Con base no artigo 37.3 da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, autorízase a persoa titular da Consellería de Facenda para formalizar operacións de endebedamento mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos ou calquera outro instrumento financeiro dispoñible no mercado.
Así mesmo, no artigo 33 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a Comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, á cal lle corresponderá, así mesmo, autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non son determinados pola súa lei de creación. A dita facultade correspóndelle na actualidade ao conselleiro de Facenda en virtude do Decreto 88/2018, do 26 de setembro, de estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e do Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.
Mediante o Acordo do Consello de Ministros, do 22 de novembro de 2019, outorgouse a autorización establecida no artigo 14.3 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas. Así mesmo, o 3 de decembro de 2019, mediante resolución da directora xeral do Tesouro e Política Financeira, concedéuselle autorización específica da Secretaría Xeral do Tesouro e Financiamento Internacional para cumprir o establecido na Resolución do 4 de xullo de 2017, de prudencia financeira.
Por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo único
Autorízase unha emisión de débeda da Comunidade Autónoma de Galicia (a emisora) por un importe nominal de 25 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións sénior, non garantidas e non subordinadas da Xunta de Galicia (as «Obrigacións»), representadas mediante anotacións en conta, ao abeiro do artigo 59 e seguintes do Real decreto lexislativo 4/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do mercado de valores.
A emisión de débeda pública que se autoriza terá as características que se detallan a seguir:
Importe nominal da emisión: vinte e cinco (25) millóns de euros.
Modalidade: obrigacións.
Procedemento de emisión: colocación privada, non asegurada.
Divisa: euro.
Data de emisión e desembolso: 12 de decembro de 2019.
Data de vencemento: 12 de decembro de 2022.
Prezo de emisión por obrigación: 100,15 % do importe nominal de cada obrigación.
Importe nominal de cada obrigación: mil (1.000) euros.
Entidad colocadora: Abanca.
Desembolso: o desembolso da emisión das obrigacións será realizado a través da entidade colocadora da emisión na data de emisión e desembolso.
Cupón: tipo de xuro nominal fixo do 0 %, base Act/Act ICMA, non axustado.
Convención de día hábil: cando unha data de pagamento teña a consideración de día inhábil no sistema TARGET 2 de pagamentos europeo, ou aquel que poida substituílo no futuro, o pagamento dos cupóns e o reembolso pola amortización das obrigacións efectuaranse o día hábil seguinte segundo o calendario do dito sistema. O tedor dos valores non terá dereito a percibir xuros como consecuencia dese posible atraso.
Nos casos en que, segundo a lexislación vixente, sexa aplicable a devolución da retención efectuada nos cupóns desta emisión, será o Banco de España quen xestione o correspondente procedemento, segundo se establece na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 16 de xuño de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia o día 18 de xuño de 2004.
Representación das obrigacións: as obrigacións están representadas mediante anotacións en conta rexistradas a través do Sistema de rexistro, compensación e liquidación do mercado de renda fixa AIAF, xestionado pola Sociedad de Gestión de los Sistemas de Registro, Compensación y Liquidación de Valores, S.A. (Iberclear).
Negociación dos valores: mercado de renda fixa AIAF.
Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións que a débeda pública do Estado.
Amortización das obrigacións: as obrigacións serán amortizadas na súa totalidade á par, na data de vencemento, o 12 de decembro de 2022.
Pagamento da amortización: o pagamento da amortización da débeda realizarao o Banco de España consonte co establecido no Convenio marco do 7 de novembro de 2005, sobre prestación do servizo de tesouraría e do servizo financeiro da débeda pública.
Lei aplicable: as obrigacións e todas as cuestións que deriven ou garden relación coas obrigacións se rexerán e interpretarán de conformidade coas leis españolas.
Xurisdición: os xuíces e tribunais da cidade de Santiago de Compostela teñen xurisdición exclusiva para resolver calquera disputa que xurda ou estea relacionada coas obrigacións.
Disposición derradeira
Esta orde terá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2019
Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda