Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Venres, 10 de xaneiro de 2020 Páx. 1021

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 168/2019, do 12 de decembro, polo que se crea e se regula o Rexistro Galego de Exposición Laboral ao Amianto.

O Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto, establece no seu artigo 16, relativo á vixilancia da saúde das persoas traballadoras, que a empresa garantirá unha vixilancia axeitada e específica da saúde das persoas traballadoras en relación cos riscos por exposición ao amianto; asemade, no seu artigo 18, polo que se regulan os rexistros de datos e arquivo de documentación, establece que esta vixilancia da saúde debe ser documentada mediante fichas para o rexistro de datos sobre a vixilancia sanitaria específica da poboación traballadora, de conformidade co disposto no anexo V do dito real decreto, así como que estas fichas deberán ser remitidas polo persoal médico responsable da vixilancia sanitaria á autoridade sanitaria do lugar onde a empresa estea rexistrada antes do final de cada ano.

No artigo 16, número 1, letra b), este Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, especifica que a persoa traballadora que estea ou teña estado exposta ao amianto na empresa, se someterá a recoñecementos médicos periódicos.

No artigo 16.3, a mesma norma ordena que, tendo en conta o longo período de latencia das manifestacións patolóxicas por exposición ao amianto, toda persoa traballadora con antecedentes dese tipo de exposición que cese na relación de traballo na empresa en que se produciu a situación de exposición, seguirá sometida a control médico-preventivo a través do Sistema Nacional de Saúde. No caso de Galicia, no Servizo Galego de Saúde, que xa ten implantado un Programa de vixilancia da saúde das persoas postexpostas ao amianto desde o ano 2001.

Seguindo co Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, o seu artigo 19 expresa que o tratamento automatizado dos datos rexistrados ou almacenados en virtude do previsto nese real decreto, só poderá realizarse nos termos recollidos na normativa reguladora de protección de datos de carácter persoal.

En consecuencia con todo o indicado, este decreto dítase con base no regulado no reiterado Real decreto 396/2006, do 31 de marzo.

En relación con isto, en virtude do Decreto 177/1998, do 11 de xuño, creouse a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública, coa finalidade de identificar e caracterizar problemas de saúde na poboación galega, para facilitar o seu control, xa sexa con medidas individuais ou colectivas. Formando parte da dita rede creouse o sistema específico de vixilancia, cuxo contido se regula no artigo 4 letra b) do dito decreto. Dentro desta elínea b), no punto 6 especifícase que este sistema de vixilancia estará integrado por calquera outro rexistro que a Consellería de Sanidade e Servizos Sociais considere necesario para caracterizar ou controlar un problema de saúde. En consecuencia, por efecto do previsto no aludido decreto, o Rexistro Galego de Exposición Laboral ao Amianto (en diante, Regela), pasa a integrarse no sistema específico de vixilancia da Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública.

De conformidade co Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE, os datos persoais recollidos en aplicación deste decreto serán incluídos no Rexistro de Actividades de Tratamento da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, na epígrafe relativa ao Sistema de información e vixilancia de problemas de saúde pública.

En relación con este tema, o Programa integral de vixilancia da saúde das persoas traballadoras que estiveron expostas ao amianto (en diante, Pivistea), aprobado pola Comisión de Saúde Pública o 12 de decembro de 2002, pola Comisión Nacional de Saúde no Traballo o 29 de xaneiro de 2003 e polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde o 26 febreiro 2003, é un programa acordado entre o antes denominado Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e as comunidades autónomas, que recolle entre as súas estratexias a elaboración dun rexistro de persoal laboral exposto e postexposto ao amianto.

Na sociedade galega existe no momento actual unha poboación traballadora exposta laboralmente ao amianto en empresas rexistradas en Galicia no Rexistro de Empresas con Risco de Amianto (RERA), este colectivo constitúe as persoas expostas. Ademais, hai outra poboación tamén traballadora actualmente que estivo exposta ao amianto no pasado, en empresas rexistradas entón no RERA, son as persoas postexpostas activas. Por último, existe outra poboación que xa non traballa, que ten a súa residencia actual en Galicia e que estivo exposta ao amianto en empresas galegas ou de fóra da comunidade; a dita poboación está incluída no suposto do parágrafo 3 do artigo 16 do Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, serán as persoas postexpostas inactivas.

En relación con todo isto, a función da Administración sanitaria será a de constatar que as medidas de prevención actuais fronte á exposición laboral ao amianto están sendo eficaces e non danan a saúde do colectivo traballador. Para iso, a Administración debe ter identificados os colectivos mencionados con anterioridade, para constatar o seu seguimento médico e facilitarlles as prestacións non só sanitarias senón tamén as médico-legais a que teñen dereito. Polo anterior, cómpre un rexistro eficaz para coordinar e integrar os datos existentes e poder utilizar de forma áxil esta información en beneficio da protección da saúde de todo o colectivo.

Cómpre destacar a aprobación na Comunidade Autónoma de Galicia da Orde do 27 de xuño de 2018 pola que se regulan os procedementos e se aproban e se dá publicidade aos modelos de solicitude e comunicación relativos aos traballos con risco de exposición ao amianto en Galicia, na cal se atribúe ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral a competencia para que tramite determinados procedementos recollidos no Real decreto 396/2006, do 21 de marzo.

Non obstante, co fin de facilitar o labor de vixilancia da saúde do persoal médico dos servizos de prevención responsables da vixilancia sanitaria, a presente norma permitirá que a Administración sanitaria galega facilite aos profesionais encargados da dita vixilancia o acceso aos datos das historias laborais de anteriores vixilancias, en relación coa exposición ao amianto.

Tamén se inclúe unha remisión de datos por parte do persoal médico responsable da vixilancia da saúde destes colectivos a pesar de que a súa empresa non estea inscrita actualmente no RERA, para así poder coñecer se a vixilancia se fai de forma adecuada e ter datos para a inscrición no rexistro.

En todo caso, tendo en conta a natureza dos datos que serán obxecto de rexistro no Regela, a regulación e posterior funcionamento deste sistema deberá respectar o disposto no Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, así como na restante normativa de aplicación nesta materia.

Tamén, en cumprimento do disposto na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de Administración dixital de Galicia, na Directiva de servizos e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se facilita a tramitación dos procedementos regulados neste decreto por medios telemáticos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

O artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que corresponde á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior e que poderá organizar e administrar, para tales fins e dentro do seu territorio, todos os servizos relacionados coa materia expresada.

O presente decreto estrutúrase en dezanove artigos, divididos en cinco capítulos.

O capítulo I, relativo ás disposicións xerais, regula o obxecto e o ámbito de aplicación da norma, que comprende as persoas preexpostas e expostas laboralmente ao amianto en Galicia e as postexpostas con residencia en Galicia. Tamén forma parte do capítulo I a finalidade do rexistro.

O capítulo II recolle a regulación da remisión ao órgano competente en materia de saúde pública da Comunidade Autónoma de Galicia das fichas de vixilancia da saúde das persoas expostas ao amianto e a remisión á mesma autoridade sanitaria dos datos de vixilancia da saúde das persoas postexpostas activas na mesma empresa.

O capítulo III recolle a regulación dos procedementos: comunicación ao órgano competente en materia de saúde pública da Comunidade Autónoma de Galicia das persoas expostas ou postexpostas que cesan na súa relación laboral coa empresa onde tivo lugar a exposición ao amianto e a alta/modificación no Rexistro Galego de Exposición Laboral ao Amianto (Regela), así como os documentos e a comprobación de datos necesarios para estas comunicacións e procedementos, os trámites administrativos posteriores, as formas de notificación e as alteracións ou falsidades dos datos declarados.

O capítulo IV está integramente adicado ao Regela.

O capítulo V contén o réxime sancionador.

O texto complétase con dúas disposicións adicionais, a primeira acerca da inclusión de oficio no Regela das persoas postexpostas inactivas vixiadas no Servizo Galego de Saúde e a segunda relativa á actualización de modelos normalizados, e dúas disposicións derradeiras relativas ao desenvolvemento e á aplicación e á entrada en vigor do decreto, respectivamente.

Tamén forman parte integrante da disposición normativa un total de seis anexos.

O anexo I contén o modelo de remisión á autoridade sanitaria das fichas de vixilancia da saúde das persoas expostas ao amianto e a notificación á autoridade sanitaria dos datos de vixilancia da saúde das persoas postexpostas activas na mesma empresa.

O anexo II contén o modelo de comunicación á autoridade sanitaria das persoas expostas ou postexpostas que cesan na súa relación laboral coa empresa onde tivo lugar a exposición ao amianto.

O anexo III contén o modelo de comunicación de terceiras persoas interesadas en relación coa Comunicación á autoridade sanitaria das persoas expostas ou postexpostas que cesan na súa relación laboral coa empresa onde tivo lugar a exposición ao amianto.

O anexo IV contén a alta/modificación no Rexistro Galego de Exposición ao Amianto (Regela).

O anexo V contén a estrutura básica do Rexistro Galego de Exposición Laboral ao Amianto (Regela).

Finalmente, o anexo VI describe o contido do ficheiro correspondente ao Rexistro Galego de Exposición Laboral ao Amianto (Regela).

O presente decreto tramitouse de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e foi exposto á información pública no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia e sometido á audiencia dos grupos ou sectores con dereitos e intereses lexítimos na materia; asemade, foi sometido ao informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, ao informe sobre o impacto de xénero, ao informe conxunto da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica e aos informes do Instituto Galego de Estatística, do Consello Galego de Relacións Laborais, do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia e da Asesoría Xurídica Xeral.

Así mesmo, o texto do decreto adecúase aos principios de boa regulación descritos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, oído o Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de decembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Este decreto ten por obxecto a creación e regulación do Rexistro Galego de Exposición Laboral ao Amianto (en diante, Regela).

2. En particular son obxecto de regulación neste decreto:

a) SA600A O procedemento de comunicación á autoridade sanitaria das persoas expostas ou postexpostas que cesan na súa relación laboral coa empresa onde tivo lugar a exposición ao amianto.

b) SA600B O procedemento de alta/modificación no Regela.

c) A remisión ao órgano competente en materia de saúde pública da Comunidade Autónoma de Galicia das fichas de vixilancia da saúde das persoas expostas ao amianto e das persoas postexpostas activas na mesma empresa.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Serán obxecto de rexistro no Regela as persoas que se atopen nos seguintes supostos:

a) Persoas preexpostas: aquelas persoas sometidas á vixilancia da saúde obrigatoria antes do inicio dos traballos con exposición ao amianto para determinar a súa aptitude específica para estes traballos.

b) Persoas expostas: aquelas persoas traballadoras con exposición laboral ao amianto en Galicia no momento actual, independentemente do seu lugar de residencia.

c) Persoas postexpostas activas na mesma empresa: aquelas persoas traballadoras con exposición laboral ao amianto nalgún momento da súa vida laboral, que non están expostas na actualidade, que sigan vinculadas laboralmente á mesma empresa en que tivo lugar a exposición e residan na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Persoas postexpostas activas en distinta empresa: aquelas persoas traballadoras con exposición laboral ao amianto nalgún momento da súa vida laboral, que non están expostos na actualidade, vinculadas laboralmente a unha empresa distinta en que tivo lugar a exposición e residan na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Persoas postexpostas inactivas: aquelas persoas con exposición laboral ao amianto nalgún momento, que se atopen en situación de cesamento na actividade laboral e residan na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As persoas con exposición laboral non incluídas no número 1, poderán ser inscritas no rexistro, sempre que acheguen as probas documentais adecuadas e suficientes que acrediten a súa exposición laboral a fibras de amianto ou de materiais que o conteñan e teñan a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Finalidade do rexistro

1. A finalidade do Regela será coñecer e xestionar os datos de carácter sanitario e laboral da poboación incluída no ámbito de aplicación deste decreto, para os efectos de:

a) Arquivar e xestionar a documentación relativa ás fichas de vixilancia da saúde e do anexo V do Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con riscos de exposición ao amianto remitidas polos servizos de prevención á autoridade sanitaria.

b) Facer seguimento da vixilancia da saúde realizada polos servizos de prevención acreditados, co fin de facilitar a información necesaria á autoridade sanitaria competente.

c) Realizar a avaliación dos programas de vixilancia da saúde da poboación exposta e postexposta ao amianto.

d) Propiciar o acceso do persoal médico responsable da saúde laboral á información que poida resultar de utilidade para facilitarlle o seu labor de vixilancia.

e) Proporcionar base documental para establecer mapas de risco laboral e estudos epidemiolóxicos en relación coa exposición ao amianto, en colaboración co organismo competente en materia de prevención de riscos laborais, para difundir esa información á poboación e aos profesionais implicados.

f) Intercambiar información con outros rexistros de similares características para avaliar mellor os programas de vixilancia, cotexar os datos e detectar posibles desviacións.

g) Comparar os resultados estatísticos desta vixilancia da saúde en Galicia coas doutras comunidades autónomas e doutros países.

h) Facilitar o acceso da poboación afectada aos exames de saúde postocupacionais.

i) Axudar ao recoñecemento médico-legal das enfermidades profesionais derivadas da exposición ao amianto.

2. Serán datos pseudonimizados os utilizados para as alíneas e) e g).

3. De conformidade co artigo 5 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantías dos dereitos dixitais, toda persoa que, por razón da súa actividade, teña acceso aos datos do Regela terá deber de confidencialidade.

CAPÍTULO II

Notificacións da vixilancia da saúde

Artigo 4. Remisión á autoridade sanitaria das fichas de vixilancia da saúde das persoas expostas ao amianto

1. O persoal médico dos servizos de prevención, responsable da vixilancia da saúde daquelas persoas expostas, debe remitir á autoridade sanitaria os datos relativos a esa vixilancia. Para iso, debe estar dado de alta como persoal médico do traballo nun servizo de prevención autorizado como centro sanitario no Rexistro de Centros, Servizos e Establecementos Sanitarios de Galicia (en diante, Rexce), regulado no Decreto 12/2009, do 8 de xaneiro, polo que se regula a autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios. Para estes efectos, de conformidade co número 3 do artigo 18 do Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, este persoal deberá remitir á autoridade sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia o anexo V do citado real decreto debidamente cuberto.

Estes datos remitiranse cada vez que se realice a vixilancia da saúde, ben sexa previa, periodicamente ou, no caso de cambio das circunstancias laborais ou de saúde da persoa traballadora, sempre antes de que finalice o ano e ata que a persoa traballadora deixe de ter relación laboral coa empresa.

2. A remisión das fichas de vixilancia da saúde levada a cabo polo persoal médico habilitado segundo o establecido no número 1 permitiralle a este ter acceso aos datos históricos de vixilancia da saúde que se atopen rexistrados no Regela en relación coa exposición ao amianto desa persoa traballadora.

3. A remisión dos datos de vixilancia farase por vía electrónica, no enderezo http://www.sergas.es, no acceso habilitado para a vixilancia da saúde laboral das persoas expostas ao amianto, restrinxido ao persoal médico do traballo dos servizos de prevención autorizados no Rexce. A introdución dos datos farase segundo as indicacións que se atopan na mesma ruta. Os datos que se remitirán serán os incluídos no anexo I deste decreto ou, se é o caso, os que consten recollidos no enderezo web citado.

Artigo 5. Remisión á autoridade sanitaria das fichas ou datos de vixilancia da saúde das persoas postexpostas ao amianto activas na mesma empresa

1. O persoal médico dos servizos de prevención, responsable da vixilancia da saúde das persoas postexpostas activas na mesma empresa, debe remitir á autoridade sanitaria os datos relativos a esa vixilancia. Para iso debe estar dado de alta como persoal médico do traballo nun servizo de prevención autorizado como centro sanitario no Rexce.

Para estes efectos, no caso de empresas inscritas no Rexistro de Empresas con Risco por Amianto (en diante, RERA), de conformidade co número 3 do artigo 18 do Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, este persoal deberá remitir á autoridade sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia o anexo V do citado real decreto debidamente cuberto. No caso de empresas que non teñan na actualidade a obriga de estar inscritas no RERA pero estiveran inscritas con anterioridade, están obrigados a remitir os datos da vixilancia da saúde das persoas postexpostas activas na mesma empresa.

Estes datos remitiranse cada vez que se realice a vixilancia da saúde, ben sexa periodicamente ou, no caso de cambio das circunstancias laborais ou de saúde da persoa traballadora, sempre antes de que finalice o ano e ata que a persoa traballadora deixe de ter relación laboral coa empresa.

2. A remisión dos datos de vixilancia da saúde levada a cabo polo persoal médico habilitado segundo o establecido no número 1 permitiralle a este ter acceso aos datos históricos de vixilancia da saúde que se atopen rexistrados no Regela en relación coa exposición ao amianto desa persoa traballadora.

3. A remisión dos datos de vixilancia farase por vía electrónica, no enderezo http://www.sergas.es, no acceso habilitado para a vixilancia da saúde laboral das persoas postexpostas activas ao amianto, restrinxido ao persoal médico do traballo dos servizos de prevención autorizados no Rexce. A introdución dos datos farase segundo as indicacións que se atopa na mesma ruta. Os datos que se remitirán serán os incluídos no anexo I ou, de ser o caso, os que consten recollidos no enderezo web citado.

