Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Luns, 16 de decembro de 2019 Páx. 53342

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Carballo

ANUNCIO de publicidade de convenio (expediente 2018/X999/002139).

A Xunta de Goberno Local do Concello de Carballo, en sesión ordinaria que tivo lugar o 23 de setembro de 2019, acordou, entre outros asuntos, aprobar o convenio de execución de planeamento para a realización das obras de urbanización do sistema xeral viario SX VI/AU06, e a publicación do texto do convenio no Diario Oficial de Galicia conforme o previsto no artigo 403 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (Decreto 143/2016, do 22 de setembro).

En cumprimento do anterior, publícase o acordo de aprobación e transcríbese o texto definitivo do convenio asinado.

Acordo de aprobación:

A Xunta de Goberno Local, en sesión ordinaria que tivo lugar o 23 de setembro de 2019 adoptou, entre outros, o seguinte acordo no punto 9 da orde do día «9. Proposta de convenio urbanístico de execución no ámbito SUR-D S-T3 do PXOM. Aprobación do texto definitivo (expediente 2018/X999/002139)», que na súa parte resolutiva di o seguinte:

«Primeiro. Desestimar as alegacións formuladas a nome de José Sánchez Vilas, María Begoña Sánchez Navaza, Alejandra Sánchez Navaza, José Miguel Sánchez Navaza e Juan Pablo Sánchez Navaza, presentadas o 5 de abril de 2019 (R.E. 201900000002787), por considerar que se formula unha argumentación xenérica e preventiva que non se refire ao contido do convenio nin a súa tramitación, sen prexuízo de telos como interesados en calquera actuación que afecte os terreos da súa propiedade para comunicarlles, conforme a normativa aplicable, calquera procedemento ou resolución que lles afecte e, particularmente, cando se inicie o procedemento de obtención de terreos para a execución da rotonda do sistema xeral viario SX VI/AU06 que establece o PXOM.

Segundo. Aprobar o convenio proposto inicialmente pola entidade Obras Guacal, S.L. para a execución simultánea das obras da rotonda prevista na AC-552 que corresponde ao sistema xeral viario SX VI/AU06 coas obras de urbanización do sector de solo urbanizable SUR-D S-T3, ratificando no seu texto definitivo a incorporación con carácter solidario da entidade Parque Comercial A Revolta, S.L. como parte del, mantendo as demais obrigas e termos do documento, e continuar co perfeccionamento do convenio coa formalización en documento administrativo, quedando facultado o alcalde para subscribir os documentos e trámites que sexan necesarios.

Terceiro. Publicar o texto íntegro do convenio e o acordo de aprobación no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 403 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (Decreto 143/2016, do 22 de setembro), e ordenar a anotación no rexistro de convenios administrativos e o arquivamento correspondente».

Texto definitivo do convenio urbanístico de execución asinado:

Convenio urbanístico de execución de planeamento para actuación do
sistema xeral viario VI/AU06 consistente nunha rotonda na estrada AC-552

Carballo, 11 de outubro de 2019.

Reunidos:

Dunha parte, Evencio Ferrero Rodríguez, alcalde presidente do Concello de Carballo, expresamente autorizado para a sinatura deste convenio polas facultades legais que representa, segundo acredita o certificado emitido polo secretario da dita corporación municipal.

Doutra parte, Juan Manuel Vilariño Pena, maior de idade, titular do DNI ..., como representante e administrador único de Obras Guacal, S.L. con CIF B15961592, e como administrador de Parque Comercial A Revolta, S.L. con CIF B70576459 e ambas con domicilio na rúa Titanio, nº 1, polígono industrial de Bértoa, parcela D-1, nave 4 , 15105, de Carballo (A Coruña).

A entidade Obras Guacal, S.L. foi constituída por tempo indefinido en virtude de escritura pública outorgada ante o notario de Arteixo, Federico José Cantero Núñez, o ... de ... de 2004, co número ... do seu protocolo. Inscrita no rexistro mercantil da Coruña no tomo ..., folio ..., folla número ..., inscrición 1ª.

A entidade Parque Comercial A Revolta, S.L., foi constituída por tempo indefinido en virtude de escritura pública outorgada ante o notario de Carballo, Javier Manuel Elbo Ferrant, o ... de ... de 2018, co número ... do seu protocolo. Inscrita no Rexistro Mercantil da Coruña no tomo ..., folio ..., folla número ..., inscrición 1ª. Rectificada por outra escritura outorgada ante o mesmo notario ... de ... de 2019, co número ... do seu protocolo. Inscrita no Rexistro Mercantil da Coruña no tomo ..., folio ..., folla número ..., inscrición 1ª.

Ten as facultades suficientes para este acto como representante das entidades, en virtude das referidas escrituras de constitución da sociedade.

Ambas as partes recoñécense con capacidade legal suficiente para o outorgamento do presente convenio de execución de planeamento, para cuxos efectos

Expoñen:

I. O Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Carballo aprobouse definitivamente o 4 de febreiro de 2016 (DOG núm. 38, do 26 de febreiro de 2016 e BOP núm. 39, do 26 de febreiro). Este PXOM está adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

O PXOM de Carballo establece un sector de solo urbanizable delimitado denominado SUR-D S-T3, así como un sistema xeral viario denominado SX VI/AU06 consistente nunha rotonda lindeira co sector de solo urbanizable que ademais serve de enlace e acceso desde a estrada AC-552 ao viario de sistema xeral SX-VI6b. O prazo de execución do SX VI/AU06 está previsto no primeiro cuadrienio e o do SX-VI6b no terceiro cuadrienio.

A disposición transitoria primeira 1.b) da vixente Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), determina que ao solo urbanizable delimitado dos planeamentos adaptados á LOUG aplicaráselles integramente o disposto no planeamento respectivo.

Achégase como anexo 1 e 2 as fichas urbanísticas correspondentes ao citado sector de solo urbanizable SUR-D S-T3 e sistema xeral SX VI/AU06.

II. As entidades mercantís Obras Guacal, S.L. e Parque Comercial A Revolta, S.L. son propietarias das parcelas incluídas dentro do sector SUR-D S-T3, que representan máis do 50 % da superficie total do ámbito, o cal acreditan mediante copias dos títulos de propiedade e plano parcelario achegados. Como anexo 3, inclúese un plano parcelario achegado inicialmente, o plano catastral actual e unha relación dos titulares catastrais deste sector.

III. É intención de Obras Guacal, S.L. e Parque Comercial A Revolta, S.L., proceder ao desenvolvemento urbanístico do citado sector en todas as súas fases (planificación, xestión e urbanización), para o que xa iniciou o procedemento de avaliación ambiental estratéxica coa presentación do borrador do plan e DAE no Concello de Carballo o 20 de xullo de 2018 (R.E. 201800000006581).

Nesta documentación defínese o avance da ordenación prevista e contense a xustificación necesaria do cumprimento das determinacións urbanísticas que establece o PXOM para o sector obxecto deste convenio, así como do cumprimento das determinacións da Lei do solo de Galicia, da lexislación sectorial e dos instrumentos de ordenación do territorio.

IV. O PXOM de Carballo prevé a execución dunha rotonda na estrada AC-552 (avenida da Revolta) ao carón do sector S-T3. Esta rotonda serve de enlace co sistema xeral viario previsto SX-VI6b que discorrerá en paralelo ao río Anllóns así como co viario estruturante proxectado na ordenación do sector S-T3 que a través do sector de solo urbanizable S T-2 enlazará coa avenida da Milagrosa. A práctica totalidade da rotonda, agás unha superficie de 363 m² que está incluída no sector S-T3, está cualificada como sistema xeral viario que xestionará e pagará o Concello de Carballo e que está identificada no PXOM como SX VI/AU06.

V. O uso global establecido no sector de solo urbanizable S-T3 é terciario con tipoloxía predominante de comercial terciario, polo que a correcta resolución das comunicacións e da mobilidade resulta un aspecto fundamental.

Este aspecto é imprescindible non só para o correcto funcionamento do establecemento comercial previsto senón xa de inicio para acadar a autorización comercial económica regulada no D 211/2015, do 25 outubro, polo que se regula o procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica e que obriga á presentación dun estudo integral de mobilidade.

VI. A importancia que ten a resolución das comunicacións e a mobilidade do sector implica a necesidade de que a rotonda se execute de forma previa ou simultánea coas obras de urbanización do sector. Desta necesidade xorde o presente convenio.

VII. En canto ás dimensións da rotonda, o PXOM prevé cun diámetro de 44,00 m cunha superficie total de 1.520,00 m². Desta superficie total a porción que se atopa dentro do sector de solo urbanizable S-T3 é de 363 m².

O sistema xeral viario previsto no PXOM denominado SX VI/AU06 recolle, ademais da porción de rotonda non incluída no sector, o tramo inicial do vial de sistema xeral que discorre en paralelo ao río, que supón unha superficie de 1.395 m².

O custo de execución das obras do SX VI/AU06 estimado no estudo económico financeiro do PXOM ascende á cantidade a 125.550,00 € + IVE que supón un total de 151.915,50 €, cun custo por m² de rotonda de 90,00 €/m².

Con estes datos, o custo estimado das obras correspondente á zona de rotonda incluída no sector de solo urbanizable S-T3 ascendería a 32.670 € + IVE= 39.530,70 €.

VIII. Simultaneamente coas obras de construción da rotonda executaranse as infraestruturas que dan servizo ao sector de solo urbanizable S-T3, consistentes en:

– Conexión da rede de abastecemento coa rede xeral existente en ambas as marxes da AC-552. Esta conexión realizarase mediante tubaxe de fundición dúctil de 100 mm de diámetro nunha lonxitude duns 50 ml, incluídos os accesorios e a obra civil necesarios, cun PEM estimado duns 2.300,00 €.

– Conexión da rede interior de saneamento de augas residuais do interior do sector co colector existente na AC-552, mediante tubaxes de 325 mm de diámetro nunha lonxitude duns 25 ml cos pozos de rexistro correspondentes (2) e a obra civil correspondente, cun PEM estimado duns 1.600,00 €.

– Conexión da rede de pluviais do sector coa rede existente, así como a recollida de pluviais na propia rotonda a base de sumidoiros e construción dun pozo de descarga. A conexión realizarase mediante un colector de formigón de 800 mm de diámetro. O PEM estimado para estas obras sería duns 39.000,00 €.

O PEM estimado para a totalidade das obras de infraestruturas de conexión ascendería a uns 42.900,00 € que supón un custo total de 61.771,71 €. Achéganse como anexo 4 esquemas das infraestruturas que se situarán baixo a rotonda.

Estipulacións:

Primeira. Obxecto do convenio

O obxecto do presente convenio é asegurar a execución simultánea das obras da rotonda prevista na AC-552 que corresponde ao sistema xeral viario SX VI/AU06 coas obras de urbanización do sector de solo urbanizable S-T3. Asegurando o seu correcto funcionamento con anterioridade á apertura do establecemento comercial.

Para isto resulta necesaria a participación e vontade municipal para promover e realizar as obras de execución da rotonda de xeito que estea finalizada antes do remate do ano 2020.

Segunda. Obrigacións das partes

O Concello de Carballo mediante a sinatura do presente contrato asume os seguinte compromisos:

a) Executar a rotonda en todas as súas fases (consecución dos terreos, redacción do proxecto construtivo e realización das obras), simultaneamente coas obras de urbanización correspondentes ao sector S-T3.

b) Igualmente terá en consideración as previsións do plan xeral (desenvolvemento do sector de solo S-T3 e SX VI/AU6), nos plans e proxectos municipais que están en fase de tramitación, como son:

– Incorporación da rotonda no proxecto de “Dotación de servizos urbanos no itinerario peonil e ciclista da estrada AC-552 p.q. 32+620 a 34+480” Senda peonil e carril bici, así como nas infraestruturas que a acompañan, prevista nas marxes da estrada AC-552.

– Aplicación da acción 2.5. de fomento do transporte público previsto na estratexia de mellora e xestión do espazo público urbano e da mobilidade do concello de carballo consistente en: «Asegurar o acceso en transporte público en futuras actuacións urbanísticas no concello que se consideren centros atractivos/xeradores de mobilidade mediante a ubicación de paradas debidamente sinalizadas e coa información necesaria. Tanto en autobús como en taxi» (punto 2.5.1.2.).

Pola súa banda, Obras Guacal, S.L. e Parque Comercial A Revolta, S.L., mediante a sintura do presente convenio, asumen de forma solidaria as seguintes obrigacións:

a) Poñer á disposición do Concello de Carballo os terreos dentro do sector SUR-D S-T3 afectados pola execución da rotonda de forma totalmente gratuíta. Independentemente das cesións que por imperativo da LSG e demais lexislación aplicable, sexan de carácter obrigatorio.

b) Pagar as obras de construción da rotonda correspondentes á superficie incluída no sector de solo urbanizable S-T3, estimadas nun total de 39.530,70 € (IVE incluído) e das infraestruturas de conexión que dan servizo ao sector, descritas no expoñendo VIII, cuxo custo estímase na cantidade de 61.771,71 € (IVE incluído), que supoñen un total de cento un mil trescentos dous euros con corenta e un céntimos (101.302,41 €) IVE incluído. Considérase que este importe corresponde ás obrigas de urbanización da rotonda e conexións do sector que debe asumir o promotor.

c) Garantir a execución das obras indicadas no punto precedente mediante aval bancario polo importe de cento un mil trescentos dous euros con corenta e un céntimos (101.302,41 €) que se presentará no concello no prazo de dúas semanas desde a aprobación definitiva do presente convenio.

d) Ingresar a achega económica indicada de cento un mil trescentos dous euros con corenta e un céntimos (101.302,41 €) na conta co número (IBAN) ES96 .... .... .... .... ...., aberta na entidade financeira Abanca, a nome do Concello de Carballo, nun prazo máximo de quince días desde a aprobación firme do proxecto de obras da rotonda. Con este fin, será documento suficiente a comunicación da aprobación definitiva do devandito proxecto realizada fidedignamente polo Concello de Carballo.

e) Imprimir a máxima celeridade na aprobación do presente convenio así como na presentación dos documentos referentes ao desenvolvemento urbanístico do sector S-T3, comprometéndose a presentar o plan parcial para aprobación inicial en febreiro de 2019 e o documento para aprobación definitiva no prazo de catro (4) meses desde a remisión do resultado da participación pública por parte do Concello.

O proxecto de urbanización e o instrumento de equidistribución presentaranse no prazo de dous (2) meses contados desde a publicación da aprobación definitiva do plan parcial.

f) Iniciar as obras de urbanización do ámbito no prazo máximo de 30 días despois da aprobación definitiva do proxecto de urbanización, debéndose coordinar obrigatoriamente as obras coas de execución da rotonda descrita neste convenio.

Terceira. Incumprimento das obrigacións contraídas

O incumprimento por parte de Obras Guacal, S.L. e Parque Comercial A Revolta, S.L. das obrigacións contraídas no presente convenio urbanístico eximirá o Concello de Carballo do cumprimento das obrigacións asumidas nel.

Cuarta. Carácter do convenio e normativa aplicable

O presente convenio ten carácter administrativo, sendo as cuestións relativas á súa formalización, cumprimento, interpretación e efectos competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Resultan especialmente de aplicación os artigos 165 a 168 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e os artigos 398 ao 403 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei do solo de Galicia (RLSG).

Lido canto antecede e en proba de conformidade, asinan o presente documento, por triplicado exemplar e para un só efecto, no lugar e data indicados no encabezamento.

Concello de Carballo

Obras Guacal, S.L.

Parque Comercial A Revolta, S.L.

Evencio Ferrero Rodríguez

Alcalde presidente

Juan M. Vilariño Pena

Representante/administrador

Juan M. Vilariño Pena

Representante/administrador

Dilixencia derradeira

Que se estende para facer constar que os termos do presente convenio urbanístico de execución de planeamento foron aprobados por acordo da Xunta de Goberno Local, en sesión ordinaria que tivo lugar o día 23 de setembro de 2019, punto 9 da orde do día, e que os comparecentes asinantes interveñen na representación invocada.

Carballo, 11 de outubro de 2019.

José Villán Fuertes, secretario xeral do Concello de Carballo.

Carballo, 24 de outubro de 2019

Evencio Ferrero Rodríguez
Alcalde