Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Mércores, 29 de xaneiro de 2020 Páx. 5687

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 9 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG622A).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do 29 de outubro de 2019, acordou, por unanimidade dos membros asistentes, aprobar bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, facultando o director xeral para a súa convocatoria para o exercicio 2020, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), e convocar para o ano 2020 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG622A).

Esta convocatoria finánciase no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do 80 % por parte do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. En particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.03: promover a internacionalización das pemes.

Actuación CPSO 03.04.03.01: apoio á promoción da cultura da internacionalización, apoio ao incremento da presenza nos mercados exteriores, establecemento dunha estratexia de posicionamento internacional de Galicia alineada coa Estratexia Horizonte 2020 da UE.

Campo de intervención: 066: servizos de axuda avanzados para pemes e grupos de pemes.

Liña de actuación 15: promoción da cultura de internacionalización, presenza nos mercados exteriores, estratexia de posicionamento internacional de Galicia, aliñación coa axenda estratéxica Horizonte 2020 da UE.

Segundo. Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Terceiro. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Código de proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2020

Ano 2021

Total

2016 00021

09.A1.741A.7708

1.200.000 €

5.800.000 €

7.000.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:

O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de cinco meses contados desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, transcorrido o cal se poderá entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 15 de novembro de 2020 para as solicitudes con accións que se realizarán ata esta data, e do 30 de xuño de 2021 para solicitudes con accións que se realizarán ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobramento. As accións realizadas entre o 16 de novembro de 2020 e o 31 de decembro de 2020 poderán ser imputadas ao 2021.

O prazo para solicitar anticipos terá como data límite o 31 de xullo de 2020, para os beneficiarios con prazo máximo de execución ata o 15 de novembro de 2020, e no mes xaneiro de 2021 poderán solicitar o anticipo correspondente os beneficiarios con prazo máximo de execución ata o 30 de xuño de 2021.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007) indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

A internacionalización, como resultado exitoso do impulso colectivo das empresas da nosa rexión, especialmente para as pemes, supón a confirmación do valor engadido do seu modelo de negocio e, polo tanto, é una fonte de mellora continua da competitividade. Ademais, a internacionalización é expoñente e dinamizador dos atributos ligados á marca Galicia Calidade.

A internacionalización achega ás empresas a posibilidade de aumentar o seu tamaño e acadar maiores economías de escala, acceder a recursos inaccesibles ou caros no seu mercado de orixe, conseguindo economías de localización, mellorar a notoriedade e diferenciación dos seus produtos e marcas, entrar en contacto con consumidores máis exixentes e competidores máis eficientes que estimulan a súa innovación e desenvolvemento tecnolóxico e, en definitiva, mellorar a súa eficiencia económica e capacidade competitiva en liña coa estratexia galega de especialización intelixente (RIS3).

A internacionalización do tecido empresarial galego ten sido e seguirá sendo un dos eixes prioritarios de actuación dentro da política económica da Xunta de Galicia de cara a mellorar a súa competitividade e acadar o crecemento económico. O Goberno galego aposta pola internacionalización das empresas galegas, mediante un modelo facilitador de información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento ás empresas para a súa entrada neles, formación e especialización de recursos humanos.

Unha aposta que se plasma na Estratexia da Xunta de Galicia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que inclúe entre os seus obxectivos o de lograr un significativo aumento na cantidade, calidade e impacto efectivo das exportacións da empresa galega en 2020. Aumento do número de empresas da base exportadora, procura e apertura de novos mercados, apoio na ampliación de cota de mercados con menor presencia e maior potencial de crecemento futuro e consolidación de cota nos mercados maduros. En definitiva, esta estratexia persegue unha fase de consolidación dos distintos esforzos e accións emprendidas ao longo dos últimos anos para estimular, fortalecer, expandir e consolidar a internacionalización das pemes galegas e os seus produtos e servizos.

En concreto estas bases encaixan nos obxectivos dos seguintes eixes da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020:

a) Eixe 2. Maior presenza en mercados. Obxectivo: diversificación de mercados pero, sobre todo, zonas xeográficas.

b) Eixe 4. Galicia unha forma de facer. Obxectivos: mellorar o coñecemento e posicionamento de Galicia nos mercados internacionais e consolidar a percepción dos produtos e servizos galegos: calidade, prestixio, etc.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, establece no seu artigo 4 como funcións do Igape, entre outras, proporcionar información sobre os mercados e favorecer o desenvolvemento das exportacións e acordos con empresas estranxeiras.

O Igape é xestor de fondos Feder do marco regulamentario 1420 no seguinte encaixe: obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes. Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados internacionais. Obxectivo específico 03.04.03: promover a internacionalización das pemes. Actuación CPSO 03.04.03.01: apoio á promoción da cultura da internacionalización, apoio ao incremento da presenza nos mercados exteriores, establecemento dunha estratexia de posicionamento internacional de Galicia aliñada coa Estratexia Horizonte 2020 da UE. Campo de intervención 066: servizos de axuda avanzados para pemes e grupos de pemes. Liña de actuación 15: promoción da cultura de internacionalización, presenza nos mercados exteriores, estratexia de posicionamento internacional de Galicia, aliñación coa axenda estratéxica Horizonte 2020 da UE.

Os indicadores de produtividade correspondentes son C001: número de empresas que reciben axudas e C002: número de empresas que reciben subvencións. E o indicador de resultado é o número de pemes exportadoras.

O obxectivo destas bases é facilitar a internacionalización da empresa galega non exportadora ou con escasa internacionalización e apoiar empresas internacionalizadas para que non só non perdan a súa presenza nos mercados exteriores senón que a incrementen, poñendo ao seu alcance axudas financeiras que apoien a súa presenza exterior, ampliando o número de países e a diversificación dos sectores internacionalizados. Así mesmo, considérase adecuado o apoio ás pemes galegas que –operando en Galicia– pretendan a captación de clientes estranxeiros, incluíndo, polo tanto, as empresas inmersas en procesos de internacionalización inversa como posibles beneficiarios.

Esta liña de axuda compleméntase coas liñas de axuda Galicia Exporta Organismos Intermedios e Foexga cofinanciadas con Feder, e cos servizos do Igape á internacionalización.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nestas bases, outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

1. Co obxectivo de incentivar a realización de accións de promoción exterior xeradoras de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas galegas nos mercados internacionais, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de accións:

a) Accións de difusión:

a.1) Campañas de publicidade en prensa, revistas, televisión ou outros medios incluídos os dixitais, sempre que a súa difusión se realice no estranxeiro.

a.2) Elaboración de material promocional para difusión en mercados estranxeiros.

b) Accións de promoción:

b.1) Participación en feiras ou outros eventos expositivos que se celebren no estranxeiro.

Inclúense tamén aqueles eventos deste tipo que se celebren organizados por terceiros en España –fóra da Comunidade Autónoma de Galicia– e estean incluídos no calendario de feiras comerciais internacionais publicado pola Secretaría de Estado de Comercio de España para o ano 2019 ou 2020 no Boletín Oficial del Estado (en edicións que se celebren dentro do prazo de execución destas bases).

Non son subvencionables as visitas a este tipo de eventos. Para ser unha acción subvencionable tense que acreditar a participación do beneficiario como expositor no evento.

b.2) Visitas á sede da empresa en Galicia de clientes, importadores, distribuidores, medios de comunicación ou outro tipo de prescriptores, todas realizadas desde o estranxeiro, co obxecto de dar a coñecer ao exterior as posibilidades da empresa e os seus produtos e/ou para sondar posibles fórmulas de cooperación.

c) Accións de prospección en mercados internacionais:

c.1) Axendas de reunións.

c.2) Desenvolvemento de clientes no estranxeiro: metodoloxía enfocada en descubrir mercados para a empresa e os seus produtos, apostando por descubrir e aprender dos propios clientes, ofrecendo un produto que realmente necesiten.

c.3) Seguimento de contactos iniciais ou clientes anteriores no estranxeiro para consolidación do negocio.

2. Só se poderá presentar e aprobar unha solicitude por beneficiario, en que se poderán incluír varias accións das mencionadas nas letras a) á c) deste artigo. No caso de presentar máis dunha solicitude atenderase a primeira presentada, no caso de non mediar desistencia ou renuncia da anterior.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior a que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1, do 24 de decembro); no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño) e no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro de 2019).

4. Esta convocatoria de axudas finánciase no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %, obxectivo temático 03, prioridade de investimento 03.04, obxectivo específico 03.04.03, campo de intervención 066 e liña de actuación 15, e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular ás establecidas no anexo XII, número 2.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013) (en diante, Regulamento (UE) nº 1303/2013).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100 % do gasto subvencionable. Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa operativo distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun fondo EIE pode ser calculado para cada fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, conforme o documento en que se establezan as condicións da axuda.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa das accións realizadas. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase do solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión.

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.

d) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no número 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014.

c) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

Artigo 5. Condicións dos conceptos subvencionables

1. Para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido poderán ser subvencionables os conceptos seguintes, que reúnen os requisitos establecidos na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables do programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020 e que se materialicen nos seguintes conceptos:

a) O límite máximo de gasto subvencionable para accións de difusión é de 7.000 € por solicitude de axuda.

a.1) Gastos subvencionables para accións de difusión citadas na letra a.1) do artigo 1.1. Só se subvencionaran os gastos de compra de espazos publicitarios e insercións en medios de comunicación.

a.2) Gastos subvencionables para accións de difusión citadas na letra a.2) do artigo 1.1. Só se subvencionarán os gastos de deseño, elaboración, edición, montaxe, produción, tradución e impresión de material promocional para difusión en mercados estranxeiros.

b.1) Gastos subvencionables para accións de promoción citadas na letra b.1) do artigo 1.1. O límite máximo de gasto subvencionable por todos estes conceptos subvencionables é de 40.000 € por cada evento en que se participe.

1º. Gastos de viaxe de dúas persoas por empresa solicitante á cidade de celebración do evento desde algunha cidade de España. Por motivos empresariais admitirase que se emprenda a viaxe ou se retorne doutro país distinto de España, nese caso só se subvencionará o aloxamento do país en que se celebra a acción.

Só son subvencionables os gastos de viaxe correspondentes a avión, tren e/ou autobús, taxas e seguros de viaxe.

Límites destes gastos: os indicados no anexo IV.

2º. Aloxamento de dúas persoas por empresa (en réxime de aloxamento e almorzo), cun máximo de 5 pernoitas, cos límites indicados no anexo IV. Algunha das pernoitas debe coincidir coas datas de celebración do evento en que se participa.

No caso de accións en máis dun país engadiranse un máximo de 2 pernoitas máis subvencionadas por país cun máximo total de 10 pernoitas.

3º. Gastos de: alugamento de espazos e servizos relacionados co dito alugamento; alugamento de stand; construción, montaxe e desprazamento de stand; decoración de stand; alugamento de mobiliario; contratación de persoal de apoio como intérpretes, modelos ou azafatas; envío de material promocional e mostras co seu seguro correspondente.

b.2) Gastos subvencionables para accións de promoción citadas na letra b.2) do artigo 1.1.

1º. Gastos de viaxe dun máximo 3 persoas por acción. Só son subvencionables os gastos de viaxe correspondentes a avión, tren e/ou autobús, taxas e seguros de viaxe.

Límites destes gastos: os indicados no anexo IV.

2º. Aloxamento en Galicia dun máximo de 3 persoas por acción (en réxime de aloxamento e almorzo), cun máximo de 5 pernoitas, cos límites indicados no anexo IV.

3º. Gastos de intérpretes durante a visita.

c) Gastos subvencionables para accións de prospección citadas na letra c) do artigo 1.1. O límite máximo de gasto subvencionable por todos estes conceptos subvencionables é de 6.000 € por solicitude.

Gastos de servizos de consultaría para a realización de axendas (non será subvencionable a mera realización da axenda se non se executa coas reunións correspondentes dentro do prazo de execución da axuda), desenvolvemento de clientes no estranxeiro e/ou seguimento de contactos iniciais.

En relación cos gastos de servizos en destino para a realización de axendas, desenvolvemento de clientes no estranxeiro e/ou seguimento de contactos iniciais, as empresas que presten este tipo de servizos descritos nesta epígrafe deberán estar dadas de alta na base de datos de axentes comerciais mediadores no exterior do Igape.

Este requisito non se requirirá cando o servizo sexa prestado por oficinas comerciais ou cámaras de España no estranxeiro, ou oficinas comerciais ou organismos públicos españois ou estranxeiros que presten este tipo de servizos.

2. Os gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.

Excepcionalmente, tamén serán subvencionables os gastos efectuados e pagados desde o 1 de xullo de 2019 exixidos en concepto de reserva para accións que se realizarán no exercicio 2020.

3. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os seguintes conceptos:

a) Os custos de mailings, convites, regalos promocionais e os relativos á realización de cócteles e actos análogos.

b) Os custos de servizos para o posicionamento web.

c) Os custos de envío de mercadorías distintas ao material promocional ou mostras sen valor comercial.

d) Imposto sobre o valor engadido (IVE), a non ser que se acredite que non é recuperable.

e) Folletos e outro material que non estea dirixido estritamente a fins promocionais.

f) Produtos de merchandising e outros regalos promocionais.

g) Aqueloutros que non estean directamente vinculados coa realización da acción subvencionable.

4. O período de execución dos gastos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.

5. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

6. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben, no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren (neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente), ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

7. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

8. Non se subvencionarán servizos que se contraten relacionados coa actividade empresarial do solicitante da axuda no mesmo país en que o solicitante exerce a dita actividade.

Artigo 6. Contía da axuda e criterios de avaliación e selección de solicitudes

1. A subvención será do 70 % dos gastos relacionados no artigo 5. Para as accións incluídas nesta convocatoria a subvención máxima será de 91.000 € por solicitude e beneficiario (gasto subvencionable máximo de 130.000 €).

2. As solicitudes que cumpran coas condicións necesarias serán avaliadas de acordo co seguinte baremo xeral cunha base de puntuación de 100 puntos:

a) Dificultade para acometer o proceso de internacionalización e, polo tanto, maior necesidade do apoio. Máximo: 30 puntos. Avaliarase tendo en conta:

Tamaño da empresa segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado. Microempresa: 30 puntos; Pequena empresa: 25 puntos; Mediana empresa: 20 puntos. Esta condición acreditarase mediante declaración no formulario electrónico de solicitude.

b) Tipo de internacionalización da empresa. Máximo: 30 puntos. Avaliarase tendo en conta:

Empresa exportadora de mercadorías fabricadas pola propia empresa solicitante da axuda: 30 puntos. Empresa exportadora de mercadorías non fabricadora (comercializadora): 15 puntos. Empresa que presta ou comercializa servizos no estranxeiro (os seus clientes reciben o servizo no estranxeiro): 15 puntos. Empresa internacionalización inversa (venda de produtos ou prestación de servizos en Galicia a clientes estranxeiros, os clientes acoden a Galicia): 5 puntos.

Esta condición acreditarase no formulario electrónico de solicitude.

c) Novos solicitantes: recibirán 20 puntos as empresas que non obtivesen resolución aprobatoria á solicitude de anteriores convocatorias destas bases.

d) Aproveitamento de axudas á internacionalización anteriores. Máximo: 20 puntos. Avaliarase tendo en conta:

Informe de resultado de subvencións anteriores do Igape recibidas para o mesmo fin de internacionalización: 20 puntos no caso de cubrir este informe no formulario electrónico de solicitude e que se houbesen acadado resultados positivos.

Este informe debe incluír, para cada subvención recibida pola empresa solicitante –con resolución de concesión a partir do 1 de xaneiro de 2013– un detalle de:

1º. Ano da resolución de concesión da axuda.

2º. Importe da axuda recibida (no caso de expedientes finalizados, o importe menor entre a axuda liquidada e a concedida).

3º. Finalidade da axuda.

4º. Resultados en termos de:

i) Nº de contratos asinados.

ii) Importe do volume de negocios estimado xerado grazas ás accións subvencionadas.

iii) Países en que iniciou negocio a empresa solicitante.

iv) Países en que consolidou negocio a empresa solicitante.

e) Empresas con produtos ou servizos obtidos a través da realización exitosa de proxectos de I+D+i. Máximo de 10 puntos.

Esta condición declararase no formulario electrónico de solicitude.

f) Empresas con selo da certificación de Galicia Calidade dalgún dos seus produtos e/ou servizos. Máximo de 10 puntos.

Esta condición declararase no formulario electrónico de solicitude.

Artigo 7. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No formulario electrónico o solicitante deberá cubrir unha memoria xustificativa das accións para as cales solicita subvención que incluirá: os mercados obxecto das accións e, para cada acción, detalle de: tipo, título, descrición, datas estimadas de inicio e fin, orzamento e lugar de celebración (se procede).

No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á entidade solicitante:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.

e) Que cumpre os criterios da definición de peme establecidos pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014.

f) Que non iniciou os gastos subvencionables e non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto. Exceptúanse aqueles gastos exixidos en concepto de reservas a que se fai referencia no artigo 5.2 das presentes bases.

g) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

h) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación.

i) Se é o caso, declaración de que ten implantado un plan de igualdade.

j) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

Os autónomos (persoas físicas), en canto pemes, poden ser beneficiarios destas axudas. Dada a finalidade destas axudas de apoio á internacionalización, para levar a cabo un proxecto destas características, as empresas deben partir dun nivel de desenvolvemento dixital –no que se refire a recursos físicos e persoais– que supón necesariamente que os autónomos que están internacionalizados ou pretenden internacionalizarse dispoñen de medios electrónicos adecuados, polo que a única vía de presentación da solicitude de axuda será a electrónica.

No caso de presentala de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

4. A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil ou as inscritas que se opoñan expresamente a que o Igape consulte estes datos.

b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.4 destas bases reguladoras.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude: todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante. 

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

i) Informe da Axencia galega de Innovación, en relación coa letra e) do artigo 6 destas bases.

j) Informe de Galicia Calidade SAU, en relación coa letra f) do artigo 6 destas bases.

k) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 7.4 destas bases.

l) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

m) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e presentar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Internacionalización do Igape e a competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador, composto por tres membros: o director da Área de Internacionalización, que actuará como presidente, el subdirector de Internacionalización e o técnico Responsable de Programas, que actuará como secretario, con voz e voto. Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda realizaranse mediante publicación na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

3. As solicitudes serán avaliadas polo órgano avaliador, quen elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas, en aplicación dos criterios de avaliación establecidos no artigo 6.2 destas bases.

No caso de empate nas puntuacións, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio a), b), c), d), e) e f) do artigo 6.2, sucesivamente. Se aínda así seguise existindo empate, con fin de promover a incorporación do principio transversal de igualdade enunciado no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, decidirase a favor do proxecto en que se prevexa a implantación dun plan de igualdade, segundo a declaración responsable que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude. De persistir o empate, darase preferencia aos proxectos segundo a súa orde de presentación.

4. Tras a baremación, o órgano avaliador considerará unicamente as solicitudes que acadasen 30 puntos.

Artigo 11. Resolución

1. A Área de Internacionalización do Igape ditará a proposta de resolución con base neste procedemento a partir da relación de solicitudes puntuadas. A continuación, elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen emitirá a resolución de concesión das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que corresponden á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección General de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no número 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

6. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

Unha vez recaída resolución de concesión non se admiten modificacións. A reasignación de gastos entre eventos respectando os importes máximos por concepto subvencionable establecidos na resolución de concesión ou o  cambio de programación dun ou varios eventos expositivos por outro ou outros dentro do prazo de execución establecido na resolución de concesión non se considera modificación.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar as accións que fundamentan a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que realizará o Organismo Intermedio, a Autoridade de Xestión ou a Autoridade de Certificación e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control durante, polo menos, un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará os beneficiarios da data a partir da cal se iniciará o cómputo do prazo.

d) Durante o período citado na epígrafe anterior, as empresas estarán obrigadas a subministrar, por requirimento do Igape, os datos relativos á evolución da súa actividade exportadora (volume de facturación, servizos ou produtos exportados, países, etc.) e resultados concretos obtidos, para os efectos de realizar as avaliacións oportunas sobre o resultado das accións financiadas.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

f) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os investimentos subvencionados, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere o importe establecido no artigo 6 destas bases.

g) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público polo Igape, a Xunta de Galicia e o Feder segundo o establecido no anexo III a estas bases.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

i) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

j) No caso de proxectos seleccionados por aplicación do criterio de desempate relativo á implantación dun plan de igualdade deberá manterse implantado o dito plan durante o período de execución do proxecto.

k) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.

Artigo 15. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, o beneficiario deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberá conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegarse unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

c) Memoria de resultados que se deberá cubrir no formulario electrónico de liquidación, en que se expoñan co suficiente grao de detalle as accións desenvolvidas e resultados ou obxectivos acadados e situación do solicitante de axuda polo que se refire ao mercado/s obxectivo unha vez realizadas as accións.

d) No caso de concesión de axuda para accións de difusión das referidas no artigo 1.1.a.1) será necesario achegar copia de informe de execución onde consten os medios, datas das insercións e, se for o caso, fotos delas.

e) No caso de concesión de axuda para actuacións de promoción das referidas no artigo 1.1.b.1) será necesario achegar:

1) Copia de informe de execución (segundo modelo do anexo V).

2) No caso de gastos de viaxe: documentación para xustificar a orixe e destino de cada traxecto e as datas (tarxetas de embarque de ida e volta, ou billetes e/ou tíckets ou outra documentación que o xustifique).

3) No caso de gastos de aloxamento: documentación para xustificar o número de pernoitas (bono de reserva de aloxamento ou factura de xeito que quede demostrada a data do aloxamento).

f) No caso de concesión de axuda para actuacións de promoción das referidas no artigo 1.1.b.2) será necesario achegar:

1) Copia de informe de execución (segundo modelo do anexo V).

2) Os documentos citados no punto anterior e) 2 e e) 3 para a xustificación de gastos de viaxe e gastos de aloxamento de cada integrante das visitas de clientes á sede da empresa en Galicia.

g) No caso de concesión de axuda para a realización de accións e prospección de mercados das previstas no artigo 1.1.c), será necesario achegar copia do informe de execución asinado polo provedor en que se indique como mínimo: situación do solicitante da axuda –antes e unha vez realizada a acción– polo que se refire ao servizo contratado, servizos prestados e resultados. E, se for o caso, detalle das axendas elaboradas con identificación das contrapartes, lugar e datas das reunións realizadas.

h) Copia das tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.4 das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

i) No caso de gastos de envío de material promocional e mostras debe achegar –no caso de envíos fóra da UE– copia da documentación relativa ao contido do envío.

j) Cumprimento da obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 14.g) destas bases: fotografías do cartel na empresa (con plano xeral de localización e de detalle), imaxes do sitio da internet, de acordo co indicado no anexo III destas bases.

k) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso para as mesmas accións, que se deberá cubrir no formulario electrónico de liquidación.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario electrónico de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 14.e): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 7 para a presentación da documentación complementaria á solicitude. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo coa copia electrónica presentada.

6. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña expresamente a que o Igape solicite as certificacións, deberá achegalas xunto co resto da documentación xustificativa.

7. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 16. Aboamento das axudas

1. O aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización das accións subvencionadas e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación, ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

2. Os beneficiarios poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención total concedida, marcando esta opción na solicitude de cobramento, unha vez notificada a resolución de concesión e dentro do prazo indicado na resolución de convocatoria. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención.

O importe do anticipo non poderá exceder a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Exímese os beneficiarios da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009.

Artigo 17. Perda do dereito á subvención e reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento das accións subvencionadas, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non facilitar os datos requiridos sobre a actividade exportadora ou non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Cando, como consecuencia do incumprimento, o gasto subvencionable quede por debaixo do mínimo establecido nestas bases reguladoras para o acceso ás axudas ou supere os criterios para a determinación de incumprimento parcial establecidos no artigo 17.4.

g) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas e que de telas comunicado superasen os límites de minimis.

h) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 14.g) destas bases.

i) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

j) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión da axuda, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Se o incumprimento superase o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

Artigo 18. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 19. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 14, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf.

Artigo 20. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes do gasto será de tres anos, a partir do 31 de decembro seguinte ao do ano de presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación; o Igape informará da data de inicio a que se refire esta obriga, de acordo co disposto no artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, o Igape publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade. Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, o beneficiario da subvención está obrigado a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Artigo 22. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento, todo iso de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de Organismo Intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola Autoridade de Xestión dos programas operativos segundo o disposto no artigo 125, punto 2, artigo 140, puntos 3 a 5, e anexo XIII, punto 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013); Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014) e Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro de 2019).

b) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

d) A normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

e) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

f) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

g) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

h) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

i) No resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Requisitos de comunicación do financiamento público

Axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

Responsabilidade do beneficiario:

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Igape, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional do Igape e da Xunta de Galicia e a marca turística de Galicia e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

O formato que se utilizará é o seguinte:

PROXECTO COFINANCIADO POLO IGAPE, A XUNTA DE GALICIA E O FONDO EUROPEO DE DESENVOLVEMENTO REXIONAL DO PROGRAMA OPERATIVO 2014-2020

missing image file

2. Durante a realización do proxecto:

a) Breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, do proxecto, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia. Esta descrición estará dispoñible ata o pagamento da axuda.

Para cumprir con este requisito pode incluírse, integrado no espazo web da empresa, a seguinte imaxe:

missing image file

b) Colocar, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que se mencionará a axuda financeira do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio.

O formato que se deberá utilizar é o seguinte:

missing image file

Características técnicas para a exhibición do emblema da Unión e referencia ao Fondo:

De acordo co establecido no artigo 4 do Regulamento (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014:

1. O emblema da Unión deberá figurar en color nos sitios web. En todos os demais medios de comunicación, a cor utilizarase sempre que sexa posible.

2. O emblema será sempre claramente visible e ocupará un lugar destacado. A súa posición e tamaño serán os adecuados á escala do material ou documento empregados. En pequenos artigos de promoción non será obrigatorio facer referencia ao Fondo.

3. Cando o emblema da Unión e a referencia á Unión e ao Fondo correspondente se presenten nun sitio web serán visibles ao chegar ao dito sitio web, na superficie de visión dun dispositivo dixital, sen que o usuario teña que despregar toda a páxina.

4. O nome «Unión Europea» sempre aparecerá sen abreviar. O tipo de letra debe ser: arial, auto, calibri, garamond, trebuchet, tahoma, verdana ou ubuntu. Non se empregará a cursiva, o subliñado nin outros efectos. O corpo do tipo utilizado deberá ser proporcional ao tamaño do emblema e de xeito que non interfira. A cor do tipo será azul reflex, negro ou blanco, en función do contexto.

5. Se se exhiben outros logotipos ademais do emblema da Unión, este terá como mínimo o mesmo tamaño, medido en altura e anchura, que o maior dos demais logotipos.

Utilización do logotipo da Unión Europea:

O único logotipo válido é o formado polo emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea situada debaixo deste.

missing image file

Se ben, en toda comunicación relativa a fondos europeos deberase incorporar ademais unha referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Adicionalmente, empregarase o lema «Unha maneira de facer Europa».

ANEXO IV

Límites gastos de viaxe e aloxamento

Axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas) cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

Gastos máximos de viaxe subvencionables por persoa e por tramos de distancia entre país de orixe e o país ou países de destino (terase en conta só unha cidade de destino por país ou países obxecto da actuación).

Distancias cidade de orixe e destino

Importe ida

Importe volta

Entre 100 e 499 km

   90,00 €

   90,00 €

Entre 500 e 1.999 km

237,50 €

 237,50 €

Entre 2.000 e 2.999 km

280,00 €

 280,00 €

Entre 3.000 e 3.999 km

465,00 €

 465,00 €

Entre 4.000 e 7.999 km

510,00 €

 510,00 €

8.000 km ou máis

650,00 €

 650,00 €

Fonte límite: distancia desde a cidade de orixe á cidade de destino de celebración das accións calculada en quilómetros segundo o calculador establecido pola Comisión Europea para o aboamento dos desprazamentos en proxectos europeos.

http://ec.europa.eu/programmes/erasmus-plus/resources_en

Gastos máximos de aloxamento e almorzo subvencionables por persoa:

Fonte: per diem Comisión Europea. Detalle país en:

http://ec.europa.eu/europeaid/work/procedures/implementation/per_diems/index_en.htm

(tarifas publicadas a 24.7.2019). Nos per diem establécense límites máximos de aloxamento: 80 % do importe total indicado per diem.

ANEXO V

Informe de execución

Axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas) cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

Nº de expediente:

Solicitante:

Evento 1

Título do evento:

Evento incluído na solicitude da axuda (si/non):

Breve descrición do evento: (no caso de eventos novos non incluídos na solicitude da axuda: alcance do evento e interese para a empresa, mercados e sectores a que se dirixe, obxectivos concretos e resultados esperados).

Organizador:

Data de inicio:

Data de fin:

País de celebración:

Cidade de celebración:

Nome da persoa que viaxa:

Aloxamento:

• Nome do hotel:

• Data de entrada:

• Data de saída:

• Cidade hotel:

• Per diem país:

Fonte:

http://ec.europa.eu/europeaid/work/procedures/implementation/per_diems/index_en.htm

• Nº de pernoitas:

• Total aloxamento subvencionable:

Viaxe:

• Data de saída:

• Data de regreso:

• Cidade de orixe:

• Cidade de destino:

• Cidade de regreso:

• Distancia entre cidade de orixe e de destino: fonte:

http://ec.europa.eu/programmes/erasmus-plus/resources_en

• Gasto máximo subvencionable:

Alega gastos de construción de stand (si/non):

Fotos stand: (no caso de gastos de construción de stand, deben apreciarse, ademais, os elementos construídos para os que se solicita subvención):

Foto catálogo expositor: (parte que mostre o título do evento e o nome da empresa solicitante da axuda como expositora).

Alega gastos de envío de material promocional ou mostras (si/non):

Data de envío:

Alega gastos de elaboración de material promocional (si/non):

Fotos do material promocional:

Eventos ou accións promocionais en que difundiu o material promocional: