Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 30 de decembro de 2019 Páx. 55916

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 17 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2020, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (código de procedemento TR487A).

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, regula nos artigos 255 e 256 as asociacións de veciños, e determina especificamente que os concellos galegos favorecerán o desenvolvemento das que se constitúan para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños, que as constituídas con esta finalidade terán a consideración de entidades de participación cidadá, que poderán federarse dentro de cada municipio, que a Xunta de Galicia levará un rexistro xeral en que se inscribirán as existentes na Comunidade Autónoma e que a ela lle corresponde, a través da consellería competente en materia de réxime local, prestarlles a debida asistencia e axuda.

O Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle á Dirección Xeral de Administración Local a xestión dos asuntos propios das asociacións, así como as relacións coas entidades locais e coas demais institucións relacionadas co ámbito do poder local, e son, en particular, competencias dese centro directivo o fomento do asociacionismo veciñal e o impulso, estudo e control do cumprimento da Lei de Administración local de Galicia e demais normativa de réxime local, así como o exercicio das competencias que nesa materia lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza regula mediante a presente orde, dentro do ámbito das súas competencias, axudas específicas para investimentos destinadas a diversas entidades de participación cidadá de Galicia (organizacións veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas), coa finalidade de contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal.

De acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta orde tramítase na modalidade de concorrencia competitiva, mediante a comparación das solicitudes presentadas segundo os criterios de valoración fixados nesta orde, co fin de establecer unha prelación entre elas.

Esta convocatoria tramítase como anticipada de gasto, de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 17 de outubro de 2019, na cal se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

Por todo isto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, e autorizada por acordo do Consello da Xunta a concesión de anticipos de ata o 100 % da subvención concedida, sen constitución de garantías, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e beneficiarios

1. As subvenciones reguladas por estas bases teñen por obxecto o outorgamento de axudas específicas para investimentos destinadas ás entidades a que se refire o número 3 deste artigo, coa finalidade de contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal (código de procedemento PR487A).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, mediante a comparación das solicitudes presentadas segundo os criterios de valoracion establecidos no artigo 9, co fin de establecer unha prelación entre elas.

Adxudicaráselles a subvención a aquelas entidades que obteñan a máxima puntuación, sen superar, en ningún caso, o importe da dotación orzamentaria fixada no artigo 2 destas bases reguladoras.

3. Poderán ser beneficiarias das subvencións convocadas as asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas debidamente inscritas no rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais de Galicia (en diante, entidades), para a realización de investimentos, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos que lles corresponda o dereito de uso e traídas de auga veciñais, coa finalidade de mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar a participación veciñal e a cohesión social, contribuíndo deste xeito a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza.

4. As entidades deberán estar, en todo caso, debidamente inscritas no correspondente rexistro de asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia (central ou provincial) dependente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociación de veciños ou como asociación de mulleres rurais, segundo o caso.

5. As comunidades de usuarios de augas deberán estar legalmente constituídas e inscritas no libro do rexistro de augas do correspondente organismo de bacía como titulares dalgún aproveitamento de augas.

6. Non se atenderán as solicitudes das entidades non inscritas na data en que remate o prazo de solicitudes.

Artigo 2. Crédito

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A.781.0 (código de proxecto 2016 00375), ata un importe máximo de dous millóns cincocentos mil euros (2.500.000 €), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

2. A axuda económica que se conceda poderá acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos.

Segundo o previsto no artigo 21.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a achega pública fíxase como un importe certo e sen referencia a unha porcentaxe ou fracción do custo total, polo que non se aboará máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida. Enténdese que queda por conta do beneficiario a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada, de ser o caso.

3. Existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

4. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2020.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, o crédito previsto no número 1 deste artigo e, xa que logo, a concesión das subvencións, queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2020 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.

Artigo 3. Destino das subvencións

1. Poderán ser obxecto de subvención os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles de titularidade da entidade solicitante ou sobre os que teña un dereito de uso por convenio ou por calquera outro título, así como equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario, e as obras nas traídas de auga comunitarias.

2. Para os efectos desta orde considéranse subvencionables os seguintes proxectos:

a) Obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais en que a entidade desenvolve a súa actividade.

b) Adquisición de equipamentos dos locais necesarios para o funcionamento ordinario da entidade: mobiliario, equipos de oficina, equipamento informático e audiovisual.

c) Obras de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas.

En calquera caso, só serán subvencionables os proxectos operativos, é dicir, aqueles que conteñen os elementos necesarios para acadar a finalidade para a cal foron solicitados.

3. Non son subvencionables os gastos correntes das entidades, tales como material funxible, luz, auga, teléfono, alugueiros de locais e similares, nin a adquisición de elementos decorativos ou ornamentais.

Artigo 4. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

1. As entidades que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán solicitude dirixida á Dirección Xeral de Administración Local segundo o modelo que figura como anexo I a esta orde, xunto coa documentación que se indica no artigo 5.

2. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

Para solicitar as subvencións que se regulan mediante esta orde, a entidade peticionaria presentará a documentación que se indica a continuación:

a) Solicitude no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR487A), debidamente cuberto en todos os seus puntos.

b) Certificación emitida e asinada electronicamente polo secretario ou secretaria da entidade solicitante no modelo do anexo II, na cal faga constar:

– O acordo do órgano competente da entidade solicitante, polo que se aproba participar nesta convocatoria de subvencións e o nomeamento da persoa representante para as súas relacións coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

– O número de membros da entidade.

c) Declaración da persoa representante da entidade, asinada electronicamente, incluída no anexo I da presente orde, en que faga constar que:

– A entidade solicitante non está incursa en causas de incompatibilidade para percibir subvencións da Administración pública e de aceptación das bases da convocatoria.

– O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas que financien o investimento que se vai subvencionar e o compromiso de comunicarlle á Dirección Xeral de Administración Local as que obteñan nun futuro.

– A entidade solicitante coñece e acepta as bases reguladoras da subvención.

– A entidade solicitante posúe a titularidade ou ten dereito de uso por calquera título válido sobre os terreos ou inmobles nos cales se vai desenvolver o proxecto subvencionado.

d) Memoria valorada da obra ou do equipamento que se vai realizar e que será asinada electronicamente pola persoa representante da entidade, co seguinte contido mínimo para posibilitar a valoración da solicitude con relación aos criterios establecidos no artigo 9:

– Memoria descritiva das obras ou do equipamento que inclúa a explicación da necesidade do proxecto, os obxectivos que pretenden conseguir coa súa execución e a data de construción do inmoble ou da traída, segundo proceda.

– Planos e/ou fotografías que evidencien a situación da instalación antes da execución da obra.

– Orzamento detallado, que describirá con claridade os conceptos e as cantidades e o seu prezo unitario, e incluirá o imposto sobre o valor engadido (IVE) que sexa de aplicación.

No caso de que o IVE sexa deducible, deberá indicarse expresamente.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificacións de estar ao día no pagamento coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Seguridade Social e Facenda da Comunidade Autónoma.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Inscrición da entidade no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia.

d) Inscrición no Rexistro de Augas do organismo de bacía.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención por parte da persoa interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Defectos na solicitude e outra documentación

1. O defecto nas solicitudes seralles notificado ás persoas interesadas pola Dirección Xeral de Administración Local e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo máximo e improrrogable de dez días para emendar os erros ou omisións, con indicación de que, de non facelo así, se darán por desistidas da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A Dirección Xeral de Administración Local poderá requirir as entidades solicitantes para achegaren cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a correcta verificación da solicitude ou para a súa tramitación e resolución.

Artigo 8. Instrución e resolución

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación das solicitudes, revisadas estas e a súa documentación e feitas as emendas necesarias, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan a documentación preceptiva serán trasladados a unha comisión para que os valore de acordo cos criterios establecidos no artigo 9 destas bases reguladoras.

2. A Comisión de Valoración estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local e dela formarán parte os delegados e as delegadas territoriais da Xunta de Galicia. Actuará como secretaria a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais da Dirección Xeral de Administración Local, ou unha persoa funcionaria da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

3. Unha vez que a Comisión realice a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de avaliación establecidos no artigo 9, da cal quedará constancia en acta motivada, a Dirección Xeral de Administración Local elevará proposta á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que resolverá.

4. A resolución notificaráselles a todas as entidades interesadas segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Asemade, de conformidade co artigo 23.5 da mesma lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

5. Contra esta resolución as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.

6. O prazo para resolver e notificar os procedementos de subvención iniciados en virtude desta orde será de catro meses contados desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Criterios de valoración

1. Na valoración das solicitudes presentadas ponderaranse os seguintes aspectos, ata un máximo de 100 puntos:

1) A representatividade da entidade solicitante valorarase ata 15 puntos, con base no número de persoas asociadas acreditado mediante certificación emitida polo secretario ou secretaria da entidade. Nesta epígrafe poderán establecerse tramos diferentes de valoración para cada tipo de entidade (veciñais, mulleres rurais e comunidades de usuarios).

