Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Martes, 28 de xaneiro de 2020 Páx. 5215

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR553C).

A detección das enfermidades animais incluídas nos programas oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación pode derivar no sacrificio obrigatorio e destrución dos animais, seguido dunha hixienización das instalacións da explotación, de acordo coa normativa en vigor.

O Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais, establece no seu artigo 2 as enfermidades que estarán sometidas a control oficial en programas nacionais de erradicación, no seu artigo 15 indícase que todos os animais que resulten positivos ás enfermidades en cuestión deberán ser sacrificados e no artigo 17 sinálase que os/as gandeiros/as que como resultado das actuacións levadas a cabo tiveran que sacrificar os seus animais, terán dereito a percibir unha indemnización de acordo co baremo establecido para o efecto e que se atope en vigor no momento do sacrificio.

O Real decreto 1228/2001, do 8 de novembro, polo que se establecen medidas específicas de loita e erradicación da febre catarral ovina ou lingua azul, sinala que cando se confirme oficialmente a presenza desta enfermidade, ordenarase o sacrificio inmediato dos animais que se considere necesario para evitar a extensión da epidemia.

O Real decreto 3454/2000, do 22 de decembro, polo que se establece e regula o Programa integral coordinado de vixilancia e control das encefalopatías esponxiformes transmisibles dos animais, sinala os animais que deben ser sacrificados nos casos de sospeita ou confirmación destas enfermidades, e no seu artigo 9 establece que o dito sacrificio dará dereito a unha indemnización de acordo cos baremos oficialmente establecidos.

O Real decreto 650/1994, do 15 de abril, polo que se establecen medidas xerais de loita contra determinadas enfermidades dos animais e medidas específicas contra a enfermidade vesicular porcina, sinala as medidas que se tomarán ante a aparición de varias enfermidades de declaración obrigatoria que afectan diversas especies, nas cales se prevé, no caso de confirmarse a enfermidade, o sacrificio obrigatorio da totalidade dos animais sensibles das explotacións afectadas.

O Real decreto 1071/2002, do 18 de outubro, polo que se establecen as medidas mínimas de loita contra a peste porcina clásica, e o Real decreto 546/2003, do 9 de maio, polo que se establecen disposicións específicas de loita fronte á peste porcina africana, indican as medidas que se tomarán ante a aparición destas enfermidades porcinas. No caso de confirmación da enfermidade, estas normativas establecen o sacrificio obrigatorio dos animais das explotacións afectadas e sinálase expresamente nos dous casos que este sacrificio dará lugar á correspondente indemnización, de acordo cos baremos previstos na normativa vixente.

A Unión Europea elaborou unha normativa específica en materia de control de salmonela, constituída polo Regulamento (CE) nº 2160/2003 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de novembro, sobre o control da salmonela e outros axentes zoonóticos específicos transmitidos polos alimentos. O artigo 5 do dito regulamento dispón que os Estados membros establecerán programas nacionais de control para cada unha das zoonoses e dos axentes zoonósicos enumerados no anexo I para alcanzar os obxectivos comunitarios de redución da prevalencia das zoonoses e dos axentes zoonósicos indicados no seu artigo 4. Dentro deste marco, o Estado español elabora anual ou plurianualmente o Programa nacional para o control de salmonela en mandas de aves reprodutoras da especie Gallus gallus o Programa nacional para o control de salmonela en mandas de galiñas poñedoras da especie Gallus gallus e o Programa nacional para o control de salmonela en pavos, que son aprobados mediante decisións comunitarias. Entre as medidas previstas nestes programas figura o sacrificio obrigatorio das aves das mandas consideradas infectadas.

O Real decreto 445/2007, do 3 de abril, polo que se establecen as medidas de loita contra a influenza aviaria, incorpora ao dereito español a Directiva 2005/94/CE, do Consello, relativa a medidas comunitarias de loita contra a influenza aviaria; este real decreto establece que o sacrificio obrigatorio das aves dará dereito ao seu titular á correspondente indemnización.

O Real decreto 1988/1993, do 12 de novembro, polo que se establecen medidas para a loita contra a enfermidade de Newcastle, establece que cando se confirme oficialmente a enfermidade nas aves de curral, a autoridade competente ordenará o seu sacrificio in situ e a súa destrución.

O artigo 21 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, no que se refire á loita, control e erradicación das enfermidades dos animais, establece que o sacrificio obrigatorio destes ou, se é o caso, a destrución dos medios de produción que se consideren contaminados, dará lugar á correspondente indemnización, en función dos baremos aprobados oficialmente. Igualmente, establece que serán indemnizables os animais que morran por causa directa tras ser sometidos a tratamentos ou manipulacións preventivos ou con fins de diagnóstico, ou, en xeral, os que morresen no contexto das medidas de prevención ou loita contra unha enfermidade como consecuencia da execución de actuacións impostas pola autoridade competente.

Os baremos oficiais de indemnizacións que deben ser aplicados son os que están vixentes e publicados no Boletín Oficial del Estado mediante ordes e reais decretos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Así, temos o Real decreto 389/2011, do 18 de marzo, polo que se establecen os baremos de indemnización polo sacrificio de animais no marco dos programas nacionais de loita, control ou erradicación da tuberculose bovina, brucelose bovina, brucelose ovina e cabrúa, lingua azul e encefalopatías esponxiformes transmisibles; o Real decreto 823/2010, do 25 de xuño, polo que se establecen os baremos de indemnización polo sacrificio obrigatorio dos animais obxecto dos programas nacionais de control de salmonela en mandas de aves reprodutoras e poñedoras do xénero Gallus gallus e de mandas de pavos reprodutores; o Real decreto 1071/2002, do 18 de outubro, polo que se establecen as medidas mínimas de loita contra a peste porcina clásica; a Orde do 30 de decembro de 1987, pola que se actualizan os baremos de indemnización por sacrificio de animais afectados de peste porcina africana e peste porcina clásica, pertencentes a razas precoces e os seus cruzamentos, para animais destas razas; a Orde do 30 de decembro de 1987 pola que se actualizan os baremos de indemnización por sacrificio de animais afectados de peste porcina africana e peste porcina clásica, correspondentes a animais pertencentes ao tronco ibérico e os seus cruzamentos, e a Orde do 12 de maio de 1994 pola que se actualizan os baremos de indemnización de sacrificio de animais afectados de peste porcina africana e peste porcina clásica correspondentes aos porcinos pertencentes ao tronco ibérico e os seus cruzamentos, neste outro tipo de razas.

Pero para os casos en que, por cuestións sanitarias, a autoridade competente considere imprescindible decretar o sacrificio obrigatorio de animais afectados por enfermidades sometidas a programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación, para as cales non exista baremo, ou por enfermidades non sometidas a programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación e que tampouco teñan baremo establecido, procede fixar a contía dos baremos de indemnización.

En virtude do exposto, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e convocalas para o ano 2020.

2. Esta orde regulará o procedemento de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, que se atopa recollido na sede electrónica da Xunta de Galicia co código de procedemento MR553C.

Artigo 2. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán optar ás indemnizacións previstas no artigo 1 as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares:

a) De animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes.

b) De animais e os seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e/ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

c) De aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de salmonela.

d) De aves sacrificadas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria ou de enfermidade de Newcastle.

e) De porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana.

f) De animais que se sacrifiquen/morran por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas sanitarios oficiais.

g) De animais que morreran como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.

h) Os demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e na normativa estatal e da Unión Europea de desenvolvemento dos programas e das actuacións sanitarias de vixilancia, loita, control e erradicación de cada enfermidade.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das indemnizacións reguladas nesta orde as persoas ou entidades que se atopen en calquera das circunstancias sinaladas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, puntos 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, será de obrigado cumprimento a apreciación recollida no artigo 14 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Requisitos

1. Para os efectos de ter dereito ás indemnizacións reguladas nesta orde, as persoas titulares implicadas e as explotacións gandeiras afectadas:

a) Cumprirán e seranlles de aplicación os contidos da normativa en vigor, citada a continuación, que afecten directamente o correcto desenvolvemento dos programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais: sobre sanidade animal, identificación animal, movemento pecuario, benestar e alimentación animal, e a propia dos programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais.

b) Terán a obriga de cumprir o contido do artigo 17 do Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais, e, polo tanto, non se atoparán incursas en ningunha das circunstancias causantes da perda do dereito á indemnización previstas no artigo 17.2 do citado Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro.

c) As explotacións afectadas estarán correctamente rexistradas na Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto, figurarán inscritas e con todos os seus datos actualizados no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega), establecido polo Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, e no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), regulado no Decreto 200/2012, do 4 de outubro, da Consellería do Medio Rural.

d) Será efectivo o sacrificio obrigatorio de todos os animais incluídos nas resolucións de sacrificio ou/e de baleiro sanitario que foran emitidas pola autoridade competente.

2. Os servizos provinciais de gandaría da Consellería do Medio Rural, como órganos competentes para a tramitación do procedemento de concesión da indemnización, comprobarán o cumprimento dos requisitos descritos no número 1 anterior.

Artigo 4. Contía das indemnizacións

1. As contías das indemnizacións serán as que estean en vigor en cada momento, segundo os baremos ou prezos oficiais aprobados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e publicados no Boletín Oficial del Estado mediante reais decretos ou ordes ministeriais.

2. No caso de indemnización por sacrificio decretado pola aparición dun foco de influenza aviaria ou de enfermidade de Newcastle, a contía da indemnización será a fixada nos baremos establecidos no Real decreto 823/2010, do 25 de xuño, polo que se establecen os baremos de indemnización polo sacrificio obrigatorio dos animais obxecto dos programas nacionais de control de salmonela en mandas de aves reprodutoras e poñedoras do xénero Gallus gallus, e de mandas de pavos reprodutores, e mais no anexo II desta orde.

3. Para os casos en que, por cuestións sanitarias, a autoridade competente considere necesario decretar o sacrificio obrigatorio de animais das especies bovina, ovina e cabrúa, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación, e para as que non haxa un baremo xa aprobado, a contía das indemnizacións será a sinalada no punto 1 anterior.

4. En caso de que se decrete o sacrificio obrigatorio de animais de especies distintas do bovino, ovino e cabrún, afectados por enfermidades para as cales non haxa un baremo xa aprobado, a contía dos baremos de indemnización será a fixada no anexo II desta orde.

5. No caso dos produtos destruídos por motivo das encefalopatías esponxiformes transmisibles, cando a aplicación dos prezos citados non acade o valor medio normal nos mercados de referencia, farase unha taxación a prezo de mercado.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas e débedas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Certificado de estar ao día do pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día nas obrigas e débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio do anexo I (código de procedemento MR553C) e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Inicio do procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión iniciarase por instancia de parte coa presentación da solicitude de indemnización por parte da persoa interesada, empregando o formulario que se recolle como anexo I desta orde (código de procedemento MR553C).

2. As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderán formularse nunha única solicitude. Neste suposto, deberá achegarse coa solicitude a lista completa de persoas solicitantes segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. As actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo.

3. Cada solicitude inclúe unha declaración responsable de titularidade de conta bancaria (datos bancarios). Nela, a persoa solicitante anotará o titular da conta, que será o titular da explotación gandeira, e o número da conta bancaria (código IBAN da conta) que pertenza a ese titular da explotación, para os efectos de pagamento das axudas e, así mesmo, declarará a súa veracidade.

Artigo 7. Disposicións para as solicitudes de iniciación

1. As persoas interesadas no procedemento de concesión de indemnizacións que se xeren durante o ano 2020 deberán presentar o formulario de solicitude que se recolle como anexo I desta orde (código de procedemento MR553C).

2. Para as persoas titulares de explotacións gandeiras que aínda teñan pendentes de tramitación, por parte da Consellería do Medio Rural, unha ou máis indemnizacións correspondentes ao ano 2019:

a) A persoa interesada no procedemento que non presentase durante o ano 2019 a/as solicitude/s de indemnización correspondentes a ese ano, deberá presentar no ano 2020 unha única solicitude para todas elas, empregando o formulario de solicitude que se recolle como anexo I desta orde (código de procedemento MR553C).

b) Á persoa interesada que si presentase no tempo e na forma durante o ano 2019 o/s formulario/s de solicitude (anexo I, código de procedemento MR553C), seralle de aplicación a apreciación que se recolle na disposición adicional terceira desta orde: non será necesario que presente de novo durante o ano 2020 a/as citada/s solicitude/s.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación necesaria para a tramitación do procedemento, e segundo o caso de que se trate:

a) Se é o caso, e cando o/a solicitante é unha persoa xurídica ou unha entidade sen personalidade xurídica (sociedade civil-S.C., comunidade de bens-C.B., sociedade agraria de transformación-SAT, etc.): copias dos documentos de constitución da entidade e dos seus estatutos.

b) No caso de representación (da persoa solicitante): documento acreditativo da representación, por calquera medio válido en dereito, que deixe constancia fidedigna da súa existencia. O representante poderá ser unha persoa física con capacidade de obrar, ou unha persoa xurídica sempre que isto estea previsto nos seus estatutos.

c) Xustificantes (certificado/informe) do sacrificio dos animais no matadoiro. No caso de animais enviados ao matadoiro coa autorización de traslado de animais ao matadoiro (tamén chamado documento Conduce), na cal o sacrificio é certificado polo veterinario oficial, non será necesario que a persoa interesada achegue o certificado/informe do sacrificio emitido polo matadoiro.

d) Se procede, xustificantes da morte ou eutanasia dos animais positivos/sospeitosos ou de baleiro sanitario: certificado veterinario oficial, informe do veterinario da explotación. No caso de que o documento sexa unha acta de inspección emitida polos servizos veterinarios oficiais que comprobaron os feitos, non será necesario que a persoa interesada a achegue por estar xa en poder da Administración.

e) Se é o caso, documentos comerciais de acompañamento para o transporte de subprodutos animais non destinados ao consumo humano.

f) Se é o caso, para os animais sacrificados que fosen dalgunha das razas autóctonas incluídas no Catálogo oficial de razas de gando de España, previsto no anexo I do Real decreto 2129/2008, do 26 de decembro, polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras: documento ou certificado emitido pola entidade xestora do libro xenealóxico da raza que acredite que, nunha data anterior á do seu sacrificio, eses animais se atopaban inscritos no correspondente libro xenealóxico, e para os efectos do recollido no anexo I, punto 3, do Real decreto 389/2011, do 18 de marzo, polo que se establecen os baremos de indemnización polo sacrificio de animais no marco dos programas nacionais de loita, control ou erradicación da tuberculose bovina, brucelose bovina, brucelose ovina e cabrúa, lingua azul e encefalopatías esponxiformes transmisibles.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. No caso de que morran animais da explotación afectada antes do seu traslado con destino ao matadoiro, sen que a persoa titular/responsable destes achegase aos servizos veterinarios oficiais a documentación xustificativa sinalada nas alíneas d) ou e) do punto 1 anterior, os mencionados animais non serán indemnizables aínda que estean incluídos na correspondente resolución de sacrificio ou de baleiro sanitario.

Artigo 9. Presentación de novas solicitudes e de documentos complementarios

Cada vez que a persoa solicitante demande as indemnizacións e unha vez que lle sexa entregada a resolución de sacrificio ou de baleiro sanitario emitida pola autoridade competente e sexa efectivo o sacrificio dos animais incluídos nela, deberá presentar unha nova solicitude de indemnización, utilizando o mesmo anexo I desta orde (código de procedemento MR553C). Xunto coa solicitude achegará, se é o caso, a documentación necesaria sinalada nela.

Artigo 10. Emenda e mellora da solicitude

A persoa interesada que non presente a solicitude (anexo I) correctamente cuberta ou a documentación complementaria que corresponda, ou ben non emende a falta, os datos ou os documentos erróneos, no prazo de dez días hábiles (excluíndo do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos), desde o momento en que llo notifique ao Servizo Provincial de Gandaría, darase por desistida da súa petición, segundo o establecido no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de ditada a resolución para o efecto nos termos previstos no artigo 21 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 11. Documentos que achegará a Administración

Por mor da racionalización administrativa do procedemento de concesión das indemnizacións, e co fin de reducir as cargas administrativas ás persoas beneficiarias, os servizos provinciais de gandaría da Consellería do Medio Rural xestionarán a obtención da seguinte documentación e xuntarana aos correspondentes expedientes:

1. Documentos oficiais de traslado dos animais ao matadoiro: documento Conduce, guía sanitaria, etc. No caso de animais trasladados con documentos Conduce ao matadoiro, estes documentos serán suficientemente acreditativos do sacrificio dos animais, sen necesidade de que a persoa solicitante presente outros certificados.

2. Se é o caso, os xustificantes de destrución dos animais ou dos produtos. Para estes efectos, solicitaranse ás empresas autorizadas pola autoridade competente correspondente.

3. Se é o caso, as actas de inspección emitidas polos servizos veterinarios oficiais que acreditan a morte ou eutanasia de animais.

4. Xustificante de pertenza ou non da explotación a unha agrupación de defensa sanitaria gandeira, en diante ADSG, para os efectos de baremación da indemnización recollida no Real decreto 389/2011, do 18 de marzo (anexo I, punto 3: incremento do 10 %). Ao respecto, se é o caso, a data que se terá en conta na dita baremación para determinar se a explotación pertence a unha ADSG será:

a) No caso dos programas de erradicación da tuberculose bovina, brucelose bovina e brucelose ovina e cabrúa, e o programa de vixilancia da leucose bovina, calquera data anterior á data en que se realizou na explotación a primeira proba sanitaria oficial do programa en que se detectaron animais sospeitosos/positivos, ou ben, unha data anterior á data en que os servizos veterinarios oficiais do matadoiro atoparon no animal lesións compatibles coa enfermidade.

b) No caso dos programas de encefalopatías esponxiformes transmisibles e da lingua azul, será a data en que a autoridade competente determinou o sacrificio do animal, se este se efectuou por sospeita, ou a data en que o laboratorio oficial emitiu o ditame de positividade, se o animal non for previamente sacrificado.

c) A explotación que se atope incluída nunha ADSG, para continuar a percibir ese incremento do 10 %, deberá seguir pertencendo a unha ADSG cada vez que a persoa titular da explotación ou interesada presente unha solicitude de indemnización.

5. Resolucións de sacrificio e de baleiro sanitario dos animais con destino ao matadoiro e emitidas pola autoridade competente da Consellería do Medio Rural.

6. Documento obtido das bases de datos da Consellería do Medio Rural que acredita a clasificación zootécnica da subexplotación a que pertencían os animais.

7. Os documentos recollidos no artigo 5.1 desta orde, resultado das consultas electrónicas no caso de que as persoas solicitantes das indemnizacións non se opoñan a elas.

Artigo 12. Lugar e forma de presentación das solicitudes

As persoas interesadas deberán cumprir o establecido nos artigos 14, 16 e 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e así mesmo ao abeiro do artigo 10.1.a) e c) da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas traballadoras autónomas (persoas físicas) e as persoas que as representen, para os trámites e as actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional, estarán obrigadas a relacionarse a través dos medios electrónicos para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo no ámbito do sector público autonómico:

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 13. Lugar e forma de presentación da documentación complementaria

As persoas interesadas deberán cumprir o establecido nos artigos 14, 16 e 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e así mesmo, ao abeiro do artigo 10.1.a) e c) da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas traballadoras autónomas (persoas físicas) e as persoas que as representen, para os trámites e as actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional, estarán obrigadas a relacionarse a través dos medios electrónicos para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo no ámbito do sector público autonómico:

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Disposicións na instrución do procedemento

1. Unha vez reunida a documentación mencionada nos artigos 8 e 11 desta orde, xunto coa solicitude da indemnización (anexo I), os servizos provinciais de gandaría remitirán á Subdirección Xeral de Gandaría os seus informes para a proposta de resolución (un informe para cada solicitude de indemnización), xunto con toda a documentación dos expedientes, para a súa supervisión por partes dos órganos xestores desa subdirección.

2. A persoa titular da Subdirección Xeral de Gandaría emitirá as correspondentes propostas de resolución.

3. As propostas de resolución remitiranse á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, para os efectos de resolver as indemnizacións, por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural.

4. Os órganos xestores tramitarán durante o ano 2020, ademais das indemnizacións correspondentes a ese ano, todas as indemnizacións que quedasen pendentes do ano 2019.

Artigo 16. Prazo de presentación de solicitudes

1. A tramitación do procedemento de concesión das indemnizacións establecidas nesta orde levarase a cabo durante todo o exercicio orzamentario do ano 2020.

2. O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de novembro de 2020.

Artigo 17. Resolucións

1. A resolución dos expedientes de indemnizacións correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural, e emitiraa no prazo máximo de cinco meses contados desde o inicio do procedemento de concesión da indemnización. Transcorrido ese prazo sen que se dite resolución expresa, poderá entenderse rexeitada a solicitude de indemnización por silencio administrativo.

2. Modificación da resolución. A resolución de concesión da indemnización poderá ser modificada:

a) Por alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión.

b) Pola obtención concorrente da mesma indemnización, outorgada por outras administracións (da UE, nacionais, internacionais, autonómicas), superando o valor de mercado do animal sacrificado.

Artigo 18. Notificacións

As resolucións expresas de aprobación ou de denegación notificaranse ás persoas interesadas seguindo os criterios dos artigos 40, 41 e 43 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderan rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Recursos

Contra as resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde poderanse interpor os seguintes recursos:

1. Recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro do Medio Rural, e segundo os artigos 112, 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

a) No prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, se a resolución foi expresa.

b) Nos casos de resolución presunta, poderá interporse o recurso de reposición en calquera momento, desde o día seguinte a aquel en que se entenda denegada a indemnización.

2. Recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e de acordo co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa:

a) No prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta foi expresa.

b) No prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte en que se produza a resolución presunta.

Artigo 20. Réxime de compatibilidade

1. As indemnizacións reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra indemnización que poida obterse das distintas administracións (da UE, internacionais, nacionais, autonómicas) para a mesma finalidade, sempre e cando a contía en concorrencia de todas elas non supere o valor de mercado que tiña o animal inmediatamente antes do seu sacrificio.

2. Neste ámbito de acumulación de indemnizacións, o formulario de solicitude recollido nesta orde (anexo I código de procedemento MR553C) inclúe unha declaración responsable da persoa solicitante, en relación con outras indemnizacións concedidas ou solicitadas para a mesma finalidade.

Artigo 21. Reintegro

1. O incumprimento por parte da persoa solicitante de calquera das condicións establecidas nesta orde dará lugar á devolución, se é o caso, das cantidades indebidamente percibidas.

2. Igualmente, a persoa solicitante terá a obriga do reintegro nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo doutras responsabilidades que procedan no cumprimento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 22. Xustificación

1. Os expedientes de concesión das indemnizacións establecidas nesta orde iniciaranse cando as persoas interesadas presenten a solicitude de indemnización (anexo I, código de procedemento MR553C) e, se é o caso, a documentación recollida no artigo 8.1 desta orde.

2. Se for procedente, e segundo a enfermidade de que se trate, xustificarán que levaron a cabo o sacrificio obrigatorio dos animais (ordenado por resolución da autoridade competente), coa presentación do correspondente certificado/informe do sacrificio emitido polo matadoiro ou ben, se é o caso, o documento acreditativo da morte ou eutanasia do animal. Se é o caso, os certificados de sacrificio poderán ser substituídos polos documentos Conduce, oportunamente selados e asinados polo veterinario oficial do matadoiro.

3. O incumprimento por parte da persoa solicitante de calquera das condicións ou requisitos establecidos nesta orde dará lugar á perda do dereito á indemnización.

Artigo 23. Pagamento

1. O pagamento das indemnizacións tramitarase logo dos órganos xestores do procedemento de concesión comprobaren que as persoas solicitantes e as súas explotacións gandeiras afectadas cumpren as condicións e os requisitos sinalados nesta orde.

2. Así mesmo, o pagamento estará suxeito ás dispoñibilidades de crédito vixentes.

Artigo 24. Controis

1. A Consellería do Medio Rural poderá realizar os controis administrativos e as inspeccións que considere oportunos, co fin de comprobar a veracidade dos datos comunicados e da documentación presentada, así como para verificar o cumprimento dos requisitos para a percepción da indemnización. A persoa solicitante estará obrigada a colaborar nos controis e nas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

2. Neste marco, as persoas solicitantes terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos xestores, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Consello de Contas e polo Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das indemnizacións concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas indemnizacións e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 26. Financiamento

1. As indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais establecidas nesta orde, tanto as xeradas durante o ano 2020 como as que non puideron ser tidas en conta durante o ano 2019, financiaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria do proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020:

14.04.713E.770.0, cunha dotación de 935.244 € (novecentos trinta e cinco mil douscentos corenta e catro euros). Proxecto 2012 00748.

2. A convocatoria para a concesión destas indemnizacións tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, así como ao abeiro do establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Por iso, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2020, no momento da resolución de concesión.

3. Conforme o artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería do Medio Rural excepcionalmente terá a posibilidade de ampliar o crédito fixado na convocatoria desta orde cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3 deste Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre a protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería do Medio Rural, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo I e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda. Normativa de aplicación

A todos os aspectos non regulados na presente orde aplicaráselles o disposto nas seguintes leis: a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional terceira. Regulación de preceptos e documentación pertencentes ao procedemento de concesión de indemnizacións do ano anterior

No caso de que durante a instrución do ano 2019 haxa solicitudes de indemnizacións presentadas no tempo e na forma por persoas interesadas, así como informes para proposta de resolución emitidos polos servizos provinciais de gandaría, e ao abeiro da Orde do 13 de decembro de 2018 e da Orde do 24 de outubro de 2019, da Consellería do Medio Rural, que rexían a concesión destas indemnizacións (código de procedemento MR553C), e que non se puidesen tramitar durante o ano 2019, teranse en conta no procedemento de concesión de indemnizacións para o ano 2020 (trátase tamén do mesmo código de procedemento MR553C) e ao abeiro desta orde, sen necesidade de que as ditas persoas interesadas presenten un novo formulario de solicitude normalizada para elas, nin tampouco que os servizos provinciais de gandaría emitan novos informes para a proposta de resolución se xa están xerados.

Disposición derradeira primeira. Facultade de aplicación e cumprimento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións necesarias para a aplicación e o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2019

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file

ANEXO II

Baremos de indemnización polo sacrificio obrigatorio de animais de especies distintas da bovina, ovina e cabrúa

1. Especie porcina, cando proceda indemnizar:

• Sementais e reprodutoras: 240 euros a unidade.

• Leitóns desde o nacemento ata 2 meses de idade (≤ 2 meses): 20 euros a unidade.

• Leitóns maiores de 2 meses e ata 4 meses de idade (> 2- ≤ 4 meses): 60 euros a unidade.

• Porcino de ceba maior de 4 meses de idade: 150 euros a unidade.

2. Avicultura:

Polos de engorda da especie Gallus gallus

Semanas de vida

Euros/ave

1

0,14

2

0,32

3

0,54

4

0,84

5

1,16

6

1,49

7 e máis

1,80

Pavos de engorda da especie Meleagris gallopavo

Semanas de vida

Euros/ave

Machos

Femias

2

0,28

4

1,12

6

2,18

1,88

8

3,25

2,64

10

5,12

3,91

12

6,98

5,17

14

8,94

6,58

16

10,90

7,99

18 e máis

12,34

8,76