Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Martes, 17 de decembro de 2019 Páx. 53403

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2019 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT215B).

A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no artigo 3 determina que a Agadic ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables. O artigo 5.1 da Lei 4/2008 establece que unha das funcións da Agadic é a de promover a distribución dos produtos culturais do noso país, fomentando a creación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados, e o artigo 5.2 establece que a Agadic poderá, para o logro dos seus obxectivos, conceder subvencións.

A través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a Xunta de Galicia, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo, centraliza os programas de apoio destinados a empresas e industrias culturais privadas do sector audiovisual.

Un dos obxectivos da Axencia é consolidar o tecido industrial cultural galego e convertelo nun tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador fomentado a creación, a demanda e a comercialización de bens e servizos culturais de calidade aumentando o peso relativo do sector no sistema produtivo galego. Ao tempo, quere promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega e lingua galegas como elementos singulares a novos mercados. Así, e tal como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, na súa exposición de motivos, a actividade cinematográfica e audiovisual conforma un sector estratéxico da nosa cultura e da nosa economía como manifestación artística e expresión creativa, sendo un elemento básico da entidade cultural dun país. A súa contribución ao avance tecnolóxico, ao desenvolvemento económico e á creación de emprego, xunto á súa achega ao mantemento da diversidade cultural son elementos suficientes para que o Estado estableza as medidas necesarias para o seu fomento e promoción e determine os sistemas máis convenientes para a conservación do patrimonio cinematográfico e a súa difusión dentro e fóra das nosas fronteiras. Todo iso considerando que a cultura audiovisual, da que sen dúbida o cinema constitúe unha parte fundamental, áchase presente en todos os ámbitos da sociedade actual.

Con estas axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere seguir impulsando un marco de actuación cultural baseado no impulso do sector audiovisual galego para a comunidade, consolidando industrias audiovisuais rendibles desde o punto de vista económico e social facéndoas competitivas e susceptibles de exportar os seus produtos e, ao tempo, impulsando e convertendo o sector audiovisual en estratéxico para a comunidade, buscando a excelencia dos produtos culturais coa posta en valor da cultura galega a través da creación e divulgación de produtos audiovisuais galegos.

Por todo iso, na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas, resolvo aprobar a convocatoria pública de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia, para o ano 2020, de conformidade coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases que regularán, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións establecidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para o apio a festivais de cinema de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT215B).

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderanse por festivais aqueles certames, semanas e mostras que teñan por obxecto a promoción e difusión da produción cinematográfica e audiovisual e se celebren en Galicia.

3. Sobre estas bases poderase obter información adicional na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic): http://www.agadic.gal

Segunda. Procedemento de concesión e principios de xestión

1. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado. No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente á execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, pode superar o 100 % do custo do evento.

4. Nos anexos desta resolución figuran as declaracións das axudas de minimis así como doutras axudas percibidas polo solicitante.

5. A xestión destas subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Terceira. Normativa aplicable

A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na presente resolución aprobatoria das bases a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e que se convocan para o ano 2020, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións, a na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de xeral aplicación.

Cuarta. Persoas beneficiarias da subvención

1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas privadas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10.1 da Lei de subvencións de Galicia.

2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Quinta. Requisitos para obter a condición de persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición de beneficiarias as persoas o entidades enumeradas na base cuarta que se atopen na situación que fundamenta a concesión da subvención e concorran as circunstancias previstas na presente convocatoria.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

3. Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por un mesmo solicitante, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por solicitante. No caso de que varios proxectos se consideren subvencionables, optarase polo que teña maior puntuación.

4. Quedarán excluídas as solicitudes conxuntas das entidades locais nas cales non se acredite a realización conxunta do festival e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

5. Será requisito para a concesión de subvencións ás entidades locais que estas cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.

Sexta. Requisitos dos festivais para optar as axudas

1. Para optar a estas axudas os festivais terán que reunir os seguintes requisitos:

a) Celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro de 2019 ata o 31 de outubro de 2020. No dito cómputo enténdense incluídos tanto o 1 de novembro do ano da publicación da convocatoria como o 31 de outubro do seguinte.

Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro do ano 2020 e que se desenvolvan a maioría das actividades neste período, entendendo por maioría que superen o 50 % destas.

b) Ter unha duración mínima de 4 xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións.

c) Ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas inmediatamente anteriores ao ano da convocatoria respectiva.

d) Que a programación proposta para a edición obxecto de axuda conteña un mínimo dun 5 % de títulos ou 5 sesións de produción cinematográfica galega e/ou dirección galega.

e) Que acaden unha puntuación mínima na fase de valoración de 50 puntos resultando excluídos de subvención os que no acaden a dita puntuación, tendo que ter, ademais, 15 puntos na letra B da base décimo sexta.

f) As actividades para desenvolver obxecto desta subvención non poden estar subcontratadas nin total nin parcialmente, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Sétima. Procedemento, créditos, contías e límites

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2020 poderase chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderanse condicionados a que unha vez aprobado o orzamento subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes en momento no que se producisen aqueles.

3. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito global de 190.000 euros, código de proxecto 2015-0003 repartido nas aplicacións orzamentarias seguintes:

11.A1.432B.460.0: 20.000 euros.

11.A1.432B.470.0: 20.000 euros.

11.A1.432B.481.0: 150.000 euros

Ao estar distribuída a contía total máxima anual das subvencións convocadas entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da distribución non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria, tal e como se recolle no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A contía das subvencións determinarase en función das dispoñibilidades orzamentarias, o custo do proxecto e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración.

5. A porcentaxe máxima de concesión de subvención a través da correspondente convocatoria a un festival, non poderá exceder do 40 % do seu orzamento subvencionable cando o solicitante sexa unha entidade local, e o 60 % cando o solicitante sexa unha entidade privada. Para as solicitudes conxuntas de entidades locais ou solicitudes de entidades resultantes de fusión, a porcentaxe poderá alcanzar ata un máximo do 75 % do orzamento subvencionable.

En todo caso, a contía máxima que poderá solicitar é de 40.000 euros.

Oitava. Inicio do procedemento: solicitudes

1. A presentación electrónica das solicitudes será obrigatoria para as persoas xurídicas, sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, así como as unións temporais de empresas, traballadores autónomos e estudantes universitarios e para as persoas representantes delas, a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica, considerándose como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Estas bases, así como a Guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora de procedemento administrativo común.

5. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria anual e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Novena. Prazo de presentación das solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reunen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o interesado será requirido para que, no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase, ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

3. A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas a presenta de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Décima. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Ademais da solicitude (anexo I), os interesados nestas subvencións presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

– Se a persoa solicitante é persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

– Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.

– Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

2. As persoas solicitantes deberán presentar a seguinte documentación complementaria:

– Ficha do proxecto debidamente cuberto e asinado. (anexo II).

– Memoria completa e detallada do proxecto para o que se solicita a subvención, que se axustará aos criterios de valoración especificados na letra B da base décimo quinta incluíndo as historias das persoas responsables da dirección artística e da organización do certame con relación a actividades profesionais de similar natureza.

– Memoria económico-financeira, no anexo normalizado da convocatoria anual que inclúa o orzamento completo e detallado do investimento subvencionable, no cal figuren todos os gastos subvencionables sinalados na base décimo oitava e a previsión de ingresos. A memoria incluirá o orzamento desagregado, con e sen IVE (anexo III).

– Memoria da edición do festival inmediatamente anterior á edición que se presenta á subvención, na que se detalle a súa antigüidade e as especificacións axustadas aos criterios de valoración que aparecen na letra A da base décimo quinta. A dita memoria acompañarase dunha declaración responsable sobre a veracidade da información, que a Agadic poderá comprobar en calquera momento.

