Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Xoves, 19 de decembro de 2019 Páx. 53729

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 10 de decembro de 2019 pola que se aproba definitivamente o Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares.

I. Antecedentes.

1. Polo Decreto 178/1999, do 27 de maio, da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, foi aprobada a constitución e os estatutos do Consorcio Local dos Peares (DOG núm. 116, de 18 de xuño), que foi modificado posteriormente polo Decreto 242/2004, do 30 de setembro, e polo Decreto 163/2016, do 17 de novembro.

O Consorcio Local dos Peares constituíuse como fórmula de colaboración e cooperación entre a Xunta de Galicia, as deputacións provinciais de Lugo e Ourense, os municipios de Pantón e Carballedo da provincia de Lugo, e o da Peroxa e Nogueira de Ramuín da provincia de Ourense.

Consonte o disposto no artigo 1.3 dos estatutos do Consorcio Local dos Peares, «o Consorcio adscríbese á Xunta de Galicia, de conformidade co previsto na disposición adicional vixésima da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo coa disposición derradeira segunda da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local».

Entre os fins do Consorcio figura a delimitación do territorio do ámbito de actuación do consorcio coa figura de planeamento urbanístico que, no seu momento, se considere máis axeitada.

2. Ese Consorcio Local dos Peares redactou un plan especial de protección, infraestruturas e dotacións cuxo documento de información urbanística e avance foi presentado na Xunta de Galicia en outubro de 2004. Posteriormente, en decembro de 2006, entregouse un documento para aprobación inicial, pero a dita aprobación non se chegou a realizar.

3. Os obxectivos deste plan especial de protección, infraestruturas e dotacións eran os seguintes:

– Establecer unha nova delimitación do ámbito acorde coa lexislación vixente.

– Definir as áreas de protección do solo e as zonas de crecemento que manteñan as características paisaxísticas e propor o punto de localización dunha nova ponte sobre o río Miño.

– Prever proxectos de urbanización das vías de conexión dos núcleos e nos propios núcleos.

– Prever e recuperar dotacións e equipamentos.

4. Coa entrada en vigor da actual Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, foi necesaria a adaptación do documento inicial ao novo marco legal.

Con data do 21 de novembro de 2016 presentouse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia un documento inicial estratéxico e borrador do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares, redactado por Iago Seara Morales e Jorge Rodríguez Álvarez.

5. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, con data do 16.3.2017, resolvera declarar a procedencia e iniciar a tramitación do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares, consonte o disposto no artigo 77.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

6. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio con data 20.3.2017, resolvera:

«Primeiro. Determinar que o ámbito do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares se corresponde co ámbito territorial do Consorcio Local dos Peares, consonte o Decreto 178/1999, do 27 de maio.

Segundo. Determinar que a formulación e tramitación do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, consonte o disposto no artigo 77.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, no capítulo V do título II da mesma lei e segundo o procedemento sinalado na presente resolución».

7. Con data do 20.6.2017 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático resolve non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria o Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares.

8. Con data do 30.4.2018, presentouse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o documento do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares (aprobación inicial) redactado por Iago Seara Morales e Jorge Rodríguez Álvarez.

9. Con data do 26.6.2018 e 7.8.2018 foi presentada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia polo equipo redactor documentación complementaria do documento do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares (aprobación inicial).

10. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo solicitou os informes preceptivos previos á aprobación inicial e constan emitidos no expediente os seguintes informes:

1º. Informe do 22.5.2018 da Secretaría de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda, Secretaría Xeral de Infraestruturas.

2º. Informe do 11.6.2018 da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

3º. Informe do 22.10.2018 da Dirección Xeral de Estradas.

11. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo solicitou informe dos servizos técnicos municipais dos concellos da Peroxa, Carballedo, Nogueira de Ramuín, Pantón e das empresas subministradoras e/ou distribuidoras sobre a suficiencia das infraestruturas e dos servizos existentes e previstos consonte o establecido nos artigos 185 e 162.g) do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

12. Consta no expediente informe do 20.9.2018 do Concello de Nogueira de Ramuín, informe do 27.9.2018 do Concello da Peroxa e informe de UFD Distribución Electricidad, S.A. do 25.9.2018.

