalmente.

Décimo sétima. Obrigas específicas dos beneficiarios

A persoa ou entidade subvencionada asume a obriga de cumprir a presente convocatoria e, en concreto, as obrigas seguintes:

a. Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, aos cales se facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e de conformidade co procedemento recollido nos artigos 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

b. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c. Facer constar na súa publicidade, incluída a realizada a través de páxinas web, ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

Así mesmo, farase constar a marca Xacobeo 2021, de acordo co manual de identidade visual, aprobado polo Decreto 167/2018, do 29 de novembro, polo que se regula a utilización da marca Xacobeo 2021 (DOG núm. 1, do mércores 2 de xaneiro de 2019).

d. Inscribir a programación da sala na plataforma de xestión www.galescena.gal, nos prazos establecidos pola Axencia.

e. Cumprir coas exixencias establecidas e publicadas na páxina web da Agadic en canto ao funcionamento e programación da Rede Galega de Salas dado que como beneficiarios destas axudas conformarán a Rede Galega de Salas (RGS).

2. O incumprimento dos anteriores deberes previstos e obrigas por parte dos adxudicatarios dará lugar á exixencia das responsabilidades ou sancións previstas no título IV da indicada Lei galega 9/2007, sen prexuízo do disposto na cláusula décimo sétima destas bases.

Décimo oitava. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos na base cuarta da presente resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Décimo novena. Reintegro

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como polo título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipulados nesta convocatoria pública.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésima. Réxime de recursos

A convocatoria destas axudas, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpoñendo os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos personais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Agadic coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou de forma presencial nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/protección-datos-persoais, de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de diciembre, de protección de datos personais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2019

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file