Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 20 de decembro de 2019 Páx. 54175

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2019 pola que se convoca proceso selectivo para a provisión mediante contrato laboral temporal dunha praza de titulado/a superior de xestor de proxecto para a Unidade de Asesoramento Científico-Técnico.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, conta, dentro dos seus obxectivos estratéxicos, co de avaliar tecnoloxías, sistemas organizativos e servizos sanitarios, de acordo con criterios de seguridade, eficacia, efectividade e eficiencia, tendo en conta valores éticos, clínicos, económicos e sociais.

A ACIS, a través da súa Unidade de asesoramento científico-técnico, avalia-t, forma parte da Rede española de axencias de avaliación de tecnoloxías sanitarias e prestacións (RedETS) do Sistema nacional de saúde (SNS), que está regulada pola Orde SSI/1833/2013, do 2 de outubro.

O Pleno do Consello Interterritorial do SNS, na súa reunión de 4 de marzo de 2019, aprobou o Plan de traballo anual 2019 da RedETS. Este Plan asigna un carga de traballo a avalia-t, ACIS, correspondente a 555.000 € que se destinarán á elaboración de informes de avaliación de tecnoloxías sanitarias, de guías de práctica clínica, á detección de tecnoloxías emerxentes e elaboración de fichas de tecnoloxías emerxentes, ao desenvolvemento dun estudo de monitorización, á elaboración de informes sobre pseudoterapias e á participación en actividades internacionais no ámbito da avaliación ou de difusión ou de tipo científico.

Resumo do proxecto:

Título: Plan anual de traballo 2019 da RedETS.

Acrónimo: Plan RedETS.

Coordinador: Consello da RedETS.

Duración: 12 meses.

Nº proxecto: 201600006.

Orzamento total: 3.575.000,00 €.

Orzamento ACIS: 555.000,00 €.

A Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2019, no seu artigo 15, prevé a contratación de persoal laboral temporal para a realización de obras ou servizos concretos e dotados de orzamento.

Polo exposto, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 157, do 19 de agosto), esta xerencia

RESOLVE:

Anunciar a convocatoria dun proceso selectivo para a provisión mediante contrato laboral temporal dun efectivo para traballar na execución e xestión do proxecto Plan de traballo anual 2019 da RedETS, aprobado polo Pleno do Consello Interterritorial do Sistema nacional de Saúde na súa reunión de 4 de marzo de 2019, e aprobar as bases que rexerán o proceso.

As bases reguladoras do indicado proceso inclúense como anexo I desta resolución.

Para participar nesta convocatoria os/as interesados/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo II

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2019

Beatriz Allegue Requeijo
Xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

ANEXO I

Bases da convocatoria

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 15 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 157, do 19 de agosto), a Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, no exercicio das competencias atribuídas, dispón publicar as seguintes bases para a selección dun efectivo para traballar na execución e xestión do proxecto Plan de traballo anual 2019 da RedETS, enmarcado na Rede española de axencias de avaliación de tecnoloxías sanitarias e prestacións (RedETS) do Sistema nacional de saúde (SNS), que está regulada pola Orde SSI/1833/2013, do 2 de outubro.

Primeira. Normas xerais

1.1. Número e características das prazas.

Ao abeiro do artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, convócase proceso selectivo para a contratación dun efectivo (xestor de proxecto) persoal laboral temporal (grupo I categoría 4) cunha das titulacións de grao (ou licenciado) recollidas no punto 2.1.3 das presentes bases.

Os estudos de avaliación de tecnoloxías sanitarias incluídos no Plan de traballo 2019 da ACIS para a RedETS para os que é necesario a contratación dun técnico superior son:

– Nutrición enteral domiciliaria oral en pacientes oncolóxicos que requiren modificación da dieta oral por mucosite aínda que non exista desnutrición.

– PS-18: terapia humoral.

– Actualización Guía práctica clínica (GPC) sobre conduta suicida.

As funcións que se detallan a continuación correspóndense ás fases estándar que se desenvolven na realización dun informe de avaliación de tecnoloxías ou dunha guía de práctica clínica.

1. Elaboración dos protocolos dos informes de avaliación de tecnoloxías sanitarias (ATS) e GPC.

2. Selección e avaliación da calidade dos estudos que se van incluír nos informes ATS e na GPC.

3. Extracción de datos dos estudos e elaboración das táboas de evidencia seguindo o sistema GRADE.

4. Análise, interpretación e presentación dos resultados clínicos.

5. Elaboración da discusión a través dunha análise crítica da metodoloxía empregada e dos principais resultados en seguridade e efectividade.

6. Elaboración das conclusións do informe ATS ou das recomendacións no caso dunha guía de práctica clínica.

* Número de efectivos: 1.

* Centro directivo: o centro directivo é a Unidade de Asesoramento Científico-Técnico da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, adscrita a Consellería de Sanidade a través do Servizo Galego de Saúde, en Santiago de Compostela.

* Duración: ata a finalización da obra ou servizo determinados. A duración estimada é de 12 meses.

De acordo co artigo 15 da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, a duración do contrato queda condicionada a que exista crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria que corresponda, computado sempre na súa proxección anual.

1.2. Retribucións:

As retribucións serán as establecidas para o grupo correspondente de acordo coa estrutura salarial definida nos artigos 25 e 26 do V Convenio Colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, na Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, desenvolvida na Orde do 14 de xaneiro de 2019 (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro) pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2019.

1.3. Modalidade de contrato:

A persoa seleccionada asinará un contrato de traballo de obra ou servizo determinado seguindo as prescricións dos artigos 15 e 17 do RDL 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ao abeiro do Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, e demais lexislación vixente que resulte de aplicación.

1.4. Incompatibilidades:

A persoa contratada estará sometida ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e demais disposicións complementarias.

Segunda. Requisitos dos aspirantes

Para seren admitidos no proceso de selección os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral temporal os seguintes requisitos, agás o certificado médico referente ao recollido no punto 2.1.5, que deberá acreditarse no momento da contratación.

2.1.1. Nacionalidade.

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos/das españois/ñolas e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados/as de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados/as de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

2.1.2. Idade.

Teren feitos dezaseis anos de idade.

2.1.3. Titulación académica.

– Estar en posesión dunha das seguintes titulacións de grao (ou equivalente): Farmacia, Ciencias Biolóxicas, Medicina, Bioquímica, Biotecnoloxía, Psicoloxía ou Enfermería.

– Nivel de inglés B2 ou equivalente de acordo coa táboa de equivalencia de certificados publicada o 7 de xullo no Diario Oficial de Galicia e relacionado coa Orde do 21 de xuño de 2016, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 e na que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas de profesorado.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberá acreditar que está en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de obrigación aos aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

2.1.4. Coñecemento do idioma galego.

Acreditar coñecemento do idioma galego: Celga 4, título de perfeccionamento do idioma galego ou estudos equivalentes

2.1.5. Capacidade funcional.

Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

2.1.6. Habilitación.

Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración Pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder a mesma categoría profesional a cal se pertencía.

No caso de nacionais doutros estados, non ser inhabilitado/a, ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

Terceira. Presentación de solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ademais dos/as posibles candidatos/as seleccionados polo Servizo Público de Emprego, ao cal se cursará a oferta xenérica dos postos obxecto desta convocatoria, aquelas persoas que desexen formar parte no presente proceso selectivo deberán presentar a documentación que a continuación se sinala, tendo en conta que no suposto de que os documentos sexan fotocopias, estas terán que estar debidamente compulsadas:

a) Instancia. Segundo o modelo contido no anexo II que se xunta a estas bases.

b) Currículo pormenorizado e debidamente xustificado, onde se acredite a súa traxectoria, e experiencia profesional así como os títulos, cursos e diplomas obtidos que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.

c) Fotocopia compulsada da ou das titulacións académicas obtidas, que no caso de se obteren no estranxeiro, deberá estar homologada en España.

d) Acreditación da posesión dun certificado, como mínimo, de nivel de inglés B2 ou equivalente de acordo coa táboa de equivalencia de certificados publicada o 7 de xullo no Diario Oficial de Galicia e relacionado coa Orde do 21 de xuño de 2016, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 e na que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas de profesorado.

e) Acreditación da experiencia profesional, mediante informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente organización onde veñan desempeñando os servizos especificando a categoría, funcións e período (con data de inicio e remate do contrato) en que estivo traballando o/a aspirante.

d) Copias compulsadas de certificados de asistencia a cursos ou similares directamente relacionados coas funcións propias dos postos obxecto desta convocatoria. Será necesario que figure neles o número de horas certificadas.

e) Cando se trate de aspirantes nacionais doutros países, deberán presentar fotocopia compulsada dos certificados de estudos cursados de castelán, que acrediten suficientemente os seus coñecementos deste idioma.

f) Fotocopia compulsada do titulo acreditativo de superación do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde de 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo).

O enderezo que figure nas instancias considerarase o único válido para os efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva do/a candidato/a tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio do dito domicilio.

Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán); no caso de documentos expedidos noutras comunidades autónomas, para que teñan validez deberán estar redactados en castelán ou traducidos por titulado/a ou polo organismo correspondente. Tratándose de documentos expedidos nun país estranxeiro, deberán estar debidamente traducidos, validados e apostilados pola oficina diplomática española. Loxicamente, este parágrafo non fai referencia ás publicacións.

A presentación da solicitude farase no rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avda. Fernando de Casas Novoa, nº 37, 1º portal A, Santiago de Compostela) ou nos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia as presentes bases estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (http://www.acis.sergas.es).

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles desde o día seguinte ao da súa publicación oficial.

Para calquera aclaración ou información adicional os/as interesados/as poderanse por en contacto telefónico co Servizo de Xestión da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a través do número de teléfono 981 55 51 03 ou a través do correo electrónico xestion.acis@sergas.es.

Cuarta. Baremo de méritos. Acreditación de méritos e desempates

Baremo:

Para establecer a orde de prelación na puntuación dos/as aspirantes que corresponda a acreditación de méritos establecida nas presentes bases, aplicarase o seguinte baremo:

4.1. Servizos prestados: ata un máximo de 6 puntos.

1. Por cada mes de servizos prestados no ámbito da avaliación de tecnoloxías sanitarias nos últimos 5 anos: 0,30 puntos ao mes, ata un máximo de 6 puntos.

4.2. Formación académica relacionada: ata un máximo de 4 puntos.

• Pola titulación de máster relacionado avaliación de tecnoloxías sanitarias, saúde pública, metodoloxía da investigación ou calquera outro equivalente cun contido similar (2 puntos por máster).

• Polo diploma de estudos avanzados ou similar (1 punto).

• Pola titulación de doutor (2 puntos).

4.3. Formación continuada: ata un máximo de 4 puntos.

Por cada curso directamente relacionado coas funcións propias da categoría á que se opta organizado e impartido directamente pola Escola Galega de Administración Públicas, ACIS, Academia Galega de Seguridade Pública, INAP, escolas oficiais de formación das restantes comunidade autónomas ou da Administración xeral do Estado, universidades, Inem, Dirección Xeral de Formación Ocupacional da Consellería de Traballo, cursos de formación continua do AFEDAP, segundo a relación de materias que se establece na convocatoria:

• Cursos de máis de 15 horas e menos de 25 horas: 0,1 puntos.

• Cursos de máis de 25 horas e menos de 75 horas: 0,2 puntos.

• Cursos de 75 horas ou máis: 0,3 puntos.

Poderá duplicarse a puntuación obtida cando o curso se relacione con formación específica en xestión de avaliación de tecnoloxías sanitarias.

4.4. Polo coñecemento acreditado do idioma galego (só se valorará o grao superior alegado) e que sexa superior ao establecido como requisito de acceso.

Grao superior ao Celga 4: 1 punto.

Só se concederá validez, polo que á acreditación do galego se refire, aos cursos ou titulacións homologados polo órgano competente en materia lingüística da Xunta de Galicia.

4.5. Polo coñecemento acreditado doutros idiomas oficiais da UE: ata un máximo de 0,5 puntos.

Equivalente segundo a táboa de equivalencia a B1: 0,3 puntos.

Equivalente ou maior a B2: 0,5 puntos.

Os méritos a ter en conta neste proceso valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior, inclusive, ao da publicación desta convocatoria.

