Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.
O 26.7.2019 o Pleno da corporación provincial de Pontevedra aprobou a proposta de cambio de titularidade solicitada polo Concello de Ribadumia o día 7.9.2011 dun treito de 112 metros lineais da estrada provincial EP-9506 Barrantes-Vilariño que coincide coa rúa Condesa, a cal discorre polo núcleo urbano de Barrantes. Este treito de estrada adquiriu características netamente urbanas, con presenza de edificacións consolidadas, zonas de aparcadoiro e numerosos comercios a ambas as marxes da vía que soporta un importante tránsito peonil.
De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de decembro de dous mil dezanove,
DISPOÑO:
Artigo 1
Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello do Ribadumia de:
– Treito de 112 metros lineais da estrada provincial EP-9506 Barrantes-Vilariño.
Artigo 2
En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello do Ribadumia deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.
Artigo 3
De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.
Artigo 4
Correspóndenlle ao Concello do Ribadumia, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular das estradas.
Disposición derradeira
O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, doce de decembro de dous mil dezanove
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade