Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Martes, 28 de xaneiro de 2020 Páx. 5093

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2020 (código de procedemento TR351G).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, do Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Economía, Emprego e Industria asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, á Consellería de Economía, Emprego e Industria, para o exercicio orzamentario 2020 a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego, do Programa nacional de reformas, do respectivo plan anual de política de emprego (PAPE), e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

As recomendacións da UE en materia de emprego diríxense a que os Estados membros deben descentralizar a xestión das políticas de emprego, de forma que estas se acheguen e adecúen ás necesidades concretas de cada territorio e á realidade do mercado de traballo local co fin de acadar unha estratexia de acción común. Estas directrices poñen especial fincapé na importancia da creación de postos de traballo no ámbito local desde a perspectiva de que existen novos viveiros de emprego susceptibles de xerar novos postos de traballo, e no ámbito local é onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

Así, estes programas tratan de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde a dobre perspectiva de servir de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen neles, e de dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural.

Con esta finalidade impleméntase a presente convocatoria de subvencións como instrumento a través do cal se ofrece aos demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral mínima que poida permitir a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.

O obxectivo fundamental desta medida é facilitar a mellora da empregabilidade da poboación desempregada a través da adquisición de experiencia profesional naquelas áreas rurais e con menos oportunidades laborais que perden veciños ano tras ano. A Axenda 20 para o emprego contén entre as medidas en materia de emprego de calidade, as dirixidas á contratación de determinados colectivos a través do programa Aprol, entre eles, no medio rural co programa Aprol rural. Por esa razón, incentívase a contratación por parte dos concellos rurais. Considérase concello rural aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo. Realízase unha adxudicación en réxime de concorrencia non competitiva, garantindo un mínimo de catro contratos para os concellos fusionados que se adhiran ao protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa Concellos Doing Business Galicia-Concellos Emprendedores, asinado con data do 10 de outubro de 2017, tres contratos aos concellos fusionados, dous contratos aos concellos que se adhiran ao protocolo xeral de actuación Concellos Doing Business Galicia-Concellos Emprendedores e un contrato ao resto dos concellos rurais. Os restantes contratos adxudícanse de xeito automático na mesma proporción e, tendo en conta a fusión de concellos, a condición de Concellos Doing Business-Concellos Emprendedores e, por último, ao resto de concellos rurais. Terase en conta en todos os casos a súa superficie forestal en orde de maior a menor segundo os datos do Cuarto Inventario Forestal Nacional (IFN4). Procúrase cumprir o obxectivo social e de interese público de mellorar a empregabilidade de todas as persoas traballadoras nos concellos do rural, contribuíndo con iso ao obxectivo de fixar poboación fomentando a implantación e fixación de empresas en Galicia.

Mantense o uso e a aplicación, de maneira exclusiva, de medios telemáticos para tramitar e presentar a solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, creada polo Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que establece o marco de desenvolvemento da administración electrónica na Administración pública galega, como canal principal de relación da cidadanía coa Administración e co obxectivo de avanzar na mellora da calidade e da eficacia dos servizos ofrecidos.

Primarase aqueles concellos que coordinen as súas solicitudes e compartan ou mancomunen obras ou servizos, dando cumprimento así ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013 polo que se aproban os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, polo que queda a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

As subvencións contidas nesta orde financiaranse con cargo ao crédito na aplicación orzamentaria 09.40.322C.460.5 (código do proxecto 2016 00377) por un importe global de 7.000.000 de euros, contida no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 17 de outubro de 2019.

Non obstante, estes créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Emprego e de Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias, logo dos informes favorables da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no que resulte de aplicación, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia non competitiva das axudas e subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais rurais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes, a xestión da biomasa (código do procedemento TR351G), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento destes programas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos créditos consignados na aplicación 09.40.322C.460.5 (código do proxecto 2016 00377) do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 17 de outubro de 2019, polo importe global de 7.000.000 de euros.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

De acordo co disposto no artigo 25.2 do Decreto 11/2009, do 11 de febreiro de 2009, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a concesión de subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito para o ano 2020 adecuado e suficiente no momento da resolución.

2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e de Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A concesión das axudas e subvencións reguladas por esta orde estará supeditada á existencia de crédito na aplicación orzamentaria 09.40.322C.460.5.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos rurais sempre que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos. Considérase concello rural aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

2. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Requisitos das obras ou servizos

As obras ou os servizos que se desenvolverán mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes, a xestión da biomasa e cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas a que se encomende a súa execución.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e prácticas profesionais das persoas desempregadas.

c) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.

d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa de 9 meses.

e) Que as contratacións sexan para xornada a tempo completo.

Artigo 5. Subvención: contía

1. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos:

Para o grupo de cotización 1: 20.250 €.

Para o grupo de cotización 2: 16.500 €.

Para o grupo de cotización 3: 15.000 €.

Para o grupo de cotización 4: 14.250 €.

Para o grupo de cotización 5: 13.500 €.

Para os grupos de cotización comprendidos entre o 6 e o 10: 13.150 €.

Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente, de acordo co número 2.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

2. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

3. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia:

https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados por quen represente legalmente a entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

2. As entidades solicitantes deberán presentar unha única solicitude.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

5. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Xunto co formulario de solicitude, anexo I, deberá anexarse a seguinte documentación:

a) Unha memoria da obra ou servizo que se vai realizar co detalle do perfil das persoas desempregadas que se pretenden contratar, no modelo que se publica como anexo II. A relación de traballadores, por orde de preferencia, debidamente formalizada por grupo de cotización, é a que se terá en conta para os efectos da adxudicación sucesiva dos contratos.

b) Certificación do secretario ou secretaria da entidade local en que consten os seguintes aspectos:

– A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude para o caso de que non se trate de quen teña a representación legal.

– A aprobación da solicitude de subvención.

– A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.

– As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación, xuntando as táboas salariais vixentes no momento da solicitude.

c) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: copia do convenio de colaboración, se é o caso, e memoria explicativa da prestación conxunta da obra ou servizo con indicación das achegas de organización, medios persoais e materiais ou recursos financeiros dos concellos agrupados, de acordo co número 1 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

d) Certificado conxunto da Fegamp e da Xunta de Galicia, expedido con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, no que se acredite a proposta de habilitación do concello como «Concello Emprendedor-Concello Doing Business» ou diploma no que se acredita como «Concello Emprendedor-Concello Doing Business».

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

c) Que a entidade local cumpriu coa súa obriga de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de concellos cada concello deberá cumprir coa citada remisión.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.

b) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente, habilitado no formulario de inicio, e achegar os ditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Procedemento

1. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Emprego e Economía Social da respectiva xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

3. Revisados os expedientes e completados, de entre as obras e servizos que cumpran os citados requisitos farase unha selección co obxecto de outorgarlles as correspondentes subvencións, seguindo as seguintes regras:

a) Terase en conta para os efectos da asignación de contratos a relación que figure, por orde de preferencia, nos anexos I e II da solicitude.

b) Recibirán subvención para catro contratacións os concellos fusionados que tamén sexan Concellos Doing Business-Concellos Emprendedores mediante a adhesión ao protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa Concellos Doing Business Galicia, asinado con data do 10 de outubro de 2017.

c) Recibirán subvención para tres contratacións os concellos fusionados

d) Recibirán subvención para dúas contratacións todos os concellos solicitantes que teñan a condición de Concellos Doing Business-Concellos Emprendedores.

e) Recibirán un contrato os concellos rurais que non se encadren en ningunha das alíneas anteriores.

Terminada a asignación dos contratos referenciada nas alíneas b), c), d) e e),os contratos adxudicarase sucesivamente ata a finalización do crédito na mesma proporción e na mesma orde que a indicada anteriormente. Terase en conta en todos os casos a súa superficie forestal en orde de maior a menor segundo os datos do Cuarto Inventario Forestal Nacional (IFN4).

Artigo 13. Resolución

1. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución á persoa responsable da respectiva xefatura territorial, quen resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo de resolución e notificación será de tres meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, a denominación do proxecto aprobado, a data límite de inicio, o tempo de realización do servizo, a contía da subvención que se vai outorgar e incorporará, de ser o caso, as condicións, as obrigas e as determinacións accesorias a que deba estar suxeita a entidade beneficiaria.

Entenderase como data límite de inicio do servizo a data tope, é dicir, o último día hábil para contratar as persoas traballadoras concedidas.

4. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa. Contra estas resolucións poderá interporse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ou ben recurso contencioso-administrativo ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, a teor do disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. Os incrementos de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, destinarase á concesión de subvencións, se é o caso, daquelas obras e servizos que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención.

6. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, da contía e da finalidade no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e das traballadoras

1. Os traballadores e as traballadoras que se contraten para a realización das obras e servizos e polos/as que se outorgue a subvención deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e estar dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

Será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que no momento do inicio da relación laboral a persoa seleccionada estea inscrita na oficina de emprego como demandante non ocupada dispoñible para o emprego.

2. Os traballadores e as traballadoras que foran contratados, por un período igual ou superior a nove meses con cargo ás axudas concedidas no ano 2019 pola Consellería de Economía, Emprego e Industria no ámbito de colaboración coas entidades locais e coas entidades sen ánimo de lucro, en materia de políticas activas de emprego, para a contratación de persoas traballadoras desempregadas, non poderán ser contratados con cargo ás axudas previstas nesta orde, salvo en concellos rurais de menos de 2000 habitantes (Padrón municipal de habitantes 2018. IGE).

3. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores e as traballadoras que necesiten mediante a presentación de oferta de emprego na oficina pública de emprego, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia aos requisitos e características que deben reunir os traballadores e as traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados, debendo presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación, que deberá responder á codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións (CNO), de conformidade cos seguintes principios xerais:

a) A oferta, na súa formulación, non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda aos criterios preferenciais establecidos no número 5 ou se traten de favorecer os colectivos enumerados neste.

b) En ningún caso poderá incluírse nin admitirse como criterio de emparellamento a posesión de experiencia laboral.

c) Poderán admitirse como criterios de emparellamento os relativos á titulación, formación e outro tipo de coñecementos, sempre que estean xustificados no expediente de solicitude e sexan coherentes coa resolución de concesión.

d) As entidades locais deberán presentar as ofertas cunha antelación mínima de 15 días hábiles na data prevista para realizar as correspondentes contratacións na oficina pública de emprego que corresponda ao enderezo do centro de traballo do posto ofertado.

4. Recibida a oferta, realizarase unha sondaxe de demandantes en función das características dela atendendo á maior adecuación ao posto de traballo ofertado, proporcionando, de ser posible, o número de persoas candidatas por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que en ningún caso poderá ser inferior a dous nin superior a dez. A remisión de novas persoas candidatas só procederá cando a entidade xustifique documentalmente a súa necesidade por incumprimento dos requisitos da oferta ou por rexeitamento voluntario ou incomparecencia dos remitidos.

5. Terán preferencia, en todo caso, os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral e, se é o caso, aqueles que teñan previsto a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción profesional, tales como:

a) Mulleres, en especial aquelas que acrediten a condición de vítimas de violencia de xénero.

b) Menores de 30 anos, en especial as persoas demandantes do primeiro emprego ou aquelas sen cualificación profesional.

c) Persoas paradas de longa duración.

d) Persoas con discapacidade.

e) Persoas desempregadas que esgotasen as prestacións e subsidios por desemprego a que tivesen dereito.

f) Persoas desempregadas maiores de 45 anos.

g) Integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, especialmente persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia.

Así mesmo, terase en conta o menor nivel de protección por desemprego das posibles persoas beneficiarias, así como a existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo da persoa traballadora desempregada que se contrate o/a cónxuxe, parella de feito, fillos e fillas menores de vinte e seis anos ou maiores con discapacidade, persoas maiores incapacitadas ou menores en acollemento.

6. Excepcionalmente, logo de solicitude debidamente xustificada por parte da entidade solicitante e logo de autorización expresa da persoa responsable da respectiva xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal cando se trate de seleccionar integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, condición que se acreditará mediante as correspondentes certificacións ou informes elaborados polos traballadores ou traballadoras sociais, se é o caso. As persoas seleccionadas polo procedemento descrito neste número deberán, en todo caso, cumprir os requisitos establecidos polos números 1 e 2 deste artigo.