13. Con data do 25.11.2018 a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo aprobou inicialmente o Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares.

14. Consta no expediente anuncio de aprobación inicial do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares. que foi publicado no DOG núm. 226, do 27 de novembro de 2018, nos xornais La Región, El Progreso e La Voz de Galicia o 27.11.2018, para que no prazo de 2 meses calquera persoa puidese examinar o documento, en horario de oficina, nas dependencias da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sitas no Edificio Administrativo San Caetano, s/n, en Santiago de Compostela ou na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na ligazón https://cmatv.xunta.gal/informacion-publica-urbanismo e formular as alegacións, documentos e xustificacións que considerasen pertinentes.

Practicouse a notificación individualizada aos titulares catastrais do ámbito do plan especial.

Asemade, ao non ser posible a práctica das notificacións individualizadas a todos os titulares catastrais, consonte o disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, procedeuse á publicación no Boletín Oficial del Estado, núm. 13, do 15 de xaneiro de 2019.

O documento de aprobación inicial do plan especial estivo á disposición do público nas dependencias da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sitas no Edificio Administrativo San Caetano, s/n, en Santiago de Compostela, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na ligazón https://cmatv.xunta.gal/informacion-publica-urbanismo e no portal de transparencia da Xunta e Galicia desde o 27.11.2018 ata o 15.3.2019.

Durante o período de exposición pública achegáronse as seguintes alegacións que constan no expediente:

Número de rexistro de entrada Xunta

Data

RX 158899

25.1.2019

RX 144317

23.1.2019

RX 182702

28.1.2019

RX 207991

31.1.2019

RX 220483

1.2.2019

RX 290388

11.2.2019

RX 313574

13.2.2019

RX 383831

21.2.2019

RX 441484

28.2.2019

RX 437397

28.2.2019

RX 577928

15.3.2019

RX 577929

15.3.2019

RX 577311

15.3.2019

RX 577205

15.3.2019

RX 578002

15.3.2019

RX 578003

15.3.2019

RX 578004

15.3.2019

RX 578005

15.3.2019

RX 578006

15.3.2019

RX 578007

15.3.2019

RX 578008

15.3.2019

15. Na tramitación do devandito plan especial solicitáronse os informes sectoriais preceptivos e no expediente consta a emisión dos seguintes informes:

– Informe do Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda) do 17.12.2018.

– Informe da Delegación de Patrimonio y Urbanismo Noroeste do Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF) do 31.12.2018.

– Informe da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza) do 2.1.2019.

– Informe da Dirección General de Telecomunicaciones y Tecnologías de la Información (Ministerio de Economía y Empresa) do 9.1.2019.

– Informe da Secretaría Xeral e do Patrimonio (Consellería de Facenda) do 26.12.2018.

– Informe da Subdirección Xeral de Patrimonio (Ministerio de Defensa) do 22.1.2019.

– Informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (Ministerio para a Transición Ecolóxica) do 11.2.2019.

– Informe da Presidencia da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (Ministerio para a Transición Ecolóxica) do 22.2.2019.

– Informe da Xefatura Territorial do Servizo de Montes (Consellería do Medio Rural) do 26.2.2019.

– Informe da Dirección Xeral de Defensa do Monte (Consellería do Medio Rural) do 27.2.2019.

– Informe da Sección do Patrimonio do Estado, Secretaría Xeral, Delegación de Economía e Facenda en Ourense (Ministerio de Facenda) do 16.4.2019.

– Informe da Secretaría Xeral da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (Ministerio para a Transición Ecolóxica) do 22.1.2019.

– Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (Consellería de Cultura e Turismo) do 22.4.2019.

– Informe da Axencia Galega de Infraestruturas (Consellería de Infraestruturas e Mobilidade) do 2.5.2019.