– Resumo de prensa da edición do festival inmediatamente anterior á edición que se presenta á subvención.

– Para as solicitudes conxuntas presentadas por entidades locais, memoria de aforro de custos respecto da presentación de modo individual.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica para as persoas físicas, non obstante, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A documentación poderá ser entregada en soporte papel, CD-Rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presenten deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos, serán en formato JPG.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Décimo primeira. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día de pagamento de obrigas coa Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo segunda. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Décimo terceira. Instrución do procedemento

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

3º. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir datos, información complementaria ou aclaratoria necesaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura e Turismo, ou aos profesionais ou expertos consultados para as xestións das solicitudes.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que derivasen destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

Décimo cuarta. Comisión de Valoración

1. A comisión de avaliación será nomeada pola persoa titular da Dirección da Agadic, e estará constituída por:

a) Unha persoa do cadro de persoal da Agadic.

b) Tres persoas expertas de recoñecido prestixio no ámbito do audiovisual.

c) Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, sen dereito a voto, que fará as funcións de secretario/a.

A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso.

2. A comisión de avaliación levantará acta indicando o xeito de puntuar os criterios subxectivos e elaborará un informe preceptivo que será motivado, relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, e indicará a puntuación asignada a cada un deles.

3. Unha vez entregado o informe por parte da comisión de avaliación, a Dirección da Agadic elaborará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas.

Décimo quinta. Valoración das solicitudes

1. A puntuación máxima das solicitudes será de 150 puntos, que serán valoradas de xeito semellante para todo tipo de solicitantes, de acordo cos criterios de valoración seguintes.

A) Historial e valoración específica da edición do festival inmediatamente anterior á edición que se presenta á subvención (máximo 55 puntos):

a.1. Antigüidade do festival: máximo 6 puntos.

Entre 5 e 10 anos: 2 puntos.

Entre 10 anos e 15: 4 puntos.

Máis de 15 anos: 6 puntos.

a.2. Calidade da programación: máximo 10 puntos.

Nesta epígrafe terase en conta a temática, a especialización e diferenciación con respecto a outros certames, a incidencia dentro do panorama cinematográfico autonómico e nacional, a contribución ao aumento das posibilidades de difusión posterior a nivel nacional e internacional das obras presentadas, a calidade das proxeccións, o tratamento das copias e demais condicións que aseguren unha adecuada exhibición das obras audiovisuais e o número de obras en primeira presentación oficial con respecto a Galicia e España. A puntuación máxima será asinada proporcionalmente entre os aspectos mencionados.

a.3. Presenza de autores de fóra de Galicia: máximo 5 puntos.

1 punto por cada autor europeo.

2 puntos por cada autor de outros continentes.

a.4. Contribución ao fortalecemento do sector audiovisual galego: máximo 6 puntos.

Nesta epígrafe valorarase o número de producións de autoría galega presentadas (director e/ou escritor de guión de orixe galego ou con máis de 2 anos de residencia acreditada en Galicia).

Curtas: 1 punto.

Longas: 2 puntos.

a.5. Carácter competitivo: máximo 3 puntos.

1 punto por cada sección competitiva ofertada cun máximo de 3 puntos.

a.6. Actividades: máximo 4 puntos.

Actividades formativas, educativas e actividades complementarias (encontros profesionais, conferencias...). Asignarase 1 punto por cada actividade.

a.7. Programas de cooperación con outros eventos a nivel nacional e internacional: máximo 3 puntos.

1 punto por cada evento colaborador cun máximo de 3 puntos.

a.8. Asistencia de público ás proxeccións da edición do festival inmediatamente anterior á edición que se presenta á subvención: máximo 6 puntos.

Entre 1.000 e 2.500 espectadores: 1 punto.

Entre 2.501 e 5.000 espectadores: 2 puntos.

Entre 5.001 e 7.500 espectadores: 3 puntos.

Entre 7.501 e 10.000 espectadores: 5 puntos.

Máis de 10.000: 6 puntos.

(Non se terá en conta a asistencia ás actividades paralelas: exposicións, conferencias, talleres, etc.).

a.9. Porcentaxe de ocupación das salas de proxección: máximo 3 puntos.

Entre o 25 % e o 50 %: 1 punto.

Entre o 51 % e o 75 %: 2 puntos.

Máis do 75 %: 3 puntos.

(Esta información deberá acompañarse da relativa á capacidade oficial dos distintos espazos).

a.10. Ingresos de venda de entradas, porcentaxe sobre o total do orzamento: máximo 3 puntos.

Más do 5 %: 1 punto.

Máis do 10 %: 2 puntos.

Máis do 15 %: 3 puntos.

a.11. Repercusión en medios de comunicación e redes sociais: máximo 4.

Terase en conta o número de medios de prensa que recolleron información acerca do festival, o número de seguidores en redes, o ámbito de difusión dos medios e a súa repercusión no eido audiovisual.

a.12. Publicación do catálogo do festival: 2 puntos.

B) Calidade e interese da proposta (máximo 30 puntos).

b.1. Calidade da programación proposta e interese do proxecto en relación coa temática, coa contribución á difusión das distintas cinematografías, coa incidencia no fomento de público cinematográfico e na educación audiovisual, coa especialización e diferenciación con respecto a outros certames audiovisuais do panorama autonómico e nacional, e coa experiencia e solvencia profesional das persoas responsables da dirección artística e da organización. Máximo de 15 puntos.

Os puntos serán repartidos en proporción aos aspectos descritos.

b.2. Accións programadas dirixidas ao fortalecemento da industria audiovisual galega: máximo 4 puntos.

(2 puntos por cada acción proxectada cun máximo de 4 puntos).

b.3. Accións programadas dirixidas á promoción dos autores galegos e ao impulso do talento galego: máximo de 6 puntos.

(2 puntos por cada acción proxectada cun máximo de 6 puntos).

b.4. Plan de comunicación deseñado para o evento: máximo 5 puntos.

Valorarase a estratexia, a amplitude de medios ao que vai dirixido e o período de tempo dedicado á execución do plan: máximo 5 puntos.

C) Viabilidade do proxecto (máximo 20 puntos).

c.1. Porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento subvencionable do proxecto: Máximo 10 puntos.

Entre o 40 % e o 50 %: 3 puntos.

Menos do 40 % e ata o 30 %: 5 puntos.

Menos do 30 % e ata o 20 %: 7 puntos.

Menos do 20 %: 10 puntos.

c.2. Solidez financeira do festival: máximo 10 puntos.

Achegas de fondos propios da entidade organizadora e patrocinios de entidades privadas. Valoración do nivel de patrocinios e fondos con que conta a entidade organizadora para levar a cabo a actividade.

Entre o 20 e o 40 %: 5 puntos.

Máis do 40 % e ata o 60 %: 7 puntos.

Máis do 60 %: 10 puntos.

4. Como puntuación adicional, en cumprimento do acordo do Consello da Xunta polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, outorgarase ata 45 puntos a aquelas solicitudes que cumpran as seguintes condicións:

A) Agrupacións de concellos baixo calquera fórmula agás a de fusión municipal:

– 15 puntos por presentación de solicitudes conxuntas.

– Ata 15 puntos, segundo os seguintes criterios:

a) Número de concellos asociados: ata 5 puntos.

b) Número de servizos que se van prestar de forma compartida: ata 5 puntos.

c) Repercusión sobre o número total de poboación: ata 5 puntos.

– Pola valoración da memoria explicativa do aforro de custos que supón a prestación conxunta sobre a individual: ata 15 puntos.

B) Fusión municipal. Pola mera presentación da solicitude por parte da entidade resultante da fusión: 45 puntos.

Décimo sexta. Resolución da convocatoria anual

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e do informe da comisión avaliadora, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á Presidencia da Agadic.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012 (DOG núm. 164) deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda informando expresamente do seu carácter de minimis en virtude do disposto no artigo 6 do Regulamento (UE 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, así como dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes.

3. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. A resolución da convocatoria anual correspondente porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Décimo sétima. Notificacións de resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia - Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

Deberá comunicarse por escrito ao beneficiario o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Décimo oitava. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á realización do proxecto e se inclúan entre os seguintes:

a) Gastos de difusión e publicidade en calquera soporte no cal se fará constar os logotipos da Agadic e da Xunta de Galicia, seguindo as súas normas de identidade corporativa.

b) Alugamento de espazos e equipamentos técnicos.

c) Gastos de servizos técnicos e profesionais.

d) Xestión de películas: dereitos de exhibición e transporte de copias.

e) Gastos de subtitulado.

f) Premios ou galardóns oficiais, en cuxa convocatoria e publicidade constará a colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais: fabricación de estatuillas, galardóns ou similares e cantidades monetarias cun límite total de 4.000 euros que se entreguen como premios do festival;

g) Gastos de viaxes e aloxamento dos participantes nas actividades propostas.

h) Salarios e cobertura social computados desde cinco meses antes da data de apertura do evento ata un mes despois da data de clausura deste sempre que se atopen comprendidos dentro do período subvencionable, do persoal contratado para actividades relacionadas coa organización do certame, co límite máximo de 12.000 euros.

i) Gastos xerais non recollidos entre os gastos anteriores co límite máximo do 7 % deles.

Todos os gastos subvencionables deberán estar pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

2. En ningún caso serán subvencionables:

– Gastos ordinarios de funcionamento e mantemento da entidade.

– Os gastos de soldos, salarios ou calquera outro tipo de retribución ou remuneración, seguros sociais ou retencións de impostos do promotor, se é persoa física, ou das persoas pertencentes á entidade promotora do festival que exceda o 30 % do límite establecido na letra h) desta base.

– Investimento ou adquisición de material ou equipamentos que supoñan incremento de patrimonio do solicitante.

– Gastos protocolarios.

– Premios que consistan en entrega de cantidades monetarias que excedan do límite de 4.000 euros.

– Degustacións gastronómicas e actividades complementarias que non teñan carácter cultural.

– Os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo novena. Pagamento e xustificación. Documentación requirida

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co programa e/ou proxecto presentados e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados.

2. A Agadic –consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia– poderá aboar como pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de acordo coas seguintes condicións:

– Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata un 80 % da subvención concedida, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

– Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, ademais, un 10 % adicional sobre o importe que exceda dos 18.000 euros, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

O importe restante aboarase tras a acreditación polo beneficiario do cumprimento total das obrigas establecidas nestas bases.

3. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía de conformidad co artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do pagamento á conta, e deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. A documentación xustificativa da subvención incluirá o custo total da actividade subvencionada e constará dos seguintes documentos:

a) Memoria de actuación que xustifique o cumprimento das condicións exixidas nestas bases reguladoras, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos (que presentarán todo tipo de beneficiarios).

b) Memoria económica abreviada co contido seguinte: estado representativo dos gastos incorridos nas actividades subvencionadas, debidamente agrupadas e, se procede, as cantidades inicialmente orzamentadas e as desviacións que se producisen. A memoria deberá incluír un orzamento con IVE e outro sen IVE.

c) Facturas ou documentos xustificantes, orixinais ou copias, dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1619/2012 (na súa última redacción) polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación e se modifica o Regulamento do imposto sobre o valor engadido, orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento polo beneficiario, orixinais ou compulsados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

d) Programas de man e/ou carteis, e calquera outro material promocional, publicitario ou informativo empregado na campaña de difusión (que presentarán todo tipo de beneficiarios).

e) Acreditación documental das entradas postas á venda (follas de billeteira, facturas de pagamento dos dereitos de propiedade intelectual, plataformas dixitais de vendas, etc.), ou certificados de asistencia de público.

f) Copia dos contratos laborais celebrados con motivo da contratación de persoal directamente relacionado coa organización do certame, xunto coa correspondentes certificacións das altas na Seguridade Social, nóminas e copias dos boletíns de cotización.

g) Acreditación documental da colaboración da Agadic nos premios entregados (que presentarán todo tipo de beneficiarios).

