Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 2020 Páx. 5897

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 173/2019, do 26 de decembro, polo que se modifica o Decreto 204/2012, do 4 de outubro, polo que se crea o Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios.

O 26 de outubro de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 204/2012, do 4 de outubro, polo que se crea o Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (en diante, Regasa) co fin de desenvolver, na Comunidade Autónoma de Galicia, o disposto no artigo 2 do Real decreto 191/2011, do 18 de febreiro, sobre o Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos, que regula a excepción da obrigatoriedade de determinadas empresas de estaren inscritas no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos e a necesidade da existencia dun rexistro autonómico en que deberían incluírse todas aquelas empresas alimentarias exceptuadas de inscrición no rexistro nacional.

Conseguintemente, en cumprimento do citado mandato legal, o Decreto 204/2012, do 4 de outubro, no seu artigo 4 dispón que as empresas e establecementos alimentarios suxeitos a inscrición estarán constituídos por aqueles cuxas operacións económicas teñan a súa sede, domicilio, axencia ou exerzan a súa actividade comercial na Comunidade Autónoma de Galicia e cuxa actividade consista exclusivamente en manipular, transformar, envasar, almacenar ou servir alimentos para a súa venda ou entrega in situ á persoa consumidora final, con ou sen repartición a domicilio, ou a colectividades, así como cando estes abastezan outros establecementos destas mesmas características e se trate dunha actividade marxinal en termos tanto económicos como de produción respecto da realizada por aqueles, que se leve a cabo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

No seu parágrafo 2 dispón que non serán obxecto de asento no Regasa as empresas e establecementos alimentarios que teñan a obriga de estaren inscritos no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos, regulado polo Real decreto 191/2011, do 18 de febreiro, os locais ou establecementos de venda ambulante, como carpas, postos e vehículos de venta ambulante, establecementos de tempada, locais utilizados principalmente como vivenda privada, locais utilizados ocasionalmente para servir comidas e máquinas expendedoras.

Pasados máis de catro anos da creación do Regasa, e tras a experiencia acadada na súa xestión en relación coas persoas administradas na tramitación dos procedementos de comunicación de inicio de actividade para a inscrición e/ou modificación de datos no Regasa, e as dúbidas que a redacción actual suscita, considérase necesario clarexar e modificar o contido do número 2 do artigo 4 relativo ás empresas e establecementos alimentarios que están exceptuados da súa inscrición no Regasa.

Asemade, o dinamismo das actividades comerciais fai que a definición e clasificación das devanditas actividades, recollidas no anexo III do Decreto 204/2012, do 4 de outubro, co seu correspondente código de inscrición, teña que ser actualizada, ben modificando a descrición dalgún dos códigos existentes ou ben incorporando novos códigos e descricións á antedita lista para intentar abarcar todas as actividades ligadas a este tipo de establecementos. Neste sentido, no seu anexo III, punto A.1, agrupáronse baixo un determinado sistema de codificación as actividades comerciais que foron consideradas epígrafes xenéricas para o rexistro das actividades que desenvolven as distintas empresas ou establecementos alimentarios.

Ademais, para facilitar á cidadanía a tramitación das súas comunicacións previas, engádese a cada unha das actividades un campo de observacións en que se describen brevemente as actividades que quedan encadradas no seu código correspondente.

A modificación efectuada ten como finalidade última a protección da saúde pública e os intereses das persoas consumidoras finais mediante o exercicio pola Administración sanitaria das súas funcións de control e inspección, tanto sobre as empresas e establecementos sometidos á obriga de inscrición no Regasa como sobre o exercicio das súas actividades comerciais, entre as cales se atopan as fases específicas da cadea alimentaria (tales como manipulación de alimentos, fabricación ou elaboración) como da súa almacenaxe, distribución ou venda.

Por último, debe sinalarse que a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, concede unha atención especial á regulación da Administración electrónica. Na súa exposición de motivos alúdese a unha «Administración sen papel baseada nun funcionamento integramente electrónico» e no seu articulado recóllese tanto o dereito da cidadanía a comunicarse coas administracións públicas a través dun punto de acceso xeral electrónico da Administración como a obriga de determinados suxeitos de relacionarse coa administración a través de medios electrónicos. No seu articulado tamén se prevé a potestade da Administración para obrigar a outros suxeitos a relacionarse administrativamente a través de medios electrónicos.

Neste sentido, o artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, recolle que, regulamentariamente, as administracións poderán establecer a obriga de relacionarse con elas a través de medios electrónicos para determinados procedementos e para certos colectivos de persoas físicas que, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, quede acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

Por todo o anterior, é preciso modificar o Decreto 204/2012, do 4 de outubro, no que se refire á comunicación previa de inicio, modificación, ou cesamento de actividade das empresas e establecementos sometidos a inscrición rexistral, así como a comunicación de modificación de datos, que se realizará a través da Administración dixital co fin de adaptala á Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, oído o Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de decembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 204/2012, do 4 de outubro, polo que se crea o Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios

O Decreto 204/2012, do 4 de outubro, queda modificado nos seguintes termos:

Un. Engádese ao artigo 1 o seguinte parágrafo, que queda redactado como segue:

«Artigo 1. Obxecto

Os procedementos relacionados con este decreto son os que a continuación se relacionan: Comunicación de inicio da actividade para a inscrición no Rexistro Galego de Empresas e establecementos Alimentarios (código de procedemento SA550A) e Comunicación da modificación de datos no Rexistro Galego de Empresas e Establecementos Alimentarios (código de procedemento SA550B)».

Dous. O artigo 4.2 queda redactado como segue:

«Artigo 4. Empresas e establecementos alimentarios suxeitos a inscrición

2. Non serán obxecto de asento no Regasa:

a) As empresas e establecementos alimentarios que teñan a obrigación de estaren inscritos no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos, regulado polo Real decreto 191/2011, do 18 de febreiro.

b) Os locais ou establecementos de venda ambulante ou non sedentaria. Enténdese por venda ambulante ou non sedentaria, de conformidade co artigo 70.1 da Lei 13/2010, do 17 setembro, de comercio interior de Galicia, a realizada por comerciantes fóra dun establecemento comercial permanente de forma habitual, ocasional, periódica ou continuada, nos perímetros ou lugares debidamente autorizados en instalacións comerciais desmontables ou transportables, incluíndo os camións tenda.

c) Os locais utilizados ocasionalmente para servir comidas.

d) As máquinas expendedoras de alimentos.

e) Os centros, establecementos e servizos de atención farmacéutica e sanitaria».

Tres. O número 3 do artigo 6 queda redactado como segue:

«Artigo 6. Procedemento para a inscrición, modificación e cancelación rexistral das empresas e establecementos alimentarios

3. A comunicación previa de inicio da actividade económica das empresas e establecementos alimentarios obxecto de inscrición, así como a comunicación de modificación de calquera dos datos de información obrigatoria e de cesamento de actividade realizarase segundo os modelos recollidos nos anexos I e II, respectivamente, a través del portal https://sede.xunta.gal e dirixirase á autoridade competente en materia de sanidade de cada provincia en función do lugar en que a entidade teña establecido o seu domicilio social».

Catro. Engádese un artigo 7, que queda redactado como segue:

«Artigo 7. Presentación electrónica obrigatoria das comunicacións

1. As comunicacións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa comunicación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)».

Cinco. Engádese un artigo 8 que queda redactado como segue:

«Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación a seguinte documentación.

a) Xustificante acreditativo do pagamento da taxa de inscrición, modificación ou cesamento da actividade económica, segundo o caso.

b) Copia do documento acreditativo da representación, no caso de actuar mediante ela.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de xeito motivado o cotexo das copias presentadas polas persoas interesadas, para o que poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del».

Seis. Engádese un artigo 9, que queda redactado como segue:

«Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa comunicante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade comunicante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes».

Sete. Engádese un artigo 10 que queda redactado como segue:

«Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común».

Oito. Engádese un artigo 11, que queda redactado como segue:

«Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia».

Nove. Engádese un artigo 12, que queda redactado como segue:

«Artigo 12. Información básica sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Sanidade, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actuación da información e contidos da Carpeta cidadá.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

3. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

4. Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais».

Dez. Como consecuencia da incorporación dos novos artigos 7, 8, 9, 10, 11 e 12, cámbiase a numeración do artigo 7 (Réxime sancionador) por artigo 13 (Réxime sancionador).

Once. Suprímese a disposición adicional primeira.

Doce. Modifícanse os anexos I, II e III, que quedan redactados nos termos que figuran no anexo do presente decreto.

Disposición adicional única. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de decembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Asignación de número de identificación no Regasa

1) Un bloque de catro díxitos asignado en función da actividade que desenvolva conforme se recolle na táboa seguinte:

Código

Tipo de actividade

Descrición

9600

Obradoiro de panadaría e/ou pastelaría non industrial

Establecemento en que a actividade principal é a fabricación ou elaboración de pan, produtos de pastelaría, confeitaría, bolaría, repostaría e/ou masas fritas, cun ámbito de distribución local. Nesta epígrafe non se inclúen os establecementos ou instalacións en que se realiza unicamente a cocción final dos ditos produtos.

9603

Despacho de venda de pan e/ou pasteis

Establecemento en que a actividade principal é a venda de pan, produtos de pastelaría, confeitaría, bolaría, repostaría, e masas fritas, incluíndo outros produtos típicos do sector (tales como mazapáns, caramelos ou chocolates). Pode dispor de equipamento unicamente para a finalización dos ditos produtos precocidos.

9700

Prazas de abastos

Instalacións pechadas e normalmente cubertas, con ou sen servizos comúns, en que diversos/as comerciantes fornecen polo miúdo todo tipo de alimentos perecedoiros tales como carnes, peixes, froitas, verduras e/ou hortalizas.

9701

Produtos lácteos tradicionais (PLT)

Establecementos elaboradores de produtos lácteos tradicionais definidos no Decreto 125/1995, do 10 de maio, polo que se regula a elaboración de produtos lácteos a base de leite cru de vaca, considerados como produtos tradicionais, e se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias Elaboradas de Produtos Lácteos Tradicionais.

9801

Restauración comercial I

Establecementos en que se elaboran, fornecen, serven ou venden tapas, racións, petiscos, e/ou similares para ou seu consumo in situ ou para levar.

9802

Restauración comercial II

Establecementos que dispoñen de cociña e/ou comedor (restaurante, buffet-autoservizo, pratos combinados, servizo a domicilio, comida rápida, etc.) en que se elaboran alimentos para o seu consumo in situ ou para levar.

9803

Restauración social

Escolas, hospitais, residencias, albergues, centros asistenciais, empresas, etc. en que se elaboran alimentos para ou seu consumo in situ por unha colectividade.

9840

Depósitos de alimentos

Locais en que as entidades sen ánimo de lucro almacenan alimentos previamente á súa distribución.

9901

Hipermercados

Establecementos comerciais de venda polo miúdo en que se expenden todo xénero de artigos alimenticios, bebidas, produtos de limpeza, etc. e que funciona en réxime de autoservizo, de maior tamaño que un supermercado e situados xeralmente nas inmediacións das grandes cidades. Nesta epígrafe inclúense as actividades amparadas polos códigos 9603, 9914, 9915, 9916, 9917 e 9918, así como a elaboración de alimentos para levar incluídos no código 9802.

9902

Supermercados/ultramarinos

Establecementos comerciais de venda polo miúdo en que se expenden todo xénero de artigos alimenticios, bebidas, produtos de limpeza, etc. e que poden funcionar en réxime de autoservizo, incluída a venda a través de máquinas expendedoras. Nesta epígrafe inclúense as actividades amparadas polos códigos 9603, 9914, 9915, 9916, 9917 e 9918 así como a elaboración de alimentos para levar incluídos no código 9802.

9904

Instalación comercial automatizada

Establecemento en que se realiza a venda de produtos alimenticios exclusivamente a través de máquinas expendedoras e que non está vinculado a ningún outro tipo de establecemento alimentario inscrito no RXSEAA ou no Regasa.

9910

Carnizaría

Establecementos dedicados á manipulación, preparación e presentación e, no seu caso, almacenamento de carnes e miúdos frescos (refrixerados ou conxelados), con ou sen óso, nas súas diferentes modalidades (fileteado, cortado en anacos, picado, mechado e outras análogas, segundo se trate), así como, pero sen elaboración propia, de preparados de carne, produtos cárnicos (enteiros, partidos ou en rebandas) e outros produtos de orixe animal, para a súa venda ao/a consumidor/a nas dependencias propias destinadas a dito fin.

9911

Carnizaría- salchicharía

Establecementos dedicados á actividade de carnizaría, con elaboración en obradoiro anexo ou separado das dependencias de venda, pero pechado ao público, de preparados de carne (frescos, crus-adobados, etc.), e embutidos de sangue tales como as morcillas e a botifarra negra ou daqueloutros tradicionais que as autoridades competentes poidan determinar e autorizar. Así mesmo, inclúese a actividade de salgar touciño.

9912

Carnizaría- charcutaría

Establecementos dedicados á actividade de carnizaría, con elaboración en obradoiro anexo ou separado das dependencias de venda, pero pechado ao público, de produtos cárnicos, outros produtos de orixe animal e pratos cociñados cárnicos, ademais dos incluídos para as carnizarías-salchicharías.

9913

Peixaría

Establecemento en que a actividade principal é a venda polo miúdo de produtos da pesca.

9914

Froitaría

Establecemento en que a actividade principal é a venda polo miúdo de vexetais.

9915

Lambetadas

Establecemento en que a actividade principal é a venda de caramelos, lambetadas e/ou produtos similares.

9916

Herbodietética e/ou parafarmacias

Establecementos en que se realiza a venda de especies vexetais para infusións e/ou os seus derivados, complementos alimenticios, de nutrición deportiva ou de nutricosmética ou alimentos especiais.

9917

Comerciante polo miúdo de conxelados

Establecemento en que a actividade principal é a venda polo miúdo de alimentos conxelados.

9919

Punto de venda de complementos alimenticios

Establecementos en que a actividade principal non é a venda de alimentos e nos cales se vende algún tipo de complementos alimenticios, de nutrición deportiva ou de nutricosmética (tales como ximnasios, tendas de deporte, centros de beleza, etc.).

9920

Punto de venda de produtos alimenticios

Establecementos en que a actividade principal non é a venda de alimentos e nos cales se vende algún tipo de alimentos envasados, mesmo complementos alimenticios, de nutrición deportiva ou de nutricosmética ou de alimentación especial (tales como bazares, drogarías, etc.).

9928

Xeadarías

Establecementos en que a actividade principal é a fabricación, elaboración e/ou venda de xeados para ou seu consumo inmediato.

8888

Local intermedio de procesamento de caza maior silvestre

Superficie delimitada e específica en que se realicen as operacións de procesamento e inspección a que deben someterse as pezas de caza maior silvestre destinadas á subministración directa a locais de restauración, consumidor final ou a unha sala de tratamento de caza.