Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Luns, 16 de decembro de 2019 Páx. 53130

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 11 de xuño de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento PR937A).

A Resolución do 11 de xuño de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, publicada no DOG núm. 113, do 17 de xuño, recolle, no seu artigo 2, que para a concesión destas axudas se destinará un crédito de cento noventa e seis mil setecentos cincuenta euros (196.750 €) con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.470.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

Así mesmo, establece que este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación e condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

En consecuencia, ao terse producido unha ampliación de crédito, e dado que o crédito inicialmente destinado a esta convocatoria resultou insuficiente debido ao volume de solicitudes presentadas, cómpre ampliar o crédito inicialmente asignado a esta convocatoria.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire a disposición adicional segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación da dotación orzamentaria

Amplíase a dotación orzamentaria prevista na Resolución do 11 de xuño de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, na contía de cento sesenta e seis mil euros (166.000,00 €), na aplicación orzamentaria 04.30.312C.470.0.

Esta ampliación non afecta o prazo para a presentación de solicitudes establecido na dita resolución nin o resto do seu articulado.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2019

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración