Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 30 de decembro de 2019 Páx. 55995

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 20 de decembro de 2019 pola que se fai público o incremento do importe das axudas previstas na Orde do 20 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2019 (código de procedemento BS410A).

A Orde do 20 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2019 (DOG núm. 65, do 3 de abril) establece, no seu artigo 2, que o financiamento destas axudas se efectuará con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, a través dos créditos consignados na aplicación 13.02.312B.480.0, polo importe global de 2.000.000 de euros. Esta orde prevé, no seu artigo 2.2, a posibilidade de incrementar o crédito final resultante destinado ao pagamento das axudas no suposto de que aínda sexa insuficiente para atender todas as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos na dita orde. Este crédito ten o carácter de ampliable, de acordo co artigo 7.un.p) da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

A publicidade da ampliación do crédito dada ao abeiro do disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non implica a apertura dun novo prazo para presentar solicitudes nin do inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Tendo en conta o volume de solicitudes recibidas e tratando de dar resposta á ampla demanda da axuda, deben articularse as medidas necesarias para garantir o dereito das persoas solicitantes e que cumpren os requisitos determinados na Orde do 20 de marzo de 2019 a poder recibir as axudas que lles corresponden, polo que parece oportuno incrementar o importe destinado á dotación orzamentaria consignada na respectiva orde para a concesión das ditas prestacións económicas.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento dos créditos

Increméntase o importe total dos créditos para o financiamento das axudas previstas na Orde do 20 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2019 (DOG núm. 65, do 3 de abril) en 112.000 euros, na aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.0.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social