Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Luns, 27 de xaneiro de 2020 Páx. 4751

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 15 de xaneiro de 2020 pola que se establece o procedemento para a expedición da certificación da formación de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais para o alumnado dos ciclos formativos de formación profesional inicial da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que a formación profesional no sistema educativo contribuirá a que o alumnado adquira as capacidades que lle permitan traballar en condicións de seguridade e saúde, así como previr os posibles riscos derivados do traballo.

A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, recolle como un dos seus obxectivos básicos que as administracións públicas promovan a mellora da educación en materia preventiva nos diferentes niveis de ensino.

O Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención, dispón no seu artigo 35 que a formación mínima prevista para o desenvolvemento de funcións de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais se acreditará mediante certificación de formación específica nesa materia, emitida por un servizo de prevención ou por unha entidade pública ou privada con capacidade para desenvolver actividades formativas específicas nesta materia.

O Real decreto 1147/2011, do 29 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, recolle no seu artigo 23.3 que a formación establecida no módulo profesional de Formación e Orientación Laboral capacita para levar a cabo responsabilidades profesionais equivalentes ás que precisan as actividades de nivel básico de prevención de riscos profesionais, establecidas no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral de formación profesional do Sistema educativo de Galicia, establece no seu artigo 2 as finalidades da formación profesional e indica, no punto 2, que na preparación das persoas cobrará singular importancia a transmisión de actitudes e normas para un desempeño profesional cumpridor coa normativa de seguridade e prevención de riscos laborais. No artigo 3 determínanse os obxectivos das ensinanzas de formación profesional e indícase, no punto 1.e), o obxectivo de traballar en condicións de seguridade e saúde, e previr os posibles riscos derivados do traballo. O artigo 10.1 indica que co fin de promover a formación ao longo da vida, a impartición dos módulos profesionais poderá organizarse en unidades formativas de menor duración. No artigo 12 regúlase o módulo de Formación e Orientación Laboral (FOL), que incluirá formación relacionada coa seguridade e a saúde laboral, a avaliación e a prevención de riscos profesionais. Recóllese tamén que a superación do módulo de FOL acreditará a formación necesaria equivalente ao nivel básico en Prevención de Riscos Laborais, establecida no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro.

No artigo 15 regúlase o módulo profesional de Formación en Centros de Traballo (FCT) con carácter obrigatorio en todos os ciclos formativos e recóllese entre as súas finalidades a de avaliar os aspectos máis salientables da profesionalidade alcanzada polo alumnado no centro educativo, así como acreditar os aspectos requiridos no emprego que non se poidan verificar por exixiren situacións reais de traballo. Con carácter xeral, este módulo deberase cursar logo de alcanzada a avaliación positiva en todos os módulos profesionais realizados no centro educativo, agás o módulo profesional de Proxecto.

Os reais decretos polos que se establecen os títulos de técnico e técnico superior, correspondentes aos estudos de formación profesional do sistema educativo da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e polos que se fixan as súas ensinanzas mínimas, dispoñen na súa disposición adicional terceira que a formación establecida no módulo profesional de Formación e Orientación Laboral capacita para levar a cabo responsabilidades profesionais equivalentes ás que precisan as actividades de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais, establecidas no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, sempre que teña, polo menos, 45 horas lectivas.

No Real decreto 127/2014, do 28 de febreiro, regúlanse aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo, apróbanse catorce títulos profesionais básicos, fíxanse os seus currículos básicos e modifícase o Real decreto 1850/2009, do 4 de decembro, sobre expedición de títulos académicos e profesionais correspondentes ás ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. O devandito real decreto establece na súa disposición adicional segunda que a formación conducente á obtención dos títulos profesionais básicos capacitará para levar a cabo as funcións de nivel básico de prevención recollidas no artigo 35 do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, e na normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais, e determina que as administracións educativas garantirán a inclusión destes contidos e a súa duración en función do perfil profesional do título.

O Decreto 107/2014, do 4 de setembro, polo que se regulan aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do Sistema educativo en Galicia e se establecen vinte e un currículos de títulos profesionais básicos, recolle no seu artigo 9.3 que a consellería con competencias en materia de educación garantirá, con anterioridade ao comezo do módulo de Formación en Centros de Traballo, que os alumnos e as alumnas adquiran as competencias e os contidos relativos aos riscos específicos e ás medidas de prevención nas actividades profesionais correspondentes ao perfil profesional de cada título profesional básico, segundo se requira na normativa en materia de prevención de riscos laborais.

O artigo 27.8 establece que a formación conducente á obtención dos títulos profesionais básicos capacitará para levar a cabo as funcións de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais, recollidas no artigo 35 do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, e na normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais.

A Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial organiza as ensinanzas nas súas modalidades presenciais e regula a avaliación das ensinanzas, así como a titulación, a certificación e a acreditación por parte do alumnado.

Na Orde do 5 de novembro de 2010 pola que se establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial, regúlase a organización nos réximes non presenciais.

A Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o módulo profesional de Formación en Centros de Traballo da formación profesional inicial, para o alumnado matriculado en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que, con carácter xeral, o acceso a este módulo se producirá cando o alumnado teña unha avaliación positiva en todos os módulos profesionais do ciclo formativo realizados no centro educativo, e realizarase ao final de cada ciclo formativo.

A Orde do 13 de xullo de 2015 pola que se regulan as ensinanzas de formación profesional básica na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o acceso e a admisión nestas ensinanzas, dedica o artigo 9 á unidade formativa de Seguridade e saúde laboral, e indica que os resultados de aprendizaxe e os contidos relativos aos riscos específicos e ás medidas de prevención nas actividades profesionais correspondentes ao perfil profesional de cada título profesional básico, que o alumnado deberá adquirir con anterioridade ao comezo da actividade no centro de traballo, serán os da unidade formativa de Seguridade e saúde laboral. A dirección do centro educativo, en función da dispoñibilidade de recursos, determinará en que módulo profesional se imparte esta unidade formativa, que será certificable pero non avaliable.

No convenio asinado, con data do 11 de setembro de 2012, entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Laboral de la Construción para o recoñecemento da formación preventiva impartida nos centros públicos dependentes desta consellería, para os efectos da expedición da tarxeta profesional da construción, o organismo paritario encargado da creación dun marco de relacións laborais no sector da construción admite como válida a formación impartida polos centros educativos autorizados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, e recollida no VI Convenio colectivo xeral do sector da construción, rexistrado e publicado pola Resolución do Ministerio de Emprego e Seguridade Social do 21 de setembro de 2017.

Considérase necesario publicar unha orde que estableza o procedemento para a certificación da formación de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais para o alumnado dos ciclos formativos de formación profesional inicial que, respectando as disposicións normativas, permita aos centros educativos certificar formación específica relativa á prevención de riscos profesionais incluída nos currículos e incorporada nas programacións didácticas dos ciclos formativos de formación profesional inicial implantados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por iso, en virtude do Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que lle atribúe a este departamento as competencias e as funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades, co obxecto de adecuar as ensinanzas dos ciclos formativos de formación profesional inicial ás necesidades específicas que demandan as empresas, e de acordo coas competencias que ten conferidas a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer o procedemento para expedir a certificación da formación para desenvolver as funcións de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais ao alumnado que curse un ciclo formativo de formación profesional en Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde será de aplicación en todos os centros docentes de titularidade pública e privada que impartan ciclos formativos de formación profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Destinatarios

Poderáselles expedir unha certificación específica da formación recibida no ámbito da prevención de riscos profesionais aos/ás alumnos/as matriculados/as nun ciclo de formación profesional inicial establecido ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, que cumpran algún dos requisitos recollidos no artigo seguinte.

Artigo 4. Requisitos para a certificación da formación en Prevención de Riscos Laborais

1. Para obter unha certificación da formación de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais o alumnado deberá reunir, ademais de estar matriculado nun centro educativo dos recollidos no artigo 2 desta orde, algún dos seguintes requisitos:

a) Estudar un ciclo formativo de formación profesional básica e ter cursada e superada a unidade formativa de Prevención de Riscos Laborais, consonte o currículo establecido para a Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Estudar un ciclo formativo de grao medio ou de grao superior, e ter cursado e superado o módulo profesional de Formación e Orientación Laboral, consonte o currículo establecido para a Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Estudar un ciclo formativo de grao medio ou de grao superior, e ter cursada e superada a totalidade dos módulos profesionais incluídos no currículo establecido para a Comunidade Autónoma de Galicia, excepto, de ser ocaso, o módulo profesional de Proxecto, e cumprir os requisitos previstos na normativa aplicable para acceder ao módulo de Formación en Centros de Traballo.

Artigo 5. Modalidades de certificación

1. Aos/ás alumnos/as que cumpran os requisitos a que se refire o punto 1.a) do artigo anterior expediráselles un certificado de formación de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais de trinta horas de duración (30 horas).

2. Aos/ás alumnos/as que cumpran os requisitos a que se refire o punto 1.b) do artigo anterior expediráselles un certificado de formación de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais de corenta e cinco horas de duración (45 horas).

3. Aos/ás alumnos/as que cumpran os requisitos a que se refire o punto 1.c) do artigo anterior expediráselles un certificado de formación de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais de sesenta horas de duración (60 horas).

Así mesmo, a este alumnado poderánselle expedir outras certificacións que acrediten a recepción de formación específica no ámbito da prevención de riscos laborais acorde coa exixible en convenios colectivos, capacitacións profesionais ou profesións reguladas. Para que se emita a certificación desta formación deberá ter sido programada e impartida no centro educativo e ser superada polo alumnado. Tamén serán emitidas certificacións desta natureza naqueles casos en que os convenios colectivos ou as normas sectoriais o recoñezan ou cando os currículos das ensinanzas así o determinen.

Artigo 6. Modelos de certificación

O certificado expedirase consonte o establecido no anexo IV do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención, e demais normativa que resulte de aplicación. A Administración educativa poderá facilitar a súa emisión a través das aplicacións informáticas de xestión académica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, segundo corresponda de acordo cos requisitos e as modalidades de formación previstos nos artigos 4 e 5 desta orde, e coa especificación no reverso dos contidos mínimos da formación recibida e a súa duración.

Artigo 7. Procedemento para a emisión dos certificados

1. Os certificados da formación serán expedidos polos titulares da dirección dos centros docentes onde o alumnado estivese matriculado. Nos centros de titularidade privada serán emitidos polos/as directores/as dos centros públicos de adscrición.

2. As certificacións serán expedidas tendo en conta as seguintes consideracións:

a) De oficio, antes do inicio do módulo profesional de Formación en Centros de Traballo, para os/as alumnos/as que cumpran os requisitos legais e estean propostos/as para o acceso ao módulo de FCT.

b) Por iniciativa da persoa interesada, no caso das modalidades recollidas nos puntos 1 e 2 do artigo 5 desta orde, e sempre que o/a alumno/a non continúe os seus estudos no centro.

O documento seralle entregado ao/á alumno/a e gardarase unha copia del no seu expediente académico, na cal deberá constar a data de entrega.

Artigo 8. Efectos profesionais

As certificacións emitidas consonte esta orde facultarán as persoas interesadas para o exercicio das funcións establecidas na normativa que resulte de aplicación en materia de prevención de riscos laborais e, máis concretamente, no artigo 35 do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, sempre que se cumpra o resto dos requisitos establecidos nese regulamento.

Disposición adicional primeira. Aplicación ao alumnado con titulacións obtidas con anterioridade

Os centros educativos expediranlles os certificados de formación de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais, de acordo coa modalidade prevista no artigo 5.3 desta orde, aos/ás solicitantes que obtivesen antes da entrada en vigor desta orde a titulación de técnico ou técnico superior de formación profesional, por superar ciclos formativos de grao medio ou grao superior establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.

Por iniciativa das persoas interesadas, o centro educativo emitirá a certificación segundo o procedemento de expedición previsto no artigo 7.b) da presente orde.

Disposición adicional segunda. Formación profesional dual

Os alumnos e as alumnas participantes en proxectos experimentais de formación profesional dual autorizados pola dirección xeral competente en materia de formación profesional poderán recibir a certificación da formación para desenvolver as funcións de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais a que se refire o artigo 5 desta orde, sempre que a correspondente formación estivese incluída no programa formativo aprobado para o desenvolvemento deses proxectos experimentais e recibisen integramente a devandita formación. Nestes casos, a emisión dos certificados e a súa entrega poderá anticiparse, para que o alumnado dea cumprimento ás súas obrigas en materia de prevención de riscos laborais.

Disposición adicional terceira. Certificación de formación de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais para a validación do módulo profesional de Formación e Orientación Laboral

O alumnado que solicite a validación do módulo profesional de Formación e Orientación Laboral de titulacións establecidas ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a partir da formación contida no módulo profesional de Formación e Orientación Laboral correspondente aos títulos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, deberá achegar unha certificación de formación en materia de prevención de riscos laborais de nivel básico, emitida segundo o programa establecido no anexo IV do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención.

Disposición derradeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de formación profesional para adoptar as medidas e ditar as instrucións precisas para a aplicación do establecido nesta orde.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional