Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Mércores, 15 de xaneiro de 2020 Páx. 1870

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o exercicio orzamentario 2020 (código de procedemento MR302A).

Galicia conta cunha moi ampla oferta gastronómica, de excepcional calidade, froito da transmisión de xeración en xeración do saber facer tradicional e da existencia dunhas materias primas de gran valor culinario.

Para a protección destes produtos típicos dun territorio e a súa promoción foron creadas as denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas. Este sistema de protección, que en principio foi creado para os viños, tivo nas últimas dúas décadas un importante desenvolvemento en toda a Unión Europea, acollendo actualmente un gran repertorio de produtos de todo o ámbito alimentario.

Estes indicativos de calidade constitúen unha importante ferramenta no desenvolvemento rural por múltiples razóns. Por unha parte, delimitan unha zona concreta do territorio onde se pode producir e elaborar o produto acollido, coincidindo coa zona en que tradicionalmente se viña facendo, o que favorece que todo o valor engadido e a riqueza xerada quede nesa zona. Por outra parte, o seu recoñecemento impide que a denominación poida ser empregada por aqueles operadores que non teñen dereito ao seu uso, ademais de prestixiar e dar a coñecer a zona de produción, potenciando outras actividades económicas que se desenvolvan nese territorio.

Socialmente, as denominacións de calidade obrigan a ter unha organización de produtores e industrias que favorece o dinamismo da zona e potencia o traballo integrador de todo o sector. Por último, hai que sinalar que a través da elaboración destes produtos diferenciados e do uso dunha marca ou contramarca conxunta, se poden facer viables producións que, polo seu escaso volume, doutro xeito terían moito máis difícil o acceso aos mercados.

En resumo, o establecemento dunha denominación de calidade nunha zona pode considerarse como unha oportunidade que se abre para dar viabilidade a certos tipos de producións agroalimentarias, permitindo o desenvolvemento ou a consolidación da agricultura e a agroindustria da zona e facilitando a xeración de riqueza e dinamismo social nela.

En Galicia existen actualmente 33 denominacións de orixe e indicacións xeográficas no ámbito agroalimentario, ás cales habería que engadir, como outro distintivo máis da produción agroalimentaria de calidade, as producións ecolóxicas certificadas na nosa comunidade autónoma. A importancia económica e social destas denominacións de calidade queda de manifesto tanto polo valor total da produción certificada, superior aos 460 millóns de euros, como polo número de produtores implicados, preto de 28.000, e o de industrias, arredor de 800.

A política da comunidade autónoma respecto destes indicativos de calidade foi sempre de claro apoio, xa que son o baluarte da produción alimentaria galega. Por iso, no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado por última vez mediante a Decisión de execución da Comisión C (2019) 1707 final, do 26 de febreiro de 2019, recolleuse unha submedida, a 3.20, destinada a financiar as actuacións de difusión do coñecemento destes produtos entre os consumidores, que foi posta en marcha a través da Orde do 18 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o exercicio orzamentario 2016. Nos exercicios 2017 e 2018, mediante as ordes da Consellería do Medio Rural do 20 de decembro de 2016 e do 19 de decembro de 2017, respectivamente, aprobáronse unhas novas bases reguladoras xunto coas convocatorias para os anos 2017 e 2018.

Logo da publicación do Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (en diante, Agacal) e se aproban os seus estatutos, pasou a ser esta axencia, en virtude das funcións que lle foron encomendadas, a que xestiona estas axudas e faino mediante a Resolución do 26 de decembro de 2018, disposición que recolleu unhas novas bases reguladoras da axuda e a convocatoria para o exercicio 2019.

Ao estar próximo o inicio do exercicio orzamentario 2020, procede facer algunhas modificacións puntuais nas bases reguladoras e realizar a convocatoria correspondente ao dito ano. Para iso, a resolución tramítase como expediente anticipado de gasto. Para unha maior seguranza xurídica e para facilitar o manexo da norma aos interesados, óptase pola publicación, xunto coa convocatoria, dunhas novas bases reguladoras que recollan estes cambios.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para o ano 2020 das axudas que, en réxime de concorrencia competitiva, vai conceder a Agacal para actuacións de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) para Galicia 2014-2020 (código de procedemento MR302A).

CAPÍTULO I

Bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior
cofinanciadas co Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020

Artigo 2. Definicións

1. Para os efectos desta resolución, consideraranse agrupacións de produtores os consellos reguladores e as entidades asociativas sen ánimo de lucro en que participan produtores –entendidos como tales os titulares de explotacións agrarias ou de instalacións de transformación– implicados nalgún réxime de calidade diferenciada dos alimentos. No caso das ditas entidades asociativas, os seus asociados terán que ser maioritariamente produtores vinculados ao programa de calidade de que se trate e o obxecto social da entidade terá que incluír a realización de actividades relacionadas directamente coa información aos consumidores ou a promoción do produto de calidade a que se refira o programa.

2. Para os efectos desta resolución, considerarase programa ou réxime de calidade diferenciada dos alimentos aquel que se atope nalgún dos seguintes casos:

a) Programas comunitarios de calidade de produtos galegos establecidos en virtude dos seguintes regulamentos e disposicións:

1º. Produción agrícola ecolóxica, regulada polo Regulamento (CE) núm. 834/2007 do Consello, do 28 de xuño, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e polo que se derroga o Regulamento (CEE) núm. 2092/91.

2º. Denominacións de orixe protexidas (DOP), indicacións xeográficas protexidas (IXP) e especialidades tradicionais garantidas (ETG) reguladas polo Regulamento (UE) núm. 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.

3º. Viños de calidade con denominación de orixe protexida ou indicación xeográfica protexida, regulados polo Regulamento (UE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) núm. 922/72, (CEE) núm. 234/79, (CE) núm. 1037/2001 e (CE) núm. 1234/2007.

4º. As bebidas espirituosas con indicación xeográfica de acordo co Regulamento (CE) núm. 110/2008 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xaneiro, relativo á definición, designación, presentación, etiquetaxe e protección da indicación xeográfica de bebidas espirituosas e polo que se derroga o Regulamento (CEE) núm. 1576/89 do Consello, e coa Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

b) Programas de calidade correspondentes ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas que aínda non están definitivamente inscritas no correspondente rexistro comunitario, pero que enviaron xa á Comisión Europea a documentación para a inscrición e contan xa coa protección nacional transitoria.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións que, baixo calquera fórmula xurídica, reúnan produtores (entendidos como tales os titulares de explotacións agrarias ou de instalacións de transformación) que participen nun réxime de calidade susceptible de apoio pola submedida 3.10, para accións de promoción e información no mercado interior relacionadas con produtos cubertos por algún deses réximes.

Artigo 4. Actividades subvencionables

1. Serán subvencionables as actividades das agrupacións de produtores relacionadas con actuacións de información e promoción en que o fin sexa inducir o consumidor a adquirir produtos incluídos no marco de programas de calidade diferenciada dos alimentos.

2. As actividades a que se refire o parágrafo 1 anterior resaltarán as características ou as vantaxes específicas dos produtos en cuestión, especialmente a calidade, os métodos de produción específicos ou as estritas normas aplicadas para garantir o benestar dos animais e o respecto do ambiente vinculadas ao programa de calidade de que se trate, e poderán incluír a divulgación de coñecementos científicos e técnicos sobre eses produtos. Poderán consistir, en particular, na organización de feiras e exposicións e a participación nelas, así como actividades similares de relacións públicas e publicidade nos diversos medios de comunicación ou nos puntos de venda, de acordo co establecido no artigo seguinte.

No caso dos viños e bebidas espirituosas, nas actividades de información e promoción deberá facerse sempre clara referencia ás exixencias legais e regulamentarias aplicables ao consumo responsable destas bebidas alcohólicas e ao risco que supón o abuso do consumo de alcohol.

3. Quedan excluídas da axuda as seguintes actuacións:

a) A promoción de marcas comerciais.

b) A promoción e publicidade fóra do mercado interior.

c) Aquelas actividades que induzan o consumidor a comprar un produto pola súa orixe particular, excepto nos casos dos produtos regulados polo réxime de calidade establecido polo título II do Regulamento (UE) núm. 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios; os regulados na parte II, título II, capítulo I, sección 2, do Regulamento (UE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) núm. 922/72, (CEE) núm. 234/79, (CE) núm. 1037/2001 e (CE) núm. 1234/2007; e os regulados polo capítulo III do Regulamento (CE) núm. 110/2008 do Parlamento Europeo e do Consello. Non obstante, poderá indicarse a orixe dun produto sempre que tal indicación quede subordinada á mensaxe principal.

d) As actividades de información e promoción subvencionadas ao abeiro do Regulamento (CE) núm. 2826/2000 do Consello, do 19 de decembro, sobre accións de información e de promoción dos produtos agrícolas no mercado interior.

4. Como requisito previo á realización das actividades que se pretende que sexan subvencionadas, o material piloto informativo, promocional e publicitario que se utilice, tanto nas accións promocionais recollidas na letra a) do artigo 5.1 como o que eventualmente se utilice nas restantes actividades que se recollen no dito artigo 5.1, deberá ser remitido á Agacal para verificar a súa adecuación á normativa comunitaria.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Considéranse subvencionables os gastos realizados nas seguintes actividades:

a) Promoción.

Serán subvencionables os gastos relativos á realización e execución de campañas publicitarias nos distintos medios de comunicación e outras accións de promoción, como misións comerciais, misións comerciais inversas, catas comentadas, degustacións, presentacións públicas ou accións publicitarias nos puntos de venda.

Cando as actividades teñan por obxecto a promoción dos produtos procedentes da agricultura ecolóxica ou de produtos amparados conforme o Regulamento (UE) núm. 1151/2012 por unha denominación de orixe protexida (DOP), indicación xeográfica protexida (IXP) ou especialidade tradicional garantida (ETG), aparecerá en todo o material informativo, promocional ou publicitario o logotipo comunitario identificador destes.

Nas actuacións realizadas, os produtos alimenticios elaborados polos integrantes da agrupación empregados nas campañas de promoción poderán ser considerados como parte da achega ao gasto correspondente ao solicitante, valorándose a prezos de orixe, cos límites máximos que se establecen no anexo III. En todo caso, nestes produtos non se empregarán marcas comerciais.

b) Feiras e exposicións.

1º. Poderá subvencionarse a participación en feiras e exposicións do sector agrario e agroalimentario.

Cando un beneficiario pretenda solicitar axuda para asistir a distintos eventos poderá acumulalos todos nun único expediente, pero deberá presentar, xunto coa solicitude, unha memoria explicativa e un orzamento pormenorizado relativo a cada unha das feiras ou exposicións a que se refire o expediente. Terán a consideración de gastos subvencionables os correspondentes a gastos de instalación do posto (alugamento de espazo e mobiliario, decoración, seguros, etc.), traslado de produtos, actividades e material de promoción complementarios e gastos de contratación dun máximo de dous empregados para a atención do posto ou, de ser o caso, os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención dun máximo de dúas persoas por entidade solicitante. No caso de accións desenvolvidas no estranxeiro poderá admitirse adicionalmente o gasto relativo a unha persoa de atención ao público que poida actuar de intérprete.

2º. Organización.

Será tamén subvencionable a organización de feiras e exposicións relativas a produtos incluídos nalgún programa de calidade diferenciada dos alimentos. Ao igual que no punto anterior, cando se trate de distintos eventos poderá acumulalos nun único expediente coas especificacións sinaladas.

c) Estudos e outras accións de divulgación.

Serán subvencionables os estudos de mercado relacionados directamente con campañas de promoción e os de avaliación do impacto destas sobre os consumidores e sobre a comercialización dos produtos incluídos en programas de calidade diferenciada dos alimentos.

Poderase subvencionar tamén a organización de xornadas técnicas, seminarios e congresos que teñan por obxectivo a divulgación de coñecementos científicos e técnicos sobre eses produtos co fin de chamar a atención das persoas consumidoras sobre as súas características ou vantaxes específicas para inducir a estas a adquirilos.

2. Para os efectos da moderación de custos, no anexo III recóllense importes máximos de gasto subvencionable para determinadas actuacións relacionadas coas actividades que poden beneficiarse das axudas reguladas nesta resolución. Así mesmo, e con ese mesmo obxectivo, en concepto de prestación de servizos de coordinación e organización, para cada acción non se admitirán gastos por riba do 10 % do seu custo total.

3. Poderán ter a consideración de subvencionables aqueles gastos anteriores á solicitude que se fixesen en concepto de adianto ou reserva para a participación nunha determinada feira ou exposición, sempre que a efectiva participación sexa obxecto de axuda e se produza con posterioridade á solicitude desta.

4. Segundo o disposto no artigo 69.3 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, o imposto sobre o valor engadido, excepto cando non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre o IVE, non será subvencionable.

Artigo 6. Contía das axudas

1. As axudas poderán chegar ata o 70 % do gasto subvencionable.

2. Sen prexuízo do cumprimento da intensidade máxima da axuda que se recolle no número anterior, as axudas máximas serán as seguintes:

a) Para o conxunto das accións encadradas na letra a) do artigo 5.1 (Promoción), a axuda máxima será de 400.000 euros por beneficiario e ano. Este límite poderá ampliarse ata 800.000 euros se, unha vez valorados todos os expedientes e asignada a subvención correspondente, houbese un remanente de crédito dispoñible. A asignación desta cantidade adicional, respectando sempre a intensidade máxima de axuda que se recolle no número 1 deste artigo, farase de acordo coa puntuación que obteñan os expedientes logo de aplicar os criterios de valoración que se indican no artigo 7.

b) Para cada unha das accións encadradas na letra b), ordinal 1º, do artigo 5.1 (Asistencia a feiras), a axuda máxima será de 20.000 euros cando se trate dun evento realizado no territorio da comunidade autónoma, de 27.000 euros no resto do territorio peninsular e de 40.000 euros no caso de ser fóra do territorio peninsular.

No caso de asistencia a feiras de dous ou máis consellos reguladores de forma conxunta baixo un pavillón común da Comunidade Autónoma de Galicia, non se terán en conta os límites establecidos no parágrafo anterior. Nese caso, o gasto para o deseño e construción do posto poderá superar os custos de referencia indicados, pero non será superior a 250 euros por metro cadrado ocupado no caso de feiras celebradas en España e de 550 euros por metro cadrado en feiras celebradas no resto do territorio da Unión Europea.

c) Para as accións encadradas na letra b), ordinal 2º, do artigo 5.1 (Organización de feiras), a axuda non superará os 40.000 euros por acción.

d) Para as accións encadradas na letra c) do artigo 5.1 (Estudos e outras accións divulgativas), a axuda non superará os 18.000 euros por acción.

Artigo 7. Criterios de valoración

1. Para a selección dos proxectos que se aprobarán e para establecer a axuda a conceder, utilizaranse os seguintes criterios de valoración:

a) Peso relativo da agrupación solicitante no sector do produto de calidade de que se trate (ata un máximo de 20 puntos).

A puntuación obtida segundo este criterio será a resultante de aplicar sobre a puntuación máxima a porcentaxe que represente a produción da agrupación sobre o total da produción do programa de calidade de que se trate no último exercicio pechado.

b) Novidade do programa (ata un máximo de 5 puntos).

Con este criterio valórase a menor antigüidade do programa, de xeito que reciben máis puntos as accións desenvolvidas en relación con programas de calidade que comezaron a súa actividade máis recentemente. Os puntos concederanse de acordo coa seguinte escala:

Antigüidade (anos)

Puntuación

0-10

5

11-15

3

16-20

1

>20

0

Para o cálculo da antigüidade do programa terase en conta a data de constitución do correspondente consello regulador nos programas de calidade para os que exista. Para os programas para os cales non exista un consello regulador tomarase a data de inscrición do programa nos diferentes rexistros europeos de denominacións de orixe protexidas, indicacións xeográficas protexidas e especialidades tradicionais garantidas.

c) Cooperación (ata un máximo de 5 puntos).

Este criterio serve para valorar as accións realizadas en colaboración por dúas ou máis agrupacións e que afecten dous ou máis programas de calidade. Outorgaranse tantos puntos como agrupacións e programas diferentes colaboren na acción, cun máximo de 5 puntos. A puntuación máxima outorgaríase, polo tanto, ás solicitudes nas que se recollan accións en que participen cinco ou máis agrupacións e cinco ou máis programas de calidade diferentes.

d) Tipoloxía do programa de calidade (ata un máximo de 5 puntos).

Mediante este criterio valorarase o tipo de programa de calidade en que se enmarquen as accións para as que se solicita axuda, de acordo coa seguinte táboa:

Tipo de programa

Puntuación

Agricultura ecolóxica

5

Denominacións de orixe protexidas (DOP) e indicacións xeográficas protexidas (IXP)

3

Resto de programas

1

e) Desenvolvemento das zonas desfavorecidas e de montaña (ata un máximo de 5 puntos).

Con este criterio valórase en que medida o ámbito xeográfico que afecta o programa de calidade e de actuación da agrupación se corresponde con territorios definidos como zonas desfavorecidas ou de montaña. Para estes efectos, calcularase a relación porcentual que, do total dos concellos que abrangue o programa e a agrupación, representan os que están clasificados como zona desfavorecida ou de montaña. Para a asignación da puntuación utilizarase a seguinte táboa:

Porcentaxe

Puntuación

% > 80

5

80 > % > 60

4

60 > % > 40

3

40 > % > 20

2

20 > % > 0

1

f) Relación custo das accións/valor da produción da agrupación (ata un máximo de 5 puntos).

Para o cálculo da puntuación de acordo con este criterio, obterase a suma do gasto subvencionable no conxunto de expedientes de cada beneficiario para a convocatoria anual e calcularase que porcentaxe representa esta cifra en relación co valor da produción acollida ao programa de calidade no último exercicio pechado. Unha vez obtido o valor porcentual, aplicarase a seguinte escala:

Porcentaxe

Puntuación

< 2,50

5

2,51 - 5,00

4

5,01 - 7,50

3

7,51 - 10,00

2

10,01 - 12,50

1

> 12,50

0

g) Ámbito territorial das actuacións (ata un máximo de 5 puntos).

Segundo este criterio, valorarase o ámbito territorial en que se vai producir a acción que se vai subvencionar, outorgándose a maior puntuación ás accións realizadas fóra do ámbito territorial do Estado e a menor puntuación ás accións realizadas en Galicia. No caso de expedientes que recollan actuacións en diferentes ámbitos territoriais, terase en conta a porcentaxe do orzamento que se pretenda empregar en cada ámbito territorial. A puntuación outorgarase conforme a seguinte escala:

Ámbito territorial

Puntuación

Galicia > 50% gasto

1

Galicia < 50% gasto

España > 25% gasto

UE < 25% gasto

3

Galicia < 50% gasto

UE > 25% gasto

5

Para os efectos dos cálculos necesarios para a puntuación deste requisito, os gastos relativos a misións comerciais inversas ou visitas a Galicia de axentes de promoción foráneos computarán como accións realizadas en Galicia. Os gastos de persoal que realice accións de promoción tamén terán esa consideración se o dito persoal ten a súa residencia en Galicia. Así mesmo, os gastos relacionados con páxinas web e redes sociais terán esa consideración.

2. A porcentaxe máxima de axuda que se concederá a cada expediente en función dos puntos obtidos na valoración é a que se recolle na seguinte táboa:

Equivalencia % axuda coa puntuación de acordo cos criterios de valoración indicados no número 1:

Puntos

% axuda

< 10

0

10-14

30

15-19

40

20-24

50

25-29

60

> 30

70

3. Se, aplicados os criterios do número 1, existise empate resolverase atendendo ás solicitudes que obteñan maior puntuación no criterio de valoración a) e, de persistir o empate, teranse en conta as puntuacións dos criterios b), c), d), e), f) e g), sucesivamente.

Artigo 8. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse en formulario dirixido á Agacal de acordo co modelo que figura no anexo I que se xunta a esta resolución, acompañado da documentación complementaria que se indica no artigo 9. Deberase presentar un formulario de solicitude por cada actuación que se pretenda acoller a este réxime de axudas, coas excepcións previstas no artigo 5.1, alínea b), desta resolución.

No caso de solicitudes presentadas por asociacións sen ánimo de lucro, quen asine a petición deberá acreditar a súa condición de representante de xeito fidedigno por calquera medio válido en dereito.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través de formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación de solicitudes será o que se estableza na convocatoria anual correspondente.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do obxecto do investimento que recolla os seguintes aspectos:

1º. Descrición detallada das actuacións que se van desenvolver: descrición de cada unha das actividades previstas que vai realizar o solicitante. Detallaranse e describiranse ao máximo todas e cada unha das actividades.

2º. Avaliación económica das súas vantaxes.

3º. Relación de efectivos humanos e medios materiais de que se dispón.

4º. Plan cronolóxico dos traballos.

b) Orzamento pormenorizado dos gastos previstos, en que se detallará especificamente o ámbito territorial (Galicia, España, Unión Europea) a que corresponde o gasto de cada partida, de non corresponderen todas a un mesmo ámbito xeográfico.

Débese respectar a moderación de custos tal como establece o artigo 48.2.e) do Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo. Para iso, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda, con excepción dos relativos a aloxamento, manutención e desprazamento con vehículo propio, deberanse solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir os seguintes requisitos:

a. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou a subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta.

b. Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

c. Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado no cal se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados neste punto.

c) No caso de entidades para as que o imposto do valor engadido non é recuperable, documentación acreditativa desta circunstancia.

d) No caso de entidades asociativas, copia dos estatutos e documentación acreditativa de non ter ánimo de lucro.

e) No caso das entidades asociativas, listaxe de persoas inscritas e certificado emitido polo/a secretario/a no cal se indique que estas participan nalgún dos programas de calidade diferenciada dos alimentos enumerados no artigo 2 desta resolución.

f) No caso das entidades asociativas, certificación do/da secretario/a do consello regulador correspondente relativo ao volume de produción certificado dentro do programa de calidade no ano anterior ao da solicitude.

g) No caso das entidades asociativas, documentación acreditativa da condición de representante da persoa que asina a solicitude.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Obrigas tributarias, coa Seguridade Social, coa Facenda autonómica e outros requisitos para ter a condición de beneficiario

Non poderán ter a consideración de beneficiarios aqueles solicitantes que non cumpran os requisitos que se establecen para eles no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En particular, non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda).

Artigo 14. Instrución e resolución

1. Correspóndelle á Área de Calidade Alimentaria a instrución do procedemento, para o que poderá solicitar do peticionario calquera documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

2. O exame e valoración das solicitudes levaraos a cabo unha Comisión de Valoración constituída do seguinte xeito:

Presidente: xefe da Área de Calidade Alimentaria.

Vogais: dous/dúas funcionarios/as do Departamento de Promoción da Calidade Alimentaria.

Secretario/a: un/unha funcionario/a do dito departamento, que actuará con voz e voto.

3. A Comisión de Valoración, aplicando os criterios establecidos no artigo 6 desta resolución, examinará as solicitudes presentadas e emitirá un informe en que se concretará o resultado da avaliación efectuada e, como consecuencia, a proposta de resolución, que será realizada polo responsable da Área de Calidade Alimentaria. De acordo co dito informe a persoa titular da Agacal resolverá a concesión das axudas.

4. As solicitudes serán resoltas pola persoa titular da dirección da Agacal no prazo máximo de cinco meses contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de solicitude. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderase entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

5. A resolución de concesión indicará os gastos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se consideren necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente, indicará o prazo máximo para a realización e xustificación dos gastos realizados, que será polo menos posterior en dez días á finalización da realización da actividade subvencionada segundo o calendario presentado e, en calquera caso, anterior á data límite do 11 de setembro no que se refire á anualidade do ano corrente e do 1 de marzo para a anualidade seguinte.

Artigo 15. Tramitación do pagamento das axudas

1. Executados os investimentos o beneficiario presentará a seguinte documentación:

a) Xustificantes dos gastos efectuados: facturas, cunha relación numerada delas, así como a documentación que acredite o seu pagamento.

b) Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos gastos, conforme o modelo do anexo II desta resolución.

c) Ademais, e xunto coa documentación relacionada nas anteriores epígrafes, os solicitantes deberán presentar con carácter xeral:

1º. No caso de campañas de publicidade: un exemplar de cada un dos elementos integrantes da campaña (carteis, folletos, anuncios, etc.) así como unha memoria explicativa do seu desenvolvemento, na cal se indiquen cales foron os medios finalmente empregados. Deberá achegarse un exemplar orixinal do medio de comunicación escrito ou un documento de audio ou vídeo cando corresponda. No caso de insercións repetitivas bastará con achegar un só documento orixinal e unha relación dos días de emisión ou publicación da campaña.

2º. No caso de participación en feiras ou exposicións ou da súa organización: unha memoria explicativa en que se indiquen os medios materiais e humanos empregados e a especificación dos gastos realizados e a súa vinculación co evento, así como unha valoración do seu desenvolvemento.

3º. No caso de xornadas técnicas, seminarios e congresos: unha memoria en que se inclúa un resumo dos temas expostos e das conclusións obtidas.

As memorias a que se refiren os ordinais 1º, 2º e 3º anteriores deberán incluír unha reportaxe gráfica ou proba similar, para un mellor coñecemento da acción desenvolvida.

4º. No caso de estudos: unha copia destes.

2. A xustificación económica dos gastos e pagamentos por entrega de bens e prestacións de servizos axustarase ao establecido no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sen prexuízo do anterior, só se admitirá, con carácter excepcional, a xustificación do pagamento das facturas en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, sexa inferior a 1.000 euros, IVE incluído; neste caso o pagamento xustificarase mediante certificación expresa, asinada, datada e cuñada polo provedor, na cal se faga constar a recepción do importe facturado e o medio de pagamento empregado, así como o compromiso do provedor de someterse ás actuacións de control e comprobación na súa contabilidade da realidade do pagamento. Esta certificación acompañará a factura preceptiva. Porén, para gastos de escasa contía que non superen os 300 euros, admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

3. De acordo co previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios poderán subcontratar totalmente a realización das actividades subvencionadas. Segundo o indicado no número 3 do dito artigo, cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida á subscrición por escrito dun contrato, que deberá ser autorizado previamente polo director da Agacal. Para eses efectos, o interesado fará chegar á dita axencia na sede electrónica do procedemento unha solicitude de autorización xunto co borrador do contrato.

No caso de subcontratación cumpriranse, ademais, os restantes requisitos establecidos no citado artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, en particular, o relativo ás prohibicións establecidas no número 7.

4. De acordo co establecido no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderanse efectuar pagamentos á conta a medida que o beneficiario xustifique a realización das accións subvencionadas. Estes pagamentos non superarán o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as cales lle foi concedida. Ademais, de acordo co recollido no número 4 do artigo 67 do citado decreto, exonéranse os beneficiarios da constitución de garantía logo da autorización do Consello da Xunta de Galicia.

Sen prexuízo do anterior, de acordo co establecido na epígrafe b).1º do número 1 do artigo 5, relativo á participación en feiras e exposicións, os interesados poderán incluír nun único expediente de solicitude de axuda as accións correspondentes a varios eventos diferentes. Neste caso, na resolución de concesión poderase indicar que se trata de accións independentes, polo que a tramitación do seu pagamento poderá facerse tamén de xeito independente, sen que os pagamentos teñan a consideración de pagamentos á conta.

Artigo 16. Seguimento e control

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido, sempre e cando non se alteren esencialmente a natureza e os obxectivos da axuda aprobada e non se produzan danos en dereitos de terceiros. Esta modificación será resolta pola persoa titular da Agacal, sempre respectando o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A dita solicitude de modificación deberá ser presentada, como mínimo, sete días antes da realización da actividade.

3. No caso de que na xustificación dos gastos realizados o importe xustificado sexa inferior ao aprobado, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente, sempre que non se alteren os obxectivos iniciais.

4. A Agacal realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o seguimento e control das axudas concedidas. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Agacal, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes e, en particular, da Consellería do Medio Rural, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Consello de Contas, Tribunal de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

5. De acordo co establecido no artigo 71 do Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, os beneficiarios destas axudas quedan obrigados a proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades.

6. Seralles de aplicación ás axudas previstas nesta resolución o referido a controis administrativos, sobre o terreo e a posteriori, así como o réxime de controis, reducións e exclusións reguladas no Regulamento de execución (UE) núm. 809/2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

7. Conforme o disposto no artigo 66.1.c) do Regulamento (UE) núm. 1305/2013, o beneficiario da axuda deberá levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á operación subvencionada.

Artigo 17. Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións

1. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos e cumprindo co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. No caso contrario existirá un incumprimento, en que se aplicarán os seguintes criterios:

a) Cando o beneficiario non realice nin xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda.

b) Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpran o resto das condicións establecidas, sen prexuízo da aplicación do establecido no artigo 63 do Regulamento de execución (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

2. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta resolución e dos xuros de demora correspondentes no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos na normativa de aplicación vixente. Para estes efectos, os xuros de demora calcularanse de acordo co establecido no artigo 7.2 do Regulamento de execución (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1306/2013.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tamén lles será de aplicación o establecido no Regulamento (UE) núm. 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo, polo que se completa o Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, e o Regulamento (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, e a modificación realizada a este polo Regulamento de execución (UE) núm. 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017.

Artigo 18. Cumprimento da normativa comunitaria sobre axudas públicas

As axudas reguladas por esta resolución ampáranse no disposto no Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1698/2005 do Consello; no Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) núm. 352/78, (CE) núm. 165/94, (CE) núm. 2799/98, (CE) núm. 814/2000, (CE) núm. 1290/2005 e (CE) núm. 485/2008 do Consello; no Regulamento delegado (UE) núm. 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias; no Regulamento de execución (UE) núm. 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1305/2013; e no Regulamento de execución núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

Artigo 19. Compatibilidade

1. Estas axudas son compatibles ata unha intensidade do 70 % do gasto subvencionable con calquera outra para o mesmo fin que non teña financiamento total ou parcial do Feader ou doutros fondos da Unión Europea. Non son compatibles, porén, coas axudas reguladas polo Regulamento (UE) núm. 1144/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de outubro, sobre accións de información e de promoción relativas a produtos agrícolas no mercado interior e en terceiros países, e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 3/2008 do Consello.

2. O beneficiario ten a obriga de comunicar de inmediato ao órgano concedente calquera subvención, axuda ou ingreso que, para a mesma finalidade e de calquera procedencia, solicitase ou lle fose concedida ou pagada.

Artigo 20. Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader

1. As axudas que recolle esta resolución están cofinanciadas con fondos da Unión Europea, a través do Feader, cunha participación do 75 %, así como con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Xunta de Galicia, cunha participación do 7,50 % e do 17,50 %, respectivamente. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Agacal farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader.

2. Conforme o carácter público do financiamento da actividade subvencionada, o beneficiario estará obrigado a dar a axeitada publicidade desta circunstancia, para o que adoptará as medidas que, en cumprimento da normativa comunitaria de acordo co que se indica no número 4, se especificarán na resolución de concesión.

3. Na resolución da concesión da axuda relacionaranse, de ser o caso, as obrigas de difusión e publicidade que asume o beneficiario ao ser receptor da subvención e, en particular:

a) A procedencia do financiamento dos fondos, indicando que as accións se subvencionan en virtude dun programa cofinanciado polo Feader incluído dentro da medida 3, Réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020, e que esta medida é especialmente relevante aos intereses da área focal 3A, Mellora da competitividade dos produtores primarios integrándoos mellor na cadea agroalimentaria a través de sistemas de calidade, valor engadido aos produtos agrícolas, a promoción en mercados locais e circuítos de distribución curtos, as agrupacións de produtores e as organizacións interprofesionais, e contribúe ao cumprimento dos obxectivos transversais de innovación e ambiente.

b) A advertencia de que os seus datos persoais serán obxecto das publicacións legalmente establecidas.

c) Os medios publicitarios que cabe adoptar, de ser o caso, para facer visible ante o público a orixe do financiamento da axuda, de acordo co establecido no número 4 seguinte.

4. Os beneficiarios destas axudas son responsables de aplicar as medidas de información e publicidade delas que se establecen na parte 1, punto 2, do anexo III do Regulamento de execución (UE) núm. 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo. En particular quedan obrigados a:

a) Recoñecer o apoio do Feader en todas as actividades de información e comunicación que leve a cabo mostrando o emblema da Unión e unha referencia á axuda do Feader.

b) Informar o público durante a realización das accións apoiadas da axuda obtida, mediante carteis, paneis, placas ou sitios web, de acordo coa forma que proceda en cada caso segundo o recollido no dito anexo.

Artigo 21. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta resolución non porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso de alzada ante a Presidencia da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Agacal publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. Cómpre, ademais, dar publicidade das subvencións concedidas na páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, segundo o establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

CAPÍTULO II

Convocatoria 2020

Artigo 23. Convocatoria

Convócanse, de acordo coas bases reguladoras establecidas no capítulo primeiro desta resolución, as axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020, correspondentes ao exercicio orzamentario 2020. Nesta convocatoria poderanse atender accións de información e promoción que se realicen durante o ano 2020 e tamén aquelas que se inicien no dito ano e que finalicen, como máis tarde, o 31 de xaneiro de 2021. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral nos artigos anteriores.

Artigo 24. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 25. Financiamento das axudas

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo á partida orzamentaria 14.A2.713D.781.0, código de proxecto 2016.00194, por un importe de dous millóns catrocentos mil euros (2.400.000,00 €) para a anualidade 2020 e un millón seiscentos mil euros (1.600.000,00 €) para a anualidade 2021.

2. Esta resolución tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de xaneiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

3. Os importes establecidos nesta resolución poderanse incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Agacal, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/información-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás Administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Réxime xurídico

En todas aquelas cuestións non previstas nesta resolución haberá que aterse ao disposto no Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1698/2005 do Consello; no Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) núm. 352/78, (CE) núm. 165/94, (CE) núm. 2799/98, (CE) núm. 814/2000, (CE) núm. 1290/2005 e (CE) núm. 485/2008 do Consello; no Regulamento delegado (UE) núm. 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias; no Regulamento de execución (UE) núm. 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1305/2013; e no Regulamento de execución (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Disposición derradeira primeira. Instrucións para a aplicación desta resolución

A dirección da Agacal poderá ditar as instrucións que sexan necesarias para a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2019

Manuel Rodríguez Vázquez
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file