Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 20 de decembro de 2019 Páx. 53942

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do Programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2020 (código de procedemento PR925A).

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do devandito decreto desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Xunta de Galicia, en materia de emigración, establece como unha das súas áreas de actuación prioritaria a asistencia sociosanitaria digna para todas as persoas galegas residentes no exterior, mediante, entre outros, o Programa de axudas económicas individuais, que ten como obxectivo contribuír a paliar a carencia de medios económicos para poder afrontar as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria.

O Estatuto da cidadanía española no exterior, aprobado mediante a Lei 40/2006, do 14 de decembro, que se configura como o marco xurídico que lles garante ás persoas residentes no exterior o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais, establece no seu artigo 5 a asistencia e protección, por parte da Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, no marco das súas respectivas competencias, daquelas persoas residentes no exterior que se encontren en situación de necesidade.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Emigración, pretende, nunha actuación coordinada co Estado español, consolidar unha política de atención e protección ás persoas galegas residentes no exterior que se encontren en situación de necesidade, coa finalidade de garantirlles o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais e estatutarios en termos de igualdade coas persoas españolas residentes en Galicia.

En consecuencia, convén realizar unha convocatoria de axudas para atender estas situacións, que se tramitará na modalidade de concorrencia non competitiva, prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e establecer uns requisitos e criterios básicos nos cales se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban, de tal forma que garantan a súa obxectividade e non se xeren expectativas que non poidan ser satisfeitas por razón da propia índole da convocatoria, da situación a que se pretende dar cobertura e das propias limitacións dos créditos destinados a ela.

Así mesmo, ao teren estas axudas un carácter marcadamente social e humanitario, estaren dirixidas a persoas sen recursos e que se conceden en atención a ter acreditado, previamente á súa concesión, tal situación, cómpre aplicar o disposto no artigo 28.9 da mencionada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na fase de xustificación, sen prexuízo de poder establecer os controis necesarios para verificar o cumprimento das obrigas e a existencia de tal situación.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta resolución é establecer un programa de axudas económicas individuais e de carácter extraordinario, non periódico e social, para o ano 2020, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixido ás persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega, e a determinados familiares, residentes nos países do estranxeiro establecidos no artigo 3.2, que se encontren en situación de precariedade económica. Están destinadas a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar as devanditas axudas para o ano 2020 (código de procedemento PR925A).

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas:

1. As persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as con dezaoito (18) anos feitos que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguinte deste punto, e que o acrediten segundo o establecido no artigo 14.

Para os efectos da presente convocatoria, terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que nacesen en Galicia ou ben acrediten ter residido en Galicia de forma continuada durante dez anos con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as con dezaoito (18) anos feitos que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados/as a calquera concello galego no censo electoral de residentes no exterior.

2. Os/as netos/as de persoas emigrantes galegas, con dezaoito (18) anos feitos, que teñan a condición de persoas galegas residentes no exterior, con nacionalidade española, que se encontren vinculados/as a calquera concello galego no censo electoral de residentes no exterior e que acrediten un ano de residencia continuada en Galicia.

3. No caso de falecemento das persoas indicadas nos números 1 e 2, poderán ser, por unha vez, persoas beneficiarias das axudas previstas no artigo 5 o/a seu/súa cónxuxe viúvo/a ou parella de feito ou relación análoga ou os/as fillos/as da persoa falecida, sempre e cando non transcorresen máis de quince meses desde o pasamento e a persoa falecida tivese sido beneficiaria nalgunha das dúas últimas convocatorias deste programa.

4. Os/as fillos/as e netos/as de persoas emigrantes galegas deberán ter a nacionalidade española, cando menos cun ano de antigüidade, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3. Requisitos xerais das persoas solicitantes

Poderán solicitar estas axudas as persoas que cumpran e acrediten documentalmente os requisitos xerais que se sinalan a seguir:

1. A condición de persoas beneficiarias de acordo co disposto no artigo 2.

2. Estar incluídas como residentes no Rexistro de Matrícula Consular nun país do estranxeiro en que o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación económica por ancianidade no ano anterior ao da convocatoria e vivir nese país.

3. Carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes.

a) Considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña a persoa solicitante ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual sexan iguais ou inferiores a 1,2 veces a base de cálculo da prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o país de residencia (sen prexuízo das contías específicas do artigo 10.2), nas contías que se determinen para o ano desta convocatoria.

No caso de residir en países indicados no artigo 4.3, considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña a persoa solicitante ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual sexan iguais ou inferiores á base de cálculo da prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o país de residencia (sen prexuízo das contías específicas dos artigos 4 e 10.2), nas contías que se determinen para o ano desta convocatoria.

Non obstante, estas contías, por proposta do órgano instrutor, poderán ser modificadas mediante resolución ditada pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para aqueles países en que aumentase o índice de prezos de consumo por riba dun 3 % no momento de resolución da convocatoria.

Malia o disposto nos parágrafos anteriores, se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes segundo o previsto neles pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da dita cifra polo número das persoas que convivan menos unha.

Para os efectos do establecido neste punto, consideraranse rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria ou a unidade económica familiar, derivados tanto do traballo coma do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

b) Considerarase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando na unidade económica familiar existan bens mobles cun valor superior ás contías previstas no artigo 3.3.a) en cómputo anual. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, na unidade económica familiar, agás a vivenda habitual, supere en 2,5 veces as contías previstas no artigo 3.3.a) en cómputo anual.

4. Non pertencer a organizacións, comunidades ou institucións que, polas súas regras ou estatutos, estean obrigadas a prestarlles asistencia.

5. Ademais dos requisitos anteriores, en cada un dos supostos de axuda prevista nos seguintes artigos, as persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos específicos que se sinalen en cada un deles, tendo en conta que todos os requisitos se deberán cumprir na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

6. Entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, polo seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como polos/las fillos/as e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.

Artigo 4. Axudas por encontrarse a unidade familiar en situación de precariedade

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 e os específicos seguintes:

1. Ter 70 anos feitos.

2. Ter ingresos por calquera concepto da unidade económica familiar inferiores ao 25 % das contías previstas no artigo 3.3.a).

3. Residir nun país iberoamericano co cal o Estado español non teña asinados convenios bilaterais en materia de seguridade social.

Artigo 5. Axudas por situación de dependencia ou enfermidade grave da persoa solicitante

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 e se encontren nalgún dos seguintes supostos:

a) Encontrarse a persoa solicitante en situación de dependencia que faga necesarios coidados e asistencia por parte doutra persoa.

Entenderase por situación de dependencia o estado de carácter permanente en que se encontran as persoas que, por razóns derivadas da idade, enfermidade ou discapacidade ligadas á falta ou perda de autonomía física, mental, intelectual ou sensorial, precisen da atención doutra ou doutras persoas ou axudas importantes para realizar as actividades básicas da vida diaria ou, no caso das persoas con discapacidade intelectual ou enfermidade mental, doutros apoios para a súa autonomía persoal.

As actividades básicas da vida diaria son as tarefas máis elementais da persoa que lle permiten desenvolverse cun mínimo de autonomía e independencia e que están referidas ao coidado persoal, aos labores domésticos básicos, á mobilidade esencial e ás funcións básicas mentais ou intelectuais.

b) Padecer a persoa solicitante unha enfermidade grave e carecer da correspondente cobertura para o seu tratamento ou atención médica.

Artigo 6. Axudas por situación de dependencia ou enfermidade moi grave no seo da unidade familiar

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 e estar o seu cónxuxe ou persoa con quen manteña unha unión de feito ou relación análoga de afectividade, ou os/as seus/súas fillos/as, nunha das seguintes situacións:

a) Encontrarse en situación de dependencia que faga necesarios coidados e asistencia por parte doutra persoa.

b) Padecer unha enfermidade moi grave e carecer da correspondente cobertura para o seu tratamento ou atención médica.

Artigo 7. Axudas por invalidez ou enfermidade permanente

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 e os específicos que se sinalan a seguir:

1. Ser maior de 18 anos e menor de 65.

2. Encontrarse a persoa solicitante en situación de invalidez ou enfermidade permanente que a incapacite para o desenvolvemento de calquera tipo de actividade laboral.

Artigo 8. Axudas para a cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves, cando teñan un custo elevado

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 e os específicos que se sinalan a seguir:

1. Ter feitos os 65 anos.

2. Padecer unha enfermidade crónica ou grave que requira dunha medicación ou tratamento de custo elevado e carecer da correspondente cobertura.

Entenderase que o custo é elevado cando as cantidades destinadas a eses fins ascendan polo menos a un 6 % das contías previstas no artigo 3.3.a), en cómputo mensual. O custo dos medicamentos será o efectivamente aboado, unha vez deducidos os descontos a que teña dereito. Entre os gastos derivados do tratamento da enfermidade crónica ou grave poderanse engadir, de ser o caso, os de copagamento de actos médicos.

Artigo 9. Axudas para as mulleres que sufran violencia de xénero

Poderán solicitar as axudas deste suposto as mulleres que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 e os específicos que se sinalan a seguir:

1. Ser maior de idade ou emancipada.

2. Sufrir unha situación de violencia de xénero acreditada no ano anterior ao da convocatoria.

Artigo 10. Axudas para paliar unha situación de desemprego na unidade económica familiar

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que se encontren en situación legal de desemprego e que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 e os específicos que se sinalan a seguir:

1. Ser maior de 50 anos e menor de 65.

2. Ter a unidade económica familiar ingresos, por calquera concepto, inferiores ao 50 % das contías previstas no artigo 3.3.a).

Artigo 11. Axudas para paliar situacións de necesidade no seo da unidade familiar en Venezuela

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 e os específicos que se sinalan a seguir:

1. Residir en Venezuela.

2. Encontrarse nunha situación familiar de precariedade económica e social avalada por un informe social presentado coa solicitude.

Artigo 12. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto para a presentación electrónica das súas solicitudes:

* En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

* En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

* En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. No caso de que a persoa solicitante estea incapacitada, a solicitude farase ao seu nome e será asinada polo seu representante legal.

Artigo 13. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será de trinta (30) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Non obstante o anterior, e de conformidade co establecido no artigo 32 da LPACAP, a Secretaría Xeral da Emigración, excepcionalmente e por razóns xustificadas, poderá ampliar o prazo de presentación de solicitudes mediante resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Acreditación da condición de persoa galega residente no exterior

A condición de persoa galega residente no exterior deberase acreditar mediante a presentación da seguinte documentación:

a) A nacionalidade española, mediante o pasaporte español en vigor ou certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento xustificativo que a acredite. No documento presentado debe constar a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular, agás en casos de imposibilidade de obtención. No caso de fillos/as e netos/as, a acreditación debe ter, como mínimo, un ano de antigüidade.

b) A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:

1. Nacer en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España fose en Galicia de forma continuada durante dez anos.

2. Ter vinculación con calquera concello galego no censo electoral de residentes no exterior e ser descendente ata o segundo grao de consanguinidade dunha das persoas descritas no número 1 da letra b). A vinculación cun concello galego no censo de residentes no exterior deberá estar acreditada de forma actualizada para o ano da convocatoria e non se exixirá no caso de que a persoa solicitante estea incapacitada legalmente, sempre que a dita incapacidade impida a inscrición no dito censo.

Artigo 15. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, segundo o modelo do anexo I, a seguinte documentación (se resultaron beneficiarias do programa en 2019, poderá ser substituída, para os casos das alíneas d), f), g), h) e i) deste punto, por unha declaración responsable segundo o anexo II, nos termos establecidos no artigo 69 da LPACAP):

a) Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada da persoa solicitante e/ou dos membros da súa unidade económica familiar. No caso de que non teñan a obriga de realizala, xustificación oficial desta circunstancia, nos países en que se expida, e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os membros da súa unidade económica familiar ou, de non percibirse, declaración responsable da persoa solicitante de que ningún membro da súa unidade económica familiar, incluída ela, percibe ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza.

b) Nos países en que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os membros da súa unidade económica familiar ou, de non percibilos, declaración responsable da persoa solicitante de que ningún membro da unidade económica familiar, incluída ela, percibe ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza.

c) No caso de que a persoa solicitante resida nun centro asistencial ou similar, deberá presentar xustificante do custo mensual do dito centro.

d) Documentación xustificativa oficial na cal conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan os membros da unidade económica familiar da persoa solicitante.

De non existir no país de residencia a posibilidade de obter a documentación xustificativa oficial mencionada, abondará con presentar unha declaración responsable en que conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan os membros da unidade económica familiar da persoa solicitante.

e) Documento acreditativo da representación legal, actualizado para o ano da convocatoria.

f) Documentación que acredite a convivencia familiar, se é o caso.

g) O libro de familia, se procede. Na súa falta, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto de membros da unidade familiar. As relacións maritais análogas ao matrimonio terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro ou mediante constancia en documento público. No caso de teren fillos/as en común, abondará con acreditar a convivencia, segundo o que se establece na Lei 2/2006, do 14 de xuño, do dereito civil de Galicia.

h) No caso de separación legal ou divorcio, achegarase a correspondente sentenza xudicial firme ou unha certificación rexistral.

i) Se presenta solicitude como emigrante galego/a ou fillo/a de emigrante galego/a (artigo 2.1) ou presenta solicitude como neto/a de emigrante galego/a (artigo 2.2):

i.1. Pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.

i.2. Documentación acreditativa da condición de persoa galega residente no exterior, de conformidade co establecido no artigo 14:

i.2.1. Documento oficial que acredite o lugar de nacemento en Galicia.

i.2.2. Certificado de nacemento que acredite a nacionalidade española.

i.2.3. Documento oficial que acredite que a última veciñanza administrativa en España foi en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos.

i.2.4. Certificado ou acreditación de ter un ano de residencia continuada en Galicia (neto/a).

i.2.5. Documentación que acredite que é descendente ata o primeiro grao de consanguinidade (fillo/a) ou segundo grao (neto/a) de emigrante galego/a ou da persoa residente en Galicia máis de dez (10) anos.

j) Se presenta solicitude como cónxuxe viúvo/a, parella de feito ou relación análoga ou como fillos/as (no caso de falecemento do/da emigrante galego/a, do/da seu/súa fillo/a ou do/da seu/súa neto/a) (artigo 2.3):

j.1. Documento público que acredite a identidade da persoa solicitante.

j.2. Documentación acreditativa dos requisitos da persoa falecida (emigrante galego/a, fillo/a de emigrante ou neto/a galego/a).

j.3. Certificado ou outros documentos xustificativos da filiación ou matrimonio, parella de feito coa persoa falecida.

j.4. Certificado oficial de defunción.

2. Ademais, para cada caso concreto, deberán achegar a seguinte documentación:

2.1. Para os casos de dependencia ou enfermidade grave/moi grave descritos nos artigos 5 e 6, documento oficial en que se acredite o recoñecemento da dependencia ou enfermidade grave, emitido polo sistema público do país de residencia.

Nos países en que este documento non se expida: un certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo III, realizado polos servizos médicos dunha entidade galega ou española que preste servizos na área de saúde. Cando o certificado médico anterior non poida ser expedido pola entidade galega ou española aludida, poderase admitir como válido un certificado médico expedido por calquera centro de saúde público oficial (centros médicos nacionais, provinciais ou municipais) do país de residencia, preferentemente referendado pola dirección médica das ditas sociedades galegas ou españolas, naqueles lugares en que estas existan. Será causa de exclusión a presentación de certificados médicos en modelos distintos ao normalizado do anexo III.

2.2. Para os casos de invalidez ou enfermidade permanente previstos no artigo 7, un documento oficial en que se acredite o recoñecemento da invalidez ou enfermidade permanente, emitido polo sistema público do país de residencia.

Nos países en que este documento non se expida, un certificado médico segundo o modelo normalizado do anexo IV, nos mesmos termos que os descritos no número 2.1.

2.3. Para os casos de cobertura de medicamentos e tratamento de enfermidades crónicas ou graves previstos no artigo 8:

a) Un certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo V, nos mesmos termos que os descritos no número 2.1.

b) Unha xustificación dos gastos mensuais en medicamentos efectivamente aboados pola persoa solicitante, no modelo normalizado do anexo VI, conforme as prescricións médicas establecidas no certificado indicado na alínea a) e, se é o caso, unha xustificación dos outros gastos mensuais efectuados no tratamento da enfermidade.

2.4. Para os casos de violencia de xénero do artigo 9, unha acreditación de sufrir a situación de violencia de xénero mediante sentenza, orde xudicial de protección, informe do Ministerio Fiscal ou informe social emitido por un organismo oficial.

2.5. Para os casos de desemprego na unidade familiar previstos no artigo 10, xustificantes da situación de desemprego, coa indicación de se é subsidiado ou non, do/da cabeza de familia e do resto dos membros que compoñen a súa unidade económica familiar e que estean nesa situación.

2.6. Para os casos de situacións de necesidade no seo da unidade familiar en Venezuela do artigo 11, un informe social detallado desta situación que inclúa os ingresos, emitido por un organismo oficial ou por un organismo de ampla traxectoria no eido asistencial ou no campo sanitario. Así mesmo, consideraranse válidos os certificados emitidos por profesionais destes ámbitos visados polos correspondentes colexios oficiais.

2.7. Outros documentos xustificativos que fundamenten a solicitude de axuda, completen e faciliten a gradación do estado de necesidade.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos poderán presentalos de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para obter a axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.

Artigo 16. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos oficiais acreditativos de que a persoa solicitante está vinculada a calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia faga imposible a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 17. Réxime de concesión

1. As solicitudes presentadas para os supostos dos artigos 4 e 11 tramitaranse na modalidade de concorrencia non competitiva, segundo o previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta as especiais características destas axudas, así como a dificultade obxectiva de realizar unha comparación ou prelación das solicitudes presentadas. O importe das axudas fixarase en función do número de solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias e non poderá superar a contía mínima das axudas que se concederán no resto dos supostos previstos nesta resolución, de conformidade co establecido no artigo 19.3 da citada lei.

2. O réxime de concesión das axudas económicas para os supostos dos artigos 5, 6, 7, 8, 9 e 10, tendo en conta as especiais características destas axudas, tramitarase igualmente polo procedemento de concorrencia non competitiva previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, ben que nestes supostos o importe da axuda se outorgará en función da puntuación obtida ao aplicar os criterios de valoración establecidos no artigo 22 e da gravidade do suposto polo cal se solicita, en función da seguinte orde decrecente, segundo os artigos correspondentes a cada suposto: 9, 7, 5, 10, 8 e 6; 4 e 11 por igual. Mediante a combinación destes dous criterios, e cos límites establecidos no artigo 18.2, determinarase, de xeito progresivo, o importe da axuda para todas as puntuacións de cada un dos supostos.

Artigo 18. Financiamento e contía das axudas

1. Financiamento.

As axudas para a realización deste programa concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0 (accións de políticas migratorias) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2020.

Este expediente tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, posto que existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2020. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

O crédito inicialmente outorgado para esta finalidade é de dous millóns setecentos cincuenta mil euros (2.750.000,00 €), distribuído do seguinte xeito:

– Para o suposto do artigo 4, o crédito será de novecentos mil euros (900.000,00 €).

– Para os supostos dos artigos 5, 6, 7, 8, 9 e 10, o crédito será de oitocentos cincuenta mil euros (850.000,00 €).

– Para o suposto do artigo 11, o crédito será de un millón de euros (1.000.000,00 €).

De non esgotarse o total dalgún dos créditos anteriores, poderase asignar a contía sobrante a calquera dos outros supostos.

O total das axudas concedidas ás persoas beneficiarias residentes nun mesmo país non poderá superar o 60 % do orzamento. Este límite podería aumentar no caso de que sobre crédito orzamentario nos restantes países.

Os créditos iniciais poderán ser ampliados en función do previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou mesmo programa, ou derivadas dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou no suposto previsto no artigo 25.3 do citado decreto.

2. Contía das axudas.

A contía da axuda para as persoas beneficiarias de países que teñan asinados convenios en materia de seguridade social co Estado español estará limitada cunha cota inferior a 350 € e unha cota superior a 850 €. Non obstante, se o número de solicitudes admitidas é tal que a contía individual por axuda resulta inferior a 350 €, denegaríanse aquelas solicitudes correspondentes ás persoas de menor idade ata acadar o dito mínimo de 350 €.

Para as persoas beneficiarias dos países que non teñan asinados convenios en materia de seguridade social co Estado español, a contía da axuda estará limitada cunha cota inferior a 150 € e unha cota superior a 350 €. Non obstante, se o número de solicitudes admitidas é tal que a contía individual por axuda resulta inferior a 150 €, denegaríanse aquelas solicitudes correspondentes ás persoas de menor idade que solicitasen a axuda polo suposto do artigo 4 (axudas por encontrarse a unidade familiar en situación de precariedade), ata acadar o dito mínimo de 150 €.

Artigo 19. Natureza e compatibilidade das axudas

1. As axudas teñen carácter persoal e intransferible. As axudas non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias e estarán, en todo caso, condicionadas ás dispoñibilidades orzamentarias do exercicio correspondente previstas para esta finalidade.

No suposto de que, unha vez ditada a resolución de concesión das axudas, a persoa beneficiaria faleza, terán dereito á súa percepción as persoas que acrediten, de acordo coa normativa do país de residencia, a súa condición de herdeiras, antes do 31 de decembro do ano desta convocatoria.

2. As axudas previstas nesta resolución serán incompatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos.

3. Soamente se poderá conceder unha axuda por feito causante. As axudas previstas nos artigos 4, 10 e 11 son incompatibles coa solicitude de axudas por outro suposto na mesma unidade económica familiar.

A axuda que se conceda corresponderase co suposto de maior gravidade, de ser da mesma gravidade, coa de maior puntuación e, se esta for a mesma, coa persoa solicitante de maior idade.

4. Cada persoa solicitante soamente poderá pedir unha axuda por un único suposto. De presentarse máis dunha solicitude, entenderase como válida a presentada en primeiro lugar, segundo o asento de rexistro correspondente.

5. Cando nunha mesma unidade económica familiar concorra máis dunha persoa beneficiaria, a contía das axudas será minorada nun 70 %, agás a do suposto de maior gravidade.

No caso de ser o mesmo suposto, minorarase a de menor puntuación e, de ser a mesma, a de menor idade.

Cando a persoa solicitante resida nun centro asistencial ou similar, a contía máxima da axuda non superará a diferenza entre o custo do centro e os ingresos acreditados por ela.

En todo caso, non superará o importe previsto nesta resolución.

Artigo 20. Competencia e instrución

1. A competencia para resolver as solicitudes de axudas presentadas ao abeiro desta resolución correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

2. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas.

Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

3. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá desistida da súa petición, de conformidade co que se dispón no artigo 68 da LPACAP, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

4. Para as solicitudes presentadas na Arxentina e no Uruguai, poderanse crear comisións de avaliación presididas polas persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, respectivamente. Para as solicitudes presentadas no Brasil, Cuba e Venezuela, poderanse crear comisións de avaliación presididas por unha persoa funcionaria técnica da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por persoal técnico das delegacións e, se é o caso, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas, coñecedores da realidade social en que residen, viven e se desenvolven as persoas solicitantes.

5. Os expedientes que non sexan avaliados polas comisións mencionadas no número 4 serán avaliados polo órgano establecido no número 2.

6. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considera, poderá encargar informes socioambientais, que serán realizados por profesionais titulados que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes, e os resultados obtidos deberán ser tidos en conta na avaliación das correspondentes solicitudes.

7. Os expedientes serán avaliados polas comisións segundo os criterios de valoración establecidos nesta resolución para os distintos supostos. Posteriormente, o órgano instrutor a que se refire o número 2 elaborará as propostas de concesión e presentarallas á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para a súa resolución.

8. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar cantas resolucións sexan precisas para cumprir co obxecto da convocatoria.

Artigo 21. Tramitación

O procedemento para a tramitación e concesión das axudas que se convocan nesta resolución axustarase ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento que a desenvolve, e na LPACAP.

Artigo 22. Criterios de valoración

Os criterios de valoración para o outorgamento das axudas serán os que se sinalan a seguir, tendo en conta que a distribución da puntuación será proporcional e que se establecerá unha orde de maior a menor en cada suposto e segundo a prelación de cada un deles establecida no artigo 17.2.

1. Para os supostos dos artigos 5 e 6:

a) O grao de dependencia de terceiros/gravidade da enfermidade: de 1 a 4 puntos.

b) Os ingresos económicos e o patrimonio: de 1 a 3 puntos.

c) A idade da persoa solicitante: de 1 a 2 puntos.

2. Para o suposto do artigo 7:

a) O grao de autonomía: de 1 a 4 puntos.

b) Os ingresos económicos e o patrimonio: de 1 a 3 puntos.

c) A idade da persoa solicitante: de 1 a 2 puntos.

3. Para o suposto do artigo 8:

a) O gasto farmacéutico: de 1 a 4 puntos.

b) Os ingresos económicos e o patrimonio: de 1 a 3 puntos.

c) A idade da persoa solicitante: de 1 a 2 puntos.

4. Para o suposto do artigo 9:

a) As cargas familiares da persoa solicitante, considerando para tal fin as persoas menores de vinte e catro (24) anos ou maiores desta idade discapacitadas que dependan economicamente da persoa solicitante: de 1 a 4 puntos.

b) Os ingresos económicos e o patrimonio de que dispón a persoa solicitante: de 1 a 3 puntos.

c) A idade da persoa solicitante: de 1 a 2 puntos.

5. Para o suposto do artigo 10:

a) As cargas familiares da unidade económica familiar, considerando para tal fin as persoas menores de vinte e catro (24) anos ou maiores desta idade discapacitadas que dependan economicamente da persoa solicitante: de 1 a 4 puntos.

b) Os ingresos económicos e o patrimonio de que dispón a persoa solicitante: de 1 a 3 puntos.

c) A idade da persoa solicitante: de 1 a 2 puntos.

Artigo 23. Resolución. Modificación da resolución de concesión. Pagamento e reintegro

1. O prazo máximo para resolver será de cinco (5) meses contados desde a publicación da convocatoria.

Transcorrido o dito prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderanse entender desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións para as cales se solicitou a axuda, e a Secretaría poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

3. A contía das axudas concedidas aboaráselles ás persoas beneficiarias nun pagamento único, unha vez notificada a resolución de concesión. A Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o pagamento por causas imputables ás persoas solicitantes.

Cando a persoa solicitante desexe cobrar a axuda mediante transferencia bancaria, deberá cubrir a epígrafe de datos bancarios do anexo I.

4. Procederán o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora debidos desde o momento en que se efectúe o pagamento nos casos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

– O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención ou o da realización dos gastos subvencionables dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

– Calquera outra inobservancia considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda da realización dos gastos subvencionables e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado.

Artigo 24. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións no dispositivo electrónico e/ou no enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 25. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Con carácter xeral, as persoas beneficiarias quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración, para asegurar o cumprimento do contido e as condicións do programa.

2. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lles corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino destas axudas.

Artigo 26. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia, Secretaría Xeral da Emigración, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou de forma presencial nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se indica na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

A persoa solicitante deberá indicar na solicitude que dá o seu consentimento para que lle remitan información doutros programas ou futuras accións promovidas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. Dada a natureza das axudas recollidas nesta resolución e de conformidade co artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exceptúase a Secretaría Xeral da Emigración da publicación das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 28. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de forma potestativa recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer de forma potestativa recurso de reposición, ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na LPACAP.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2019

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file