7. As persoas candidatas serán remitidas á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que lle deberá ser notificada, para o seu coñecemento, á correspondente oficina de emprego.

Artigo 15. Contratación dos traballadores e das traballadoras

1. Efectuada a selección dos traballadores e das traballadoras na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, tendo en conta que, en todo caso, os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución concedente da subvención e, en todo caso, dentro do exercicio 2020.

2. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a persoa responsable da respectiva xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá autorizar o inicio da obra ou servizo con posterioridade ao dito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

3. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

4. Os contratos de traballo subscritos coas persoas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, necesariamente a través do aplicativo CONTRAT@,

5. Para a comunicación dos contratos de traballo á correspondente oficina de emprego a través da aplicación informática CONTRAT@ deberán terse en conta os seguintes requisitos:

a) Que as persoas contratadas cumpran, no momento da contratación, os requisitos para seren beneficiarias destes programas.

b) Que se utilizase o modelo de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

6. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, poderán dar lugar a perda do dereito ao cobramento e reintegro de conformidade co artigo 21.

Artigo 16. Contratación anticipada

1. Unha vez presentada a correspondente solicitude, cada entidade local, para poder iniciar aqueles proxectos de urxente posta en marcha, poderá contratar anticipadamente aquelas persoas traballadoras desempregadas que lle sexan autorizadas pola respectiva xefatura territorial.

2. Para poder acollerse a esta modalidade de contratación anticipada os concellos, logo de indicalo expresamente no expediente de solicitude, deberán esperar a recibir a autorización expresa para a contratación por parte da respectiva xefatura territorial indicando, cando proceda, a obra ou servizo en que desenvolverán o seu traballo as persoas contratadas baixo esta modalidade.

3. O proceso de selección e contratación das persoas desempregadas baixo esta modalidade deberá respectar, en todo caso, o establecido nos artigos 14 e 15, e as oficinas de emprego deberán tramitar as correspondentes ofertas á vista da autorización sinalada no parágrafo anterior.

4. A xustificación das contratacións realizadas con anterioridade a que se diten as correspondentes resolucións admitirase sempre e cando se cumpran as normas contidas neste artigo.

Artigo 17. Substitución de traballadores e traballadoras

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada.

2. No suposto de baixas temporais que se prevexa que sexan de duración superior a 30 días, a substitución só será posible logo da autorización expresa da xefatura territorial correspondente á solicitude fundamentada da entidade contratante.

3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos na orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas, e deberá ser notificada á xefatura territorial, indicando a causa da baixa, nun prazo máximo de 15 días desde a correspondente contratación. Na notificación a entidade beneficiaria deberá achegar os seguintes documentos:

a) Copia do parte de baixa na Seguridade Social da persoa substituída.

b) Copia do parte de alta na Seguridade Social e copia do contrato de traballo na modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social da persoa substituta.

c) Copia do certificado de selección da persoa substituta, no modelo publicado na web institucional da Xunta de Galicia, agás que se trate dunha candidata que quedase en lista de espera na primeira selección e continúe en desemprego no momento de formalizar a contratación.

d) Copia do certificado do documento de información da subvención, en que conste o xustificante de recepción da persoa traballadora.

4. Tanto no caso de extinción, como de substitución por suspensión do contrato, a selección da persoa substituta deberá levarse a cabo logo da solicitude á correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, salvo que se trate de persoas candidatas remitidas por este na oferta inicial e cumpran a condición de demandante de emprego inscrita e desempregada no momento da súa contratación.

5. De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo fose inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, procederase á redución ou reintegro da subvención concedida polo importe correspondente. En ningún caso se poderá producir un incremento da subvención concedida e a entidade beneficiaria deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións comporten.

Artigo 18. Xustificación e pagamento

O pagamento da subvención para a contratación de persoas traballadoras desempregadas farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación, na data límite establecida na resolución de concesión, e, en todo caso, antes do 30 de octubre de 2020:

a) Copias dos contratos de traballo, na modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego.

b) Copias dos partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC).

c) Un certificado do/a secretario/a ou órgano competente da entidade local beneficiaria, no cal conste:

• A formulación da correspondente oferta de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, especificando o número identificador desta e a relación nominal das persoas traballadoras desempregadas facilitadas por aquel, así como as persoas candidatas finalmente seleccionadas e contratadas.

• As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

d) Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes e de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, no modelo que se publica como anexo III.

e) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 20.1.a).

f) Copias dos documentos de información ás persoas traballadoras da subvención debidamente asinados.

Os certificados, declaracións, documentos e carteis informativos sinalados neste parágrafo deberán realizarse segundo os respectivos modelos que se publican na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego

Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Aboarlles ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa cualificación profesional e titulación.

d) Deberán, tamén, proporcionarlles a estas a roupa de traballo e os equipamentos de protección individual e asegurar que se realizará o seu mantemento.

e) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer con carácter mensual e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

f) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.

g) Comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria, nun prazo de 5 días desde que se produzan, aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as persoas contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

h) Comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

i) Realizar, cando proceda, e por requirimento dos órganos competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria, unha valoración do nivel de competencia profesional, así como un informe global no cal se describan tanto os puntos fortes como as carencias das persoas mozas demandantes de emprego sen titulación que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas regulados nesta orde.

Artigo 20. Seguimento

1. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos mediante as subvencións reguladas nesta orde, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) No lugar onde se realicen os servizos deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, no modelo normalizado establecido e publicado pola Secretaría Xeral de Emprego na web institucional da Xunta de Galicia no enlace: http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego no cal constará o cofinanciamento polos servizos públicos de emprego.

b) Utilizar os documentos de información ás persoas traballadoras da subvención no modelo normalizado na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón: http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego

2. Sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e na presente norma, as entidades beneficiarias das axudas deberán:

a) Manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Presentar ante a respectiva xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo de dous meses, unha vez que finalizase a execución do servizo, a seguinte documentación:

• Unha memoria final sobre as actividades realizadas e a práctica profesional adquirida polas persoas traballadoras contratadas.

• Copia do extracto bancario xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida.

• Un certificado de fin de servizo segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia.

• Copias das nóminas aboadas aos traballadores e traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e relación nominal de traballadores, ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios correspondentes ao seu pagamento (transferencias bancarias, imprescindible no caso das nóminas) e mais o resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF) e xustificantes do seu pagamento (modelo 111), unha vez que se dispoña destes.

• Documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada a que se refire o punto 2.a) deste artigo.

d) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base nunha mostraxe estatística e/ou segundo criterios baseados no risco, realice o persoal técnico da respectiva xefatura territorial.

Artigo 21. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe que haberá que reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas co motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade, ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 18: procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.

d) Incumprimento de proporcionar a roupa de traballo e os equipamentos de protección individual exixida no artigo 19.d): procederá o reintegro do 100 % da subvención.

e) Incumprimento da obriga de manter unha planificación permanentemente actualizada de conformidade co artigo 19.f): procederá o reintegro do 10 % da subvención.

f) Incumprimento da obriga de presentación da documentación exixida no artigo 20.2.c): no caso de que non se presente ningunha documentación, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e, no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que haberá que reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.

g) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia do cobramento da subvención e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial mensualmente: cando o importe salarial aboado fóra de prazo sexa inferior ao 50 % do gasto subvencionado, o importe que haberá que reintegrar será equivalente ao importe aboado fóra do prazo establecido, e no suposto de que o importe salarial aboado fóra de prazo sexa igual ou superior ao 50 %, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

h) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 20.1: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

i) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou dunha codificación contable adecuada establecida no artigo 20.2.a): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

j) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente establecida no artigo 20.2.b): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa responsable da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos e nas persoas responsables das xefaturas territoriais, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Secretaría Xeral de Emprego, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, de conformidade co réxime disposto na disposición adicional primeira do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional segunda

Mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego poderanse establecer os criterios necesarios para que, a través desta orde, en canto aos colectivos prioritarios, se poidan cumprir os obxectivos establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego e as que poidan emanar do diálogo social e institucional en Galicia e a demais normativa e acordos que, se é o caso, resulten de aplicación.

Disposición adicional terceira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Economía, Emprego e Industria coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás Administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

A fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa responsable da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file