Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Mércores, 29 de xaneiro de 2020 Páx. 5872

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se fai pública a convocatoria mediante o procedemento aberto con criterio único (prezo) para un alleamento de madeiras na provincia de Lugo.

Convócase mediante esta resolución o alleamento de madeiras dos lotes que se poderán consultar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial desta consellería en Lugo (rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo) e no enderezo electrónico http://mediorural.xunta.gal/areas/forestal/producion_e_industrias/poxas, de acordo co disposto no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, polo que se regulan os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 159, do 18 de agosto) e na Orde do 8 de setembro de 1998 pola que se desenvolve o Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que regula os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 180, do 16 de setembro). A apertura dos sobres coas ofertas económicas terá lugar no Edificio Administrativo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo.

Para este procedemento rexerán a normativa antes citada e os pregos de condicións técnico-administrativas xerais e particulares que figuran no expediente correspondente no Servizo de Montes de Lugo, onde poderán ser examinados polos interesados a partir do día da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente resolución.

As ofertas poderanse presentar no Rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Lugo ou en calquera das formas legalmente establecidas durante os vinte e seis (26) días naturais seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.

Cando a oferta se envíe por correo ou se presente noutro rexistro diferente ao da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Lugo, o licitador deberá anunciarlle á mesa de contratación a remisión da mencionada oferta mediante fax, burofax ou telegrama, no mesmo día, ao número 982 29 48 74.

A apertura das proposicións económicas será realizada pola mesa de contratación, que se reunirá ás once (11.00) horas do décimo quinto (15º) día hábil, contado a partir do termo do prazo de presentación das ofertas.

Ao abeiro dos artigos 102 e 103 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, para participar neste procedemento o licitador debe estar dado de alta no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e ter presentada a preceptiva comunicación anual de datos para o ano 2018.

Cada licitador presentará dous sobres pechados para cada oferta. O sobre A, coa documentación administrativa cotexada, e o sobre B, coa oferta económica.

O sobre A, que contén a documentación administrativa, poderá ser único para todos os lotes que se presenten ante a mesa e na mesma sesión. Deberá conter, en todo caso, a seguinte documentación:

1. Acreditación da personalidade xurídica do empresario e, se é o caso, a súa representación.

2. Xustificante de inscrición no Resfor e xustificante da presentación da comunicación anual do último ano.

3. Os xustificantes acreditativos de que están constituídas as fianzas provisionais, 2 % do prezo de taxación, de acordo co disposto no artigo 106 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE (en diante, LCSP).

4. Declaración responsable outorgada ante a autoridade administrativa, notario público ou organismo profesional cualificado de non estar incurso o licitador nalgún dos supostos de prohibición de contratar previstos no artigo 71 da LCSP, así como na redacción establecida pola Lei 3/2015, do 30 de marzo, reguladora do exercicio do alto cargo da Administración xeral do Estado, e pola Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

A dita declaración comprenderá expresamente a circunstancia de atoparse ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Facenda estatal, de non ter débedas de natureza tributaria coa Comunidade Autónoma de Galicia, de atoparse ao día no cumprimento das obrigas da Seguridade Social, e de estar dado de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

Esta declaración presentarase sen prexuízo de que a xustificación acreditativa dos anteditos aspectos deba ser presentada, antes da adxudicación, polo empresario a prol do que se efectuará a adxudicación.

Malia o anterior, poderán presentarse os certificados administrativos de acreditación do cumprimento das citadas obrigas, agás no caso do IAE, cuxa xustificación se efectuará mediante a presentación da alta, referida ao exercicio corrente, ou do último recibo deste, completado cunha declaración responsable de non terse dado de baixa na matrícula do citado imposto, segundo o artigo 15.1 do Regulamento de contratos das administracións públicas, no que non se opoña ao establecido na LCSP.

5. Acreditarase a solvencia financeira, económica e técnica exixida polos medios precisados no cadro de características.

No caso de que o licitador estea dado de alta no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma, deberá indicar na parte exterior do sobre o seu número e incluír copia da inscrición da empresa no dito rexistro, os xustificantes acreditativos das fianzas provisionais e a solvencia técnica e económica, así como unha declaración responsable en que manifeste que as circunstancias reflectidas no correspondente certificado non experimentaron variación.

Ademais desta documentación, deberá xuntarse a que proceda en cada caso segundo o especificado no prego de cláusulas administrativas particulares e no cadro de características do/dos lote/s en que participe.

O sobre B recollerá a proposición económica e presentarase no modelo normalizado que se encontra á disposición dos interesados no Servizo de Montes de Lugo. Cada un dos lotes deberá figurar nun sobre B individual.

O adxudicatario constituirá a fianza definitiva do 5 % do prezo de taxación, dentro dos dez (10) días hábiles seguintes ao da data en que regulamentariamente se lle comunique a proposta de adxudicación.

Dentro dese mesmo prazo deberá aboar:

1. O importe total do remate, ou o importe do primeiro prazo, segundo se indique no prego de condicións particulares de cada lote.

2. O importe das taxas.

3. Os gastos proporcionais deste anuncio.

4. Os demais gastos que se establezan nos pregos particulares do aproveitamento.

O adxudicatario deberá aboar, ademais das cantidades expresadas no anuncio, a porcentaxe que corresponda, segundo o réxime especial ou xeral que aplique a propiedade do monte, en concepto de IVE.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2019

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural