Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Mércores, 22 de xaneiro de 2020 Páx. 3444

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 17 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2020 (código de procedemento TR331A).

BDNS (Identif.): 491749.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

a) As entidades locais, coa excepción das entidades de ámbito territorial provincial, ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha das anteriores, cuxa titularidade corresponda integramente a ela, sempre que por si soas ou asociadas entre concellos limítrofes teñan unha media de paro rexistrado no ano 2019 superior a 350 persoas ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, tres concellos limítrofes galegos (ou dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos).

Neste caso, un mesmo concello non poderá presentar solicitude por si só e en agrupación a través de convenio de colaboración.

b) As confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia, e as fundacións delas dependentes con experiencia na realización de accións de orientación laboral.

c) As entidades sen ánimo de lucro especializadas en atención a persoas con discapacidade, así como aquelas entidades que teñan por obxecto a atención a un colectivo específico de persoas en determinadas situacións de exclusión social (por razóns étnicas, adiccións, exreclusos, etc.), que realicen accións de orientación laboral de acordo co previsto nestas bases reguladoras. A entidade solicitante deberá xustificar e cuantificar a súa atención a un número significativo de persoas na dita situación.

d) As entidades sen ánimo de lucro non incluídas no punto anterior que teñan entre as súas finalidades a atención a colectivos de persoas en risco ou situación de vulnerabilidade ou exclusión social que realicen accións de orientación laboral de acordo co previsto nestas bases reguladoras. A entidade solicitante deberá xustificar e cuantificar a súa atención a un número significativo de persoas na dita situación.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións ás entidades que presten servizos de orientación laboral para o emprego e asistencia para o autoemprego, articulados en itinerarios personalizados para o emprego e dirixidos a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da contratación de persoal técnico de orientación laboral, no ámbito da colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria coas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (código do procedemento TR331A).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 17 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2020.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse 2.700.000 euros a entidades locais e 4.000.000 euros a entidades sen ánimo de lucro, o que supón un total de 6.700.000 euros.

Quinto. Contía

25.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses.

28.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, no caso das entidades sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades fundacionais e se dediquen prioritaria e habitualmente á realización de actividades de atención a persoas con discapacidade.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2019

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria