Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Martes, 28 de xaneiro de 2020 Páx. 5465

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 13 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a innovación no sector pesqueiro, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convoca para o ano 2020 o dito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto (códigos de procedemento PE205G e PE205H).

BDNS (Identif:): 492591.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os propietarios de buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, así como as organizacións ou asociacións dos anteriores, incluídas as confrarías de pescadores, que teñan un ámbito autonómico.

Segundo. Finalidade

As axudas terán como finalidade:

1. Proxectos innovadores, entendendo por tales os que teñan como obxectivo desenvolver ou introducir produtos e equipamentos novos ou substancialmente perfeccionados, procesos ou técnicas novas ou perfeccionadas, ou sistemas de xestión ou organización novos ou perfeccionados no sector extractivo; tamén na transformación e comercialización.

2. Operacións innovadoras relacionadas coa conservación dos recursos biolóxicos mariños que teñan como obxectivo desenvolver ou introducir novos coñecementos técnicos ou organizativos que reduzan os efectos da pesca sobre o ambiente, en particular, mediante técnicas de pesca perfeccionadas e a selectividade das artes, ou que teñan por obxectivo lograr un uso máis sustentable dos recursos biolóxicos mariños e a coexistencia cos predadores protexidos.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 13 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a innovación no sector pesqueiro, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convoca para o ano 2020 o dito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto (códigos de procedemento PE205G e PE205H).

Cuarto. Importe

Para o ano 2020 as axudas concederanse de acordo coa seguinte desagregación, que figura dotada no orzamento de gastos de Consellería do Mar para o ano 2020 e se tramita de forma anticipada.

Aplicación orzamentaria: 15.02.723A.770.0. Importe total: 810.000,00 euros, distribuído nas seguintes dúas anualidades: anualidade 2020: 560.000,00 euros e anualidade 2021: 250.000,00 euros, para proxectos innovadores.

Aplicación orzamentaria: 15.02.723A.770.0. Importe total: 800.000,00 euros, distribuído nas seguintes dúas anualidades: anualidade 2020: 400.000,00 euros e anualidade 2021: 400.000,00 euros, para operacións innovadoras relacionadas coa conservación dos recursos biolóxicos mariños.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2019

Mª Isabel Concheiro Rodríguez-Segade
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar