Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 2020 Páx. 5926

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 27 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento TR332A).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, do emprego e da formación e, a través do Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Economía, Emprego e Industria asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde pois, a esta Consellería para o exercicio de 2020, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego, do Programa nacional de reformas, do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE) e no eido da colaboración institucional e do diálogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

Mantendo os elementos nucleares que caracterizan desde a súa orixe os programas integrados para o emprego, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, desenvolveu unha adaptación do programa estatal de programas experimentais en materia de emprego, introducindo unha serie de modificacións tendentes a reducir os custos dos proxectos, a posibilitar o acceso dun maior número de persoas desempregadas beneficiarias, establecer colectivos de actuación específicos e garantir a prestación ás persoas participantes de medidas de mellora da empregabilidade. Desta maneira, configúrase un programa autonómico nesta materia que a Xunta de Galicia incluirá no Plan anual de política de emprego (PAPE) para 2020.

Esta nova regulamentación autonómica é posible á vista do novo enfoque que dá ao deseño e á xestión das políticas activas de emprego o número 3 do artigo 36 do texto refundido da Lei de emprego, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, do que resulta que as comunidades autónomas están habilitadas para deseño e execución de novos programas e servizos de políticas activas de emprego adaptadas ás peculiaridades e características dos seus mercados de traballo locais que, en todo caso, deberán preverse no respectivo Plan anual de política e emprego (PAPE) e integrarse nalgún dos eixos establecidos no artigo 10.4, do texto refundido da Lei de emprego. Estes requisitos e condicións cúmprense no presente caso.

O desemprego é un importante factor de vulnerabilidade das persoas, xa que un período continuado nesta situación pode dar lugar non só a exclusión do mercado laboral, senón que tamén pode supoñer un elevado risco de exclusión social das persoas pertencentes aos colectivos máis desfavorecidos.

Na actualidade resulta esencial a colaboración entre o Servizo Público de Emprego de Galicia, as corporacións locais e as entidades sen ánimo de lucro, co fin de mellorar a posta en marcha de accións e medidas de políticas activas de emprego para lograr unha maior empregabilidade das persoas en situación de desemprego.

Por outra banda, e de conformidade co Acordo do Consello da Xunta de Galicia de 28 de febreiro de 2013, polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da comunidade autónoma, para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, esta orde establece criterios de valoración específicos para este fin.

Así mesmo, valorarase que os concellos se acollan á iniciativa Doing Business Galicia. Trátase dun protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias, co obxectivo de fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia.

Dáse tamén cumprimento con esta orde ao programa “Emprega en feminino” do Goberno galego elevado ao Consello da Xunta de Galicia do 8 de xuño de 2017, e que ten como obxectivo básico incrementar a taxa de emprego feminino e a mellora da empregabilidade das mulleres. Así, resérvanse especificamente 2.000.000,00 euros do total do importe convocado para o financiamento de programas integrados dirixidos exclusivamente a mulleres desempregadas co obxecto de que reciban atención específica para súa incorporación ao mercado laboral.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e do artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001. A concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitada e suficiente no momento da resolución.

O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos das aplicacións 09.41.322A.460.3 e 09.41.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00583) do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, polos importes de 500.000,00 e 2.020.000,00 euros respectivamente na anualidade de 2020 e 1.166.666,67 e 4.713.333,33 respectivamente, na anualidade de 2021, correspondentes a fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

En consecuencia, consultados o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias e, obtidos os informes favorables da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Intervención Xeral e autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do día 19 de decembro de 2019 a concesión de anticipos, así como o seu carácter plurianual, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. As subvencións reguladas na presente orde terán por obxecto o financiamento de programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego (código de procedemento TR332A) con intermediación laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e durante un período de 12 meses.

2. Enténdese por programas integrados de emprego con intermediación laboral aqueles proxectos que desenvolvan con carácter obrigatorio as seguintes accións:

a) Información, orientación e asesoramento.

b) Formación transversal en novas tecnoloxías e/ou idiomas.

c) Técnicas de coaching, intelixencia emocional, e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea.

d) Habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista.

e) Fomento da capacidade emprendedora.

f) Prospección empresarial.

g) Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes.

h) Formación para o emprego, distinta á prevista na letra b). A formación estará dirixida a obtención de, polo menos, un certificado de profesionalidade.

O total de horas formativas que se lles deberá ofertar ás persoas demandantes que formen parte do programa deberá ser, como mínimo, de 300 horas. Os datos relativos a esta formación e á mencionada na letra b) deberán ser facilitados ao servizo xestor das axudas ben pola entidade beneficiaria ben polas entidades que impartan a formación, segundo o procedemento que se estableza nas instrucións que se publicarán na web institucional.

i) Prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, preferentemente, co contido teórico práctico das accións formativas. O número mínimo de persoas demandantes que deberán levar a cabo as prácticas é de 15, non contabilizando neste número as que realizan o módulo de prácticas do certificado de profesionalidade obrigatorio.

j) Obradoiros sobre mobilidade laboral que proporcionen información dos recursos dispoñibles de mobilidade transnacional no territorio da Unión Europea (rede Eures) así como outros que informen as persoas usuarias das posibilidades de inserción laboral ao ampliar o ámbito xeográfico de busca de emprego fóra do concello de residencia.

De non desenvolver algunha das accións anteriores deberá xustificarse de xeito motivado.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos das aplicacións 09.41.322A.460.3 e 09.41.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00583) do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, polos importes de 500.000,00 e 2.020.000,00 euros respectivamente na anualidade de 2020 e 1.166.666,67 e 4.713.333,33 respectivamente, na anualidade de 2021, correspondentes a fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

2. A concesión das axudas ou subvencións estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución para os efectos do disposto no artigo 25. 2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 3.3 da Orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, na súa redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001.

3. A contía máxima, así como a distribución entre créditos orzamentarios, poderán ser obxecto de modificación nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As modificacións que, de ser o caso, se produzan por aplicación desta alínea serán obxecto da oportuna publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia

1. Distínguense os dous seguintes tipos de Programas:

A) Programas integrados destinados exclusivamente a mulleres de calquera dos colectivos especificados na seguinte alínea.

B) Programas integrados destinados a persoas desempregadas pertencentes aos seguintes colectivos prioritarios:

a) Persoas con discapacidade.

b) Persoas en risco de exclusión social e as persoas beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia.

c) Mulleres coa condición de vítimas de violencia de xénero.

d) Persoas menores de 30 anos con baixa cualificación.

e) Persoas menores de 30 anos cualificadas.

f) Persoas maiores de 45 anos.

g) Persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia non incluídas na letra b).

h) Persoas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción.

i) Persoas desempregadas como consecuencia dun expediente de regulación de emprego de carácter extintivo, presentado nos doce meses anteriores á publicación desta orde.

j) Mulleres.

k) Persoas desempregadas de longa duración.

l) Persoas inmigrantes.

m) Persoas desempregadas non incluídas en ningún dos grupos anteriores.

Todas as persoas participantes neste tipo de programas deberán ser persoas en situación de desemprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

O número de persoas a atender será de 100. O obxectivo de inserción laboral deberá ser, polo menos, do 35 % das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do programa.

2. O Servizo Público de Emprego de Galicia seleccionará, coa participación da entidade beneficiaria, e mediante un procedemento de selección específico para estes programas regulado mediante instrución, as persoas demandantes de emprego dispoñibles para a súa incorporación a eles.

As persoas finalmente seleccionadas serán identificadas polo Servizo Público de Emprego de Galicia e non poderán participar, simultaneamente, noutras medidas activas de emprego que se consideren incompatibles coa participación no programa integrado.

3. Con carácter xeral, consideraranse persoas atendidas aquelas en que se acredite a súa participación en, cando menos, cinco sesións individuais (sesións de orientación, información, asesoramento e preparacións de entrevistas), e outras tres accións de distinta natureza, das previstas no proxecto. Estas sesións deberán ser distribuídas regularmente ao longo do período de desenvolvemento das accións do programa.

4. De xeito xenérico, considerarase inserción laboral das persoas atendidas cando, durante o prazo de 12 meses de execución do programa, sexan contratadas por conta allea por unha duración non inferior a tres meses ou inicien, durante este mesmo prazo ou dentro dos tres meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como persoas socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, por unha duración non inferior a seis meses.

5. Non computarán como inserción laboral:

a) As contratacións que se produzan en calquera Administración pública ou empresa pública, con cargo a subvencións de programas de políticas activas de emprego.

b) A contratación das persoas participantes nos programas da propia entidade beneficiaria da subvención.

c) As bolsas ou prácticas non laborais, aínda que sexan remuneradas e dean lugar a unha alta na Seguridade Social.

d) Contratos de interese social subvencionados a través de programas de cooperación con entidades locais ou entidades sen ánimo de lucro nin os contratos para a formación e o aprendizaxe subvencionados a través dun programa mixto de formación e emprego (obradoiros de emprego).

e) A contratación en calquera empresa mediante a modalidade de contrato indefinido fixo-descontinuo con data de inicio anterior ao comezo do programa, así como os sucesivos chamamentos que se derivasen del.

f) Insercións que se produzan nos seguintes 15 días naturais á selección da persoa demandante.

Artigo 4. Entidades beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados nesta orde:

a) Os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2019 superior a 500 persoas no ámbito territorial do proxecto, entendendo como tal o territorio do concello solicitante ou, se é o caso, a suma dos territorios dos concellos limítrofes que concorran agrupados.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, a tres concellos limítrofes da mesma provincia, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

b) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

c) As entidades mencionadas nos parágrafos anteriores, non poderán ser beneficiarias das axudas establecidas nesta orde cando teñan a condición de axencia de colocación e perciban como tales financiamento público a través de contratos, subvencións, axudas, convenios ou calquera outro instrumento xurídico destinado a promoción da inserción laboral para o mesmo ámbito territorial e período temporal.

d) Para poder ser beneficiarias das axudas as entidades deberán facer constar na epígrafe de recursos humanos que contarán, cando menos, cunha persoa ao 60% de imputación (dunha xornada completa) na data de inicio que figure no anexo de resolución. Esta esixencia implica que desde o momento da concesión da subvención a entidade ten que contar cun mínimo dun efectivo coa imputación mencionada anteriormente, capaz de levar a cabo a selección de persoas demandantes e unha vez seleccionadas poñer en marcha o resto das accións do programa nun prazo máximo de tres meses contado desde a data de inicio que figure no anexo de resolución.

En ningún momento as persoas demandantes poden estar desatendidas a espera de que a entidade seleccione e contrate persoal específico para levar a cabo o Programa. O efectivo anteriormente mencionado manterá a súa imputación como mínimo ata o momento, se é o caso, da contratación de persoal específicamente contratado para o programa.

2. Para os efectos de lograr unha mellor e máis ampla distribución do importe da convocatoria, unha mesma entidade non poderá presentar máis dunha solicitude.

3. Todas as entidades que non foran beneficiarias nos últimos 5 anos de programas integrados de emprego ou lanzadeiras de emprego de Galicia concedidas ao abeiro da Orde do 18 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de lanzadeiras de emprego de Galicia durante os anos 2016-2017, deberán acreditar experiencia, durante un mínimo de 1 ano dentro dos 5 anos anteriores a data de publicación desta orde, na realización de accións dirixidas ao acompañamento ás persoas en situación de desemprego en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia.

4. Non poderán ser entidades beneficiarias aquelas en que concorra algunha das causas expresadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Será requisito para a concesión da subvención que a entidade local solicitante ou entidades locais no caso de solicitudes presentadas por agrupación de concellos cumprisen co súa obriga de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio a que estean obrigadas.

Artigo 5. Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e que fai constar os extremos seguintes:

Cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, incluído o de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Que a entidade local solicitante ou entidades locais no caso de solicitudes presentadas por agrupación de concellos cumpriron coa súa obriga de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio ao que estean obrigadas.

Conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

A declaración do emprego da lingua galega na realización da totalidade das accións do programa integrado para o emprego, no caso de marcar este recadro no anexo I da solicitude.

A veracidade da documentación presentada xunto coa solicitude. A entidade solicitante terá a obriga de presentar ante a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral a documentación acreditativa dos extremos aos que se refire a declaración responsable, se se lle solicita.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do proxecto, no modelo que se publica como anexo II, que constará dun máximo de 50 páxinas e que deberá facer referencia, de xeito obrigatorio, aos seguintes aspectos:

No suposto de que se tratase dun programa tipo A) dirixido, exclusivamente, a mulleres (artigo 3), deberá aparecer reflectido na primeira liña da memoria especificando textualmente: “programa integrado tipo A dirixido exclusivamente a mulleres”.

Descrición do proxecto, que inclúa unha enumeración detallada de cada unha das accións que o compoñen.

Cronograma completo do proxecto indicando a data de inicio e fin prevista de cada unha das accións propostas.

Actividades, sectores e ámbito territorial en que se pretende actuar. Para o caso de que o programa inclúa a atención de colectivos procedentes de expedientes de regulación de emprego de carácter extintivo, deberán detallarse a/as empresa/s afectada/s e a forma de selección e perfil do colectivo a atender.

Relación actual de medios materiais e recursos humanos propios de que dispón a entidade solicitante en que se especifiquen as condicións daqueles, con indicación dos que se van afectar para levar a cabo as accións propostas.

Cando os medios materiais destinados ao proxecto non sexan propiedade da entidade promotora, deberá acreditarse, no momento de formalizar a solicitude, a súa disposición de uso.

Un documento co resumo detallado de todos os aspectos da memoria que lles afectan ás persoas demandantes: listaxe das accións que teñen previsto levar a cabo, aspectos innovadores do programa, dereito a percibir unha bolsa por asistencia ás accións do programa, existencia de medidas de conciliación se as houber, obrigatoriedade da realización de cuestionarios de satisfacción de todas as accións, etc. Este resumo coincidirá co exposto na memoria explicativa e incluirá os datos de contacto tanto da entidade coma do Servizo de Programas Mixtos e deberá ir asinado pola persoa responsable do programa.

Experiencia da entidade solicitante en actuacións de acompañamento da inserción laboral e mellora da ocupabilidade das persoas demandantes de emprego (so deberá especificarse no caso de que a entidade solicitante non fora beneficiaria nos últimos 5 anos de programas integrados de emprego ou lanzadeiras de emprego de Galicia concedidas ao abeiro da Orde do 18 de xullo de 2016). A entidade deberá acreditar dita experiencia durante un mínimo de 1 ano dentro dos 5 anos anteriores a data de publicación desta orde.

Se é o caso, documentación acreditativa de adhesión ao convenio Doing Business Galicia mediante certificado conxunto da Fegamp e da Xunta de Galicia, expedido con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, en que se acredite a proposta de habilitación do concello como “Concello Emprendedor-Concello Doing Business” ou diploma en que se acredita como “Concello Emprendedor-Concello Doing Business”.

b) Documentación acreditativa da personalidade xurídica da entidade solicitante mediante copia da escritura de constitución e dos estatutos da entidade solicitante, onde conste que dispón de personalidade xurídica e carece de fins lucrativos. Quedan exceptuadas da presentación destes documentos as entidades locais recollidas no artigo 4, agás que concorran en agrupación de concellos constituída a través dun convenio de colaboración, suposto en que deberán achegar copia do devandito convenio.

c) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta, onde se determine dita representación.

d) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: copia do convenio de colaboración, memoria explicativa da realización conxunta do proxecto con indicación das achegas económicas e doutra índole dos concellos agrupados, o importe da subvención aplicable a cada un deles, así como o nomeamento da persoa representante ou apoderada única da agrupación, de acordo co esixido no artigo 8.3 in fine da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais cada un dos concellos da agrupación deberá presentar unha declaración, asinada pola persoa representante legal de cada un deles, en que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais segundo o modelo que se xunta como anexo V.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos así como o número de expediente.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultarase automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Certificacións de estar ao día das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento débedas coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) DNI/NIE da persoa que en nome e representación da entidade solicita a concesión da subvención.

d) DNI/NIE da/s persoa/s que xestiona/n as accións do programa.

e) DNI/NIE, certificación de residencia e vida laboral das persoas demandantes participantes no programa integrado.

f) Certificacións de alta na Seguridade Social do persoal que realizará as accións do programa.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado nos anexos I, III e IV.bis, e achegar os ditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Procedemento, competencia e resolución

1. Para a concesión das axudas teranse en conta os principios de publicidade, igualdade, concorrencia competitiva, non discriminación e obxectividade, que se regulan conforme a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas Mixtos da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

3. Se do exame do expediente se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, requirirase á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende o erro ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, considerarase desistida da súa petición, previa resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21, da Lei 39/2015 de 1 de outubro, de conformidade co establecido no artigo 68 da mesma lei.

4. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á Comisión de Valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes.

Para estes efectos, a Comisión de Valoración estará composta pola persoa titular da Subdirección Xeral de Orientación Laboral, a persoa titular da xefatura do Servizo de Programas Mixtos e unha persoa funcionaria adscrita ao dito servizo, que actuará como secretaria.

Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.

5. O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de Valoración xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria. A notificación da resolución favorable comportará a aceptación da axuda, agás que nos 10 días hábiles contados desde o día seguinte ao da notificación a entidade beneficiaria manifeste expresamente a súa renuncia.

6. Do importe total máximo convocado destinaranse prioritariamente os importes de 1.000.000,00 euros do subconcepto orzamentario 460.3 (entidades locais), e 1.000.000,00 euros do subconcepto orzamentario 481.3 (entidades sen ánimo de lucro) para o financiamento de programas integrados dirixidos exclusivamente a mulleres desempregadas. Se as solicitudes presentadas que acaden a puntuación mínima non esgotan o crédito reservado nesta alínea, o crédito sobrante aplicarase á concorrencia competitiva entre o resto de solicitudes. No caso de que o crédito reservado non sexa abondo para atender a todas as solicitudes presentadas que reúnan as características recollidas na presente alínea, adxudicaríase o crédito reservado por orde de puntuación e as non atendidas pasarían a concorrer co resto de solicitudes de acordo coa puntuación acadada.

7. A resolución e a notificación deberanse producir nun prazo de tres meses, que se contará desde o día seguinte ao do remate do prazo para a presentación de solicitudes. Deberase ter en conta o disposto nos artigos 40 e 42 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

8. A resolución que finaliza os procedementos regulados na presente orde esgota a vía administrativa polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Potestativamente, con anterioridade á interposición do antedito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, se dito acto for expreso; se non o for, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Todo o anterior é sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e doutros posibles interesados.

9. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, da contía e da finalidade no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Economía, Emprego e Industria e nos rexistros de subvencións, de acordo co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, e na Lei 9/2007 do 13 de xuño.

10. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

11. De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención da proposta de resolución sexa inferior á que figura na solicitude presentada, o órgano instructor poderá instar os beneficiarios para que reformulen as súas solicitudes para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable. No caso de aceptaren, concederase un prazo de dez días para que remitan a reformulación das súas solicitudes que, en todo caso, deberán respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Criterios de valoración dos programas

1. A concesión das subvencións previstas na presente orde realizarase conforme os seguintes criterios:

A. Para todas as solicitudes:

a. As características dos colectivos que hai que atender, tendo en conta as especiais dificultades da súa inserción laboral (puntuación máxima: 8 puntos):

Os colectivos que hai que atender valoraranse segundo a pertenza aos seguintes grupos de persoas desempregadas:

Grupo A:

– Persoas con discapacidade.

– Persoas beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia e persoas en risco de exclusión social.

– Mulleres coa condición de vítimas de violencia de xénero.

– Menores de 30 anos con baixa cualificación.

Grupo B:

– Menores de 30 anos (non incluídos no grupo A).

– Persoas desempregadas maiores de 45 anos.

– Persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia (non incluídas no grupo A).

– Persoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción.

– Persoas desempregadas como consecuencia dun expediente de regulación de emprego de carácter extintivo, presentado nos doce meses anteriores á publicación desta orde.

– Mulleres (non incluídas no grupo A).

– Persoas desempregadas de longa duración.

– Persoas inmigrantes.

Grupo C:

– Persoas desempregadas non incluídas en ningún dos grupos anteriores.

A puntuación neste epígrafe obterase da seguinte forma:

No suposto de que todas as persoas usuarias do programa pertenzan a colectivos salientados nun mesmo grupo dos sinalados anteriormente:

– Colectivos grupo A: 8 puntos. Colectivos grupo B: 6 puntos. Colectivos grupo C: 4 puntos.

No suposto de que as persoas usuarias do programa pertenzan a colectivos salientados en distintos grupos dos sinalados: obterase, en primeiro lugar, a puntuación parcial que corresponde proporcionalmente, polas persoas usuarias pertencentes aos colectivos de cada un dos grupos. Sumaranse as puntuacións parciais resultantes da aplicación da regra proporcional en cada grupo e obterase, desta forma, a puntuación total definitiva nesta epígrafe.

No suposto de que o programa estea dirixido, exclusivamente, a mulleres (artigo 3.A), obterase a puntuación total tendo en conta o colectivo a que pertence cada unha delas, de acordo coa puntuación explicitada nos colectivos mencionados neste artigo.

b. A participación no proxecto do tecido empresarial existente no territorio en que se implantará o plan. Para tal efecto, acreditarase documentalmente a participación de empresas no plan mediante cartas de compromisos dos seus representantes legais. Para poder ser valoradas deben constar, de forma específica na carta de compromiso, as accións de entre as relacionadas no artigo 1.2 nas que se concreta a súa posible participación nese proxecto e xustificarase na memoria explicativa do proxecto que as accións propostas e a finalidade do plan se axustan ás necesidades das empresas participantes (puntuación máxima: 5 puntos).

c. Recursos humanos e materiais, propios, axeitados para a atención aos colectivos correspondentes e accións propostas para a execución do programa (puntuación máxima: 6 puntos):

c.1 Nos recursos humanos, as entidades deberán contar, polo menos, cunha persoa ao 60% de imputación (en cómputo de xornada completa) de acordo co explicitado no artigo 4.1.d e valorarase ata un máximo de 2 puntos a ratio resultante de dividir o número de persoas demandantes para atender entre o persoal propio da entidade dedicado ao programa, sempre que a dita dedicación sexa superior ao 50 % da xornada* (nº de persoas demandantes/nº persoas dedicadas ao proxecto):

– 10 ou menos: 2 puntos

– Entre 11 e 15: 1,75 puntos

– Entre 16-20: 1,50 puntos

– Entre 21-30: 1,25 puntos

– Entre 31-40: 1 punto

– Máis de 40: 0 puntos

*No suposto de imputación de gastos correspondentes a presidentes, directores xerais, xerentes ou similares non se poderá superar o 30% dos seus gastos salariais e de Seguridade Social.

O límite máximo de persoas imputadas economicamente ao programa integrado de emprego será de 15 (persoal propio ou contratado especificamente para o programa).

c.2 Nos recursos materiais, valorarase ata un máximo de 4 puntos a calidade das instalacións, medios e sistemas propios da entidade para o desenvolvemento do programa. Non se computarán recursos en réxime de aluguer.

Os gastos de adquisición ou disposición dos recursos materiais propios ofrecidos pola entidade solicitante para a súa valoración ao abeiro da presente epígrafe non serán admitidos como xustificación para o cálculo do importe aboable en concepto de subvención.

d. Os obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes que atender, sempre que sexan superiores aos mínimos establecidos no artigo 3. Non se outorgará puntuación nesta epígrafe ás entidades solicitantes que incumpriran o obxectivo de inserción comprometido en dúas ou máis ocasións dentro das últimas 5 convocatorias para as que estea dispoñible este dato (puntuación máxima: 5 puntos):

d.1 A puntuación obterase tendo en conta a seguinte escala:

– 36 %: 0,5 puntos

– 37 %: 1 punto

– 38 %: 1,5 puntos

– 39 %: 2 puntos

– 40 %: 2,5 puntos

– 41 %: 3 puntos

– 42 %: 3,5 puntos

– 43 %: 4 puntos

– 44 %: 4,5 puntos

– 45 % ou máis: 5 puntos

d.2 Exclusivamente para o caso no que a totalidade dos colectivos que se van atender no programa solicitado pertenzan ao grupo A do punto 1 deste artigo e en atención ás maiores dificultades de inserción laboral destes, a escala será a seguinte:

– 36 %: 1 punto

– 37 %: 2 puntos

– 38 %: 3 puntos

– 39 %: 4 puntos

– 40 % ou máis: 5 puntos

e. O maior esforzo investidor da entidade solicitante no financiamento total do proxecto, sempre que o cofinanciamento sexa superior ao 10 % (puntuación máxima: 4 puntos):

– 11 %: 0,25 puntos

– 12 %: 0,50 puntos

– 13 %: 1 punto

– 14 %: 1,25 puntos

– 15 %: 1,50 puntos

– 16 %: 2 puntos

– 17 %: 2,5 puntos

– 18 %: 3 puntos

– 19 %: 3,5 puntos

– 20 % ou máis: 4 puntos

f. A experiencia acreditada, nos últimos cinco anos, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego ou lanzadeiras de emprego de Galicia (Orde do 18 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de lanzadeiras de emprego de Galicia durante os anos 2016-2017), subvencionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia: ata un máximo de 5 puntos se a valoración é positiva e ata -5 se é negativa.

Valoraranse os resultados de inserción acadados pola entidade en relación coas porcentaxes previamente comprometidas.

Puntuarase o resultado das visitas de seguimento realizadas.

g. Características técnicas do programa integrado que se vai desenvolver (puntuación máxima 7 puntos), valorándose os seguintes aspectos:

Metodoloxía que se vai aplicar e relación cos resultados de inserción previstos, será valorado cun máximo de 4 puntos.

Existencia de sistemas adecuados de seguimento das persoas participantes. Puntuarase a descrición dos perfís profesionais das persoas demandantes e o deseño do itinerario de inserción laboral en función do perfil. Valorarase a utilización dunha aplicación informática na que consten todas as actuacións que se fagan coas persoas usuarias ao longo do programa: sesións de orientación realizadas, cursos e obradoiros en que participaron, entrevistas de selección en que participaron, contactos con empresas para o envío de CV, etc... Así mesmo, puntuarase a realización de cuestionarios de avaliación cubertos por todas as persoas participantes que recollan a súa opinión sobre as seguintes accións do programa: orientación (1 cuestionario por cada sesión), formación (1 cuestionario por cada curso ou obradoiro) e prácticas profesionais (1 cuestionario por cada período de prácticas, sempre que sexa en distintas empresas). Esta epígrafe será valorada cun máximo de 3 puntos.

h. Carácter innovador do programa (puntuación máxima: 10 puntos); valoraranse os seguintes aspectos:

A utilización das novas tecnoloxías: puntuarase cun máximo de 2 puntos.

Existencia de medidas de conciliación da vida familiar e laboral. No caso de que a entidade se comprometa a implementar estas medidas deberá achegar, xunto coa memoria, un texto informativo en que detalle os pormenores destas, que será entregado debidamente asinado ás persoas demandantes no momento da selección. Puntuarase cun máximo de 2 puntos.

Presentación dun proxecto innovador en relación co perfil dos colectivos que se van atender ou coas características das accións que se desenvolverán no proxecto presentado. Puntuarase cun máximo de 2 puntos.

A impartición de formación acreditada con certificados de profesionalidade cando exceda a impartición dun certificado: 4 puntos de acordo coa seguinte gradación:

– Impartición dun módulo a maiores dun certificado ou formación en competencias clave: 1 punto.

– Impartición de dous ou mais módulos: 2 puntos.

– Imparticion dun certificado adicional completo: 4 puntos.

i. Concellos que teñan a condición de “Concello emprendedor-Concello Doing Business” acreditado segundo o disposto no artigo 6.1.a): 20 puntos. No caso de que o proxecto estea promovido por unha agrupación de concellos baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade,...) outorgarase a puntuación en función da porcentaxe de concellos que teñan tal condición.

B. Proxectos presentados por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal nos 10 anos anteriores á data de publicación da orde: 30 puntos. A puntuación desta epígrafe é incompatible coa puntuación da epígrafe C posterior.

C. Para as solicitudes presentadas conxuntamente por agrupacións de concellos baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade....) agás a fusión de concellos:

a. Pola mera presentación da solicitude conxunta: 10 puntos.

b. Segundo a poboación total de persoas desempregadas do seu ámbito territorial conxunto: ata 10 puntos. A puntuación desta epígrafe obterase da seguinte forma:

Media de paro no ano 2019 superior ás 2.000 persoas : 10 puntos.

Media de paro no ano 2019 superior ás 1.000 persoas e non superior a 2000 : 5 puntos.

Media de paro no ano 2019 igual ou inferior ás 1.000 persoas: 0 puntos.

2. Serán rexeitadas aquelas solicitudes conxuntas en que non resulte acreditada a realización conxunta do programa integrado de emprego e que supoñan actuacións independentes de cada entidade local.

3. A valoración mínima para a consecución da condición de entidade beneficiaria debe ser de 22 puntos, dos cales 11 deberán corresponder ás epígrafes de características técnicas e carácter innovador.

4. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas, terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos. No caso de que se manteña o empate concederase a axuda atendendo á orde de presentación da solicitude.

Artigo 13. Contía das subvencións

A contía máxima da subvención que se concederá será de 2.500 euros por cada persoa desempregada participante.

Ademais, establecerase na resolución de concesión unha redución no importe total da subvención se non se conseguen os obxectivos previstos. Esta redución calcularase en función das persoas demandantes de emprego inseridas e atendidas, de acordo coa seguinte fórmula:

– Factor inseridos: 0,70 (70 % do total da subvención).

– Factor atendidos: 0,30 (30 % do total da subvención).

Importe total da subvención = (custo persoa inserida * nº persoas inseridas) + (custo persoa atendida * nº de persoas atendidas).

2. En ningún caso, o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou de outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante.

3. As axudas reguladas pola presente orde serán incompatibles con calquera outra que financie as mesmas actividades que se recollan na memoria explicativa do programa integrado de emprego presentada coa solicitude da subvención.

Artigo 14. Gastos imputables

1. Serán gastos imputables unicamente os producidos en centros situados na Comunidade Autónoma de Galicia. A subvención determinada na resolución destinarase a cubrir os gastos efectivamente realizados pola entidade relativos:

a) Aos custos salariais e de Seguridade Social do persoal necesario para levar a cabo as accións do programa, tanto persoal propio da entidade como aqueloutro que se contrate específicamente para a execución do programa. No caso de persoal propio da entidade, esta imputación computará as partes proporcionais do tempo efectivamente dedicado ao proxecto, tendo en conta que a citada imputación non poderá superar o 80 %, coa excepción dos presidentes, directores xerais, xerentes ou similares, que só poderán imputar un máximo dun 30% dos seus gastos salariais e de Seguridade Social. Deberá quedar xustificación documental abondo da actuación que se subvenciona e do tempo de dedicación á dita actuación.

b) Ás retribucións correspondentes a persoas traballadoras por conta propia contratadas exclusivamente para impartir formación. O custo subvencionado por esta formación deberá axustarse ás condicións normais de mercado e nunca poderá exceder o tope máximo de 8 euros por alumno/a por hora de formación presencial ou 5 euros por alumno/a por hora de formación a distancia ou teleformación.

O número máximo de persoas (persoal propio da entidade, contratado especificamente para o programa e persoas contratadas por conta propia como formadoras) que se poderá imputar económicamente será de 15 persoas.

A contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social sen superar os 35.000 euros por persoa traballadora, para unha dedicación laboral do 100% ao programa a xornada completa e correspondente a 14 pagas. No caso das persoas traballadoras por conta propia contratadas polo beneficiario como formadoras o importe imputado corresponderase co da factura emitida pola formación prestada.

c) Aos gastos de axudas de custo e desprazamento do dito persoal. Para a imputación destes gastos observarase o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

d) Ás bolsas de asistencia ás persoas demandantes:

Todas as persoas demandantes que participen no programa integrado de emprego terán dereito a percibir unha bolsa consistente en 7 euros por día de asistencia as accións do programa. Para acreditar a asistencia ás ditas accións a entidade beneficiaria da subvención presentará unha xustificación, por cada unha das persoas que xeren este dereito, consistente nunha ficha de control de accións en que constarán os seguintes datos:

– Datos identificativos da entidade e da persoa demandante.

– Denominación da acción, lugar e datas de realización.

– Sinaturas da persoa responsable do programa e da persoa demandante.

As bolsas faranse efectivas de xeito mensual e as persoas demandantes deberán asistir e seguir con aproveitamento as accións que dan dereito a cobrar as bolsas. Constituirán causa de exclusión do dereito ao cobramento:

– Incurrir en máis de tres faltas de asistencia non xustificadas ao mes no caso das accións formativas.

– Non seguir con aproveitamento a acción formativa.

– Dificultar o normal desenvolvemento da acción formativa, das sesións de orientación ou das prácticas non laborais.

– A falta de respecto ou consideración coas persoas coas que interactúe nas accións do programa integrado de emprego.

– A utilización de forma inadecuada das instalacións e equipamentos do centro ou entidade en que se leven a cabo as accións do programa.

– Calquera outra que poida constar no regulamento de funcionamento da entidade beneficiaria.

e) Aos gastos de subcontratación de formación:

e.1) Entenderase por subcontratación os gastos derivados da contratación de medios externos dirixidos á formación das persoas desempregadas participantes no programa. Cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación, deberán cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e.2) Poderá ser obxecto de subcontratación unicamente as actividades de formación do programa, e o importe subcontratado non poderá superar o límite do 30 % do custo total final da actividade subvencionada. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non proporcionen valor engadido ao seu contido.

e.3) O custo subvencionado por formación subcontratada deberá axustarse ás condicións normais de mercado e nunca poderá exceder o tope máximo de 8 euros por alumno/a por hora de formación presencial ou 5 euros por alumno/a por hora de formación a distancia ou teleformación. Non terán a consideración de subcontratación os gastos que teñan cabida nas alíneas a) e b) do presente artigo.

e.4) Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20% do importe da subvención e este importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

– Que o contrato en que se concrete a subcontratación se subscriba por escrito. Deberá achegarse a copia do contrato xunto coa solicitude.

– Que a subscrición de dito contrato se autorice previamente mediante resolución do órgano competente para a concesión da subvención.

e.5) Ademais do previsto no punto anterior, o órgano competente para a concesión da subvención tamén deberá autorizar expresamente e con carácter previo a subcontratación cando a entidade beneficiaria pretenda contratar con personas ou entidades vinculadas sempre e cando a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado nos seguintes termos:

– A actuación contratada deberá formar parte da actividade habitual da entidade vinculada coa cal se pretenda contratar e esta deberá contar coa capacidade e experiencia necesarias para desenvolver o proxecto, o que se fará constar na solicitude.

– O prezo de mercado acreditarase mediante a presentación de tres ofertas, dúas das cales serán con persoas ou entidades non vinculadas.

Para estes efectos entenderase por persoas ou entidades vinculadas as indicadas no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e.6) No caso de subcontratación con persoas ou entidades non vinculadas, deberase presentar declaración responsable asinada polo representante legal da entidade beneficiaria que recolla o dito aspecto.

e.7) Nos supostos en que sexa necesaria a autorización previa do órgano concedente, a entidade beneficiaria solicitará a autorización para a subscrición do contrato previamente á súa celebración. A resolución deberá ditarse no prazo de 15 días desde a súa recepción, salvo que se requira a emenda da solicitude ou a presentación de documentación complementaria.

f) Aos gastos de amortización de materiais e equipamentos técnicos necesarios para impartir a formación, co límite do 10 % do custo total final do proxecto.

g) Aos gastos xerais, materiais e técnicos co límite do 35% do custo final do proxecto. Estes gastos inclúen os seguintes:

Gastos de execución de material técnico (guías, documentación para a persoa participante...) e de execución en material de oficina específicos para a execución do programa.

Gastos xerais necesarios para a execución das accións na parte correspondente á dita execución:

• Arrendamento (leasing excluído): edificios, mobiliario, efectos e equipamentos de arrendamento. Cando no expediente de solicitude da subvención a entidade poña á disposición do programa integrado locais e medios materiais propios que se tivesen en conta no momento da valoración da solicitude, en ningún caso se poderán imputar os seus gastos de arrendamento.

• Mantemento (se non está incluído no arrendamento).

• Subministración de enerxía eléctrica, auga, combustible para calefaccións (se non está incluído no arrendamento).

• Gastos de telefonía.

• Gastos de publicidade do programa.

• Limpeza.

• Seguridade e vixilancia.

• As pólizas de seguros para todas as accións do programa, quedando a Consellería de Economía, Emprego e Industria exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

• Gastos de gardaría e/ou atención a persoas dependentes das persoas participantes que lles faciliten a asistencia ás distintas accións do programa.

h) Aos gastos derivados do informe da persoa auditora da conta xustificativa a que se refire o artigo 16. O custo máximo subvencionable por este concepto non poderá superar o importe de 2.500 euros, sempre que se cumplan os requisitos establecidos nos artigos 28, 29 e 30 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e logo de acreditación da realización dos traballos mediante presentación do informe que cumpra os requisitos establecidos nesta orde, presentación de factura e acreditación do seu pagamento efectivo.

Artigo 15. Inicio e período de execución

1. Na resolución de concesión dos programas integrados especificaranse as seguintes datas:

Data de inicio do programa: determinará o comezo do programa e do cómputo do prazo máximo de dous meses para o remate do proceso de selección das persoas participantes, agás autorización de prórroga expresa da persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, cando concorran causas debidamente xustificadas e logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

Prazo de execución: abranguerá 12 meses contados desde a data de inicio establecida no anexo á resolución. Esta data tamén determinará o período computable para os efectos do cálculo das persoas demandantes atendidas no programa integrado para o emprego. No caso da inserción, non se computarán insercións durante os primeiros 15 días da incorporación da persoa demandante ao programa (data da ficha de alta).

2. As instrucións para a posta en marcha dos programas integrados e a correcta liquidación da subvención, así como os modelos en que deberán presentarse necesariamente os certificados esixidos, estarán ao seu dispor na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://ceei.xunta.gal/programas-integrados).

3. No prazo de 10 días hábiles contados desde o remate do proceso de selección das persoas participantes, as entidades beneficiarias deberán remitir a seguinte documentación:

a) Certificado de inicio do programa e solicitude de anticipo da subvención, no modelo que se publica como anexo IV, nos termos establecidos no artigo seguinte, en que conste:

– Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

– A titularidade da conta da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

b) Copia do contrato ou contratos do persoal que realizará as accións.

c) Cronograma das accións do programa.

d) Ficheiro informático coa relación de persoas participantes, ordenada alfabéticamente, segundo modelo que se publicará na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://ceei.xunta.gal/programas-integrados).

e) Fichas de alta asinadas por cada unha das persoas demandantes participantes no programa, no modelo que se publica como anexo III.

f) Cando menos, unha fotografía do cartel informativo e a súa localización, nos termos sinalados no artigo 17.1.

g) Copia das pólizas de seguros para a formación técnica, prácticas ocupacionais ou calquera outra actividade que se leve a cabo coas persoas demandantes dentro do programa integrado, así como o correspondente seguro de responsabilidade civil, que teñan, cando menos, as características e contías previstas no artigo 19, letra f).

h) Anexo IV.bis, un por cada persoa/s que xestiona/n o programa, ata un máximo de 15.

Artigo 16. Xustificación e pagamento

1. A documentación requirida nesta fase xustificativa presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos accedendo á carpeta cidadá a través dos formularios normalizados correspondentes dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Anticipo da subvención. A entidade beneficiaria poderá solicitar un pagamento do 30 % do importe total da subvención, sempre que a devandita cantidade non supere o importe correspondente á anualidade do ano 2020, en concepto de anticipo a conta da xustificación, no prazo e xunto coa documentación establecida no artigo anterior para o inicio das accións.

3. Antes do 31 de marzo de 2021, a entidade beneficiaria presentará a xustificación comprensiva dos gastos realizados ata o 31 de decembro de 2020 a través dunha certificación do órgano competente da entidade beneficiaria que conteña a relación clasificada por tipo de gasto das facturas e dos demais documentos xustificativos, tendo en conta os requisitos e tipos de gasto previstos no artigo 14 “Gastos imputables”. Nesta relación deberá constar un número de orde correlativo, o número de factura ou referencia identificativa do documento, o importe e o concepto de gasto a que se refire, no modelo que se publica como anexo VI.

4. Liquidación final. As entidades beneficiarias terán un prazo máximo de dous meses desde a finalización do programa para a presentación da liquidación final conforme o establecido neste artigo, sen que este prazo poida exceder o 15 de decembro de 2021, no modelo que se publica como anexo VI.

5. Xunto coa solicitude de pagamento da liquidación presentarase a xustificación da subvención a través de conta xustificativa con achega de informe de auditoría, de acordo co regulado no artigo 50 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A documentación que deberá presentarse será a seguinte:

a) Memoria final, segundo o modelo que se publicará na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://ceei.xunta.gal/programas-integrados), onde se faga constar unha descrición do desenvolvemento do programa, a relación de persoas atendidas, especificando as accións realizadas con cada unha delas e a identificación das persoas inseridas no mercado de traballo.

O Servizo de Programas Mixtos verificará o nivel de atención e de inserción efectivo que a entidade beneficiaria certifica de acordo cos termos establecidos na resolución. Se nesa verificación se comproba que a porcentaxe de atención ou inserción laboral é menor do obxectivo previsto no programa, realizará o desconto correspondente, de tal xeito que as cantidades resultantes, segundo corresponda, ben deixarán de ser aboadas ou ben serán reintegradas pola entidade beneficiaria, consonte o disposto no artigo 18 desta orde.

b) Certificación do órgano competente da entidade beneficiaria que conteña a relación global clasificada por tipo de gasto das facturas e demais documentos xustificativos dos gastos realizados, tendo en conta os requisitos e tipos de gasto previstos no artigo 14 “Gastos imputables”. Nesta relación deberá constar un número de orde correlativo, o número de factura ou referencia identificativa do documento, o importe e o concepto de gasto a que se refire e incluirá todos os gastos realizados desde o principio do programa engadindo os gastos realizados en 2021 como continuación dos que figuran na relación prevista na epígrafe dous anterior, no modelo que se publica como anexo VI. No caso dos gastos de persoal, a relación incluirá o nome da persoa traballadora e a porcentaxe de imputación ao programa.

As certificacións presentadas polas entidades beneficiarias deberan axustarse, en todo caso, ao disposto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Acreditación da solicitude dun mínimo de 3 ofertas cando o importe dun gasto exceda as contías establecidas pola normativa reguladora da contratación pública para o contrato menor, de acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

d) Certificado final do órgano competente da entidade beneficiaria dos gastos realizados con cargo á subvención referidos ao período de execución do programa, no modelo que se publicará na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://ceei.xunta.gal/programas-integrados), en que consten declaracións responsables do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes e de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Informe da persoa auditora sobre a conta xustificativa coas especificacións recollidas na presente orde elaborado por unha persoa auditora de contas, elixida libremente polas entidades beneficiarias, de entre as rexistradas como exercentes no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, conforme ao estipulado no artigo 50 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

6. O informe da persoa auditora estenderá o seu contido exclusivamente á xustificación económica do programa integrado de emprego, tendo en conta que se cumpran as normas recollidas para o efecto na presente orde e no manual de instrucións de liquidación económica que se pon á disposición das entidades beneficiarias na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://ceei.xunta.gal/programas-integrados). O informe deberá incorporar a relación global clasificada de facturas e xustificantes que forma parte da xustificación final e, unha vez efectuadas as correspondentes comprobacións, pronunciarse expresamente sobre:

Verificación da existencia de facturas, nóminas, documentos de cotización á Seguridade Social, documentos de ingreso das retencións á conta do IRPF e, cando proceda, outros xustificantes, que soporten cada un dos gastos que consten na dita relación especificando, se for o caso, aqueles gastos que non resulten acreditados ou os defectos que se observen nas ditas facturas ou xustificantes. As facturas deberán estar emitidas á entidade beneficiaria e cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que regula as obrigas de facturación, e deberán estar referidas ao período de execución do programa.

Verificación da existencia de acreditación da realización efectiva dos pagamentos correspondentes a cada un dos gastos respectando os requisitos recollidos no manual de instrucións para a liquidación.

Verificación de que a entidade beneficiaria dispón de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa identificación en conta separada ou epígrafe específica da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións realizadas, para garantir a rastrexabilidade dos pagamentos e o seguimento da pista de auditoría.

Verificación da solicitude dun mínimo de 3 ofertas cando o importe dun gasto exceda as contías establecidas pola normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude para o contrato menor, de acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Verificación de que a porcentaxe de imputación da xornada laboral das persoas traballadoras do programa se corresponde coa recollida na última actualización do anexo IV de “Certificado de inicio do programa e solicitude de anticipo da subvención”.

Verificación de que se contratou a póliza de seguro dos beneficiarios e que a factura se corresponde coas coberturas especificadas na orde de convocatoria.

7. A Consellería de Economía, Emprego e Industria comprobará, a través de técnicas de mostraxe aleatoria cun alcance do 10% das entidades beneficiarias de cada tipoloxía, todos os xustificantes que considere oportunos e que permitan ter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención, e requiriralle á entidade beneficiaria a remisión dos xustificantes de gasto para o efecto. A mostraxe resultante sairá de elexir de entre cada tipoloxía de entidades a metade da mostra de entre o 10% das entidades beneficiarias que xustificaron un maior importe e a outra metade de entre o 90% restante de entidades.

Artigo 17. Publicidade

1. Para os efectos de difusión pública, nos lugares onde se realicen as accións, deberán figurar, de forma visible, carteis informativos, en modelo normalizado establecido e publicado pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral na páxina web institucional da Xunta de Galicia, nos cales constará o financiamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria e do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.

2. Todos os proxectos e produtos que se elaboren con cargo ás subvencións concedidas deberán utilizar axeitadamente as identificacións que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral e, en todo caso, incluír en toda a documentación o logotipo da Xunta de Galicia de acordo co manual de identidade corporativa (http://www.xunta.gal/identidade-corporativa/descarga-do-manual).

Artigo 18. Seguimento das accións

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria realizará comprobacións e verificacións, presenciais e aleatorias co obxecto de avaliar, cuantitativa e cualitativamente, o desenvolvemento das accións previstas na presente orde en calquera das entidades beneficiarias da subvención.

Nas visitas de seguimento por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, as entidades beneficiarias facilitarán o acceso ás instalacións en que se realizan as accións, así como a toda a documentación de carácter técnico, administrativo, informático ou contable que teña relación coa subvención concedida que se lles solicite.

2. Transcorridos nove meses desde a finalización do prazo previsto para a execución dos programas, comprobarase a correspondencia da inserción laboral co acreditado na liquidación da subvención. En caso contrario, exixirase a devolución proporcional da subvención indebidamente percibida de acordo co previsto no artigo seguinte.

Realizada a citada comprobación, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, fará públicos na súa páxina web oficial os datos de inserción das persoas beneficiarias destas subvencións.

Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias. Reintegro da subvención

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención de acordo co previsto nesta orde e nos documentos de instrucións operativas que se porán a disposición das entidades beneficiarias na páxina web institucional da Xunta de Galicia na ligazón http://ceei.xunta.gal/programas-integrados.

b) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas. Neste sentido, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa identificación en conta separada ou epígrafe específica da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións realizadas, para garantir a rastrexabilidade dos pagamentos e o seguimento da pista de auditoría. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) Comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

e) Comunicar á Consellería de Economía, Emprego e Industria e á oficina de emprego correspondente os datos básicos das persoas desempregadas que se incorporan ao programa integrado, así como as baixas e as novas incorporacións a este, de acordo coas instrucións para a posta en marcha dos programas publicadas na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://ceei.xunta.gal/programas-integrados).

f) Asegurar os participantes contra accidentes para todas as accións que se leven a cabo dentro do programa, quedando a Consellería de Economía, Emprego e Industria exonerada de calquera responsabilidade ao respecto mediante a contratación dunha póliza sen franquía que terá, polo menos, a seguinte cobertura:

– Asistencia médica, farmacéutica e hospitalaria para calquera accidente acontecido durante o horario de desenvolvemento das accións do programa, incluíndo o tempo necesario para o desprazamento da persoa participante desde a súa residencia habitual ao lugar de impartición ou desenvolvemento (o desprazamento deberá cubrir calquera medio de locomoción).

– Indemnización mínima de 30.000 euros por falecemento e mínima de 60.000 euros por invalidez permanente, derivadas ambas as dúas situacións dun accidente no lugar onde se realicen as accións do programa.

g) Entregarlles ás persoas usuarias no momento da selección un resumo detallado de todos os aspectos da memoria que as afectan: listaxe das accións que teñen previsto levar a cabo, aspectos innovadores do programa, existencia de medidas de conciliación se as houber, obrigatoriedade da realización de cuestionarios de satisfacción de todas as accións, etc. Este resumo coincidirá co exposto na memoria explicativa e incluirá os datos de contacto tanto da entidade coma do Servizo de Programas Mixtos. Deberá ir asinado pola persoa responsable do programa e ser achegado xunto coa memoria explicativa.

2. O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde, así como a falsidade comprobada en relación cos datos achegados para a súa obtención, orixinará, á vista da natureza e das causas do incumprimento, a perda do dereito ao cobramento ou o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no título II (artigos 32 e seguintes) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do establecido no título IV (artigos 50 e seguintes) da citada lei e no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

3. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os criterios de gradación do desconto ante posibles incumprimentos, que resultarán de aplicación para determinar a cantidade que finalmente deba percibir a entidade beneficiaria ou, de ser o caso, o importe que se deba reintegrar, serán os seguintes:

a) Non acadar a porcentaxe de inserción a que se comprometeu: desconto ou reintegro variable resultante dos cálculos realizados sobre a base da porcentaxe de inserción real.

b) Non levar a cabo as seguintes accións de carácter obrigatorio que figuran no artigo 1:

-1. Información, orientación e asesoramento: 1% do gasto subvencionado.

-2. Formación transversal en novas tecnoloxías e/ou idiomas: 1% do gasto subvencionado.

-3. Técnicas de coaching, intelixencia emocional, e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea: 1% do gasto subvencionado.

-4. Habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista: 1% do gasto subvencionado.

-5. Fomento da capacidade emprendedora: 1% do gasto subvencionado.

-6. Prospección empresarial: 1% do gasto subvencionado.

-7. Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes: 1% do gasto subvencionado.

-8. Oferta formativa para o emprego, que deberá ser como mínimo de 300 horas: 2% do gasto subvencionado.

-9. Prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, preferentemente, co contido teórico práctico das accións formativas: 2% do gasto subvencionado.

-10. Mobilidade laboral: 1% do gasto subvencionado.

c) Impedir ou obstaculizar as actuacións de comprobación da Consellería de Economía, Emprego e Industria ou outros órganos de control debidamente autorizados: 100% do gasto subvencionado.

d) Incumprimento da realización dos cuestionarios de avaliación das accións cando se fixese constar na memoria: 10% do gasto subvencionado.

e) Inexistencia da descrición dos perfís profesionais das persoas demandantes cando se fixese constar na memoria : 5% do gasto subvencionado.

f) Inexistencia do deseño do itinerario de inserción laboral cando se fixese constar na memoria: 5% do gasto subvencionado.

g) Inexistencia de aplicación informática de seguimento en que consten todas as actuacións que se fagan coas persoas usuarias ao longo do programa, cando se fixese constar na memoria: 10% do gasto subvencionado.

h) Inexistencia dos sistemas de avaliación da calidade cando se fixese constar na memoria: 5% do gasto subvencionado.

i) Incumprimento das medidas de conciliación da vida familiar e laboral cando estivese recollido expresamente na memoria e no documento entregado ás persoas usuarias do programa: 5% do gasto subvencionado.

j) Non empregar as novas tecnoloxías e/ou non desenvolver un proxecto innovador cando estivese expresamente recollido na memoria: 5% do gasto subvencionado.

k) Non impartir formación acreditable con certificados de profesionalidade cando non houbese impedimento para levala a cabo e estivese recollida expresamente na memoria: 5% do gasto subvencionado.

l) Non empregar a lingua galega na realización das accións cando existise declaración do representante legal con ese compromiso: 1% do gasto subvencionado.

m) Incumprimento da obriga de presentación de documentación esixida no artigo 16: no caso de que non se presente ningunha documentación, procederá o reintegro do 100% sobre o gasto subvencionado, e no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que se deberá reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.

n) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 17: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

ñ) Incumprimento dalgunha das obrigas previstas nas letras c), d), e) e g) do parágrafo primeiro deste artigo: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado, en cada caso.

4. Cando, transcorrido o prazo de xustificación, esta non se efectuase ou a xustificación resultase insuficiente, acordarase o reintegro da subvención polo importe non xustificado logo do requirimento establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se procede.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para conceder, autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para exixir da entidade beneficiaria o reintegro da subvención, cando aprecie a existencia dalgún dos supostos de reintegro de cantidades percibidas establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, ou, na súa falta, de conformidade co disposto no decreto de estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional segunda. Remisión normativa

En todo o non previsto na presente disposición serán de aplicación a Orde TAS/2643/2003 do 18 de setembro, a Orde TAS 816/2005, do 21 de marzo, pola que se adecúan ao réxime xurídico establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, as normas reguladoras de subvencións que conceda o Servizo Público de Emprego Estatal nos ámbitos do emprego e de formación profesional ocupacional, así como o establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición adicional terceira. Información básica sobre protección de datos persoais.

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Conselleria de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file