CAPÍTULO III

Procedementos propios do Regela

Artigo 6. Comunicación ao órgano competente en materia de saúde pública da Comunidade Autónoma de Galicia das persoas expostas ou postexpostas que cesan a súa relación laboral (código de procedemento SA600A)

1. Cando unha persoa exposta ou postexposta activa cesa a súa relación laboral coa empresa en que tivo lugar a exposición ao amianto, esta deberá comunicar ao órgano autonómico competente en materia de saúde pública a referida circunstancia. A comunicación realizarase no prazo máximo dun mes a partir da data en que se produza o cesamento.

2. As comunicacións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, incluídos como anexos II e III deste decreto.

Se a empresa presentase a referida comunicación presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 7. Solicitudes de alta ou modificación de datos (código de procedemento SA600B)

1. As persoas que, tendo a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, estivesen expostas ao amianto nalgún momento da súa vida laboral e non se atopen inscritas no Regela, poderán presentar unha solicitude de alta no dito rexistro.

2. As persoas inscritas no Regela poderán solicitar a modificación da súa inscrición.

3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas interesadas deberán presentar toda aquela documentación que sexa necesaria para acreditar a modificación que soliciten segundo o modelo normalizado incluído como anexo IV deste decreto.

4. Unha vez presentada a solicitude, tras un estudio técnico, resolverase a aceptación ou non da inscrición ou da modificación dos datos no Regela por parte da Dirección Xeral de Saúde Pública nun prazo máximo de dous meses, resolución que se notificará á persoa solicitante.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos distintos procedementos

1. As persoas responsables das comunicacións nos supostos previstos nos artigos 6 e 7 deberán achegar a documentación que se establece no presente artigo.

a) Xunto coa comunicación ao órgano competente en materia de saúde pública da Comunidade Autónoma de Galicia das persoas expostas ou postexpostas que cesan na súa relación laboral coa empresa onde tivo lugar a exposición ao amianto, código de procedemento SA600A (anexo II), incorporarase a seguinte documentación:

1º. Documento acreditativo da representación, se é o caso.

2º. De ser o caso, copia certificada da súa constitución e certificación da súa inscrición no Rexistro Mercantil.

3º. Anexo III comprobación de datos a terceiras persoas interesadas.

b) Xunto coa solicitude de alta/modificación no Regela, código de procedemento SA600B (anexo IV), presentarase:

1º. No caso de alta no Regela:

a. Documento acreditativo da representación, se é o caso.

b. Xustificante de ter realizado algunha das actividades reflectidas no Real decreto 1299/2006, do 10 de novembro, polo que se aproba o cadro de enfermidades profesionais no sistema da Seguridade Social e se establecen os criterios para a súa notificación e rexistro, en relación coa exposición ao amianto ou algunha das actividades do ámbito de aplicación do Real decreto 396/2006, do 31 de marzo.

c. De ser o caso, xustificante de padecer enfermidades relacionadas co amianto emitido por un servizo sanitario diferente do Servizo Galego de Saúde.

d. Calquera outra documentación que considere oportuno.

2º. No caso de modificación do rexistro do Regela: xustificante que motive a modificación.

c) Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

d) A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada nos supostos previstos no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da comunicación/solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

e) Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da comunicación/solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da comunicación/solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

f) No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos regulados neste decreto consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, agás oposición da/s persoa/s interesada/s:

a) No caso de comunicación ao órgano competente en materia de saúde pública da Comunidade Autónoma de Galicia das persoas expostas ou postexpostas que cesan na súa relación laboral coa empresa onde tivo lugar a exposición ao amianto, código de procedemento SA600A (anexos II e III):

1º. NIF da entidade que comunica.

2º. DNI/NIE da persoa representante.

3º. Alta do imposto de actividades económicas na actividade correspondente.

4º. DNI/NIE da persoa traballadora.

5º. Causa de cesamento da relación laboral.

6º. Vida laboral da persoa traballadora.

b) No caso de alta/modificación no Regela, código de procedemento SA600B (anexo IV):

1º. DNI/NIE da persoa solicitante.

2º. DNI/NIE da persoa representante.

3º. Historia clínica do Servizo Galego de Saúde da persoa solicitante.

4º. Número de afiliación á Seguridade Social da persoa solicitante.

5º. Empadroamento en Galicia da persoa solicitante.

6º. Vida laboral da persoa solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación-electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na comunicación/solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o órgano con competencias en saúde pública efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Alteración ou falsidade dos datos declarados

De acordo co sinalado no artigo 28.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento que se xunte ou incorpore á comunicación/solicitude, ou a non presentación á Administración competente da comunicación/solicitude, determinará as responsabilidades penais, civís ou administrativas a que houber lugar.

CAPÍTULO IV

Funcionamento do rexistro

Artigo 13. Criterios de inscrición no Regela

1. No Regela asentaranse os datos remitidos ou en posesión da Administración incluídos no anexo V deste decreto das persoas incluídas no ámbito de aplicación establecido no artigo 2.

2. En relación coa comunicación dos datos de vixilancia da saúde dunha persoa preexposta, exposta ou postexposta activa ao amianto, procederase do seguinte xeito:

a) Se a vixilancia da saúde é inicial, sen data de inicio de exposición, enténdese que ese traballador aínda non tivo exposición ao amianto e, polo tanto, incluirase no Regela como persoa preexposta ata que exista comunicación de datos correspondentes a unha vixilancia da saúde con clasificación de periódica e, polo tanto, con data de inicio de exposición.

b) Se a persoa estiver exposta actualmente, e polo tanto a súa vixilancia fose clasificada polo persoal médico do servizo de prevención como periódica, pasará a formar parte do Regela na categoría de persoas expostas.

c) No caso de que a exposición tivese lugar no pasado e nesa mesma empresa, independentemente da inscrición actual no RERA, a vixilancia da saúde será clasificada como postexposta e, polo tanto, o profesional médico responsable dela deberá remitila cunha data de fin de exposición. Estas persoas incluiranse como postexpostas activas sempre que residan en Galicia.

3. Cando a empresa responsable comunique segundo o modelo normalizado do anexo II deste decreto as persoas que cesan na súa relación laboral, poden darse algún dos seguintes supostos:

a) Que as persoas teñan a súa residencia en Galicia, entón serán incluídas no Regela como Postexpostas inactivas ou postexpostas activas en distinta empresa, segundo corresponda, e serán remitidas ao Servizo Galego de Saúde para a continuación da vixilancia da súa saúde máis alá da súa vida laboral.

b) Que as persoas remitidas non teñan a súa residencia en Galicia, polo tanto non serán incluídas no Regela e o seu expediente será remitido á autoridade sanitaria da Comunidade Autónoma correspondente segundo o seu lugar de residencia para os efectos oportunos.

Nos supostos anteriores, cando a razón da baixa na empresa implica que pode volver a traballar nunha actividade con exposición ao amianto, a situación sinalada nos puntos anteriores e a vixilancia da súa saúde polo Servizo Galego de Saúde só continuarán ata que se teña constancia de que traballa nunha empresa onde o seu servizo de prevención ten a obriga de facerse cargo da vixilancia da súa saúde.

4. Cando exista unha solicitude de inscrición no Regela, con base no anexo IV, por parte da persoa traballadora debidamente documentada, incluirase no Regela se a resolución de inscrición é favorable.

Artigo 14. Baixa no rexistro

O responsable do rexistro dará de baixa de oficio no Regela as persoas falecidas e as persoas postexpostas que trasladen a súa residencia fóra de Galicia.

Artigo 15. Número de asento da inscrición

No momento da inscrición asignarase un número de asento coa seguinte estrutura, Xxyyzzzzzzzzx, Xxyy serán as letras e números correspondentes ás seccións e subseccións en que se organiza o rexistro segundo o anexo V e zzzzzzzzx será un número de rexistro que corresponde ao NIF.

Artigo 16. Contido do rexistro

Os contidos deste rexistro, organizado en seccións e subseccións, referiranse aos datos identificativos, laborais e de saúde das persoas inscritas, que se especifican no anexo V.

Artigo 17. Responsable do rexistro

A consellería competente en materia de sanidade e dentro desta o órgano superior con competencias en materia de saúde pública, como órgano de adscrición, xestionará o Regela e decidirá sobre as solicitudes de inscrición neste.

Artigo 18. Obriga de subministrar datos

1. O persoal sanitario dos servizos de prevención responsables da vixilancia da saúde das persoas incluídas no ámbito de aplicación do presente decreto ten a obriga de comunicar ao rexistro os datos que deben constar nel.

2. As empresas que nalgún momento estiveron inscritas no RERA e teñan persoal con antecedentes de exposición ao amianto na propia empresa a que se refire o número 3 do artigo 16 do Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, deberán comunicar ao rexistro as persoas que cesan na súa relación de traballo.

CAPÍTULO V

Réxime sancionador

Artigo 19. Infraccións e sancións

1. Ao incumprimento do previsto neste decreto será aplicable o réxime de infraccións e sancións establecido na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e pode ser obxecto da sanción correspondente, logo da instrución do oportuno procedemento, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou disciplinarias que puidesen concorrer.

2. Así mesmo, aplicarase o réxime de infraccións e sancións establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, para o caso de que no proceso de declaración e xestión do Regela se incorra en calquera dos supostos tipificados neste.

Disposición adicional primeira. Incorporación de datos do programa de vixilancia da saúde

Os datos das persoas traballadoras postexpostas inactivas que, no momento da entrada en vigor do presente decreto estean integradas no Programa de vixilancia da saúde do Servizo Galego de Saúde por exposición laboral ao amianto, incorporaranse de oficio no Regela no prazo de 6 meses desde a entrada en vigor deste decreto.

Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de decembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Estructura básica do rexistro

1. Seccións e subseccións do rexistro

a) Alta

1º. Preexposto, exposición laboral en Galicia (R)

a. Residencia fóra de Galicia (Rf01)

b. Residencia en Galicia (Rg02)

2º. Exposto, exposición laboral en Galicia (E)

a. Residencia fóra de Galicia (Ef01)

b. Residencia en Galicia (Eg02)

3º. Postexposto, residencia en Galicia (P)

a. Activo, exposición laboral en Galicia (Pa)

– Na mesma empresa (Pa03)

– Noutra empresa (Pa04)

b. Inactivo (Pi)

A. Inactivo, exposición laboral en Galicia (Pi0)

– Xubilado (Pi05)

– Desempregado (Pi06)

B. Inactivo, exposición laboral fóra de Galicia (Pi1)

– Xubilado (Pi15)

– Desempregado (Pi16)

b) Baixa

1º. Falecidos

2º. Postexposto con cambio de residencia fóra de Galicia

2. Datos identificativos

a) Nº de asento no Regela

b) Nome completo e dous apelidos

c) DNI/CIF

d) Día, mes e ano de nacemento

e) Nº afiliación á seguridade social

f) Sexo:

1º. M: muller

2º. H: home

g) Localidade de residencia (concello)

h) Provincia

i) Comunidade autónoma

3. Datos laborais

a) Datos das empresas en que traballou ou traballa nas cales estivo exposto ao amianto:

1º. Nome da empresa

2º. CIF da empresa

3º. RERA nº

4º. Localidade da razón social da empresa

a. Concello

b. Provincia

5º. Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE-2009, a 4 díxitos)

6º. Clasificación Nacional de Ocupacións (CNO-2011, a 4 díxitos)

7º. Ano de inicio da actividade laboral: 4 díxitos

8º. Ano de inicio da exposición ao amianto: 4 díxitos

9º. Ano de fin da exposición ao amianto: 4 díxitos

10º. Tempo en meses de exposición ao amianto

10º. Ano de fin da actividade laboral: 4 díxitos

11º. Causas da desvinculación profesional: (xubilación, cambio de empresa, desemprego, calquera outra causa)

4. Datos de saúde

a) Vixilancia sanitaria polo Servizo Galego de Saúde

1º. SI.

– Data de alta en vixilancia dd/mm/aaaa

2º. NON

b) Achados patolóxicos en relación co amianto:

1º. Sen achados patolóxicos

2º. Con achados patolóxicos

a. Asbestose

b. Fibrose pleural difusa con repercusión funcional

c. Derrame pleural benigno

d. Atelectasia redonda

e. Placas de fibrose pleural

f. Neoplasias

– Mesotelioma pleural

– Mesotelioma peritoneal

– Neoplasia de pulmón

– Neoplasia de larinxe

– Neoplasia esofáxica

– Outras

c) Declaración de enfermidade profesional en relación co amianto e código:

1º. SI

– Código da enfermidade (RD 1299/2006)

– Data de declaración dd/mm/aaaa

2º. NON

d) Sospeita de enfermidade profesional remitida:

1º. SI

– Data dd/mm/aaaa

– Remitida por: (nome do facultativo/a e nº de colexiado/a)

2º NON

ANEXO VI

Rexistro Galego de Exposición Laboral ao Amianto (Regela)

Nome e descrición do ficheiro

Rexistro Galego de Exposición Laboral ao Amianto (Regela).

Finalidade

Coñecer e xestionar os datos de carácter persoal, sanitario e laboral da poboación incluída no ámbito de aplicación deste decreto.

Usos previstos

a) Arquivar e xestionar a documentación relativa ás fichas de vixilancia da saúde e do anexo V do Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con riscos de exposición ao amianto remitidas polos servizos de prevención á autoridade sanitaria.

b) Facer seguimento da vixilancia da saúde realizada polos servizos de prevención acreditados, co fin de facilitar a información necesaria á autoridade sanitaria competente.

c) Realizar a avaliación dos programas de vixilancia da saúde da poboación exposta e postexposta ao amianto.

d) Propiciar o acceso do persoal médico responsable da saúde laboral á información que poida resultar de utilidade para facilitarlle o seu labor de vixilancia.

e) Proporcionar base documental para establecer mapas de risco laboral e estudos epidemiolóxicos en relación coa exposición ao amianto, en colaboración co organismo competente en materia de prevención de riscos laborais, para difundir coa información á poboación e aos profesionais implicados.

f) Intercambiar información con outros rexistros de similares características para avaliar mellor os programas de vixilancia, cotexar os datos e detectar posibles desviacións.

g) Comparar os resultados estatísticos desta vixilancia da saúde en Galicia coas doutras comunidades autónomas e doutros países.

h) Facilitar o acceso da poboación afectada aos exames de saúde postocupacionais.

i) Axudar ao recoñecemento médico-legal das enfermidades profesionais derivadas da exposición ao amianto.

Órgano responsable do ficheiro

A consellería competente en materia de sanidade e dentro desta o órgano superior con competencias en materia de saúde pública

Persoas e colectivos sobre os cales se

pretenden obter datos

• As persoas traballadoras expostas ao amianto nalgún momento da súa vida laboral en empresas rexistradas no RERA de Galicia.

• Representantes das persoas traballadoras expostas.

• Traballadores/as que teñen a súa residencia actual en Galicia e que estiveron expostos/as anteriormente, e están incluídos nos suposto do parágrafo 3 do artigo 16 do Real decreto 396/2006, do 31 de marzo.

• O persoal sanitario dos servizos de prevención responsables da vixilancia da saúde do colectivo exposto ao amianto das empresas inscritas no RERA nalgún momento.

• Empresas que nalgún momento estiveron inscritas no RERA e teñan persoal que está incluído nos suposto do parágrafo 3 do artigo 16 do Real decreto 396/2006, do 31 de marzo.

• Unidades do Servizo Galego de Saúde que xestionen ou participen no Programa galego de vixilancia da saúde das persoas postexpostas ao amianto.

Servizos ou unidades ante os cales poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición

A Consellería competente en materia de sanidade.

Nivel do ficheiro

Alto.

Procedencia e

procedemento de

recollida de datos

• Presentación dos anexos deste decreto electronicamente e en papel.

• Anexo V do RD 396/2006, do 31 de marzo.

• Ficheiros de datos do Servizo Galego de Saúde.

• Ficheiros de datos da Dirección Xeral de Saúde Pública.

• Ficheiros de datos das administracións con competencias en saúde laboral.

Tipos de datos de

carácter persoal

(categorías de datos)

Datos de carácter identificativo das persoas expostas, postexpostas activas e inactivas ao amianto, laborais e de saúde.

Encargado do

tratamento

A consellería competente en materia de sanidade.

Sistema de tratamento

Mixto, electrónico e papel.

Comunicacións e

cesións de datos

• Ministerio con competencias en sanidade.

• Organismos do sistema sanitario.

• Organismos oficiais estatísticos.

• Organismos oficiais con competencias en saúde laboral.

• Persoal sanitario cualificado para a realización da vixilancia da saúde nos centros autorizados.

• Rexistros de enfermidades que dependen de organismos públicos.

Transferencias

internacionais de datos a terceiros países

Non previstas.