Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Xoves, 12 de decembro de 2019 Páx. 52708

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2019, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se regula a tarxeta de acreditación especial prevista na disposición adicional segunda da Orde do 12 de setembro de 2011 pola que se regula a tarxeta de identificación do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

A Carta de dereitos dos cidadáns ante a xustiza establece no seu número 13 que «o/a cidadán/á ten dereito a coñecer a identidade e a categoría da autoridade ou do funcionario que o/a atenda, salvo cando estea xustificado por razóns de seguridade en causas criminais». Así mesmo, a Lei orgánica 6/1985, do poder xudicial, regula no seu artigo 497.j) a obrigada identificación do persoal.

Mediante a Orde do 12 de setembro de 2011 regulouse a tarxeta de identificación do persoal ao servizo da Administración de xustiza, establecendo unha tarxeta que serve tanto para a identificación presencial do funcionario ante os cidadáns coma para lle permitir ao persoal e mais á Administración acceder ás prestacións e servizos derivados do avance das novas tecnoloxías e da implantación da Administración electrónica.

A disposición adicional segunda da Orde do 12 de setembro de 2011 prevé que o centro directivo competente en materia de xustiza regulará os supostos e forma en que, por razóns de seguridade, o persoal ao servizo da Administración de xustiza poderá acreditar a súa condición, categoría e destino utilizando un medio alternativo á tarxeta de identificación persoal que se regula na dita orde.

Os supostos en que, por razóns de seguridade do persoal ao servizo da Administración de xustiza se estima necesario garantir que os datos de carácter persoal permanezan reservados fronte a terceiros, cumprindo en calquera caso coa preceptiva obriga da súa identificación, prodúcense naquelas actuacións procesuais que realiza o persoal fóra dos edificios xudiciais.

Neste sentido, de conformidade co previsto nos artigos 476.1.c) e 478.b) e c) da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, o persoal dos corpos de xestión procesual e administrativa e de auxilio xudicial ten atribuídas funcións nas que goza da consideración de axente da autoridade, razón pola que se considera necesario que o dito persoal conte cunha credencial que permita a súa identificación como empregado público no desenvolvemento de funcións propias do seu corpo e destino, pero salvagardando determinados datos de carácter persoal por razón de seguridade. Así mesmo, o artigo 478.a) dispón que, con respecto á práctica dos actos de comunicación que consistan en notificacións, citacións, emprazamentos e requirimentos, na forma prevista nas leis procesuais, o funcionario do corpo de auxilio xudicial gozará de capacidade de certificación e disporá das credenciais necesarias.

Así mesmo, tamén o corpo de médicos forenses realiza actuacións fóra dos edificios xudiciais, de conformidade co previsto na súa normativa de aplicación e, en particular, co Decreto 119/2005 polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia, como a valoración domiciliaria para internamentos psiquiátricos ou a de persoas que teñen limitacións para acudir aos edificios xudiciais.

En virtude do establecido no artigo 20.1 do Estatuto de autonomía de Galicia e da transferencia de funcións á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, realizada a través do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, e asumida pola Xunta de Galicia a través do Decreto 438/1995, o persoal funcionario dos corpos de médicos forenses e mais dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial dependen organicamente da comunidade autónoma. Esta dependencia instruméntase a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, á cal lle corresponden as competencias nesta materia, segundo o Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se estableceu a súa estrutura orgánica.

Polo exposto, despois de negociación colectiva, con informe do Consello Xeral do Poder Xudicial e no exercicio das atribucións conferidas polo Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto regular a tarxeta de acreditación especial prevista na disposición adicional segunda da Orde do 12 de setembro de 2011 pola que se regula a tarxeta de identificación do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, que identificará o persoal funcionario que realice, con carácter habitual, actuacións procesuais fóra dos edificios xudiciais nas que, por motivos de seguridade, se considera necesario garantir que os seus datos de carácter persoal permanezan reservados fronte a terceiros, cumprindo así mesmo coa preceptiva obriga da súa identificación.

Artigo 2. Ámbito subxectivo

O persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia que realice con carácter habitual actuacións procesuais fóra dos edificios xudiciais e, en particular, aquel que desenvolva habitualmente funcións nas que goce da consideración de axente da autoridade e leve a cabo actuacións referidas á práctica de actos de comunicación fóra das dependencias do seu centro de traballo, disporá dunha tarxeta de acreditación especial, que será de utilización obrigatoria no exercicio destas súas funcións.

Artigo 3. Finalidade da tarxeta

1. A finalidade da tarxeta é identificar o persoal funcionario exclusivamente cando realice actuacións procesuais fóra dos edificios xudiciais e, en particular, cando realice funcións nas que goce da condición de axente da autoridade e leve a cabo actuacións referidas a dilixencias e actos de comunicación na forma prevista nas leis procesuais.

2. A tarxeta pode ser mostrada nos actos de servizo, por iniciativa propia ou cando así sexa requirido polos interesados.

3. A tarxeta especial é persoal e intransferible, ten a consideración de documento público e, polo tanto, a súa confección ou uso por persoa non autorizada dará lugar á exixencia de responsabilidade consoante a normativa vixente.

Artigo 4. Contido

As tarxetas elaboraranse co seguinte formato:

Anverso:

1. Imaxe corporativa institucional da Xunta de Galicia e da Administración de xustiza.

2. Número de identificación persoal (NIP), que é o código alfanumérico asignado a cada empregado público pola Dirección Xeral de Xustiza.

3. Fotografía da persoa titular.

4. Unidade onde presta servizos.

Reverso:

1. Logo xenérico da Xunta de Galicia.

2. Denominación do corpo ao que pertence.

3. O seguinte texto específico en relación coas funcións desenvolvidas: «De conformidade coa normativa vixente, a presente tarxeta acredita que a persoa titular é funcionaria ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, con todos os efectos que ao respecto lle recoñece o ordenamento xurídico».

Artigo 5. Solicitude e tramitación

A solicitude e tramitación da tarxeta de acreditación especial por parte do persoal funcionario comprendido no ámbito subxectivo da presente resolución realizarase no modelo e de conformidade coas instrucións que estarán dispoñibles na intranet de Xustiza.

Artigo 6. Utilización

As tarxetas serán propiedade da Xunta de Galicia, que as expedirá e aos seus titulares, os cales deberán garantir a súa custodia e utilizalas de maneira persoal e intransferible, así como, conforme as instrucións e medios facilitados, comunicar de inmediato os supostos de deterioración, perda ou mal funcionamento e devolvelas cando cesen na prestación do servizo no destino que as xustifica ou cando sexan requiridos para o efecto para a súa substitución ou renovación.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2019

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza