Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Mércores, 29 de xaneiro de 2020 Páx. 5778

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 9 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios) cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG421A).

BDNS (Identif.): 493003.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas os organismos intermedios empresariais de Galicia. Por organismos intermedios empresariais enténdense as asociacións empresariais, os consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas galegas, e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2016 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Enténdese por clúster empresarial, para os efectos destas bases, as agrupacións empresariais innovadoras que colaboren e desenvolvan plans de internacionalización en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que xestione a agrupación cluster.

Consideraranse, así mesmo, beneficiarias as empresas que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, e que teñan o seu centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia e que participen directamente nas accións subvencionadas e ás cales se imputará a axuda en minimis que lles corresponda segundo o gasto subvencionado.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto incentivar a posta en marcha de plans de internacionalización mediante a realización de accións de promoción no exterior de modo conxunto favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 9 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios) cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7814 e por un importe de 500.000 € con cargo ao exercicio 2020 e de 1.700.000 € con cargo ao exercicio 2021.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte á publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2020

Zeltia Lado Lago
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica