Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 26 de decembro de 2019 Páx. 54653

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 9 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para tripulantes de buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convoca para o ano 2020 o devandito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE119A).

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L347, do 20 de decembro de 2012) (en diante, disposicións comúns dos fondos EIE); e o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1225/2011 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L149, do 20 de marzo de 2014) constitúen o marco de financiamento comunitario para o período 2014-2020 que, entre outros, ten como obxectivo apoiar actuacións que fomenten un sector da pesca sustentable e respectuosa co ambiente para acadar os obxectivos da política pesqueira común (PPC) en consonancia cos obxectivos da Estratexia de Europa 2020. Por outra banda, mediante a Decisión do 13 de novembro 2015, a Comisión aprobou o programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para efectos de concesión de axudas do devandito fondo neste Estado membro, de maneira que este contribúe á Estratexia da UE para un crecemento intelixente, sustentable e integrador e á consecución dos obxectivos temáticos seleccionados e das prioridades da Unión.

O sector da pesca constitúe un sector estratéxico para o desenvolvemento da nosa Comunidade, que ten o reto de contribuír á consecución de determinados obxectivos temáticos do Marco estratéxico común. Ademais, este sector ten que aproveitar ao máximo os fondos deste marco para acadar os novos retos que se formulan e, neste senso, tanto o sector extractivo coma o sector transformador terán que aproveitar todas as posibilidades que brindan estes instrumentos para acadar o obxectivo de sector competitivo, sustentable e respectuoso co ambiente.

En cumprimento das citadas disposicións, e dada a importancia económica e social da pesca, en gran parte da franxa costeira da Comunidade Autónoma de Galicia, xa se teñen ditado catro ordes para as convocatorias de 2016, 2017, 2018 e 2019 (Orde do 15 de setembro de 2016, DOG nº 187, do 30 de setembro; a Orde do 31 de decembro de 2016, DOG nº 40, do 27 de febreiro de 2017, e a Orde do 19 de decembro de 2017, DOG nº 27, do 7 de febreiro de 2018, e a Orde de 21 de decembro de 2018, DOG nº 16, do 23 de xaneiro de 2019, polas que se establecían as bases e se regulaba o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos que fomentasen a pesca sustentable para tripulantes de buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocaban para o ano 2016, 2017, 2018 e 2019, respectivamente).

A aplicación práctica das citadas ordes, así como os cambios normativos, aconsellan a modificación de aspectos puntuais dos seus artigos, que pretende achegar unha maior comprensión de cara á potencial persoa beneficiaria e mesmo aos órganos xestores das axudas. Consecuentemente, para esta mellor comprensión e para facilitar a consulta e o manexo por parte das persoas interesadas, así como para a adaptación á normativa de referencia, publícase íntegro o contido das bases reguladoras, que substitúen as aprobadas pola Orde da Consellería do Mar do 21 de decembro de 2018.

O artigo 1.1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG nº 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG nº 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, mesmo cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario no cal se vaia materializar a contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Ademais, o artigo 3.3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal, ditada en desenvolvemento ou transposición dela, e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Por todo isto, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 e 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e a demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer a convocatoria para o ano 2020 e as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas a tripulantes de buques pesqueiros para fomentar unha pesca sustentable desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva. Código de procedemento administrativo PE119A.

Artigo 2. Definicións

Para efectos desta orde aplicaranse as definicións do Regulamento (UE) nº 1303/2013, relativo ás disposicións comúns dos fondos EIE, e do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao FEMP, e, na súa falta, a demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Finalidade das axudas

As axudas terán como finalidade:

A primeira adquisición dun buque de pesca (procedemento PE119A).

Artigo 4. Crédito orzamentario

1. Para o ano 2020, as axudas concederanse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria que figura dotada no proxecto de orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2020; o importe total máximo das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario será o seguinte:

15.02.723A.780.0, código de proxecto: 2016.00280 (axuda inicial para a primeira adquisición dun buque de pesca): 205.971,07 €.

2. O período de elixibilidade do actual programa operativo (2014-2020) abrangue desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de decembro de 2023, segundo dispón o artigo 65, punto 2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas aos fondos EIE.

3. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

4. A concesión das axudas queda condicionada á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

5. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEMP nun 75 % e do Estado membro (CA de Galicia) nun 25 %.

6. Poderanse adquirir compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

7. A tramitación deste expediente acóllese á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e de 25 outubro de 2001, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a aprobación do expediente queda condicionada á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos definitivos da Comunidade Autónoma para o 2020.

