Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Mércores, 22 de xaneiro de 2020 Páx. 3332

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi ECO, e se convocan para o exercicio 2020, mediante tramitación anticipada (código de procedemento IF303A).

Desde os seus comezos, o servizo do taxi foi evolucionando desde ser un servizo complementario doutros medios de transporte a ser un servizo alternativo competitivo. Con esta finalidade, a Xunta de Galicia vén colaborando co sector mediante o outorgamento de axudas dirixidas á implantación de medios que faciliten a súa modernización e seguridade.

Unha das obrigas máis relevantes que incumbe toda Administración pública é diminuír aquelas dificultades que afectan sectores concretos da poboación, de xeito que se afonde máis na igualdade material exixida pola Constitución española. Nese sentido, implantar uns servizos de transporte público cada vez máis accesibles é unha das medidas que máis eficazmente pode contribuír a acadar ese obxectivo, posto que incrementa a autonomía das persoas con mobilidade reducida e posibilita un transporte público máis eficaz e útil. Así, tal e como se indica na exposición de motivos da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, no momento actual a mobilidade constitúe un compoñente esencial da calidade de vida das persoas. Deste xeito, o transporte público de persoas en vehículos de turismo, en especial o servizo de taxi, ten unha importancia decisiva como instrumento conformador da convivencia da cidadanía e da habitabilidade no contorno urbano e interurbano. As administracións competentes deben, polo tanto, velar por garantir a universalidade, accesibilidade e calidade na prestación do servizo.

Neste contexto, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pretende, mediante esta orde de axudas, favorecer o cumprimento do Real decreto 1554/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización de modos de transporte para persoas con discapacidade, así como o cumprimento das exixencias establecidas a este respecto no resto da normativa sectorial de aplicación. Trátase así de contribuír a garantir a mobilidade no transporte público de toda a cidadanía. Así mesmo, preténdese fomentar o uso de vehículos taxi de tipo emisións cero e ECO co obxecto de reducir as emisións gasosas no tráfico de vehículos.

Dentro destas liñas de actuación proponse a aprobación das bases reguladoras e da convocatoria de axudas coa finalidade de axudar á adquisición de vehículos taxi eléctricos, ECO e adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), estes vehículos deben satisfacer os requisitos recollidos no Real decreto 1554/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización de modos de transporte para persoas con discapacidade. Para poder acceder ás axudas para taxi de cero emisións e ECO, os vehículos deberán estar clasificados como tales pola Dirección Xeral de Tráfico de acordo co disposto na Orde PCI/810/2018, do 27 de xullo, pola que se modifican os anexos II, XI e XVIII do Regulamento xeral de vehículos, aprobado polo Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro.

Esta orde tramítase como expediente anticipado de gasto, o que permite establecer un período máis amplo de presentación de solicitudes e a posibilidade de obter antes a consecuente resolución, así como unha maior marxe temporal para a xustificación por parte das persoas interesadas.

Todo iso faise no marco da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como consonte a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na medida en que sexa aplicable, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas a persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi do tipo ECO.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2020 (código de procedemento IF303A). En concreto, poderán ser obxecto de subvención os vehículos novos que se adquirisen entre o 2 de abril de 2019 e a data establecida nesta orde para xustificar a axuda.

3. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Actuacións subvencionables

1. Con cargo a esta orde será subvencionable a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida, que reúnan as seguintes condicións:

a) Deben estar adaptados para o seu uso por persoas con mobilidade reducida. Para estes efectos, os vehículos deberán reunir as condicións previstas no Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan os requisitos básicos de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade.

b) Os vehículos deberán ser adquiridos, dentro dos prazos fixados na orde.

c) En ningún caso se admitirán como subvencionables os vehículos de segunda man.

2. Tamén serán subvencionables con cargo a esta orde os vehículos taxi de tipo cero emisións e ECO, que reúnan as seguintes condicións:

a) Deberán estar clasificados oficialmente nestas categorías pola Dirección Xeral de Tráfico de acordo co disposto na Orde PCI/810/2018, do 27 de xullo, pola que se modifican os anexos II, XI e XVIII do Regulamento xeral de vehículos, aprobado polo Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro.

b) Os vehículos deberán ser adquiridos dentro dos prazos fixados na orde.

c) En ningún caso se admitirán como subvencionables os vehículos de segunda man.

Artigo 3. Financiamento e contía

1. As axudas outorgadas conforme o disposto nesta orde serán financiadas con cargo á aplicación 08.02.512A.770.0. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 no momento da resolución.

2. A contía total máxima das subvencións concedidas será de 350.000 euros. Non obstante, este importe entenderase sen prexuízo de ulteriores variacións que se poidan producir como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A contía total máxima asígnase inicialmente segundo a seguinte repartición, para as tres liñas obxecto de axuda:

– Liña para taxi adaptado (Eurotaxi): 150.000 euros.

– Liña para taxi de cero emisións: 120.000 euros.

– Liña para taxi ECO: 80.000 euros.

4. Estas cantidades teñen o carácter de máximo inicial para cada unha das liñas; non obstante, unha vez transcorrido o prazo inicial de solicitude a que fai referencia o artigo 5.4.1 desta orde, o crédito resultante no conxunto das tres categorías unificarase e atenderase, para a adxudicación, aos criterios de prelación establecidos no dito artigo.

5. As liñas de subvencións obxecto desta orde son compatibles entre si con carácter acumulativo e decláranse compatibles, de ser o caso, con outras achegas, axudas ou subvencións que para a mesma finalidade poida obter a entidade beneficiaria; non obstante, a suma total de todas elas nunca poderá superar o custo da actividade subvencionada.

6. A axuda por vehículo para taxi adaptado (Eutotaxi) será de 10.000 euros, para taxi de cero emisións de 6.000 euros e para taxi ECO de 4.000 euros.

7. As axudas recollidas nesta orde quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro, L352/1). A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido.

As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se tal acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de mobilidade competentes.

2. Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberán axustarse ás seguintes regras:

a) Terán que estar domiciliadas en Galicia.

b) Deberán estar vixentes no momento da presentación da solicitude.

c) Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das cales sexa titular a persoa solicitante, agás no suposto de que para a mesma autorización a persoa interesada tivese a condición de beneficiario/a con base en convocatorias anteriores de axudas efectuadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para esta mesma finalidade.

Artigo 5. Solicitudes e prazo de presentación

1. Ao abeiro do disposto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a solicitude e tramitación deste procedemento farase por medios exclusivamente electrónicos, ao constituíren as persoas destinatarias un colectivo profesional concreto e seren titulares de autorizacións administrativas para prestar o servizo público de taxi.

En consecuencia, para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo I a esta orde, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código IF303A.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.

A solicitude irá acompañada, ademais, da documentación a que se fai referencia no artigo 6 que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de presentación electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato pdf, odt, ods, doc, xls, docx, xlsx, jpg, png, tiff e bmp).

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable referente aos seguintes aspectos:

a) Axudas solicitadas e/ou concedidas por outras administracións públicas para o mesmo proxecto, con indicación das contías ou, de ser o caso, indicación de que non recibiu ningunha.

b) Axudas de minimis recibidas durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, ou a outros regulamentos de minimis (artigo 6.1 do Regulamento de minimis).

c) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nestas bases, así como das obrigas e compromisos que nelas se establecen.

d) Autenticidade dos datos facilitados.

e) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas e realice tanto mediante os seus propios medios como mediante a colaboración de servizos externos.

f) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Autenticidade e coincidencia cos orixinais da documentación anexada coa solicitude, e posta á disposición da Administración dos ditos orixinais en caso de que se lle requira.

4. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 14 de outubro de 2020, de acordo coas seguintes previsións:

4.1. As solicitudes presentadas desde a data de inicio do prazo e ata o 30 de xuño de 2020 serán valoradas dentro de cada liña por orde de entrada, ata o momento do esgotamento do crédito asignado inicialmente a cada unha das liñas, de producirse este antes da finalización do dito prazo.

Se o crédito dispoñible se esgota antes desa data, anunciarase esta circunstancia a través da páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, na epígrafe de Mobilidade, de acordo co establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En tal caso, as solicitudes que se reciban despois do esgotamento do crédito e ata o 30 de xuño de 2020 quedarán en reserva, e poderán, se é o caso, ser subvencionadas ben co crédito que quede libre de se producir algunha renuncia por parte das persoas beneficiarias ou ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas, sen prexuízo do disposto no punto seguinte para o posible crédito sobrante nas outras liñas de axudas establecidas nesta orde.

4.2. Transcorrida a data do 30 de xuño de 2020, o crédito resultante no conxunto das tres liñas unificarase e continuarán valorándose as solicitudes, para calquera das tres liñas, atendendo exclusivamente á orde de entrada, para o cal se deberán ter en conta tanto as solicitudes presentadas dentro do prazo anterior e que non puideron ser atendidas por insuficiencia do crédito inicial para esa liña como aquelas que se presenten posteriormente e ata finalización do prazo o 14 de outubro de 2020.

Se o novo crédito resultante dispoñible se esgota antes desa data, anunciarase esta circunstancia na mesma forma establecida no punto anterior e, en tal caso, as solicitudes que se reciban despois do esgotamento do crédito e ata o 14 de outubro de 2020 quedarán en reserva, e poderán, se é o caso, ser subvencionadas, ben co crédito que quede libre de se producir algunha renuncia por parte das persoas beneficiarias ou ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1.1. Para as solicitudes de axudas de taxi adaptado (Eurotaxi)

a) Copia da factura pro forma e orzamento detallado do vehículo que se propón adquirir.

b) No caso de actuar por medio de representante, debe achegarse a documentación acreditativa da representación.

c) No caso de que o vehículo fose adquirido con antelación á publicación desta orde, factura de compra do vehículo subvencionado e xustificante de ter pagado polo menos 10.000 euros para esta finalidade mediante unha ou varias transferencias bancarias.

1.2. Para as solicitudes de axudas de taxi de cero emisións e ECO:

a) Orzamento detallado do vehículo que se propón adquirir.

b) No caso de actuar por medio de representante, debe achegarse a documentación acreditativa da representación.

c) No caso de que o vehículo fose adquirido con antelación á publicación desta orde, factura de compra do vehículo subvencionado e xustificante de ter pagado polo menos 6.000 euros para esta finalidade, no caso de vehículos de cero emisións e 4.000 euros para esta finalidade no caso de vehículos ECO mediante unha ou varias transferencias bancarias. Neste caso, para os efectos de acreditar a correspondente categoría de clasificación do vehículo, presentarase tamén algún dos seguintes documentos, con carácter alternativo:

– Copia do distintivo oficial da Dirección Xeral de Tráfico onde figure a categoría enerxética do vehículo.

– Certificación expedida por concesionario oficial acreditativa da categoría enerxética do vehículo.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/requirimentos-tecnicos).

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE en vigor da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE en vigor da persoa representante, de ser o caso.

c) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da Xunta de Galicia da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, en cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto desta convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), nos termos do Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas.

A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da correspondente convocatoria para a súa publicación.

Artigo 10. Órganos competentes

1. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o exercicio das competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto, reintegro e demais actuacións necesarias para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde.

2. A persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión das subvencións, e correspóndelle como tal o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade da anterior, a instrución corresponderalle ao xefe/a do Servizo de Coordinación dos Plans de Transporte.

3. As competencias que se delegan mediante esta orde á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade serán exercidas temporalmente, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade, e mentres persistan estas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. O outorgamento das subvencións efectuarase respectando a rigorosa orde de data da solicitude e ata o esgotamento do crédito dispoñible, sempre que se cumpran os requisitos establecidos nestas bases. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nesta orde e no resto de normativa aplicable para poder ser beneficiario/a das axudas. Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que se achegue.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algunha das exixencias contidas nesta orde ou na citada normativa, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución.

A remisión de documentación complementaria que sexa requirida pola Administración ou a emenda da solicitude inicialmente formulada realizarase exclusivamente por medios electrónicos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 8.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a persoa interesada para que achegue a documentación orixinal. Neste caso, a presentación desa documentación farase no rexistro ou oficina indicada pola Administración no seu requirimento.

Artigo 12. Proposta de resolución

1. Os expedientes que non cumpran as esixencias contidas nesta orde ou na restante normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

2. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, o órgano instrutor elaborará, respecto de cada unha delas, un informe en que consten esas circunstancias, que servirá como proposta de resolución. Todas as solicitudes que reúnan os requisitos establecidos na orde serán admitidas e contarán cunha proposta de resolución favorable, sempre que estean dentro do límite orzamentario previsto para atender as axudas reguladas nesta orde, consonte o indicado no artigo 5.4.

Artigo 13. Resolución

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade ditará a correspondente resolución respecto de cada unha das solicitudes admitidas a trámite, á vista da proposta do órgano instrutor.

A resolución deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de denegación. Do mesmo xeito, na resolución indicarase o carácter de axuda de minimis exenta, en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro, L352/1).

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que vaia desenvolver a persoa beneficiaria.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous meses contados desde a data da presentación da solicitude. Se transcorre este prazo sen se ditar resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Adicionalmente, as axudas concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, en consonancia co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, na epígrafe de Mobilidade.

Artigo 14. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que venza o prazo de catro meses para resolver previsto no artigo 13.2.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. As persoas ou entidades beneficiarias están obrigadas a comunicarlle á Dirección Xeral de Mobilidade calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou a correcta aplicación da axuda outorgada.

2. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á entidade interesada.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde asumen as obrigas recollidas con carácter xeral na normativa de subvencións e, especificamente, as seguintes:

a) Obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Obriga de permitir que a Dirección Xeral de Mobilidade realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como de facer o seguimento e control das axudas concedidas.

c) Obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Obriga de destinar o novo vehículo a prestar o servizo de taxi no municipio da Comunidade Autónoma de Galicia en que estea domiciliada a autorización VT-N do solicitante, e adscribir o vehículo a esta.

Non obstante o anterior, o beneficiario poderá substituír o vehículo subvencionado por outro de características semellantes, sempre que concorran circunstancias que así o xustifiquen e a dita substitución sexa expresamente autorizada pola Dirección Xeral de Mobilidade e polo concello.

e) Obriga de incorporar nun lugar visible do/s vehículo/s adquirido/s unha referencia expresa a que a adquisición do vehículo foi subvencionada pola Xunta de Galicia (Consellería de Infraestruturas e Mobilidade). Esta información debe levar o logotipo oficial da Xunta de Galicia previsto no manual de identidade corporativa (http://www.xunta.gal/identidade-corporativa/descarga-do-manual).

f) Obriga de manter a titularidade do vehículo e o seu destino efectivo á actividade de taxi durante, ao menos, cinco (5) anos, agás no suposto de que, logo de autorización, se substitúa por outro de condicións análogas.

g) Obriga de conservar en bo estado o vehículo adquirido.

Artigo 18. Aceptación e xustificación da subvención

1. Unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, a persoa proposta como beneficiaria disporá dun prazo de 10 días para aceptala. Transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada pola persoa interesada.

Unha vez notificado o outorgamento da axuda e, en todo caso, antes do 1 de novembro de 2020, a persoa interesada deberá presentar, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a factura de compra do vehículo subvencionado e o xustificante da transferencia ou transferencias bancarias do seu aboamento. O importe total destas deberá ser igual ou superior á contía da subvención que lle foi outorgada. Ademais, no caso de vehículos de cero emisións e ECO deberase presentar algún dos seguintes documentos, con carácter alternativo, sempre que a dita presentación non se teña xa presentado con anterioridade xunto coa solicitude de axuda, de conformidade co artigo 6.1.2, alínea c), desta orde:

– Copia do distintivo oficial da Dirección Xeral de Tráfico onde figure a categoría enérxetica do vehículo.

– Certificación expedida por concesionario oficial acreditativa da categoría enerxética do vehículo.

Para esta presentación da documentación de xustificación observarase o disposto no artigo 8.

A falta de xustificación no prazo establecido neste punto comportará a perda do dereito a cobrar a subvención.

2. Os beneficiarios da subvención asumen a obriga de ter adscrito o vehículo á autorización de transporte da serie VT-N antes do 1 de xullo de 2021. A Dirección Xeral de Mobilidade comprobará de oficio que se realizou a adscrición. De non terse realizado, procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, consonte o previsto no artigo 33.1.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Na documentación achegada para a adscrición debe constar que o vehículo é un vehículo adaptado conforme os requisitos fixados na normativa vixente.

3. Transcorrido o prazo previsto no punto 2 sen que a persoa interesada cumpra coa obriga sinalada, requirirase para que no prazo de dez días emende ese incumprimento. A realización da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que conforme a lei correspondan.

Artigo 19. Pagamento

Unha vez xustificada a axuda consonte o previsto no punto 1 do artigo anterior, procederase ao seu libramento, que se fará nun único pagamento, mediante transferencia bancaria ao número de conta indicado na solicitude.

Artigo 20. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde de convocatoria ou no resto da normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase un procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Control

1. A Dirección Xeral de Mobilidade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das axudas que se concedan.

2. Alén do anterior, as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non regulado nesta orde observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Artigo 23. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.civ.xunta.gal).

b) Os teléfonos 981 99 50 53 e 881 99 50 77 da devandita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico: tmg@xunta.gal

Artigo 24. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá da Xunta de Galicia.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os/as cidadáns/ás poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para que dite as resolucións que sexan precisas para a correcta execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2019

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

missing image file
missing image file
missing image file