Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Mércores, 22 de xaneiro de 2020 Páx. 3635

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria para o ano 2020 (código de procedemento IN421L).

BDNS (Identif.): 492738.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:

a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídos no sector de produción agrícola primaria.

Para efectos desta resolución, consideraranse do sector de produción agrícola primaria as actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases da 1.11 a 02.40 do CNAE-2009, ambas incluídas. Tamén serán subvencionables as actividades incluídas no IAE que se correspondan con estas clases do CNAE 2009.

Para os efectos destas bases, defínese empresa conforme o recollido no artigo 1 do anexo I do Regulamento UE 651/2014.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas na alínea anterior.

Segundo. Obxecto

A instalación de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria para o ano 2020 (código de procedemento IN421L).

Cuarto. Contía

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2020 e imputaranse ás aplicacións orzamentarias 09.A2.733A.770.0. e 09.A2.733A.770.1.; o importe total asignado a esta convocatoria ascenderá a 2.500.000 €.

O crédito máximo, segundo a tipoloxía de proxecto, será o seguinte:

Distribución por liña de axuda

Aplicación orzamentaria

Total (€)

RT - Proxectos de enerxías renovables térmicas

09.A2.733A.770.1

580.000,00

RE - Proxectos de enerxías renovables eléctricas

09.A2.733A.770.1

1.900.000,00

PAE - Proxectos de aforro e eficiencia enerxética

09.A2.733A.770.0

20.000,00

Total

2.500.000,00

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se, pasados dous meses desde a apertura do prazo de solicitudes, nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles e noutra das epígrafes existe lista de espera.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 31.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nestas bases.

De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal).

3. A presente convocatoria tramitarase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento das subvencións quedará condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

4. A contía da axuda será do 35 % do custo elixible da nova instalación, cun máximo de 100.000 euros por proxecto e de 300.000 € por empresa. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o 10 de febreiro de 2020, ás 9.00 horas, e concluirá o 15 de maio de 2020, ás 23.59 horas.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia