Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Venres, 17 de xaneiro de 2020 Páx. 2323

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2020 pola que se convocan cursos para o persoal do Instituto Galego do Consumo e da Competencia; da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; dos espazos xoves; e das OMIX e OMIC.

De acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Instituto Galego do Consumo e da Competencia para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar cinco cursos para o persoal do Instituto Galego do Consumo e da Competencia; da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; dos espazos xoves; e das OMIX e OMIC que figura no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2020

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos dos participantes

Poderá participar na acción formativa convocada mediante esta resolución o persoal do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (en diante, IGCC); da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; dos espazos xoves e das OMIX e OMIC, que se atopen en situación de servizo activo, permiso por maternidade/paternidade, adopción ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun/dunha familiar e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de oito días a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e ao tratarse de actividades impartidas nunha modalidade que inclúe teleformación, deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

1. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo).

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos/as asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas en cada curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e seguimento da actividade

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Superación da actividade formativa

Para poder superar as actividades de formación, o alumnado deberá realizar todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito ao certificado de participación na actividade.

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o IGCC poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o IGCC resérvanse o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o IGCC garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

– Código: CV20004.

– Resolución de conflitos de consumo. A tramitación das súas reclamacións.

1. Obxectivos.

Coñecer os dereitos básicos das persoas consumidoras e usuarias e aprender de xeito fácil e comprensible a presentar unha reclamación en materia de consumo, así como coñecer os pasos a seguir antes, durante e despois de presentar unha reclamación. Realizarase unha aproximación ao funcionamento dos servizos do IGCC e as súas vías de resolución de conflitos.

2. Destinatarios/as.

Persoal do IGCC; da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; dos espazos xoves; e das OMIX e OMIC.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 20 horas.

Datas: do 11 de febreiro ao 10 de marzo de 2020.

Prazas: 50.

4. Contido.

Módulo inicial (1 hora). Guía didáctica e presentación do curso.

Módulo 1 (3 horas). As relacións de consumo.

Módulo 2 (4 horas). Dereitos básicos das persoas consumidoras e usuarias.

Módulo 3 (4 horas). Información previa, contractual e comercial.

Módulo 4 (4 horas). Protección xurídica, administrativa e técnica.

Módulo 5 (4 horas). Vías de resolución de conflitos no ámbito do consumo.

– Código: CV20003.

– Comercio electrónico.

1. Obxectivos.

Adquirir coñecementos básicos sobre consumo e seguridade na rede.

Coñecer os dereitos básicos das persoas consumidoras nunha relación de consumo, complementándoos cos dereitos e garantías específicas no comercio electrónico.

Habilitar para o manexo do simulador de compras e para a súa aplicación didáctica.

2. Destinatarios/as.

Persoal do IGCC; da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; dos espazos xoves; e das OMIX e OMIC

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 20 horas.

Datas: do 8 de setembro ao 13 de outubro de 2020.

Prazas: 50.

4. Contido.

Módulo inicial (1 hora). Guía didáctica e presentación do curso.

Módulo 1 (4 horas). O consumo na rede.

Módulo 2 (4 horas). A seguridade nas compras pola internet.

Módulo 3 (4 horas). Dereitos básicos das persoas consumidoras no comercio electrónico.

Módulo 4 (5 horas). Dereitos específicos nas compras e contratacións a distancia.

Módulo 5 (2 horas). Simulador de compras.

– Código: CV20005.

– Consumo e finanzas.

1. Obxectivos.

Analizar os produtos e os servizos financeiros desde unha perspectiva de consumo.

Coñecer os distintos tipos de financiamento e cales son os aspectos legais que debe cumprir cada un deles.

Recoñecer os dereitos das persoas consumidoras/usuarias durante o proceso de contratación dun produto ou servizo financeiro.

Dar a coñecer as distintas vías de resolución de conflitos ante entidades financeiras.

2. Destinatarios/as.

Persoal do IGCC; da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; dos espazos xoves; e das OMIX e OMIC.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 20 horas.

Datas: do 28 de abril ao 2 de xuño de 2020.

Prazas: 50.

4. Contido.

Módulo inicial (1 hora). Guía didáctica e presentación do curso.

Módulo 1 (4 horas). Dereitos e obrigas nos servizos e produtos financeiros.

Módulo 2 (4 horas). Créditos ao consumo.

Módulo 3 (4 horas). Servizos financeiros a distancia.

Módulo 4 (4 horas). Préstamos hipotecarios.

Módulo 5 (3 horas). Vías de reclamación.

– Código: CV20006.

– Consumo e publicidade.

1. Obxectivos.

Adquirir os coñecementos básicos sobre publicidade.

Analizar os distintos elementos que empregan as mensaxes publicitarias.

Identificar as prácticas publicitarias desleais, agresivas e enganosas máis empregadas.

2. Destinatarios/as.

Persoal do IGCC; da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; dos espazos xoves; e das OMIX e OMIC.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 20 horas.

Datas: do 28 de abril ao 2 de xuño de 2020.

Prazas: 50.

4. Contido.

Módulo inicial (1 hora). Guía didáctica e presentación do curso.

Módulo 1 (4 horas). Concepto e historia da publicidade.

Módulo 2 (5 horas). A mensaxe e a linguaxe publicitaria.

Módulo 3 (5 horas). Estereotipos e valores na publicidade.

Módulo 4 (5 horas). Dereitos das persoas consumidoras e usuarias fronte ás ofertas publicitarias.

– Código: CV20007.

– Consumo e xénero.

1. Obxectivos.

Promover a reflexión arredor do consumo e o xénero filtrado polo papel crucial da educación.

Reflexionar sobre a relación entre o consumo e o xénero como elementos de desigualdade social, cuestionando os estereotipos de xénero asociados ao consumo e analizando os roles de mulleres e homes neste ámbito.

2. Destinatarios/as.

Persoal do IGCC; da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; dos espazos xoves; e das OMIX e OMIC.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 20 horas.

Datas: do 20 de outubro ao 24 de novembro de 2020.

Prazas: 50.

4. Contido.

Módulo inicial (2 horas). Guía didáctica e presentación do curso.

Módulo 1 (4 horas). O consumo como elemento de desigualdade social.

Módulo 2 (4 horas). O xénero como elemento de desigualdade.

Módulo 3 (5 horas). A interacción entre o consumo e o xénero.

Módulo 4 (5 horas). A perspectiva de xénero no consumo: o sexismo publicitario.