2) A tipoloxía do proxecto puntuarase con base nos seguintes criterios específicos, que terán carácter acumulable ata un máximo de 50 puntos:

a) No caso das asociacións veciñais e de mulleres rurais puntuaranse aspectos específicos relativos á tipoloxía do proxecto para potenciar aquelas actuacións que signifiquen unha maior incidencia sobre o mantemento da actividade da entidade, considerando aspectos como:

– Obras de mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas: 15 puntos.

– Obras de mellora e reparación da estrutura do edificio: 10 puntos.

– Obras sobre fachadas, incluída a instalación ou cambio de ventás, tellados, paramentos interiores, pavimentos ou teitos: 10 puntos.

– Obras en instalacións de fontanaría, saneamento, electricidade ou calefacción: 10 puntos.

– Adquisición de equipamento ou mobiliario: 5 puntos.

b) No caso das solicitudes de comunidades de usuarios de auga puntúanse aspectos específicos que teñen que ver coa tipoloxía de proxecto para priorizar aqueles que implican actuacións sobre as infraestruturas da traída para minimizar as perdas de auga, a mellora da xestión e o control da auga ou a optimización da eficiencia e o aforro enerxético. Teranse en conta aspectos como:

– Actuacións sobre a captación, as canalizacións ou os depósitos, destinadas a reducir as perdas de auga: 20 puntos.

– Actuacións destinadas a mellorar a xestión, a medición ou o control de calidade da auga: 15 puntos.

– Implantación e mellora de tecnoloxías e instalacións eléctricas que permitan optimizar a eficiencia e o aforro enerxético na traída de augas: 10 puntos.

– Actuacións sobre os elementos complementarios asociados á infraestrutura da traída (valados, camiños, etc.): 5 puntos.

3. O interese da actuación valorarase con base na data de construción do inmoble ou da antigüidade da traída, ata un máximo de 8 puntos:

a) Antigüidade do inmoble ou da traída igual ou inferior a 5 anos: 4 puntos.

b) Antigüidade do inmoble ou da traída entre 6 e 15 anos: 6 puntos.

c) Antigüidade do inmoble ou da traída superior a 15 anos: 8 puntos.

4. Xustificación da necesidade do proxecto e obxectivos que pretenden conseguir coa súa realización: para a valoración desta epígrafe, ata un máximo de 20 puntos, a Comisión terá en conta as necesidades da realización do proxecto con base no contido da memoria explicativa.

5. A optimización dos recursos dispoñibles valorarase asignando maior puntuación a aquelas entidades que non obtiveron subvención en anos anteriores, ata un máximo de 5 puntos:

a) Ás entidades solicitantes de subvención que non obtiveron subvención en convocatorias anteriores desta mesma liña, asignaránselles 5 puntos.

b) Ás entidades solicitantes que xa obtiveron subvención nunha convocatoria anterior, dentro desta mesma liña, asignaránselles 2 puntos.

c) Aquelas entidades que xa obtiveron subvencións en dúas ou máis convocatorias dentro desta mesma liña, obterán 0 puntos.

6. A calidade da documentación presentada valorarase ata un máximo de 2 puntos, tendo en conta os seguintes aspectos:

a) Aquelas solicitudes correctas e completas e sobre as cales non hai que requirir emenda nin achega de documentos complementarios.

b) A claridade expositiva da memoria de actividades.

2. No caso de empate na puntuación final entre dúas ou máis solicitudes, a orde de prelación establecerase con base na data e hora de presentación da solicitude. Naqueles supostos en que, ao abeiro do establecido no artigo 7, se lles requirise ás entidades solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou documentación presentada, entenderase por data e hora de entrada da solicitude aquela en que o dito requirimento estivese correctamente atendido.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia–Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Aceptación

1. A persoa representante da entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

2. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

3. A Dirección Xeral de Administración Local da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos, e proceder ao reintegro das cantidades percibidas no caso de incumprimento desta obriga. A axuda só será definitiva se non sofre, antes de transcorridos cinco anos do seu remate, unha modificación que afecte a natureza do investimento.

5. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e o artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

8. Proceder ao reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar a subvención nos termos establecidos no artigo 14 desta orde.

c) En todo caso, será reintegrado o financiamento público polo importe pagado da subvención que supere o custo final xustificado do proxecto subvencionado.

d) Incumprimento da obriga de destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, durante un período mínimo de cinco anos. O incumprimento da obriga de destino referida producirase, en todo caso, co alleamento ou gravame dos bens e quedarán estes afectos ao pagamento do reintegro, calquera que sexa o seu posuidor.

e) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

Artigo 14. Xustificación e pagamento

1. Poderase realizar o pagamento do 100 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo, por solicitude da entidade beneficiaria, unha vez realizada a notificación da subvención e logo da aceptación expresa desta.

Ao abeiro do disposto no artigo 63.1.dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano concedente.

Conforme o artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 11 de xaneiro, para a concesión dos pagamentos anticipados, non se exixirá a presentación de garantías por parte das entidades beneficiarias.

2. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata o 15 de outubro de 2020. Para tales efectos deberán achegar:

a) Memoria explicativa do investimento realizado e dos resultados obtidos, que inclúa una reportaxe fotográfica, asinada electronicamente polo presidente ou pola presidenta da entidade beneficiaria ou por quen actúe en representación desta.

b) Conta xustificativa dos gastos no modelo do anexo III, asinada electronicamente, na cal se relacionarán as facturas ou documentos con valor probatorio no tráfico mercantil e administrativo (identificarase o provedor, o NIF, o número da factura, o concepto e o importe) que xustifiquen a execución do proxecto que serviu de base á resolución de concesión.

Os gastos xustificados deberán axustarse aos conceptos incluídos no orzamento inicial. Non se aboará máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida.

c) Facturas, conformadas polo presidente ou presidenta da entidade beneficiaria, ou por quen actúe en representación desta, indicando o DNI.

As facturas que se presenten como xustificación dos gastos realizados deberán detallar unidades e os prezos unitarios. De non vir correctamente tipificado o gasto, as facturas non se admitirán a trámite, dando lugar á perda da subvención concedida.

d) Documento bancario acreditativo do pagamento das facturas presentadas, debidamente identificado. Non se admitirán pagamentos en efectivo nin mediante cheque bancario.

e) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a actuación subvencionada ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración segundo o modelo do anexo III.

Esta declaración deberá vir asinada electronicamente polo presidente ou presidenta da entidade beneficiaria ou por quen actúe en representación desta.

f) Declaración asinada electronicamente polo presidente ou pola presidenta da entidade, ou por quen actúe en representación desta, de que se cumpriu a finalidade da subvención segundo o modelo do anexo III.

3. O aboamento da subvención practicaráselle directamente á entidade beneficiaria na conta bancaria indicada por esta, que deberá ser da súa titularidade.

4. Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentado a correspondente xustificación entenderase que a entidade renuncia á subvención, sen prexuízo do establecido nos artigos 45.2 e 46 do Decreto 8/2009, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, e deben cumprirse, en todo caso, os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No suposto de que a execución do proxecto subvencionado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, o pagamento da subvencións realizarase de acordo co custo real do proxecto executado e xustificado, ata o límite do importe concedido.

En ningún caso, o menor custo de execución do proxecto subvencionado pode supoñer unha execución deficiente deste e a entidade beneficiaria da subvención debe cumprir as condicións da concesión e a finalidade ou os obxectivos para os cales se lle concedeu a axuda.

Artigo 16. Concorrencia de axudas e subvencións públicas

Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. Non obstante, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo da actuación subvencionada.

Artigo 17. Perda do dereito ao cobramento da subvención

Sen prexuízo de calquera outra causa que derive da normativa aplicable, constitúen causas de perda do dereito ao cobramento da subvención, total ou parcial, as seguintes:

a) Non presentar toda a documentación xustificativa no tempo e na forma exixibles ou a súa presentación insuficiente ou incompleta.

b) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

c) Calquera outra causa que poña de manifesto que a entidade non reunía os requisitos para ser beneficiaria destas subvencións ou a alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta vicepresidencia e consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Información básica sobre aprotección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Artigo 20. Información relativa á orde de convocatoria

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Administración Local, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (http://cpapx.xunta.gal).

b) Nos teléfonos 981 54 62 11, 881 99 72 58 e 981 54 61 72.

c) No enderezo electrónico: administracionlocal@xunta.gal

Disposición derradeira primeira

De conformidade co previsto no artigo 4 da Orde do 29 de decembro de 2017 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e noutros órganos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e entidades adscritas (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file