5. No suposto de que o beneficiario da subvención sexa unha entidade local, estará obrigada a xustificar ante o órgano outorgante o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do festival e o seu custo real, mediante a presentación dunha conta xustificativa integrada:

– Pola certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

– Pola certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

a) O cumprimento da finalidade da subvención.

b) Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiarán a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa orixe.

d) Se é o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) De acordo co previsto no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, estas estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das beneficiarias de cada un dos aboamentos da subvencións concedidas. No caso de realizarse pagamentos anticipados, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado por parte da entidade local beneficiaria con anterioridade á finalización do período de xustificación.

6. O prazo de xustificación da subvención percibida rematará no prazo máximo de tres meses desde a data de notificación da adxudicación da subvención, no suposto de que se celebrase antes da correspondente convocatoria, e de tres meses desde a finalización do festival, para os festivais celebrados con posterioridade á convocatoria, sen que en ningún caso supere o día 15 de novembro de 2020. Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presente esta ante a Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

7. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto o beneficiario non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e con Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, estando autorizada a Agadic para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos.

8. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a entrega dunha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis pola entidade beneficiaria nos tres últimos anos (anexo IV).

Vixésima. Obrigas dos beneficiarios

As persoas beneficiarias da subvención teñen que cumprir as obrigas seguintes:

a) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes empresas, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren,

b) Levar a cabo a actividade subvencionada de acordo co proxecto presentado.

c) Notificar á Agadic as axudas, ingresos ou recursos que financien a actuación subvencionada, obtidos ou solicitados a outras administracións ou entidades públicas ou privadas, con posterioridade á presentación da solicitude da convocatoria correspondente.

d) Proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

e) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención, tanto nos actos públicos coma no material de difusión que se elabore, comprométense a facer mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia no desenvolvemento das actividades conveniadas. A entidade comprométese a utilizar en todo o material de difusión que realice ao abeiro deste convenio a imaxe corporativa do Xacobeo 2021 e a da Xunta de Galicia, seguindo as normas respectivas en materia de identidade corporativa, marcas que deben ser descargadas da web da Xunta de Galicia: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal (para Xunta de Galicia) e https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/xacobeo-2021 (para Xacobeo 2021).

f) Comunicar por escrito con antelación suficiente a programación e demais actos co fin de que, si se considera oportuno, poida estar representada a Axencia Galega das Industrias Culturais a través das persoas que se designen a este efecto.

g) No material empregado como catálogos, publicacións, vídeos e demais material relacionadas con actividades dos festivais, nos actos públicos, os beneficiarios comprométense a facer mención expresa da colaboración da Agadic no desenvolvemento dos festivais.

h) No suposto de que exista un programa de man do festival será obrigatorio incluír nel unha páxina de promoción da Agadic sen custo adicional.

i) A emisión dun clip promocional do audiovisual galego editado pola Agadic antes de cada proxección do festival, se a Axencia así o require.

j) Outras obrigas previstas na normativa de subvencións.

Vixésima primeira. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. O beneficiario ten a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos na base cuarta da presente resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Vixésima segunda. Reintegro

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como polo título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en particular, polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipulados nesta convocatoria pública.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésima terceira. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin a vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, se prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao da publicación da resolución de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Agadic coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais e de conformidade co disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais e demais normativa de xeral aplicación.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2019

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia
Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file