16. Con data do 4.6.2019 ten entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia o documento do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares (aprobación provisional), redactado por Iago Seara Morales e Jorge Rodríguez Álvarez, de xuño de 2019.

17. Con data do 12.6.2019 ten entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia o documento de participación pública do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares (aprobación provisional) redactado por Iago Seara Morales e Jorge Rodríguez Álvarez, do 12.6.2019.

18. Así mesmo, consta informe técnico do 13.6.2019 e informe xurídico do 13.6.2019 desta dirección xeral.

19. Con data do 26.6.2019 a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo aprobou provisionalmente o Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares (documento para aprobación provisional de xuño de 2019).

20. A resolución de aprobación provisional da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 26.6.2019 xunto coa documentación do plan especial aprobado provisionalmente foi notificada aos concellos da Peroxa, Carballedo e Nogueira de Ramuín, constando recepción do 10.7.2019, ao Concello de Pantón e ao Consorcio Local dos Peares, constando recepción do 11.7.2019 para os efectos de poderen examinalo e pronunciarse no prazo dun mes.

Asemade, tamén se notificou a resolución de aprobación provisional da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 26.6.2019 ás delegacións de Economía e Facenda de Lugo e Ourense e á Consellería de Facenda.

Con data do 6.8.2019 tivo entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia acordo do pleno municipal do Concello da Peroxa do 2.8.2019 en que presta conformidade á aprobación provisional do plan especial.

Así mesmo,no 27.9.2019 tiveron entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia acordo do Pleno do Concello de Pantón do 19.9.2019 e certificación da sesión extraordinaria do Consello Xeral do Consorcio Local dos Peares do 20.9.2019 en que prestan conformidade á aprobación provisional do plan especial.

Con data do 16.10.2019 tivo entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia e do 22.10.2019 no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia acordo do pleno municipal do Concello de Carballedo do 30.9.2019 en que presta conformidade á aprobación provisional do plan especial.

21. Con data do 28.10.2019 e 4.11.2019 tivo entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia o documento do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares (aprobación definitiva), redactado por Iago Seara Morales e Jorge Rodríguez Álvarez, de outubro de 2019.

II. Análise e consideracións.

Examinado o proxecto e tramitación do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares, púidose comprobar o seu axuste á normativa que lle resulta de aplicación, polo que non se aprecian obxeccións para proceder á aprobación definitiva.

III. Competencia.

De conformidade co artigo 77.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e resolución da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 20.3.2017 pola que se determina o ámbito e a competencia para a formulación e tramitación do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares, a competencia para a aprobación definitiva do plan especial corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

IV. Resolución.

En consecuencia, visto o que antecede, e de acordo co establecido no artigo 77.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares (aprobación definitiva) de outubro de 2019, redactado por Iago Seara Morales e Jorge Rodríguez Álvarez, con sinatura dixital de datas 26.10.2019, 27.10.2019, 1.11.2019 e 3.11.2019.

Segundo. Notificar esta orde individualmente a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados aos cales foi notificada a aprobación inicial.

Consonte o disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando os interesados sexan descoñecidos, se ignore o lugar da notificación ou ben, intentada esta, non se puidese practicar, a notificación farase por medio dun anuncio publicado no Boletín Oficial del Estado.

Terceiro. Notificar a presente orde aos concellos da Peroxa, Carballedo, Nogueira de Ramuín, Pantón así como ao Consorcio Local dos Peares, ás delegacións de Economía e Facenda de Lugo e Ourense e á Consellería de Facenda.

Cuarto. Publicar a orde no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

Quinto. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

Sexto. De conformidade co disposto nos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, unha vez inscrito o plan no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, publicarase nos boletíns oficiais da provincia de Lugo e Ourense a normativa e ordenanzas do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares (aprobado definitivamente), que entrará en vigor o plan especial aos 15 días hábiles contados desde a última das publicacións no BOP.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda