Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 2020 Páx. 4600

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 8 de xaneiro de 2020 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG401D).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do 29 de outubro de 2019 acordou, por unanimidade dos membros asistentes, aprobar as bases reguladoras das axudas á internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital) e facultou o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas á internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital), e convocar para o ano 2020 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG401D).

Segundo. Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Terceiro. Os prazos de presentación de solicitudes serán os seguintes:

Convocatoria

Inicio do prazo de presentación de solicitudes

Fin do prazo de presentación de solicitudes

2020.1

O día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia

24.3.2020

2020.2

25.3.2020

25.5.2020

Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Convocatoria

Código do proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2020

Ano 2021

Total

2020.1

2020.00001 

09.A1.741A.7708 

400.000,00 €

800.000,00 €

1.200.000,00 €

2020.2

2020.00001 

09.A1.741A.7708 

100.000,00 €

700.000,00 €

800.000,00 €

Total 

500.000,00 €

1.500.000,00 €

2.000.000,00 €

No caso de remanente de crédito da primeira convocatoria, incrementarase o crédito da segunda convocatoria mediante modificación desta resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:

O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de cinco meses contados desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, transcorrido o cal se poderá entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Para os proxectos da primeira convocatoria o prazo máximo de execución iniciarase no momento da solicitude da axuda e rematará o 31 de xaneiro de 2021, sendo esta data a última admisible de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobramento.

Para os proxectos da segunda convocatoria o prazo máximo de execución será o 30 de xuño de 2021, sendo esta data a última admisible de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobramento.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007) indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas á internacionalización dixital
das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital)

A internacionalización achega ás empresas a posibilidade de aumentar o seu tamaño e acadar maiores economías de escala, acceder a recursos inaccesibles ou caros no seu mercado de orixe, conseguindo economías de localización, mellorar a notoriedade e diferenciación dos seus produtos e marcas, entrar en contacto con consumidores máis exixentes e competidores máis eficientes que estimulan a súa innovación e desenvolvemento tecnolóxico e, en definitiva, mellorar a súa eficiencia económica e capacidade competitiva en liña coa estratexia galega de especialización intelixente (RIS3).

A internacionalización do tecido empresarial galego ten sido e seguirá sendo un dos eixes prioritarios de actuación dentro da política económica da Xunta de Galicia de cara a mellorar a súa competitividade e acadar o crecemento económico. Mediante un modelo facilitador de información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento ás empresas para a súa entrada neles, formación e especialización de recursos humanos, o Goberno galego aposta pola internacionalización das empresas galegas.

Unha aposta que se plasma na Estratexia da Xunta de Galicia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 que inclúe entre os seus obxectivos o de lograr un significativo aumento na cantidade, calidade e impacto efectivo das exportacións da empresa galega en 2020: aumento do número de empresas da base exportadora, procura e apertura de novos mercados, apoio na ampliación de cota de mercados con menor presencia e maior potencial de crecemento futuro, e consolidación de cota nos mercados maduros. En definitiva, este plan de internacionalización persegue unha fase de consolidación dos distintos esforzos e accións emprendidas ao longo dos últimos anos para estimular, fortalecer, expandir e consolidar a internacionalización das pemes galegas e os seus produtos e servizos.

En concreto estas bases encaixan nos obxectivos dos seguintes eixes da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020:

• Eixe 2. Maior presencia en mercados. Obxectivo: diversificación de mercados pero, sobre todo, zonas xeográficas.

• Eixe 4. Galicia unha forma de facer. Obxectivos: mellorar o coñecemento e posicionamento de Galicia nos mercados internacionais e consolidar a percepción dos produtos e servizos galegos: calidade, prestixio, etc.

• Eixe 5. Unidade de axentes impulsores. Colaboración cos organismos intermedios. Obxectivos: coordinación e complementariedade a través da cooperación entre os distintos axentes da internacionalización evitando duplicidades, colaborar cos organismos intermedios, como revulsivos para estimular as empresas en vertentes como a innovación, a competitividade e a internacionalización, apoiando activamente as accións desenvolvidas polos actores intermedios e fomentando a participación de empresas galegas en iniciativas agrupadas que fomenten e faciliten ademais a colaboración empresarial.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, establece, no seu artigo 4, como funcións do Igape, entre outras, proporcionar información sobre os mercados e favorecer o desenvolvemento das exportacións e acordos con empresas estranxeiras.

O obxectivo destas bases é facilitar a internacionalización dixital da empresa galega non exportadora ou con escasa internacionalización e apoiar empresas internacionalizadas para que a incrementen a través da vía dixital.

Considerando, ademais, que a dixitalización converteuse nun proceso esencial polo que deben pasar os negocios se queren manter a súa competitividade. Saber como incorporar as novas tecnoloxías é clave para garantir a supervivencia e o crecemento empresarial.

Esta liña de axuda compleméntase coas liñas de axuda Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Organismos Intermedios e Foexga, cofinanciadas con Feder, e Sinerxía, así como cos servizos do Igape á internacionalización.

As convocatorias desta liña de axudas serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. As ditas convocatorias incluirán o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Artigo 1. Obxecto

Estas axudas teñen como obxecto apoiar as empresas galegas nos seus procesos de internacionalización dixital conscientes de que o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitvidade nos mercados internacionais, considerando que o desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital repercuten nas posibilidades de negocio, posibilitando a presenza en mercados, facilitando o aceso a clientes, reducindo os custos de transacción e publicidade, e permiten abrir canles comerciais novos, achegando así medios máis eficaces para a potenciación de actividades económicas internacionais e o incremento das exportacións. O obxecto último destas bases é o desenvolvemento e a implementación dun plan de internacionalización dixital de empresa.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1, do 24 de decembro); no Regulamento (CE) nº 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño) e no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100 % do gasto subvencionable.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se superase o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da empresa unha declaración sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. En todo caso, a solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá presentarse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.

c) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado CE (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014).

c) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

Artigo 5. Condicións dos conceptos subvencionables

1. Só se poderá presentar e aprobar unha solicitude por empresa, cun gasto subvencionable mínimo, igual ou superior a 25.000 € e máximo de 125.000 € por empresa. De superar este máximo, procederase a axustar o gasto a este límite máximo.

Consideraranse gastos subvencionables todos aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do plan para o cal foron concibidos. En concreto, subvenciónanse os seguintes tipos de gastos:

A. Consultaría necesaria para a elaboración de:

a) Diagnóstico de potencial exportador dixital.

Esta análise debe, como mínimo, analizar a madurez dixital e internacional da empresa e xustificar as oportunidades dunha estratexia de internacionalización dixital para a empresa tendo en conta os seus recursos.

Gasto subvencionable máximo: 3.000 €.

b) Plans de internacionalización dixital multicanle.

Estes plans deben incluír como mínimo unha investigación, avaliación e selección de mercados e canles de vendas tendo en conta o potencial exportador dixital da empresa e os seus recursos dispoñibles.

Gasto subvencionable máximo: 3.000 €.

c) Plans de mercados electrónicos concretos.

Estes plans deben de conter, como mínimo, a estratexia e as accións necesarias para deseñar, programar, conectar e posicionar tendas e catálogos on line multi-idioma. Así como unha análise SEO de web, catálogos on line e/ou tendas on line. Análise SEO por mercado xeográfico para Google e/ou buscadores de referencia (Baidu, Yandex para China e Rusia, por exemplo), e/ou SEO en marketplaces tipo Amazon, AliExpress, eBay.

Gasto subvencionable máximo: 5.000 €.

d) Gastos de asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital.

Aqueles que se relacionen directamente coa operativa dixital internacional como a adaptación ao Regulamento xeral de protección de datos e, en xeral, á operativa import-export no comercio electrónico.

Gasto subvencionable máximo: 5.000 €.

B. Software de:

a) Soluciones tecnolóxicas P.I.M. (Product Information Management) para crear, xestionar e conectar catálogos dixitais internacionais multi-idioma.

Gasto subvencionable máximo: 6.000 €.

b) Adquisición, programación a medida e integración de conectores entre plataformas e con sistemas de información (ERPs).

Gasto subvencionable máximo: 25.000 €.

c) Solucións de analítica e visualización de datos para elaborar cadros de mando con indicadores (KPI´s) para o seguimento e optimización de canles de vendas e de márketing on line.

Gasto subvencionable máximo: 25.000 €.

d) Solucións de intelixencia automatizada para a optimización da supply chain e do fullfillment, por exemplo, para a venda preditiva e o aprovisionamento.

Gasto subvencionable máximo: 20.000 €.

e) Solucións de inbound márketing internacional para lograr captar, reter, converter e fidelizar a usuarios de interese obxectivo do negocio on line. Inclúese desde a compra das solucións tecnolóxicas, a súa integración e tamén a súa xestión como servizo a vendedores on line por parte de axencias.

Gasto subvencionable máximo: 6.000 €.

Estes activos intanxibles serán acreditables segundo se indica no artigo 15.5.g), que cumpran as condicións do artigo 14.8 do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño).

C. Outros gastos de:

a) Creación e adaptación de tendas on line e catálogos on line para o márketing e vendas en mercados electrónicos obxectivo, tanto B2B como B2C.

Gasto subvencionable máximo: 10.000 €.

b) Campañas de posicionamento SEM en directorios internacionais con buscadores e en plataformas.

Gasto subvencionable máximo: 10.000 €.

c) Servizos de call center internacionais para dar soporte á venda on line.

Gasto subvencionable máximo: 12.000 €.

2. Os gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.

3. O período de execución dos gastos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.

4. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

6. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

7. No caso dos activos intanxibles, para seren considerados subvencionables deberán cumprir, ademais, todas estas condicións: 1) Empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) Consideraranse activos amortizables; 3) Adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador; 4) Deberán incluírse nos activos da empresa beneficiaria e permanecer asociados ao proxecto a que se destina a axuda durante, polo menos, tres anos.

Artigo 6. Contía da axuda e criterios de avaliación e selección de solicitudes

1. A subvención será dun máximo do 80 % dos gastos subvencionables recollidos no artigo 5, coa seguinte distinción dependendo do tipo de empresa solicitante:

a) Pemes: 80 %.

b) Empresas con ata 500 empregados: 70 %.

c) Empresas con máis de 500 empregados: 60 %.

2. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral cunha base de puntuación de 100 puntos.

a) Dificultade para acometer o proceso de internacionalización e, polo tanto, maior necesidade do apoio. Máximo: 40 puntos.

Avaliarase tendo en conta o tamaño da empresa segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014; microempresa: 40 puntos; pequena empresa: 30 puntos; mediana empresa: 20 puntos; grande empresa: 10 puntos.

Esta condición acreditarase mediante declaración no formulario electrónico de solicitude.

b) Tipo de internacionalización da empresa. Máximo: 40 puntos.

Avaliarase tendo en conta: empresa exportadora de mercadorías fabricadas pola propia empresa solicitante da axuda: 40 puntos; empresa exportadora de mercadorías non fabricadora (comercializadora): 30 puntos; empresa que presta ou comercializa servizos no estranxeiro (os seus clientes reciben o servizo no estranxeiro): 20 puntos; empresa internacionalización inversa (venda de produtos ou prestación de servizos en Galicia a clientes estranxeiros, os clientes acoden a Galicia): 10 puntos.

Esta condición acreditarase no formulario electrónico de solicitude.

c) Novos solicitantes. Máximo: 20 puntos.

Empresas que teñan solicitado por primeira vez a alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización a partir do 1 de xullo de 2019: 20 puntos.

Artigo 7. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

Os autónomos (persoas físicas) poden ser beneficiarios destas axudas. Dada a finalidade destas axudas de apoio á internacionalización dixital, para levar a cabo un proxecto destas características, as empresas deben partir dun nivel de desenvolvemento dixital –no que se refire a recursos físicos e persoais– que supón necesariamente que os autónomos que están internacionalizados ou pretenden internacionalizarse dispoñen de medios electrónicos adecuados, polo que a única vía de presentación da solicitude de axuda será a electrónica.

No caso de presentala de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:

http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o Rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

4. A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.5 destas bases reguladoras.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude: todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

i) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 7.4 destas bases.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e presentar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 9. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Internacionalización do Igape e a competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador, cuxos membros serán designados pola Dirección Xeral do Igape de entre o persoal da Área de Internacionalización Este órgano estará composto por un mínimo de tres membros e contará cun presidente e un secretario/a con voz e voto. Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se a solicitude ou o formulario non reúne ningún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda realizaranse mediante publicación na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

3. As solicitudes serán avaliadas polo órgano avaliador, quen elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas, en aplicación dos criterios de avaliación establecidos no artigo 6.2 destas bases.

No caso de empate nas puntuacións, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio a, b e c do artigo 6.2, sucesivamente. Se aínda así seguise existindo empate, darase preferencia aos proxectos segundo a súa orde de presentación.

Artigo 11. Resolución

1. A Área de Internacionalización do Igape ditará a proposta de resolución con base neste procedemento a partir da relación de solicitudes puntuadas. A continuación, elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen emitirá a resolución de concesión das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que corresponden á entidade beneficiaria.

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

6. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

Unha vez ditada a resolución de concesión non se admitirán modificacións da resolución inicial. A reasignación de gastos respectando os importes máximos por concepto subvencionable establecidos na resolución de concesión non se considera modificación.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control durante, polo menos, un período de 4 anos desde o vencemento do prazo de execución.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

e) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os investimentos subvencionados, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere o importe establecido no artigo 6 destas bases.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape e a Xunta de Galicia, segundo o establecido no anexo III a estas bases.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

i) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.

Artigo 15. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, o beneficiario deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme á lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegarse unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

c) Memoria de resultados que se deberá cubrir no formulario electrónico de liquidación, en que se expoñan co suficiente grao de detalle as accións desenvolvidas e resultados ou obxectivos acadados e a situación do solicitante da axuda polo que se refire ao mercado/s obxectivo unha vez realizadas as accións.

d) As tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.5 das bases, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

e) Cumprimento da obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 14.f) das bases.

f) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso para as mesmas accións, que se deberá cubrir no formulario electrónico de liquidación.

g) No caso de investimentos en activos intanxibles, deberán acreditarse as condicións establecidas no artigo 5.7 destas bases, mediante informe de auditor inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que verifique o cumprimento das condicións 2ª, 3ª e 4ª do citado artigo.

h) No caso de gastos de consultaría indicados no artigo 5.1.A debe achegarse copia dos documentos obxecto de axuda.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

O beneficiario deberá cubrir na ficha resumen de facturas do formulario electrónico de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os gastos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 14.d): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da acción subvencionada.

O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 7 para a presentación da documentación complementaria á solicitude. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo coa copia electrónica presentada.

6. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña expresamente a que o Igape solicite as certificacións, deberá achegalas xunto co resto da documentación xustificativa.

7. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 16. Aboamento das axudas

O aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

Artigo 17. Perda do dereito á subvención e reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento das accións subvencionadas, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar que se atopa ao día nas súas obrigas fiscais, coa Seguridade social e coa Comunidade Autónoma.

f) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as accións subvencionadas e que, de telas comunicado, superasen os límites de minimis.

g) Non dar publicidade ao financiamento das accións subvencionadas, de acordo co establecido no artigo 14.f) destas bases.

h) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

i) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión da axuda, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

Artigo 18. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 19. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 14, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de catro anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, o Igape publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade. Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Igape.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, o beneficiario da subvención está obrigado a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Artigo 22. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento, todo iso de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladoras a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013); Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014) e Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro).

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

d) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

e) No resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Requisitos de comunicación do financiamento público

Axudas á internacionalización dixital das empresas galegas
(Galicia Exporta Dixital)

Responsabilidade do beneficiario.

Estas axudas están financiadas polo Igape polo que en todas as medidas de comunicación deben incluírse exclusivamente o logo de Igape e Xunta de Galicia e a marca turística de Galicia.

A obriga de dar publicidade ao financiamento polo Igape dos gastos que sexan obxecto de subvención consiste na inclusión da imaxe institucional do Igape e a Xunta de Galicia e a marca turística de Galicia. Esta publicidade deberá divulgarse na páxina web da empresa así como mediante un cartel específico no caso de actuacións de participación en feiras, seguindo as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.es.

Para dar publicidade do financiamento atenderase ao establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (DOG núm. 227, do 19 de novembro).