De producirse empate na puntuación, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida neste anexo e de persistir, a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde establecida anualmente na resolución da Consellería de Facenda pola que se publica o resultado do sorteo o que se refire o regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

No obstante o anterior, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino nos termos establecidos no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015. do 12 de febreiro, que aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, o primeiro criterio de desempate será o de ter a condición de muller.

Quinta. Tribunal de selección

O tribunal cualificador deste proceso noméase, pola Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, conforme o previsto no artigo 11 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Así mesmo, lémbrase que á comisión de selección lle resultan de aplicación as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección do 11 de abril de 2007 e o Acordo adoptado no Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

Sexta. Admisión dos/as aspirantes e baremación dos méritos

6.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, farase pública na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (http://www.acis.sergas.es) a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, así como a/as causa/s da súa exclusión.

Poderanse formular alegacións contra as listaxes provisionais nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avda. Fernando de Casas Novoa, nº 37-1º, portal A, Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6.2. Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución pola que se aproben as listas definitivas de persoas admitidas e excluídas coa baremación provisional dos méritos alegados polos/as aspirantes con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente de maior a menor puntuación.

A estimación ou desestimación das ditas reclamacións entenderase implícita na publicación da relación definitiva de admitidos e excluídos.

Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se lles recoñeza aos/ás interesados/as a posesión dos requisitos exixidos na presente convocatoria. Cando da documentación que se debe presentar no caso de superar o proceso de selección se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste procedemento.

Poderanse formular alegacións contra a baremación das listaxes provisionais nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia.

As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avda. Fernando de Casas Novoa, nº 37-1º, portal A, Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A estimación ou desestimación das ditas alegacións entenderase implícita na publicación da puntuación definitiva do proceso.

6.3. Finalmente o tribunal dita unha resolución que se publicará na páxina web da Axencia (www.acis.sergas.es) aprobando a relación definitiva de puntuacións dos méritos dos/as aspirantes admitidos/as.

6.4. Rematado o proceso selectivo, o tribunal proporá a Xerencia da Axencia como aspirante a contratar para a cobertura do posto obxecto desta convocatoria a aquel/a que alcanzase o primeiro posto na orde de prelación de resultados das puntuacións definitivas.

6.5. O/a primeiro/a aspirante da lista definitiva publicada será o candidato/a seleccionado/a para a cobertura da contratación obxecto desta convocatoria, que deberá presentar no prazo de cinco días hábiles, desde que se faga pública a dita lista, a seguinte documentación perante a Axencia:

– Tarxeta sanitaria e/ou número de afiliación á Seguridade Social.

– Certificado médico oficial ou informe de saúde en que se acrediten os puntos sinalados na base 2.1.5.

– Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas para os efectos de acreditar os puntos sinalados na base 2.1.6.

6.6. Se o/a candidato/a seleccionado/a non presenta a documentación indicada no punto anterior no prazo establecido, ou presenta a súa renuncia á contratación (caso en que se fará mediante solicitude expresa ao respecto, no mesmo prazo sinalado no punto anterior), resultará, en calquera caso, automaticamente seleccionado/a o/a seguinte aspirante segundo a orde de prelación da lista, que deberá presentar nun novo prazo de cinco días hábiles desde o remate do anterior a documentación citada no punto 6.5. Procederase desta forma ata que un/unha candidato/a presente en prazo e validamente a súa documentación.

6.7. Logo de seleccionado o candidato/a e presentada a súa documentación, segundo o establecido nos puntos anteriores, comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, procederase á formalización da contratación obxecto da convocatoria.

6.8. Se ao longo da duración do proxecto se produce a baixa do aspirante contratado, procederase ao chamamento, para a súa cobertura, do/a seguinte aspirante segundo a orde de prelación da lista resultante desta convocatoria.

Sétima. Norma derradeira

7.1. Todas as resolucións do proceso de selección se publicarán na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde na epigrafe de novas e tamén no de transparencia e goberno aberto.

7.2. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal, co carácter de definitivos ou que, sendo de trámite, decidan sobre o fondo do asunto, poderán ser impugnados polos/as interesados/as no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file