Artigo 5. Persoas beneficiarias e requisitos xerais

Poderán ser persoas beneficiarias os pescadores tripulantes de buques pesqueiros que cumpran os seguintes requisitos:

1. Estar enrolado nun buque con porto base en Galicia.

2. Non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. Non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Non ter pendente de pagamento ningunha sanción firme por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

6. Non ter cometido infracción grave:

– Da PPC, definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello.

– Do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes. Se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves, segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.

7. No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das comunidades europeas (DOUE serie C 316, do 27.11.1995).

8. Non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivo nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

9. Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

10. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

11. Coa solicitude xuntarase unha declaración responsable por parte do solicitante, ou apoderado, do cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos 2 ao 9 deste artigo.

Artigo 6. Requisitos específicos das persoas beneficiarias

Sen prexuízo do anterior, a persoa beneficiaria deberá cumprir os seguintes requisitos:

– Ter menos de 40 anos de idade no momento de presentar a solicitude de axuda.

– Estar de alta no réxime dos traballadores do mar.

– Ter traballado, cando menos, cinco anos como pescador ou ter a titulación profesional exixida segundo o tipo de embarcación que se vai adquirir (segundo o establecido no Real decreto 36/2014, do 24 de xaneiro).

– O buque que adquira ten que estar operativo e inscrito no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira e no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia, ter unha eslora total inferior a 24 m, entre 5 e 30 anos de antigüidade, estar equipado para a pesca mariña e pertencer a un segmento de frota que no informe de capacidade pesqueira, vixente no momento da solicitude, a que se refire o artigo 22.2 do Regulamento (UE) nº 1380/2013, amose equilibrio coas posibilidades de pesca.

– A compra pode realizarse na súa totalidade ou de forma parcial; neste caso, se o buque é adquirido por máis dun beneficiario, a totalidade das axudas concedidas para esta compra deben cumprir o punto 2 do artigo 9.

– Os investimentos para os cales se solicite axuda non poderán estar iniciados antes de que se acredite o non inicio nos termos indicados no artigo 12 desta orde, e non poderán estar finalizados nin pagados antes da data da presentación da solicitude.

Artigo 7. Obrigas xerais das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro do prazo conferido para o efecto, e con cumprimento das condicións establecidas na respectiva resolución de concesión e demais normativa de aplicación.

b) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, que será a data contable do último pagamento, esta non pode:

– Cesar a actividade produtiva.

– Relocalizar a actividade produtiva fóra de Galicia.

– Cambiar a propiedade da infraestrutura ou dun elemento de infraestrutura de forma que proporcione unha vantaxe indebida e sen autorización expresa do órgano concedente.

– Producir cambios substanciais que afecten a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de xeito que se menoscaben os seus obxectivos orixinais.

A Consellería do Mar solicitará o reintegro da axuda de forma proporcional ao período durante o cal se incumprisen os requisitos.

Deberá reembolsarse integramente a axuda se, nos dez anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, a actividade produtiva se somete a unha relocalización fóra da Unión, excepto cando a persoa beneficiaria sexa unha peme.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción da data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias. Con todo, tamén deberá conservar os devanditos documentos durante dous anos a partir do 31 de decembro do ano seguinte á presentación das contas por parte da Administración, nas cales se incluíra a súa operación, para o cal será informado da devandita data.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

f) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.

g) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

h) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca, nos termos regulamentariamente establecidos.

i) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, esta non poderá ter cometido unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control; non ter sido declarada culpable de cometer fraude nin estar incluída na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008, do Consello, do 29 de setembro.

Artigo 8. Obrigas específicas das persoas beneficiarias

Sen prexuízo do anterior, a persoa beneficiaria deberá exercer de xeito habitual a actividade pesqueira a bordo do buque.

Artigo 9. Investimento máximo subvencionable e intensidade das axudas

1. As axudas reguladas nesta orde teñen o carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de estado.

2. O investimento máximo subvencionable será o do prezo de adquisición do buque e a axuda será o 25 % do devandito custo, sen que en ningún caso esta sexa superior a 75.000 €.

Artigo 10. Investimentos obxecto de subvención e gastos subvencionables

1. Para a adquisición dun buque de pesca, os investimentos que poderán ser obxecto de subvención é o custo de adquisición da embarcación.

2. Non serán subvencionables:

– Os gastos de xestoría, rexistro, etc., distintos do prezo de compra do buque.

– As construcións ou importacións de buques.

– O imposto do valor engadido (IVE) nin outros impostos recuperables.

– A adquisición de elementos e todo tipo de bens que non sexan pagados por transferencia bancaria ou aqueles pagados mediante préstamos de entidades provedoras.

3. A elixibilidade das operacións basearase nos criterios de selección sinalados no artigo 113.a) do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, aprobados polo Comité de Seguimento e que, segundo se indica na citada norma, serán revisados de conformidade coas necesidades de programación.

Artigo 11. Compatibilidade das axudas

1. Os gastos cofinanciados pola presente orde serán compatibles con outras liñas de axudas, sempre que a suma de todas elas non supere o límite da intensidade máxima de axuda pública prevista no artigo 95 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio.

2. Non obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade polas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada persoa beneficiaria supere os límites que se indican no punto anterior, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións, ata axustarse a ese límite na última subvención que se conceda.

Artigo 12. Certificación de non inicio

1. Con carácter xeral, as actuacións para as cales se solicita axuda non poderán estar iniciadas antes da presentación da solicitude.

2. O non inicio das actuacións para a primeira adquisición dun buque de pesca acreditarase mediante declaración responsable de que os investimentos non foron iniciados (incluído no anexo I).

Artigo 13. Prazo de presentación das solicitudes

Para esta convocatoria de 2020, o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Artigo 14. Forma de presentación de solicitudes e documentación

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 15. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de axudas destinadas á adquisición dun buque de pesca (anexo I, código do procedemento PE119A) a seguinte documentación:

a) Anexo II de indicadores FEMP.

b) Anexo IV de nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude, se é o caso.

c) Anexo V co plan de empresa (no cal se integra o plan de financiamento do proxecto).

d) Compromiso non condicionado de adquisición do buque, indicando o nome, a matrícula e o importe do custo asinado polo potencial vendedor e comprador.

e) Informe de vida laboral emitido na mesma data que a presentación da solicitude.

f) Copia de todas as follas de todos os cadernos de inscrición marítima que deberán estar actualizados.

g) Certificado de navegabilidade do buque, certificado de conformidade (se procede) en vigor.

h) De ser o caso, documento acreditativo de ter a titulación profesional exixida segundo o tipo de embarcación que se vai adquirir, atendendo ao Real decreto 36/2014, do 24 de xaneiro.

i) Certificados bancarios actualizados das contas bancarias do solicitante onde consten os fondos propios dispoñibles para realizar o investimento e/ou os recursos alleos.

O solicitante deberá achegar ademais:

– No caso doutras axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto, de administracións distintas da Xunta de Galicia, deberá achegar a resolución de concesión correspondente.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que haxa que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. As persoas interesadas poderán actuar por medio de representante para os efectos de presentación da solicitude. A acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo IV da presente orde.

Artigo 16. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa física solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante ou NIF da entidade representante, segundo o caso.

c) Certificación de que cada persoa solicitante estea ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificación de que cada persoa solicitante estea ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificación de que cada persoa solicitante estea ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia.

f) Consulta de estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións obtida da Consellería de Facenda (Atriga).

g) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira, emitido pola unidade de sancións e reclamacións da xefatura territorial da Consellería do Mar correspondente.

h) Consulta de non estar en concurso de acredores, artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, obtida a través do rexistro público concursal do Ministerio de Xustiza.

i) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, emitido polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.

j) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais, no caso de persoas físicas, obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, no caso de opoñerse expresamente á súa consulta. O devandito certificado deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para efectos de verificar que non ten sido declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

k) Consulta do Sistema Nacional de Publicación de Subvencións do Ministerio de Facenda de non ter sido declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEP ou FEMP.

l) Consulta de non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR, obtida a través da base de datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, presentarase informe no caso de opoñerse expresamente á súa consulta.

m) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

n) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 17. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Tramitación de solicitudes

1. A tramitación das solicitudes realizarase por fases; no caso de que unha solicitude non supere unha das fases, implicará que a súa tramitación finalizará sen que poida pasar á fase seguinte; neste caso, o órgano competente emitirá a correspondente resolución.

A) Fase de admisión de solicitudes:

1. O Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota da Consellería do Mar analizará os expedientes e requirirá a documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos e, se así non o fixer, darase por desistida da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5, punto 10, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando o importe total do investimento nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita a axuda.

5. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polas persoas interesadas, daráselles a estas un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola Comisión de Valoración.

6. Para os expedientes que non cumpran os requisitos, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor emitirá un informe desfavorable previo á proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, no cal se indicarán as causas que a motivan.

7. Aquelas solicitudes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria continuarán tramitándose de acordo co establecido no presente artigo.

B) Fase de avaliación das solicitudes:

Os proxectos que se financien deberán axeitarse ao Programa operativo do FEMP e ser técnica e economicamente viables.

I) Criterios xerais de avaliación:

1. Avaliaranse os proxectos segundo os criterios xerais, nos cales se terá en conta a súa idoneidade ao Programa operativo do FEMP.

2. Esta avaliación será realizada, preferentemente, por persoas cunha cualificación adecuada e/ou experiencia dos organismos intermedios ou doutras organizacións que poidan achegar valor engadido a esta avaliación.

3. Para a valoración de idoneidade ao Programa operativo do FEMP terase en conta:

– A adecuación do proxecto á análise DAFO do Programa operativo (PO) do FEMP e ao cumprimento dos fins do obxectivo específico: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto) e nulo (0 puntos).

– A contribución do proxecto á consecución dos indicadores de resultado do Programa operativo: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto) e nulo (0 puntos).

– A implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos, indicadores de resultados ou plans estratéxicos: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto) e nulo (0 puntos).

4. O órgano instrutor emitirá un informe de idoneidade para cada solicitude que alcanzase esta fase no cal se cualificará o proxecto de significante (alto: >7 puntos), razoable (medio: <=7, > 5), deficiente (baixo: <=5) e inadecuado (nulo <=2), en función dos puntos totais que obteña.

Os proxectos que sexan cualificados como inadecuados non poderán continuar tramitándose e formularase proposta de resolución previa á resolución desfavorable da axuda. Na resolución de denegación da axuda indicaranse as causas que a motivan.

II) Criterios específicos de avaliación:

1. Unha comisión de selección valorará os criterios específicos de cada proxecto de acordo co establecido nesta alínea.

2. Os criterios de selección poderanse modificar en cada convocatoria durante a vixencia do FEMP.

3. Para o ano 2020, os criterios que servirán de base para a determinación da prelación das solicitudes serán os que se relacionan a seguir:

– Pola idade do solicitante: (40 - a idade do solicitante) puntos.

– Se a solicitante é unha muller: 10 puntos.

– Por ser un buque de pesca costeira artesanal: 10 puntos.

– Capacidade de financiamento: terán prioridade aqueles que conten con maior implicación económica con recursos propios do solicitante, de xeito que:

• Financiamento con fondos propios sexa igual ou superior ao 40 %: 6 puntos.

• Financiamento sexa igual ou maior do 15 % e menor do 40 %: 3 puntos.

• Financiamento igual ou maior do 1 % ou inferior ao 15 %: 1 punto.

• Financiamento con fondos propios inferior ao 1 %: 0 puntos.

En caso de empate, terá prioridade a persoa máis nova tendo en conta a data de nacemento.

C) Fase de selección:

1. Unha vez finalizada a fase anterior, a Comisión de Selección procederá a formular a proposta de resolución de concesión das axudas.

2. Na proposta que formule a Comisión de Selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obteren a subvención e indicarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados nesta orde. Ordenaranse os expedientes seleccionados de acordo coa puntuación obtida ata esgotar as dispoñibilidades orzamentarias. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

3. A Comisión de Selección, de ser o caso, establecerá unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acaden a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. Nesta lista de reserva indicaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo coa puntuación obtida.

4. No caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada dos criterios específicos de cada expediente.

5. O presidente da Comisión de Avaliación elevará a proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

6. No caso de empate na valoración, a Comisión de Selección aplicará os criterios de desempate establecidos nos criterios específicos.

Artigo 19. Comisión de Selección

1. Os expedientes serán avaliados por unha Comisión de Selección constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. A composición da Comisión Avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidencia: subdirector/a xeral de Innovación Tecnolóxica.

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica designados polo presidente e a xefatura do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota que exercerá a secretaría.

3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a maioría simple dos membros para a realización da selección. No caso de excepcional ausencia do presidente, actuará como tal o secretario.

4. A Comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.

5. A Comisión Avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.

6. A reunión da Comisión de Selección poderá ter lugar presencial ou telematicamente.

7. A Comisión de Selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso en que poderá realizar cantas sesións considere necesarias e emitir propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

Artigo 20. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá en todo caso ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de seis meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender rexeitadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

5. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas persoas beneficiarias; os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto, a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, os prazos e o modo de pagamento da subvención; e o prazo e a forma de xustificación por parte da persoa beneficiaria do cumprimento da finalidade para a cal se cobra a subvención.

Artigo 21. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 20 non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase rexeitada por silencio negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os dous casos a partir do día seguinte a que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, as persoas interesadas poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 23. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, e antes da presentación da xustificación de cobramento, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á súa modificación.

2. A autorización para a modificación dos termos en que foi concedida a axuda quedará condicionada aos seguintes requisitos:

a) Que o proxecto modificado non poida dar lugar a unha nova análise da solicitude.

b) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

c) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

d) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

e) Que o proxecto modificado, en caso de que fose presentado co resto das solicitudes, resultase seleccionado na concesión inicial, seguindo os criterios de selección fixados.

3. As solicitudes de modificación deberán ser comunicadas pola persoa beneficiaria, por escrito, con anterioridade á súa realización, nun prazo non inferior a dous meses antes da data límite de xustificación do investimento, e requirirá resolución expresa da Consellería do Mar. No escrito, a persoa beneficiaria deberá deixar constancia debidamente motivada das razóns que aconsellan a modificación proposta.

4. Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60 % do investimento inicialmente aprobado, e en ningún caso suporá un incremento da subvención concedida.

5. Non obstante o indicado nos parágrafos anteriores, poderanse autorizar modificacións que se orixinen por causas de forza maior ou situacións sobrevidas suficientemente xustificadas que, en todo caso, deberán ser apreciadas polo órgano concedente e debidamente motivadas.

6. Non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou persoa beneficiaria das axudas, agás nos casos de enfermidade que dificulte ou imposibilite a realización desta actividade, sucesión mortis causa, adquisición da propiedade como consecuencia de procesos de disolución e liquidación de persoas xurídicas, operacións de fusión ou escisión parcial ou total de sociedades ou naqueloutros casos en que, a xuízo do órgano competente para a concesión das axudas, a transmisión da propiedade do investimento subvencionado e a subrogación do novo propietario na posición do solicitante ou persoa beneficiaria non desvirtúe a finalidade das axudas e non produza enriquecemento. En calquera caso, a nova persoa beneficiaria deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

7. As modificacións nos prazos de xustificación dos investimentos terán a consideración de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, polo tanto, deberán tramitarse de acordo ao establecido no presente artigo.

8. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, no cal se dará audiencia á persoa interesada. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada.

Artigo 24. Prazos de execución, xustificación e pagamento

1. Con carácter xeral, o prazo para a xustificación material e documental dos investimentos será o 31 de outubro de 2020, salvo que a resolución individual de concesión da axuda dispoña un prazo distinto.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que a persoa beneficiaria presente a documentación xustificativa, procederase segundo o artigo 45 do Regulamento de subvencións de Galicia.

3. Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o investimento obxecto da axuda e a súa xustificación estean realizados de conformidade coa resolución de concesión, integramente rematado e totalmente pagado. A acreditación da realización do investimento realizarase co pagamento da adquisición.

b) Que as persoas beneficiarias estean ao día das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Igualmente, a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

4. As solicitudes de pagamento presentaranse conforme o disposto no artigo 14 da orde reguladora, en calquera das formas previstas nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, coa seguinte documentación:

– Anexo III, de declaración responsable doutras axudas no pagamento e compromiso do requisito de admisibilidade.

– Certificación do Rexistro Mercantil acreditativa da propiedade do buque adquirido na súa totalidade.

– Documento público de compravenda do buque no cal consten todas as circunstancias e os pagamentos efectivamente realizados.

– Se é o caso, certificación bancaria dos pagamentos realizados con posterioridade á escritura de compravenda e antes da fin do prazo de xustificación.

– Documento xustificativo do pagamento do imposto de transmisións patrimoniais.

– Seguro da embarcación que garanta a cobertura de danos a terceiros.

– Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias ou, na súa falta, xustificante da presentación da solicitude de alta na Administración correspondente.

5. No suposto de falta de xustificación documental ou material, a persoa beneficiaria perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, segundo os casos.

Artigo 25. Reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e nas demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06), a comisión de infracción ao dereito comunitario por parte da persoa beneficiaria e, en especial, ás normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación, se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 28. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideren ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria, poderá poñer eses feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través do canal habilitado para o efecto por ese servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Artigo 29. Publicidade

En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, que expresarán a convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso. A aceptación da axuda supón a inclusión da operación e os seus datos na lista de operacións prevista no artigo 115.2 del Regulamento (UE) nº 1303/2013, de disposicións comúns, e a remisión á Base nacional de subvencións.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre a protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería do Mar, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectírase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda, á Secretaría Xeral de Pesca e á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación do P.O. do FEMP.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda

No non previsto nesta orde observarase o que establece no Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ás disposicións comúns de fondos estruturais e de investimentos europeos; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a demais normativa de aplicación.

Disposición adicional terceira

Delégase na directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2019

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file